Memoria de don Celestino Fernández de la Vega
En homenaxe ó noso amigo lugués (XMG), recupero aquí unha recensión que fixen hai seis anos da biografía que siro López dedicou ó filósofo de Lugo Celestino Fernández de la Vega, do que me acordei nestes días falando sobre escritores e suicidas. (O artigo completo vai en comentarios).
(...) A segunda parte do libro é magnífica porque Siro acerta a darnos un retrato humano desa personalidade complexa que foi Fernández de la Vega, un romántico e filósofo-poeta, filósofo do humorismo tamén, “pero non humorista, tal e como nos ensinou a entender o termo”. Ese retrato non debe quedarse no estereotipo dunhas cantas claves repetidas a menudo: pesimismo, nihibilismo, escepticismo sarcástico, que, con ser reales, quizais reduzan ó personaxe en exceso. Sitúase ó autor moi perto de Luis Pimentel como exemplos do que Heidegger chama “existencia auténtica”, anticipación da morte e, xa que logo, morte ontolóxica, incorporada á vida, vivida a cada instante; nesta liña case nin sorprende a carta, divulgada por Alonso Montero, que Cilistro lle mandou a Unamuno, en marzo de 1935, intuíndo xa o que sería o seu triste final cinco décadas despois: “me asusta la idea de que mi paso en este mundo no quedará otra huella que la escueta noticia de un periódico provinciano que diga, poco más o menos, “ayer aparecía en el Miño el cadáver de Celestino F.de la Vega”.
(...) Siro acerta plenamente ó recrear a este intelectual, lector de Unamuno, Pimentel e Francis Jammes, a pasear polas rúas de Lugo, namorado da súa cidade e sen medo a ser tachado de provinciano: “Pero, ¿no se da cuenta de que Lugo es el crisol del mundo? ¿Quedan en otro sitio esta paz, esta posibilidad de diálogo, esta inquietud y variedad artística?”.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
28 comentarios:
VELAÍ O ARTIGO COMPLETO, por se alguén o quere ler ou gardar:
PÉ DAS BURGAS (OCG, 5 abril 2001)
CELESTINO FERNÁNDEZ DE LA VEGA
Marcos Valcárcel
Da man amiga de Siro López, xenial caricaturista e investigador do humor galego, chéganme dous volumes magníficos: o primeiro, o álbum “Siro 30 anos despois”, unha marabilla que amosa, unha vez máis, que estamos ante un dos grandes nomes, en todos os xéneros da plástica, das artes galegas de hoxe. Pero reservarei este espacio para comentar outro pequeno libro do mesmo autor sobre “Celestino Fernández de la Vega” publicado nunha colección de biografías que edita a Xunta de Galicia. Era este un traballo ben necesario e alégrome que Siro, que tratou ó biografiado, asumise o reto de achegarse ó filósofo lugués, bastante esquecido na nosa historia cultural, agás nos reducidos ámbitos coñecedores da súa valía intelectual. Certo que don Celestino só nos deixou un ensaio en formato de libro: “O segredo do humor”, pero hai que engadir de inmediato ¡qué gran libro!, incluído con toda xustiza como un dos ensaios destacados das nosas letras no volume de “Obras” do “Diccionario da Literatura Galega” de Galaxia. Siro achégase a Celestino, o “Cilistro” de Ramón Piñeiro, cun percorrido polo seu perfil biográfico, a análise da súa complexa personalidade e a posta en relevo do seu labor intelectual. Estamos ante un traballo de alta divulgación, que sabe apoiarse nas fontes escritas e orais e recoller as múltiples testemuñas que sobre o personaxe quedaron entre os seus amigos e admiradores: Siro recolle nestas páxinas desde un certeiro retrato xornalístico de Francisco Pablos ata as opinións meditadas de Ramón Piñeiro, Rof Carballo, Xesús Alonso Montero, Suárez Llanos ou Méndez Ferrín, entre moitos outros. A segunda parte do libro é magnífica porque Siro acerta a darnos un retrato humano desa personalidade complexa que foi Fernández de la Vega, un romántico e filósofo-poeta, filósofo do humorismo tamén, “pero non humorista, tal