Decepción (campaña Banco de España)
Hoxe celebrábase o último pleno municipal en Ourense antes das eleccións. Estaba previsto que os tres partidos representados (PPG, BNG, PSdG-PSOE) aprobasen por asentimento unha declaración institucional de apoio ó uso cultural para o edificio do Banco de España, declaración que deixaría o tema en boa medida endereitado ata despois do 27 de maio.
Por motivos de traballo non puiden asistir ó pleno, pero contáronme por tf. que todo foi un desastre. O alcalde leu a declaración (que tiñan os tres grupos) e amosou o seu acordo, igual que fixo o representante nacionalista. E o terceiro descolgouse, creo que aducindo motivos de formas.
Que pasa neste país? Non se pode facer nada con xeito? Só pensamos no partidismo e no sectarismo, no curto prazo e na política de galiñeiro?
Neste momento só teño unha palabra na cabeza: a miña máis fonda decepción. Mesmo entendo que moitos cidadáns o pensen dúas veces antes de ir votar: só se sementa frustración e logo pasa o que pasa ...
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 6 días
55 comentarios:
Laméntoo polos ourensáns.
Desde logo, o nivel, capacidade e sensibilidade dos seus políticos municipais deixan moito que desexar.
Nin sequera para un asunto no que había un certo consenso son capaces de chegar a un acordo. Está claro que este Ourense é un curral de vacas.
Laméntoo moito, amigo Marcos, pero neste país, como ti ben apuntas, algúns politiquillos de tres al cuarto apenas saben onde teñen a casa na que viven. É unha desgraza pero éche o que hai. Non me sorprende tampouco que os que enchen a boca facendo alardes de progresismo á hora da verdade actúen como fachas dun tempo decimonónico. Pero non só en Ourense. Ti mesmo puideches ver recentemente en persoa o caso de Fisterra, no que os que van de abandeirados da esquerda democrática deciden, co silencio máis covarde, boicotear uns actos en memoria dunha vítima do franquismo. Así que nada, compañeiro, ánimo e adiante, que o teu exemplo diario fai máis que todas as bandeiras izadas en nome de supostas e falseadas ideas democráticas.
Modesto Fraga
Polo que se conta no post, neste caso sería inxustiza botarlle a culpa a toda a corporación de Ourense da falta de acordo. Un leu o acordado, outro sumouse ao acordo e foi un terceiro o que se "descolgou" (usando a palabra que Marcos emprega). Neste caso o responsable está claro, non é cuestión de difuminar responsabilidades ou partillalas con quen non corresponde. Digo eu que a vaquiña polo que vale, ¿non?
Cando pasei o outro día por Ourense camiño de Asturies, escoitei pola radio un debate en Radio Voz sobre o asunto. Deume a impresión de que non estaba nada claro o tema. E se hai dúbidas tan evidentes e o panorama electoral non permite racionalidade algunha, pois é normal que os políticos (esa cousa xa por natureza irracional) reaccionen deste xeito.
Por certo, era Monxardín o que falaba?
O que se "descolgou" foi Francisco Rodríguez, o do PSOE, non?
Pois vaia tipo. A súa limitada estatura non é só física, senón tamén política, o que é realmente preocupante.
Non sei se era Monxardín, Arume, non mo comentou: el mesmo pode aclaralo aquí.
Os políticos xa sabemos que reaccionan como reaccionan e case sempre cun moi curto prazo de miras. Pero non semella moi ético soltar bonitas palabras (na entrevista previa, p.ex.) e logo vir con ese trasacordo, por intereses partidarios (non darlle un triunfo ó alcalde, Poli, por consensuar a declaración) ou porque así o mandan en Madrid. Iso xenera desencanto, sen dúbida: non sei se iso afectará ós posibles votantes do sr. Paco Rodríguez.
Si foi tal e como contades non deberíamos de trasladar a todos os fallos dun solo partido
En calquera caso o comportamento do Sr Rodriguez e coherente coa súa falta de personalidade e de peso no seu partido, co seu desprezo pola cultura e a súa falta de capacidade e iniciativa política (sóame que disto xa se falou neste blog) Penso que nunhas municipais non se pode un agochar tralas siglas estas non valen nestas eleccións, e este homiño, unha vez mais, mostrou o pouco que pode dar de si; esperemos que non o teñamos que sufrir na alcaldía, faría bo a Baltar
Os políticos, de todos os signos, xa non se lles cae a cara de vergoña ó falar de si mesmos en termos eloxiosos. Para mostra un botón: "Santiago Domínguez fixo balance dos vinte meses en que estivo á fronte da Dirección Xeral, dos que dixo sentirse "moi satisfeito polo traballo honesto, sincero e honrado, e coa conciencia tranquila". ¡Pois se el o di non o imos contradicir!
