ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González
8. De libris.
A Falsa
Ten o paseante certo lugar onde se acada perspectiva sen vértigo; tamén o enfaenado que non renuncia ao gozo visual. Da Porta Falsa á da Estación, e vice versa, contémplase a rentes do chan unha rea de cubos que é cohorte ou pelotón. No escuro ou se ventea rexo son duros lexionarios romanos, con ríxida atención dentro da súa armadura de láminas; sentinela relaxada no serán amable; cando o sol peta por agosto e os sentidos adelgazan, gardas-baralla de Alice in Wonderland. En tal mudanza parte da culpa hai que darlla ao ceo, xa lles contei que en Lugo manda moito.
Non é nin pode ser entrada grandiosa. Miren que co seu nome evoco sempre o Petapouco da Porta Falsa, imaxinario solista dun grupo chamado Píngalle o Moco e Cáelle a Baba que entre o 1965 e o 70 actuaba ocasionalmente na cociña-sala de certo fogar sanroquino. Por fóra estivo o Barrio do Paxaro, que aparece moito na documentación e Xosé Miranda identifica coma a vía Ruíz de Alda; xaora eu non llo discuto, aínda que directamente á porta dá a Rúa de Monforte, onde andan a tirar o derradeiro das vellas e populares edificacións. Popular foi o contorno e como tal traballador. Porén, a bibliofilia luguesa debeu pasar moito por ela, efecto de tres lugares xa soamente lembrados.
Era bonita a entrada pola Falsa. No cimo das escaleiriñas aínda hoxe resiste, á dereita, o antigo hospital de peregrinos e á esquerda encóntrase unha das subidas patentes ao adarve. Comezando os anos oitenta destruíuse o engado remanente na Praza de Ferrol, coa retirada de venerables paulonios para construír o aparcadoiro soterrado; algunha dama da vella sociedade local e outros cidadáns tentaran salvar as árbores e pódense imaxinar os comentarios en voz alta nunha sociedade onde opor botánica, bucólica ou arqueoloxía á construción non era actitude moi ben considerada. Quince anos para atrás aínda estaba o edificio de Barras Eléctricas a carón do cuartel de San Fernando, agora tamén obxecto de discutibles planos transformadores; e ao outro lado da sede eléctrica, a Libraría Celta.
Entre os estudantes, a Celta e a Balmes adoitaban ser establecementos de referencia para adquirir os libros de texto; a primeira, ademais, editaba. Se a entrada á libraría daba á rúa de San Marcos, na de Bolaño Ribadeneyra un escaparate amosaba algunha das publicacións; durante moito tempo, a portada azul de Barco sin luces (prologado por Dámaso Alonso) mostrou a especial relevancia outorgada a Luís Pimentel e o seu póstumo.
Non sei por que a familia Esteban resolvería publicar; como for, a determinación luguesa aparenta inequívoca. Pimentel; do pai Rodríguez López, varias reedicións das Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares; do fillo Rodríguez Pedreira, Cartas a una madre (Temas de Puericultura): extracto entre os naturais da cidade. Unha escolma de residentes e vinculados mostra o que a casa lles deu ás letras galegas durante corenta anos: Palabra no tempo; Espantallo amigo; cinco libros de Manuel María, entre eles Os soños na gaiola e Terra Cha. Os dous primeiros títulos que este servidor posuíu en lingua do país: Xuntos cara ó mañán, dun compañeiro que empezaba, Xesús Rábade Paredes; Os cen mellores poemas da lingua galega, do profesor que saben. O esteso mar da poesía nacional contemporánea asulagou mente, ollos e ser.
Alonso Montero e a Celta deixaron pegada en Lugo; na outra beira de San Marcos asenta o pazo homónimo e nel a Deputación. Case por fronte á libraría, na ala dereita da sede provincial estaba a Biblioteca Pública lucense, que a mediados dos sesenta, os sábados pola tarde, era practicamente invadida na parte dedicada ao público infantil e xuvenil; a ocupación de case todas as mesas e cadeiras constituía testemuña inapelable de que bastantes rapaces descubrían e gozaban cos libros. Certa colección, por exemplo, familiarizaba os lectores co hábitat e costumes da fauna salvaxe a través de narracións con protagonista ben identificado: Inkosi, el león; Miska, la foca; Thunda, el búfalo... Pero un auténtico fenómeno triunfaba por goleada en todo o recinto: Tintín.
Ignóroo todo canto á orixe da moda. A doada e gratificante proxección naquel rapaz valente que percorría mundo, conducía todo tipo de vehículos e nunca se aburría pode explicar ben o éxito, así como o atractivo do formato a cor, Milú (quen non quería ter un can?), a lealdade e choqueiradas do capitán Haddock, as choqueiradas e sabedoría de Tornasol e a choqueirada sen máis dos Fernández. Nunca Hergé me pareceu un fascista perigoso, en todo caso conservador amable: fronte ao mozo e ben disposto rei de Syldavia, os bordurios -aínda con uniforme semellante ao soviético- eran o pouco simpático expoñente dun autoritarismo con certo feitío prusiano. E o lector acadaba sentido xeográfico e histórico, vía o fondo do mar con peixes e pecios, lía nomes e estruturas lingüisticamente varias, chegaba á lúa. Tintín e Milú, para moitos, eran osíxeno, modernidade e apertura que tanto faltaban hai corenta anos; por iso se ve un tan estraño fronte a algún comentario e proposta de arestora.
