VIÑO E CORDAS.
Entrada ao espectáculo (a Porta Nova)
Rúa Nova hai en moitos lados, pero a nosa leva algo especial. Non me refiro a que fose (din) o cardus fundacional, tampouco xaora a que no segundo treito radicase a xudaría; é polo nome e a súa fonética.
En Lugo o topónimo constitúe grupo fónico, soa coma unha palabra: “ruanova”. Diverso enderezo e entidade ostenta graficamente a forma soldada. E a min resultárame sorprendente ler, tería dezaseis anos, substantivo e modificador desunidos en placa de pedra substitutoria, porque o anterior e metálico epígrafe lucía -é un falar- branca sobre azul a mensaxe “Calle de la Ruanueva”. Teño cavilado ultimamente que igual se debía incluír tal redundancia no exemplarizante catálogo de Haciadamas, Viveros e Niños de la Guía; non iría soa: en antiga parte de xudeus, onde remataban os case únicos pallabarros que eu vin na cidade, comeza á esquerda o Carril das Estantigas; longo tempo foi denominado oficialmente “Carril de las Ortigas”, e é arduo colixir se interveu aí deturpación, estrañamento por desuso vocabular ou certo arrepío.
Todo o que arrecenda a Volkgeist ou disposición colectiva adoita volverse cheiro para algúns, a mofo; encontro eu porén que a sociedade móvese, con mudanza ao primeiro inconsciente e sentida. Polo ano setenta medraran cabeleiras e ancho do pantalón, asomaba o galego nalgunha placa pública, xurdía a “Misa de la Juventud”, levábase francamente mal o “a las nueve en casa” e “non fales, que poden escoitarte”. Resume a inquedanza moito do cantar que cantamos, ese con quien sueña su hija, quién no escribió un poema, vivo en un lugar donde no llega la luz, the answer my friend. Para algún crúzanse en magma proteico a Cançó de Matinada e Pete Seeger; acabados de adquirir Manuel María e Celso, irisan Moscoso e Benedicto, desvelan Alonso e Miro Casabella escarño e pasado culto da nación, Lois Diéguez outra visión do Vietnam ou o agromar branco e azul.
Bulía daquela o grupo xuvenil máis ou menos estable, bisexual xa sen remedio. Dos tres da Pandilla que vivían na Rúa Nova, Tomás -case enfronte ao Carril das Estantigas- posuía un activo e dous pasivos con gran rendemento: guitarra e magnífica destreza no arpexio; bufarda para uso persoal sobre a vivenda familiar; gravacións propias e intransferibles de Serrat e o fenómeno que acabou de convencernos: con aquilo, chamado “dialectos” na primeira escola que tiveramos, podíase protestar e amar o país -xa quedaba pouca dúbida-, tamén amar sen máis, ser perfectamente moderno desde o compromiso ético e a excelencia artística. Da grandeza do personaxe habíannos dicir co tempo o múltiple camiño, sátira e outros recoñecementos; no 1970, os admitidos na bufarda simplemente lle entrabamos a Lluís Llach, autor dunha marca para o noso grupo.
Na mesma vía e treito, Pedro Prósper tocaba guitarra clásica. Extramurallas, Pedro Vila beneficiábase dunha especial predisposición familiar, estudaba piano e seguía tamén a afección das seis cordas; Leandro, Pajón e Rodri tiraban polo rock: isto é só compendio, pretexto para aludir á fusión que en dez aniños nos traería a Brath e Taranis. Pero para os lugueses de calquera idade, a Rúa Nova era ante todo a dos Viños, parte substancial na zona máis etílica; constituía esta o primeiro tramo, da rúa de Montevideo á Praza do Campo, especialmente concentrada entre a estatua de San Vicente e mailo Carril dos Fornos. No que aínda se cocía pan, pervivencia artesanal e mercantil patente así mesmo en ben portais con variada tenda aberta.