Xa estamos afeitos a que nas campañas electorais "todo vale".
Ante tod non se desanime. Vostede que é corredor (pacientoso) de fondo xa sabe a estas alturas que alguén ten que facer de «lebre» neste país noso tan carolliano, tan lento no que, simplemente, para moverse e chegar a algunha parte hai que correr polo menos o dobre. Solidariedades agarimosas desde a Amaía.
Supoño que non todo estará perdido. En realidade, é posible que nada, porque a declaración ao mellor non garantía nada en concreto.
Eu diría que o 28 de maio (data referencial) haberá que lembrar estes consensos e non deixar que enfríe o asunto.
Isto non volverá doce o amargor experimentado. O caso, con todo, é construír.
Non paredes.
Isto está adquirindo un innecesario tono fúnebre. Tranquilos, que o mundo non se acaba... e a reivindicación do Banco de España tampouco.
Non, non falei eu do tema na radio.
Creo que a "culpa" está repartida a partes desiguais. Nós, pola inxenuidade de crer que a lóxica política ía ser compatible coa lóxica lóxica. Os tres partidos por non teren proposto o tema para o pleno -todos tres tiñan o texto que non quixeron menear. Pero o PSOE principalmente por descolgarse, non sei se por indicación de Madrid, por reflexión propia de temor a que Poly capitalizase algo froito do consenso ou, simplemente porque non lle deu a gana. O BNG tampouco se mollou e índa onte insistía o Alex no tema da Biblioteca Municipal para ese espazo, cousa que daría para falar moito, pois non é lóxico facer unha bilbioteca municipal ex novo -léase, sen fondo ningún de partidta- ao lado -100 metros- da da Deputación cos fondos de EBA, BenchoShey, Benito Alonso, Alberto Vilanova, Matilde Lloria, etc. etc. e preto tamén da do estado -San Francisco, etc.
A razón política ten razóns que a razón non entende.
(Hoxe publiquei isto en La Región)
O BANCO DE ESPAÑA. PUNTO E SEGUIDO.
Onte estiven por primeira vez nun pleno do Concello. Á penas vinte minutos. Ía coa intención de escoitar unha declaración de intencións positiva no sentido de desexaren colectivamente un uso cultural para o Edificio do Banco de España. Así. Sen maís. En xeral. En abstracto. Para máis adiante, perfilaren entre todos –ou sexa entre as instancias competentes no asunto- o uso definitivo e o método para conseguilo. Pero non foi así. Algo fallou, ou en algo fallamos. Cóntolles e valoren.
Nós, ou sexa un grupo de cidadáns que compartíamos a idea de que sería bo dedicar o edificio do Banco de España para un uso cultural relacionado coa arte e a historia da cidade, expuxemos a nosa idea aos tres grupos do Concello, ao Delegado de Cultura e ao Subdelegado de Goberno. Había pareceres comúns: O tema era complicado e difícil, pero non imposible. Nada se podía facer sen a colaboración de todas as instancias interesadas: central, autonómica e municipal. E era bo sacalo do debate electoral e conducilo ao terreo discreto dos acordos. E nese sentido traballamos. O manifesto redactado reformámolo para limar posibles incompatibilidades de criterio como poderían ser alternativas concretas sobre contidos para o edificio, e decidimos deixar isto para un momento posterior, despois das eleccións e xa con máis calma. A nós interesábanos, obviamente, que o Pleno fixera unha declaración de “boas intencións”, porque é bo empezar por boas vontades colectivas e ademais, despois, gañase quen gañase, terían todos amosado xa unha actitude boa ao respecto. Para iso falamos con todos, a todos lles demos os mesmos papeis e todos amosaron ante nós un interese semellante. Estabamos contentos. Viamos que as cousas poderían ir por un bo camiño. As declaracións privadas de vontade de intentalo xuntos por parte de todos os políticos aí estaban, e desde hai máis dun mes tiñan todos o borrador orientativo que lles pasamos pero non o incluíron na orde do Día de onte –podía telo proposto calquera-, e isto serviu como escusa para que o PSOE rexeitase entrar no tema. ¿Problema procedemental? Máis parece orientación para non pillarse co asunto. Na explicación do voceiro do PSOE falábase de que era un tema moi serio e importante e que debía encarar con liberdade o alcalde que saíse das próximas eleccións. E como é moi importante, criamos nós, que sería máis fácil co apoio e consenso de todos a través dunha declaración institucional de intencións. Nada mellor que nun último pleno de trámite, sen debate. Tempo habería para facelo. Cunha declaración así, cremos, non sairía gañando ningún grupo político máis que outro, e si a propia cidade ao saber que, de partida, os tres estarían interesados en converter ao Banco de España nunha infraestrutura cultural. Simplemente.