Posiblemente alleas ao cómic, unhas monxas Salesas vivían tralo muro do seu convento na Ronda. As profesas recolectas adoitan realizar algunha manufactura a miúdo gastronómica, pero na disque severa Lugo non se emulaban as pastas de Belvís, galletas de Trasmañó, pastelón de Ribadeo ou confituras do Rosal. Aquí encadernábase, con notorio mimo e notable eficacia, tapa dura, folla de respecto veteada, lombo imitando pel e letras douradas. Dous volumes de lingüística histórica -un maiormente de fonética galega (Amable Veiga), outro de sintaxe portuguesa (Epifânio da Silva)- dan fe de tal destreza nos meus andeis. Diversa estancia luguesa ha gardar máis testemuños, posiblemente algún como presenza inadvertida por herdeiros que nunca souberon do labor claustral.
Onde estivo a Celta hoxe hai un banco. Hai tempo que a Biblioteca foi para Ramón Ferreiro. As Salesas trasladáronse onda o río, e o edificio administrativo da Xunta suplantou o vello convento. Arestora, coma case toda cousa, o libro abunda máis ca hai catro décadas. Por finais de xuño encontra un textos deixados coa varredura, e que o colector non sexa o azul acredita dous fracasos. Cando o volume está limpo e en bo estado, collín costume de recollelo para mandalo a América Latina. É lenitivo.
O VENTO É UN CAN
-
Vento de noite
O vento é un can sen dono,
que lambe a noite inmensa.
A noite non ten sono.
E o home, entre sonos, pensa.
E o home soña, durmido,
que o...
Hace 1 día
7 comentarios:
Por fin, un sábado como mandan os cánones, co amigo González de alento lírico. Xa son outras, pois, as semanas.
Como sempre, Xosé Manuel, excelente.
Por certo, lembraste das duas persoaxes que nos entregaban os libros de Tintin na Deputaciòn, dous homes calcados, bigotiño como xa sabemos, un de un sesenta e poucos e outro de un noventa a moitos, que eran os únicos funcionarios que lembro falaban en galego no palacio de San Marcos
Eu paséi un vran dos primeiros setenta lendo as aventuras de Tintín na Biblioteca Pública de Viveiro,na céntrica Plaza de Pastor Díaz (non séi se segue alí).Había unha bibliotecaria moi guapa que me sorría cando me traía os libros.Eu estaba namorado dela,pero nunca me estrevín a decirllo.Eu tiña once i ela pasaba dos vinte.Cando era neno e visitaba as bibliotecas públicas,moitos funcionarios semellaban molestarse cando un "mocoso" os facía traballar tragéndolle os libros.Traíanchos de mala cara.Facían un "antifomento" da leitura.Nese senso téñolle moito que agradecer a un funcionario da Biblioteca Pública de Ourense cando ésta aínda estaba no Edificio da Deputación.Era algo gordiño e tiña un mostacho tipo Dalí.Collía a miña solicitude do libro con moito respeto e tratábame de vostede,tendo eu dez anos.Podía pedirlle cantos quixera.Cando tiña varios sobre a mesa,perguntábame moi respetuoso se rematara con algús pra colocalos.Daba gusto con él.Con aquela cara tan seria,case militar,animaba nembargantes a volver alí...
Sinto discrepar.Quen nos entregaba os libros de Tintín era unha bibliotecaria xoven e fermosa que resulta ser a nai (xa falecida) da escritora luguesa Marta Rivera de la Cruz
Tamén lembro unha bibliotecaria que semallaba odiarme por ser eu fillo de ricos i ela filla de pobres,e non quería axudarme a buscar os libros...Perdón,estóu fantaseando...Sería un bó comenzo pra unha novela que podería chamarse,por exemplo, "Love Story"...
Coma sempre, excelsa a rememoración/recreación dos tempos idos lugueses por parte do amigo González.
Vdes., coma sempre, tan xenerosos e ignorando os notorios defectos de estilo; neste caso, supoño, debedores en parte do momento no que foi escrito (fins de xullo, con todo o curso detrás). Só os saúdo, que ata a a semana que vén, como mínimo, dificilmente poderei pasar por aquí.
Por certo, lembro ben os dous empregados que di o Xaime, na parte "dos maiores" da Biblioteca. Un deles falabaen ton normal, ou, se se quere, o ton normal dun que pensa que non o escoitan ben. Circunstancia bastante molesta, xaora, naquel medio.
Publicar un comentario