e como nos ensinou a entender o termo”. Ese retrato non debe quedarse no estereotipo dunhas cantas claves repetidas a menudo: pesimismo, nihibilismo, escepticismo sarcástico, que, con ser reales, quizais reduzan ó personaxe en exceso. Sitúase ó autor moi perto de Luis Pimentel como exemplos do que Heidegger chama “existencia auténtica”, anticipación da morte e, xa que logo, morte ontolóxica, incorporada á vida, vivida a cada instante; nesta liña case nin sorprende a carta, divulgada por Alonso Montero, que Cilistro lle mandou a Unamuno, en marzo de 1935, intuíndo xa o que sería o seu triste final cinco décadas despois: “me asusta la idea de que mi paso en este mundo no quedará otra huella que la escueta noticia de un periódico provinciano que diga, poco más o menos, “ayer aparecía en el Miño el cadáver de Celestino F.de la Vega”. Hai tamén anécdotas –por exemplo, as confidencias dunha monxa de clausura en Lugo coa que mantivo unha forte relación de amizade e complicidade intelectual- que amosan cánto de nobreza, xenerosidade e grandeza de espírito había no filósofo lugués. Na terceira parte, abórdase o papel de Celestino como intelectual, autor de ensaios sobre Braque, Rosalía, Valle-Inclán, a paisaxe e, sobre todo, do seu magno estudio “O segredo do humor” (1963), que Siro López tan ben coñece e xa estudiara en “Castelao humorista” (1996). Na introducción desta biografía recoméndase tamén o espléndido traballo de Carlos Fernández “O pensamento epocal de Celestino Fernández de la Vega”, premio Ánxel Fole 1988, que afonda neste aspecto. Siro acerta plenamente ó recrear a este intelectual, lector de Unamuno, Pimentel e Francis Jammes, a pasear polas rúas de Lugo, namorado da súa cidade e sen medo a ser tachado de provinciano: “Pero, ¿no se da cuenta de que Lugo es el crisol del mundo? ¿Quedan en otro sitio esta paz, esta posibilidad de diálogo, esta inquietud y variedad artística?”.
Con Celestino Fernández de la Vega estiven un par de veces, sen dicir nada, e en ocasión pouco ou nada relacionada coas letras: a primeira, por un encontro con certo fillo del e compañeiro meu; a segunda, nunha asemblea do primeiro e lendario Breogán Clube de Baloncesto, do que el era socio, afeccionado e seguidor notorio, eu nada máis ca o último (con quince ou dezaseis anos).
En Lugo era, xaora, figura totalmente singular. Non connotado politicamente (canto ao que me consta) se non era polas amizades; cunha dedicación profisional "de respecto"; sona totalmente merecida de erudito; vida pública e moitas relacións, dito sexa isto coa reserva que esixen as lembranzas dun cincuentón sobre a visión dun rapazolo que era el.
Na vida social e intelectual luguesa, na cultura galega, Celestino dáme a idea de alguén crucial, moito máis ca polo que escribe, polo que derrama con proveito no contorno. Non negaría eu que unha parte do interese de Piñeiro sobre materia filosófica e xermánica non lle viñese nalgún sentido do Cilistro.
Alguén das súas condicións, e na súa situación, ben puido vivir como crisol aquel Lugo apacible, con moito do patrimonio conservado, vistas desde a Muralla sobre o Miño e o impoñente ceo, maiormente chumbo, señoreando tantos momentos. Lugo da color do aceiro.
Amigo González: que fai que non escribe sobre ese seu Lugo o libro que todos estamos agardando, un cartafol anovado?
Ese último párrafo vai excelso e obriga a prolongación e ramificacións varias, tantas coma as ponlas das arbres do parque de Rosalía.
Hai unha moi boa indagación do pensamento de Fernández de la Vega, da súa relación coa filosofía europea, das súas coincidencias e diverxencias con Piñeiro, no libro "O pensamento epocal de Celestino Fernández de la Vega", da autoría de Carlos Fernández (o de Vigo), premio Ánxel Fole de xa non lembro que ano e publicado por Fundación CaixaGalicia.