En calquera caso, debemos respectar o xogo e os intereses políticos e prepararnos para seguir falando do tema despois deste punto e seguido que sempre son as eleccións.
A. Vázquez-Monxardín Fdz
Teño unha dúbida que comprendo que non nos resolva aquí, señor Monxardín. E é esta: así as cousas, a quen votará vostede nas municipais en Ourense?
A quen vostede me diga, por suposto, Sr. APC
Ponme nun compromiso...
Pois nada, nada. Guíeme que estou ás escuras.
Pois acenda o candil, marica chus chus!
Vendo esto ¿que opinas do novo partido da cidade "Democracia orensana"? eu estou pensando en votarlles despois de pasar pola web e ver o que pensan e tal, antes estaba tan desanimada cas eleccion, o final todos son o mesmo e en Ourense parece que mais ainda que noutros lugares, non hai oposicion real por parte de ninguen.
Despois de cotexar sistematicamente durante moitas horas os programas de todos os partidos; despois de avaliar a capacitación, honradez, seriedade e intelixencia de todos e cada un dos candidatos (do primeiro ao último reserva) das listas que concurren aos comicios locais; e despois de facer un seguimento diario da pre-campaña e das declaracións mediáticas dos líderes e membros de todas as candidaturas; cheguei a unha conclusión taxativa e indiscutible: "Democracia Orensana" é a mellor opción. Vamos, que non hai color!
Teño que falar urxentemente co Monxardín...
A nós o Jácome tennos deixado gratis megafonía para os rapaces do insti faceren o seu festival...
E quen é ese Jácome?
Perdón por colarme na vosa conversa pero...¿Realmente é imprescindible votar a alguén? ¿Realmente con este "seguidismo" estamos construíndo un mapa político intelixente? ¿Estamos así fornecendo á sociedade civil, e ás institucións, duns gobernantes capaces de dar cumpridas respostas as nosas demandas e as necesidades de desenvolvemento que se precisan? ¿Que sentido ten entregar responsabilidades sobre destinos colectivos a persoas incapaces de desenvolver condutas polo menos tan capaces como as que se desenvolven noutros ámbitos da sociedade? ¿Ten sentido votar a alguén simplemente porque é o candidato de determinado partido ou porque pensamos que os outros posibles serían aínda peores?
¿Que parte de culpa temos todos nos, mantendo este xeito tan irreflexivo de votar, da "lixeireza" con que fan as listas as organizacións políticas, derivando esta, a súa vez, nunha actividade política pouco intelixente, curtoplacista, convencionalmente repetitiva e incapaz de xerar implicación, ilusión, innovación, cooperación e novos camiños?
Tal vez, a mellor forma de defender a nosa "dignidade" individual como cidadáns e colectiva como sociedade civil sería ser consecuentes e non votar cando entendamos que ningunha lista ten suficiente para asumir responsabilidades do goberno ó que aspira (e non deixar isto tan solo en reflexións noveladas)..Ou tal vez non..quen sabe que é eso da capacidade....
Sr. Descrido.
Ten razón...
Pero o malo é que tamén ten razón o Sr. APC cando di que o único que "racha" son os de Democracia Orensana, co seu ideólogo o Manolo do Forum á cabeza...
Pero non lle falta tampouco aos que din que os cestos se fan cos xuncos que se teñen a man e que amosan vontade de participación dentro dun proxecto global, como son os do PP, PSOE e BNG...
La noche me confunde... dicía Dinio...
Exercendo oficio de pai, estiven onte pola tarde en Ourense. Logo de acabar no Pavillón dos Remedios houbo tempo para un xeado na Ibense e puiden por fin achegarme ata o edificio cuxos contornos e capacidade non lembraba. E vino, encaixonado entre moles, diante o rótulo anunciando o propósito do Ministerio de Economía e Facenda, nada que ver con destino museístico.
Valoro cousas pasadas: por envergadura, non me parece excesivo para o centro dedicado a "Nós" que eu suxerira no seu día; sendo, porén, cousa de ourensáns decidir -se a institución pública titular llelo outorga- dou por bos os seus propósitos e continúo suxerindo constancia para despois do 28.
Visto o visto, supoño que o Francisco Rodríguez que quere ser Alcalde debeu actuar non por desmarque do Poli senón por suxestión madrileña (destino preestablecido e, para os poderes operantes, ao mellor non modificable). Seguramente, para ser A dunha cidade convén manter máis firmeza e compromiso do que vostedes transmiten en relación co FR.
