6 jun 2007



Un valioso ensaio.

Pan por Pan 6 xuño



Esoutro día, paseando pola Feira do Libro, un amigo fíxome un agasallo ben gorentoso: o seu último libro, recén saído do forno, “Ferrín e outras historias”, de Santiago Lamas (Ediciós do Castro). O volume acolle tres suxerentes ensaios de temática moi variada: “Volverse contra si: as mortes por propia man na narrativa de Méndez Ferrín”; “Nunca chegarás a nada”, que xira arredor de Hugo Pratt e o seu personaxe o mariño Corto Maltés, e “De homes, lobos e lobishomes”, que trata sobre personalidades múltiples, asasinos en serie e o popular Manuel Blanco Romasanta, que mesmo chegou ó cine. Tras destas páxinas está o saber dun experto psiquiatra, pero tamén un lector entusiasta e observador moi atento do devir das letras e das artes en Galicia e no mundo. Que teñen que ver algúns personaxes de Ferrín cos de Virginia Woolf ou Albert Camus? Disto seguiremos a falar mañá.

Pan por Pan 7 xuño (Imaxe de Munch, O vampiro, 1893)

Sigamos, pois, con “Ferrín e outras historias” de Santiago Lamas. O psiquiatra ourensán esculca aquí e aló as posibles referencias estéticas e claves da escrita do autor de “Crónica de nós”. Encontra unha certa proximidade entre o proxecto literario de Valle Inclán e o de Ferrín, que este non desbotaría (sempre amosou a súa devoción polo autor de “Tirano Banderas”). Relaciona o Mersault de “O Estranxeiro” de Camus con León Barreiros, estudante nun conto de “O crepúsculo e as formigas”: como aquel, León sufría porque non sufría e nada sentía no enterro da súa nai. Personaxes no agromar dunha psicose, di Lamas: “matarse é confesar que un non comprende a vida ou que fomos sobrepasados por ela”, escribiu Camus en “O Mito de Sísifo”. Tamén Virxinia Woolf, Pavese ou Maiakovsky sérvenlle a Lamas para facer espléndida metaliteratura sobre os personaxes que se quitan do medio.

12 comentarios:

Anónimo dijo...

Guarde, signore anonimo:
Noi siamo gente respectabile che vogliamo parlare de tuto, ma la nostra educazione non é abbastanza per dire che en questo posto i stronzzi sono benvenuti.Hai capito il mio bruto italiano? Alora ciao.Definitivamente.

Anónimo dijo...

(Enganeime de sitio. Era para o do libro de Alvarellos e o troll...)

Anónimo dijo...

É certo que nos contos de Ferrín hai ese componente de "more por propia man". Xustamente estou pensando no conto del que me gusta máis: "Morrer en Laura".
Podía aproveitar esa historia, ampliala, e escribir unha boa novela.

Anónimo dijo...

O de Vilanova é un extraordinario contista, xaora. Mais como novelista...

Marcos Valcárcel López dijo...

O que afirma APC é unha opinión abondo extendida entre moitos lectores e críticos e, dende logo, Ferrín como autor de contos e relatos breves está en primeirísima fila. Pero "No ventre do silencio" paréceme tamén unha moi boa novela.

Anónimo dijo...

Tamén teño por boa "Antón e os inocentes", se cadra un tanto perdida na espesura da bibliografía ferriniá e a historia da literatura. Non me disgusta nada "Arnoia, Arnoia", de adscrición tipolóxica se cadra non moi doada. Nin, xaora, "Retorno a Tage Ata", que de non ser novela merece sela; chamémoslle protonovela.

Pola contra, non din acabado "Bretaña, Esmeraldina". Pero tamén me pasou con "Amor de Artur"; e para o primeiro relato de "Elipsis e outras sombras" fíxome falta, daquela, (case) todo o sentido do deber, militancia e admiración polo autor.

Deixamos aparte os relatos da primeira época (a Nova Narrativa Galega), por iso: son caso aparte.

Moralla dijo...

Ese lenzo de Munch é un dos meus favoritos!!!

Anónimo dijo...

Pues mira qué bien.

Marcos Valcárcel López dijo...

Tamén a min me encanta ese cadro de Munch e creo que é un dos máis turbadores deste autor, ben coñecido por "O berro", xunto con títulos como "Madonna", "A morte e a doncela", "Danza da vida", "Melancolía" ou "Pubertade", todos eles obras mestras. Os cabelos da muchacha vampira transfórmanse en regueiros de sangue e eu lembro o drama existencial do pintor noruego: "Por que non son como os outros? Por que hai unha maldición sobre o meu berce? Por que estou no mundo sen elección algunha?... A arte dá sentido á miña vida".

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Xa que sae Ferrín, aproveito para recomendar o libro de Oriana Méndez, Derradeiras conversas co Capitán Kraft: unha ledicia.

Marcos Valcárcel López dijo...

Hoxe dedícanlle a Oriana Méndez, a nova poeta e filla de Ferrín, unha entrevista no cultural do Faro e toda a Revista das Letras en GALICIA HOXE.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Entre ela e María do Cebreiro haberá que falarmos dunha xeneración moi ben xenerada.