Para nos os rapaces daquela epoca en Lugo, D.Celestino era un intelectual algo tolo (recoñecíamos a sua valía no parnaso Lugues, con Folo ...etc), pero a impresíon era daquela :"un filosofo medio tolo"-quizá a lembranza en tanta loxania son sea moi acertada.
Teño unha magoa,puden ter o seu libro ,que por certo ya daquela me engaiolou, firmado un día que pasou por Sarria con Camilo Gonsar.
Para XMG e Arume: foi Arume quen me quitou as palabras que aboiaban ó meu pensamento: canto agradeceriamos un traballo de XMG sobre ese Lugo que el tan ben coñeceu dos 60 e 70. Estilo literario non lle falta, acaba de demostralo neste seu comentario e en moitos outros.
Para Leituga: o libro de Carlos Fdez. xa o citaba eu naquel meu artigo, aínda que confeso que nin o teño nin o lin. Terei que facerme con el: é o problema dos libros que saen nas institucións e non nos controlas sempre.
Para Trebi: debe ser unha das poucas firmas que che falta, non? O dos tolos "filósofos" ou arqueólogos érache andazo da época: o mesmiño dicíase aquí dun tal Albendea ou do Ferro Couselo ou mesmo do Xocas, este na súa bonhomia máis próxima ó pobop.
Telegrama:
Ahdírome con entusiasmo novo libro Lugo de X.M. González. Orixinal e singular. Éxito garantido.
(Vai en serio: anímese, amigo González)
Reciba tamén os meus azos, González, se é que de algo lle valen, para ese bonito traballo que aquí lle propoñen.
E Arume que nos faga unha guía cultural de Italia para uso de galegos stendahlianos (viaxeiros e proclives a síndromes raros).
AP-C, pola súa banda, debería facernos unha historia da transición en Galicia (1972-1989). E o señor Valcárcel un libro sobre cine.
E o Señor Leituga 1 un ensaio político-cultural de fuste.
LEITUGA: EU mesmo ousaría darlle un título ó seu ensaio: "O galeguismo e o socialismo. Dos tempos de Ramón Piñeiro e Carlos Casares ata o século XXI". E, co tempo, cando teña lecer e repouso, non estaría mal algún tipo de memorias sobre certas interioridades da política e do poder, que diso debe saber algo, polo que deixa nos seus comentarios. O tema de APC é moi axeitado e seríalle doado, creo eu, dadas as súas capacidades, igual que os xa propostos para Arume e González. E de Monxardín un traballo de fondo sobre "O galego e as linguas no mundo: unha visión en positivo", que de seguro tería interese. O do cine tamén é gorentoso, quen sabe? O tempo dirá.
Ídem de ídem sobre o libro de González. Eu insisto que, ademáis de centrarse nos persoeiros lucenses, nos conte un pouco a vida que se vai perdendo da cidade: as feiras, as festas froilanciás, a gastronomía, os barrios intra e extra-murallas, etc. Que nos retrate ese carácter lucense ou lugués tan afable pero, digamos, cunha certa tendencia a querer sabelo todo da vida dos demáis. (Estou a ver se o provoco un pouco)
Tamén, amigo González, se ve que o libro precisa de abordaxe máis amplo, pode, en troques, enviar semanalmente (pero coma un reloxio) ao amigo Valcárcel un capítulo. Cando vexamos que xa vai tendo corpo robusto, damoslle redondeo definitivo de libro. Que lle parece?
De poder eu facer tal libro (outro "Cartafolio de Lugo", iso si que é un desafío!), había ser en todo caso colección de retallos e lembranzas. Moita honra me fan e eu ben quería corresponder. Pero unha tese de doutoramento apenas comezada tolle calquera empresa de fuste.
Co seu permiso e favor, seguirei transmitindo aquí algúns fragmentos. Se, non habendo máis ceda e experimentada pluma, pode saír de aí outra cousa, o tempo dirá e a industria editorial.
Que marabilla de libro o "Cartafolio de Lugo"! Canto sabía da cidade o humilde de don Ánxel Fole.