Así e todo, se hai un consenso expreso hai tamén base para evocalo no seu día. E non queda lonxe, se vostedes queren.
Alégrome que o amigo Descrido pase por aquí. Botábanse de menos as súas disquisicións sempre cuestionadoras de tantas cousas (encántame ese termo, tan seu, de "curtopracista").
Non votar?
Votar en branco?
Votar nulo?
Votar ácrata poñendo un texto propio no lugar da papeleta?
Votar co nariz tapado ao menos malo?
Votar orgulloso das siglas que se votan?
Deixarse caciquear o voto a cambio de algo?
Votar tecnocraticamente en función só da suposta "calidade" dos candidatos?
Votar para botalos (aos que xa están)?
Votar dando botes?
Votar...?
Velaí a cuestión, que diría o príncipe de Dinamarca.
Non teño nin idea da política ourensá. Pero eso de que Madrid (esa metáfora insoportable para alguén coma mín que gusta daquel "poblachón manchego") manda, a mín sóame a partido mil veces perdido por culpa do campo enlamado, das botas que mancaban, ou do balón que bota mal. Razóns sólidas, por suposto, pero que agochan sempre o mal equipo que chegamos a ser. Sería conveniente que, por estratexia, esquezamos o factor Madrid (intercambiable polo de Santiago) para gañar os partidos.
Hame desculpar, Arume, a pobreza dos meus argumentos: encóntrome con poucas ganas de discutir.
A sinécdoque "Madrid" é expresión cargada de sentido que non penso renunciar a utilizar. É obvio que o noso equipo non é bo, nunca foi; e eu non son partidario do pranto ou melancolía como exercicio político. Pero o poder -o fetén, o auténtico, l'autèntica pela- radica aínda onde radica e non penso que aludir a el sexa valerse de subterfuxio.
Por outra banda, pido comprensión contextual: o titular do edificio (Ministerio de Economía y Hacienda) radica onde radica e aí aludía eu.
Releo o devandito e entendo que o ton pode aparentar desabrido; a hipótese, reforzada se cadra por certo malentendido aínda recente, obrígame a demandar desculpa de novo.
O certo é que o respecto aos contertulios é o de sempre, non así a disposición persoal. Talvez un deba ausentarse mentres iso dure, pero a palabra escrita non é papel ao aire.
Benquerido a.p.-c., síntete observado permanentemente (xa que paso por aquí con moita frecuencia e sigo os debates con moita ledicia) pero os anos fan que un afonde, ademais de na súa condición de escéptico feliz e sempre ilusionado (si se pode dicir así), no voyeurismo...
O de curtoprazo e que penso que reflexa moi ben as actitudes políticas comúns e politicamente correctas da actualidade mataron as ideas (porque simplemente eran incapaces de aportar ningunha), logo as estratexias a medio e largo prazo (xa que non era preciso ter gato para matar ratos....) e quedou todo nunha promoción de ventas (3x2, regalo directo de cheques, sorteo de postos...); o que é sempre un erro para as posturas socialdemocratas xa que en share e en promoción sempre gañan os Berlusconis....
Cando se sementa frustración pasa o que pasa: gaña o poder constituído. Neste caso, "Cabezas 2" e o señor Baltar
VELAÍ O TEXTO DA MOCIÓN QUE SE REXISTROU NO CONCELLO PARA SER APROBADA POR CONSENSO:
XXXXXXX
no seu nome, e no da Comisión Banco de España para Uso Cultural, desta cidade
EXPOÑEN:
Que desde hai uns meses se vén reunindo un grupo de cidadáns, baixo a denominación de Comisión Banco de España para Uso Cultural, coa pretensión de sensibilizar á poboación e ás autoridades políticas de todas as administracións sobre a conveniencia de destinar o edificio do Banco de España para algún fin cultural que debería ser definido no seu momento entre as instancias competentes e interesadas.
Que sempre entenderon e entenden desde a Comisión Banco de España para Uso Cultural, que dada a complexidade do tema –busca de localización alternativa para o Catastro, redefinición do nivel de protección do edificio, desenvolvemento dun proxecto cultural para o mesmo, etc.- sería ideal actuar desde o máximo acordo político entre os representantes dos cidadáns de Ourense
e por iso
SOLICITAN
Do Pleno do Concello de Ourense, unha declaración positiva neste sentido, de acordo, por exemplo, coa proposta que se adxunta.
