29 dic 2007


A memoria, o tempo, os afectos
Andoliña sábado 29 decembro. Foto William Wegman.

Hai unhas semanas aparecía en varios xornais unha nova de carácter científico sobre a memoria que me gustaría rexistrar aquí, neste meu diario, tamén de afectos e descubertas. Contaban aqueles xornais que uns investigadores da Universidade de Buenos Aires concluíron que a memoria garda con máis facilidade datos vinculados a algunha carga afectiva. O cerebro garda aínda milleiros de misterios, moitos deles asociados á memoria: non podemos lembrar todo, é necesario que vaiamos borrando datos do disco duro. Ou quedarán por aí esquecidos, perdidos nalgún recuncho ignoto, ata que alguén aos resucite de novo?
Todos sabemos que as persoas maiores poden lembrar cousas da súa infancia e esquecer as cousas cotiás só poucas horas despois. Todo iso debe ter moito que ver cos niveis de emoción, como din os estudosos arxentinos. En realidade, eu creo que xa o sabiamos, sequera como intuición. Sabíano dende logo os poetas e os artistas. Como a dama namorada do trobador Xulián Bolseiro, cando lembra a brevidade das noites de amor co amado e se angustia ante a longura das horas en que o amigo está ausente, imprecando así a Deus: "porque as non fez ataes (as noites) / no tempo que meu amigo/ soia falar comigo?".

No hay comentarios: