2 jun 2007


Libros galegos: Biblioteca Básica da Cultura Galega

Pan por Pan 2 xuño

Hai 25 anos, 1 de xuño de 1982, presentábase en Trasalba a Biblioteca Básica da Cultura Galega, impulsada por Galaxia e da man de Bieito Ledo. O benquerido Xoaquín Lorenzo estivo naquela presentación que ademais recuperaba en catro volumes o tomo II da súa “Etnografía. Cultura material” na “Historia de Galiza” que dirixira Otero Pedrayo en 1962. Publicáronse naquela colección, co apoio das catro deputacións, 50 tomos cos máis valiosos clásicos das letras galegas (narrativa, poesía, ensaio): chegaron milleiros de libros galegos baratos ás casas. Foi unha moi valiosa iniciativa de difusión da cultura galega, que a min me lembra o que fixo RTVE en 1970 coa colección Biblioteca Básica Salvat.
Dende aquela non houbo ningún esforzo público semellante relacionado co libro e co mesmo apoio institucional: 25 anos despois non estaría mal copiar aquel fermoso proxecto, non cren?

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Non sei ata que punto non considerar "público" o esforzo da bibliotecas galegas -de libro galego e universal en galego- da Voz de Galicia e o feito polo Correo Galego.
Certo que foi desigual, pero tivo moito apoio instituiconal e situou millóns de exemplares en mans da xente.
Aínda así, cumpría facer ese esforzo que di Marcos, e, se cadra, máis alá do formato papel.
Audiolibros... Coleccións de cinema universal en galego -do que ten dobrado a TVG- etc. Hai que pensalo.

Anónimo dijo...

De reeditar a BBCG, aparte de actualizar sería ben cambiarlle o formato. Daquel, podemos dicir que era cómodo, e non é pouco.

Marcos Valcárcel López dijo...

Podería ser unha reedición moi ampliada, p.ex. ata 100 títulos, como tivera a Biblioteca Básica Salvat. E sería un gran servizo ó país.
Etxeokeai cita as iniciativas da Voz e do Correo (tamén houbera outra de Diario 16) pero estas eran privadas e promocionadas polos seus respectivos xornais: eu penso que sería máis positivo algo de carácter público. Habería que buscar unha forma de distribución axeitada e garantir prezos baratos. E a idea dos Audiolibros sería excepcional, aínda que non quita a outra: son compatibles.

Anónimo dijo...

Naquela BBCG moito aprendimos.

Anónimo dijo...

Sr. Valcárcel, xa ten vostede a proposta para o "envido" que se lle fai ao Sr. Baltar, todos os anos, no homenaxe a Blanco Amor no cemiterio de Ourense ademais, agora, seguro que as Deputacións progresistas tampouco poñen ningún problema para asumir a súa parte do gasto e que o proxecto sexa para toda Galicia