EN FAVOR DO USO CULTURAL E CIDADÁN PARA O EDIFICIO DO BANCO DE ESPAÑA EN OURENSE
Os grupos municipais presentes no concello de Ourense expresan o seu desexo de que no futuro as antigas instalacións do Banco de España sitas na Rúa do Paseo de Ourense estean destinadas a un uso cultural en función das necesidades da cidade, de acordo coas seguintes consideracións:
1) Cremos que estamos a tempo de redefinir un uso alternativo para o edificio do Banco de España. A adxudicación feita para Oficinas de Catastro e Delegación de Economía é manifestamente mellorable en canto a rendibilidade social e uso público do espazo. Para unha importante oficina administrativa deste estilo, de ámbito provincial, a localización neste recuncho central da cidade non ten claramente, as vantaxes que tería para un espazo cultural con vocación de servizo universal e apertura activa a cidadáns e visitantes.
2) Valoramos o esforzo que está a realizar a Administración do Estado en Ourense en infraestruturas culturais (Biblioteca e Arquivo Histórico en San Francisco) e Museo Arqueolóxico na Praza Maior, pero cremos este esforzo positivo non debe impedir que vexamos como posible e viable unha mellor reasignación do edificio do Banco de España e definición dun novo proxecto.
3) Sabemos que Ourense ten un déficit de espazos permanentes de cultura e queremos axudar a corrixilo. Unha cidade que presumiu sempre da súa historia, os seus artistas e escritores non ten, porén, un lugar que sirva de punto de encontro para o seu recoñecemento. Queremos que o edifico do Banco de España sirva a este fin.
4) Para o bo fin desta iniciativa habería que contar cun esforzo confluente por parte das diversas administracións –municipal, provincial, autonómica e central- que, sen dúbida, serviría como dinamizador sinérxico de potencialidades expositivas de artistas vivos, de coleccionistas particulares e dos herdeiros e propietarios de coleccións singulares relacionadas coa historia e arte da cidade.
5) As cuestións técnicas -compensación a SEGIPSA polo edificio e alternativas de localización para o Catastro, cambio de nivel de protección da construción, titularidade resultante do edificio, fórmula administrativa da colaboración consorciada entre as institucións, niveis de achega de cada unha no proceso de restauración e organización do Centro, redefinición do proxecto de intervención arquitectónica, definición do proxecto cultural concreto, etc.- son cuestións claves nas que o Concello deberá traballar intensamente con especialistas das administracións autonómica e central, pois cremos que todas elas son cuestións resolubles coa vontade política das institucións, cuxa confluencia precisamos para a conformación definitiva deste espazo cultural no centro da cidade.
Parece razoable e con clara vontade clara de consenso. Se procedese e valese para algo, conten co meu apoio.
Amigo González: sursum corda.
Volvendo ao das matáforas, as sinécdoques e a política, cómpre sinalar que -en moi grande medida- a política moderna está constituida por metáforas, sinécdoques e demais figuras que configuran os imaxinarios e as mobilizacións sociopolíticas.
Que outra cousa son -a fin de contas- a Patria, a Nación, o Proletariado, a Cidadanía, a Muller, o Medio Ambiente, o Interese Nacional, ...?
Lamento moito que o candidato socialista á alcaldía de Ourense actuase con tanta estreitez de miras neste asunto da declaración plenaria sobre o Banco de España. En "El País" dicían algo así como que andaba el xa facendo xestións. Tanto ten. Seguramente os outros candidatos tamén as estarán facendo. É un comportamento inapropiado e, efectivamente, "curtopracista", que pon os presuntos intereses do candidato socialista (digo o de "presuntos" porque non lle arrendo a ganacia) por riba dos intereses xerais da cidadanía. Mal feito, señor Rodríguez, mal feito. E dillo este camándula do Leituga 1, que como todo o mundo sabe, simpatiza sen reservas co Partido Socialista.
En efecto, non parece un caso de curtopracismo porque non aparenta popular nin electoralmente rendible; e iso pouco despois de Touriño anunciar con grande rebumbio a eliminación de peaxes, medida de ben distinto alcance en termos de recolecta.
Xustamente por todo iso, seguro que ben notorio para o FR, é lóxico avaliar con preocupación cal será a posición partidaria do PSOE con respecto ao edificio; a esta altura, ou ben grande torpeza houbo ou o candidato seica a estaría transmitindo. Sexa ou que for, insisto en que o consenso acadado parece dar lugar á continuación da campaña, en prazo postelectoral e con certa expectativa.
Quede no que quede, como exercicio socialmente didáctico -tan característico daquela alegada Atenas nacional- xa debeu pagar a pena.