Sempre supuxen por alí ao defunto Paredes, alegado asesor divino en materia lucense. Teríase levado ben co Piño, que ao marchar do Centro asentou no Ferreirós e, a máis dun capuccino con alto poder de convocatoria, ofrecía as ilustres tapas da tortilla vitaminada e o bichinguai, chamados por xente ignara “tortilla con ensalada” e “mexillón con salsa”: o que non sabe é coma o que non ve; no amplo catálogo do petisco gratuíto figuraban así mesmo callos de Mondelo, “o mellor callista de Lugo”, segundo encomiaba o Piño e con establecemento extirpador no Campo do Castelo. Tamén na Rúa, da outra banda e máis arriba, O Neno despachaba caldo e orella de bondade inversamente proporcional á empatía dos barristas; César, unha vez tras doutra, resumía o pedido colectivo só polo gusto de completar, cun dedo índice erguido que asemallaba o paidetodos, “¡...y un huevo!”, realmente medio, cocido e con pemento: vez tras vez o facía e sen falta era atendido con virar de costas e modorra aparentemente ilesa.
Á excelencia culinaria (como norma, feminina) non sempre correspondía graza palaciana -que diría Cunqueiro- no verosímil cónxuxe; verbi gratia, o patrón do Espuela mantiña para nosoutros perpetuo ceño tras do bigote, pero os callos ben o valían. Ás veces eran outros reclamo e disensión, a traseira do Yuma o tal para as guitarras e o dono en desacougo por tanta sudamericana de teor quizá conflitivo ou un Himno Galego que, aínda na parte primeira e tolerada, adoitaba levar camiño da segunda e prohibida. Mini, Mero, Monchiño o venezolano, Rodrigo Romaní, José Miguel Hernández... canta tarde, algún viño, canta música.
Fálase aquí de espazos idos. Pero cando a perna, igual con menos lixeireza, transita e continúa alí o Eslava, c’ Os Tres Pés, o Campos e o Miraz... podería de memoria ir ata os outros, poderían ocasionalmente xurdir Piño e Hernández, os pedros Prósper e Vila, tamén Marcos. Pois sempre están aí.
13 comentarios:
Vaia esta lembranza tan musical, con xente e sitios que foron, in memoriam Pavarotti.
Ademáis de honra-la memoria de Pavarotti, vaía esta cantiga de pandilla nocturna adicada o perseverante Xosé Manuel que enche os sábados de lembranzas colectivas do século pasado
Na calle da Ruanova
vintecatro bares hai,
escomenza no Ferreirós
e remata no Candai.
A la buena de Dios traspasó el Ferreirós,volando.
A la buena de Dios,patatitas pa dos,marchando....
...o caldo traidor do Neno que non botaba fume pero escaldaba...
Magnífico artigo, Xosé Manuel, como todos os desta serie coa que nos agasallas os sábados. Foi un pracer rememorar vivencias arredor da musica (e da imaxe, tan novos eles) de Serrat e de Llach. Os que se acheguen ó Youtube que aproveiten para escoitar tamén "Paraules de amor" e outras cancións marabillosas. De certo, fomos afortunados por vivir naquel tempo, creo. Antes de GH. había vida e ben valiosa, sen dúbida.
Que bó eso de "viño e cordas..."
Vouvos dedicar unha canción boísima pra eses momentos,pero hai que lle poñer letra en galego :
tamo daleko
Sobre "Tamo daleko": o malo é que eu cando menos non sei serbio. As imaxes son antiamericanas, iso está claro. Pero pouco máis...
Esto de Tamo Daleko foi un fracaso.
A ver se pra viño e cordas vale esta outra...
cancion mixteca
Esquecín como se poñen as cancións. Mágoa.
Está visto que hai que poñer as de sempre...
comandante che guevara
Por estraño que pareza, apenas tivera tempo para ler os últimos comentarios a este artigo. Ao respecto do primeiro enlace, direi que a bandeira que aparece e a insistencia na figura de Dragan parece dicir todo sobre o carácter da páxina, non exclusivamente antiamericana.
Máis gorento as outras. Pola miña banda, ofrézolles estoutra, evocación certa daquel tempo.
A ver qué lles parece estoutra
E aínda porriba está en MI,"o tono dos borrachos"
Publicar un comentario