Moito ten que aprender deses dous aspectos algún "xan" lucense que emborrona coartelas, por moi "oficial" que sexa o seu título.
De que vai a tese, amigo González?. Seica falou dela noutro post, pero non recordo. Sempre podemos axudar, mentres vostede vai lembrando Lugo e rescribíndoo. Eu case que ouso emprazalo para este sábado coa primeira achega. Así que vaia comezando.
Afonso Eanes do Coton, presumible trobador máis discutible como nicrariense.
Sábado? Veremos, volvo ter exames. Pero abrir folletín lugués nesta casa non é idea desprezable, se o amo o autoriza. A cuestión sería buscar o fío adecuado para cada entrega.
Pero, amigo González, vostede non cansa de poñer exames aos rapaces, por deus. A cantos cursos dá e cantos alumnos ten?
Doulle eu tema do primeiro: as portas da muralla.
Non moitos alumnos, oitenta e pico. Pero agora tocan, seguidos, os exames da terceira avaliación e mailos finais; máis profesores pasan por aquí que lles poderán suxerir o atafego (ou loucura) destes días. Chegado ao San Xoán, a sardiña molla o pan e a cabeza tantarantán.
Pero, Arume, isto era divulgación luguesa en xeral, ou máis ben dos 60 e 70?
Facendo paráfrase do Serantes, perra vida la del enseñante.
Se o amigo Xosé M. González se anima, ten as portas abertas nesta casa para o seu "Portafolio de Lugo". Poñeríalle unha etiqueta co seu nome e, co título que el me dera, sairían conforme mas enviase, engadindo o número da serie en cada artigo(1, 2, etc.). Así, calquera interesado podería localizalos doadamente e gravalos, aínda que estou seguro que co tempo iso remataría sendo un gran libro, a editar tamén en formato papel e presentar no Círculo das Artes lugués e no Liceo ourensán. En canto ó tema, eu daríalle liberdade absoluta: el saberá acoller os puntos de vista máis axeitados, sen dúbida. Anímese.
E o dos exames, é o andazo da nosa profesión. Eu todos os anos propóñome poñer menos, pero logo os rapaces/as queren facer máis para ter mellores oportunidades de mellorar a nota e acabo facendo un par deles, polo menos, por curso.
Esta semana non terei exames (só corrixir algúns) pero tócame ir cos de 2º Bacharelato á selectividade: non sei que será peor...!!
Eu creo que unha evocación viría ben, pero sen ataduras. Pode ir e vir de aló para acó con total libertade. Eu parezo editor, pero líbreme o amigo Valcárcel da tarefa: poña el as condicións, que para iso é o dominus bloguis.
Un libro inclasificable e libre, mestura de recreación subxectiva do paso do tempo na urbe luguesa, de memoria persoal, de semblanzas de personaxes e xentes, de reflexións diversas.
Ánimo González!
"Lugo: Paisaxes e Paisanaxes"
Un dos temas que habería que tocar é o dos barrios. Xa as resonancias, poderosas, dalgúns dos seus nomes dan para moito: Fingoi, Magoi, Garabolos, A Piringalla, A Fonte dos Ranchos, Aceña de Olga
A fórmula que lle ofrece o señor Valcárcel é perfecta para ir facendo un libro case como sen querer, que nalgúns casos é a mellor maneira de facelos. Anímese, González: ¡Así se las ponían a Fernando VII!
Interésalle, amigo González, esta noticia: vai pechar por tres anos a Biblioteca Vaticana e andan con movilizacións. Esta é a carta que me envían.
Dear Colleagues,
As you know, the Vatican Library will be closed for the next three years, starting July 17. Italian universities have prepared a petition to the Pope which you can see by clicking on the link below. If you feel it is worthwhile, please sign it, and circulate it among your colleagues (there is both an Italian and an English version.
http://www.ibimus.it:80/page/petizione_en.html
A hipótese, pouco probable, de ir consultar o cod. Vat. Lat. 4803 vólvese aínda máis borrosa. Supoño que será cousa de obras e restauracións.
Publicar un comentario