O Sr. leituga1 apunta, como tantas outras veces, na dirección correcta. A impresión que da é que estamos ante un caso típico no que alguén pensa que non poñendo dificultades a institucións, entidades... "amigas", o valorarán mais e será mais apreciado (o que sería, por certo, un enorme erro e reflectiría un fondo descoñecemento do funcionamento das dinámicas deste tipo) e que, o que se gaña en aprecio persoal (dos ¿superiores?), compensa os votantes que poda perder pola decisión dócil. De ser así, sería polo tanto un acto miope dende unha postura curtopracista persoal....
No que se refire ó custo político, de ter algún, penso que será moi , moi, moi pequeno..... Simplemente deixaría ver unha forma de entender a política e unha forma de ser; si dende o principio esa opción política falara claro e dixera que eles propoñen montar non sei...un centro ludico-social ou un cabaré (ou calquera cousa mais razoable que almacenar papeis ou o que digan dende a rúa Alcalá) por exemplo, eu non tería nada que obxectar; o que molesta e a sensación de que se tomou á xente por parva (coas nosas experiencias mais recentes....) e que se tratara de enganar á xente para gañar tempo (como os Sres Aznar-Acebes). Si esta é a forma de entender a actividade política (como os outros enganan eu minto, como os outros daban cheques eu dou cheques, como os outros colocan os amigos nas empresas que prestan servizos públicos eu tamén o fago...) a min non me interesa... e votarei a alguén que entenda a actividade política e de goberno de outro xeito, e se non o hai..non Voto...
En calquera caso eu penso que deberíamos deixar/¿pedir? que o Sr. Rodríguez se explique .... Pode que os aires da Casa de Cimadevila lle inspiren..
Un amigo meu ourensán comunicoume hoxe á mañá que non pensa votar ao PSOE, xustamente por análogos motivos aos que tan ben expresa o sr. Descrido. Con quen, por outra banda, estou de acordo na análise que fai do talante servil e curtoprazista do sr. Rodríguez, Francisco.
Non sei se perderá moitos votos -que non creo-, pero o do meu amigo perdeuno. Votará Álex, non con moito ánimo, pero votarao, que é o que realmente conta.
Non sei se o primitivo apoio do FR á causa do museo foi do dominio público se só comunicado en privado, ou contacto de publicidade limitada, aos autores da proposta. Se o segundo, a estimación de danos pode ser tranquilizadora; e o curtopracismo segundo o aquí enunciado cousa que levaría unha certa lóxica político-electoral. Se o primeiro, pode aparentar escaso coñecemento da mercadoría ou falta de persoalidade e consistencia política.
Que conste: os avatares do PSOE ourensán desde -como mínimo- o 2003 dan para avalar a segunda tese; porén, non desbotemos que a lóxica partidaria (coa servidume que trae a gobernación central e o habitual comportamento do PSOE en Galicia ao respecto) lle impuxese ao "alcaldable" a liña seguida. Esta interpretación non lle faría, con todo, moito favor: probablemente o candidato a unha alcaldía de vinte e sete concelleiros debería lucir outro peso específico.
Non obstante... será realmente de moito relevo social a reivindicación do espazo museístico? Non seguirá habendo, na presunta Atenas, aínda ben parciais ou sosias do Don Celidonio?
Porque, de ser a cousa así, o noso tiro cultureta andaría desenfocado. E o tal Francisco Rodríguez igual coñece o panorama mellor ca todos. O comportamento seguiría sen ser bonito; pero a candidatura sairía -case- incólume.
P.D.: Uso as expresións "mercadoría" e "cultureta" presumindo que somos todos maiores de dezaoito. Non querería eu ferir sensibilidades afortunadamente tenras.
Un compañeiro ourensán e votante do PSOE, indicoume o mesmo a min fai meses, dicindo que dende que o PSOE anunciou o seu candidato el xa tiña claro que ou votaba ó Bloque ou se abstería.
Si os resultados dos PSdG-PSOE son os que parece que serán o día 27 en Auria, espero que sexa quen de recapacitar e refundarse, de novo e van xa algunhas veces, buscando outra xente de fora do partido, senón acabará incluso perdendo o único deputado que ten, xa perdeu outro fai anos ¿Cando reaccionarán o seus lideres en Santiago e Madrid? ¿Ou é que alguén busca a propósito malos resultados en Ourense? Compre lembra que xa foi a provincia Galega onde o PP obtivo mellores resultados nas pasadas autonómicas.
Teño escoitado, e supoño que será certo, que nunhas eleccións muicipais pasadas, cando perdeu Veiga Pombo, unha parte do partido socialista estaba citada nun restaurante de Ourense, o propio día electoral, para festexar o fracaso (que se anunciaba) de Veiga. Quizais sexa só unha lenda urbana, pero reflicte unha imaxe do que foi o psoe ourensán durante moito tempo nesta cidade...
Teño entendido que o actual candidato do PSOE (Sr. do FRA) era un dos que estaría, de existir esa cea, na mesma.
O que di o amigo Descrido atamén se podería aplicar a nós.
"A impresión que da é que estamos ante un caso típico no que alguén pensa que non poñendo dificultades a institucións, entidades... "amigas", o valorarán mais e será mais apreciado (o que sería, por certo, un enorme erro e reflectiría un fondo descoñecemento do funcionamento das dinámicas deste tipo)...
Así, nós pensamos que traballando "limpamente" e sen reviravoltas, coas cartas cara arriba, coa intención anxélica de unir vontades, etc. poderían ter máis en conta a nosa opinión... E un nabo! Se cadra, se tivésemos convocado actos, pancartas, sinaturas, etc. na Rúa do Paseo, poderían ter un chico máis de ollo.
Pero non é o noso estilo. Hoxe.
Monxardín:
¡A las barricadas!
Home, meu anónimo, non lle é para iso... pero se cadra algo inxenuos fomos.
Barricadas non, pero algo haberá que facer. Con amabilidade. Firmeza. Neso andamos. Saude. Xa se enteirarán vostedes.
Home, meu anónimo, non lle é para iso... pero se cadra algo inxenuos fomos.
Barricadas non, pero algo haberá que facer. Con amabilidade. Firmeza. Neso andamos. Saude. Xa se enteirarán vostedes.
Por certo, ¿esta tarde? hai un debate dos tres candidatos á alcaldía de Ourense (paréceme que é no Edificio Simeón) non sei si deixaran facer preguntas...pero que non sería mal lugar para preguntar polo tema do Edificio do Banco de España, directamente (si deixaran) , ou suxeríndolle a pregunta ó moderador do debate (podería facelo alguén nos minutos previos o inicio) (eu non podo ir)
1º.- SON CHAMATIVOS COMENTARIOS REITERADOS NESTE BLOG ACERCA DAS INTENCIÓNS DO PSOE E DE FRANCISCO RODRÍGUEZ SOBRE O DESTINO DO BANCO DE ESPAÑA. CHAMATIVOS DADO QUE FRANCISCO RODRÍGUEZ FOI O ÚNICO DOS CANDIDATOS QUE MÁIS ALÁ DE MERAS DECLARACIÓNS TRASLADÓU DIRECTAMENTE A DEMANDA DOS COLECTIVOS CULTURÁIS Ó ACTUAL PROPIETARIO DO EDIFICIO DO BANCO DE ESPAÑA, O ÚNICO QUE FOI MAÍS ALÁ DE MERAS DECLARACIÓNS. ASÍ REPETÍMOLO EN NUMEROSOS FOROS, PERO PARECE QUE INTENTASE TRASMITIR O CONTRARIO.
REPRODUCIMOS AQUÍ A REUNIÓN MANTIDA TAL E COMO APARECÉU, POR EXEMPLO, NA VOZ DE GALICIA DE 18 DE MARZO: "Paco Rodríguez plantea en Madrid alternativas para el Banco de España
18/03/2007 | Ourense
El candidato del PSOE asegura que pedirá a Economía que el edificio pase a usos municipales
El portavoz del PSOE en el Concello de Ourense, y candidato a la alcaldía de la capital, Francisco Rodríguez, ha tenido en cuenta las nuevas propuestas surgidas en torno al futuro del edificio del Banco de España y ha viajado a Madrid para interesarse sobre la posibilidad de que el Ministerio de Economía ceda su uso.
El socialista se reunió con la subsecretaria del ministerio, Juana Lázaro, a la que trasladó el interés surgido en algunos ciudadanos que han propuesto darle un carácter cultural al inmueble para el que, en estos momentos, ya existe un proyecto...."
2º.- CANTO O DERRADEIRO PLENO: OS TRES GRUPOS MUNICIPÁIS DÍAS ANTES DO PLENO ACORDARON NON LEVAR DEBATE NIN MOCIÓN. POIS BEN Ó COMEZAR O PLENO O GOBERNO MUNICPAL DO PP INTRODUXO UN TEXTO DECLARATIVO SOBRE TRES ASUNTOS INTENCIONADAMENTE MESTURADOS COMO SON O DESTINO DO BANCO DE ESPAÑA, O TEXTIL E UN DE MOITO CALADO COMO É A MODIFICACIÓN DO TRAZADO DA AUTOVÍA EN CUDEIRO. NON SO Ó MALESTAR DO PSOE E DE FRANCISCO RODRÍGUEZ DEBEUSE ENTÓN A UNHA CUESTIÓN DE PROCEDEMENTO, QUE O É, SENÓN DE MESTURAR ASUNTOS COMO UNHA AUTOVÍA E UN USO CULTURAL E QUE REQUIREN COMO MÍNIMO O DEBATE.
3º.- Ó PP NON SE MOLESTÓU NESTES 12 ANOS CON ACADAR O BANCO DE ESPAÑA PARA UN USO CULTURAL MUNICIPAL, E CHAMATIVO QUE APROVEITE DISIMULAR ESTA DEIXADEZ NUN PLENO MUNICIPAL; É O ÚNICO CANDIDATO E O UNICO PARTIDO QUE ACTUÓU FOI O PSOE-FRANCISCO RODRÍGUEZ: ENTENDEMOS QUE ALGÚNHAS DECLARACIÓNS NESTE BLOG SON FROITO DESTE ESQUECEMENTO, QUE COIDAMOS MUDEN LOGO DE REPETIR UNHA VEZ MÁIS ESTA EXPLICACIÓN.
As intencións do candidato do PSOE parecen moi vagas: "usos municipales", "carácter cultural", "ya existe un proyecto".
Por outra banda, dá a impresión de que se nos quere vender a idea de que só o candidato do PSOE ten "fío directo" con "Economía"
En contestación as aclaracións solicitadas:
O inmoble do Banco de España vendeuse no ano 2003 ó Ministerio de Economía e Facenda; lembremos: ano no que o partido popular gobernaba con maioría absoluta en Madrid, Santiago, Ourense e porsuposto a Deputación, e non mostraron nin fixeron absolutamente nada.
A día de hoxe evidentemente o seu propietario proxectóu no mesmo instalar a Delegación Provincial do Ministerio de Economía e Facienda, que inclúe ó catastro.
Durante o ano 2006, debido as inquedanzas xurdidas afortunadamente en distintos ámbitos culturáis da cidade, que o Partido socialista recibe con agrado e móstrase disposto a canalizar, Francisco Rodríguez diríxise ós máximos responsables do Ministerio (Juana Lázaro Subsecretaria de Economía y Hacienda), tal e como se reproduce nos medios no derradeiro mes de marzo. Transmítese polo tanto na xuntanza a vontade expresada de integrar esta peza no futuro cultural da cidade e plantéxase unha futura negociación.
O Ministerio é receptivo á petición do Psoe de Ourense, para o que haberá que lle ofrecer unha contraprestación, en forma dunha parcela ou inmoble, axeitado, onde ubicar os seus servicios.
O Psoe considera factible acadar como e onde canalizar esta posible contrapartida, e dende a responsabilidade polo tanto transmitíuse como vontade de goberno acadar para o Banco de España o destino demandado. Froito da reparación do non feito no momento adecuado.
Un saúdo.
Bueno, despois de pasada a campaña das eleccións municipais, chega o momento para que algúns dos que escribiron neste foro fagan un auto de reflexión despois de tódalas opinións verquidas sobre a persoa de Francisco Rodríguez, o novo alcalde de Ourense. Eu só quero expresar a miña humilde opinión pero sincera. Como persoa penso que non é cuestionable a calidade humana de FR para todos os que o coñecen, se ser humilde, honrado e leal quere dicir non ser un bo político, eu que queredes que vos diga, prefiro un mal político pero unha boa persoa. Dito sexa de paso por unha vez teremos un alcalde en Ourense que por riba dos seus intereses persoais porá os intereses dos cidadáns, cousa á que non estamos acostumados; por ista razón algúns seguen a defender a Cabezas, Poly, Baltar e compañía, que non son bos políticos nin moito menos pero que como persoas deixan moito que desexar, e de intereses mellor non falemos de cales foron...
Por outra banda, o que non quixera votar ó PSOE e a este candidato polo asunto do Banco de España, eu diríalle que primeiro se informara ben de como foi o discorrer do asunto, e cando así o fixera que entón decidira o seu voto.
Non quixera falar de mais, pero agardo que os que sí votamos, os que cremos na palabra do sr. Francisco Rodríguez, non só no tema do Banco de España senón en todos aqueles temas que dirimirán o futuro de Ourense nos próximos catro anos ( e estou segura de que así será ) dentro de non moito tempo estemos a celebrar un novo recinto cultural no edificio do Banco de España para a nosa cidade e outros grandes proxectos que irán vendo a luz. Porque mentras algunha xente só se dedica a cuestionar outros traballan en silencio e loitan sen pedir ningún tipo de agradecemento.
Non dubidedes que o que loita sempre gaña, o que cuestiona verá truncada a súa ambición e intentará subirse ó carro do gañador, pero para el xa será tarde...esa é a realidade.
Van invitar ou non a pinchos na inauguración? Esa é a realidade.
Publicar un comentario