Nostalxia.
Un cento de persoas comeron xuntas onte nun restaurante de Allariz. Convocadas polo “Roi” (Bieito Alonso), alí acudimos moitos/as que, espallados por diversos lugares e ocupacións, temos algo en común: militamos na histórica Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) entre 1974 e 1982. Moitas cousas cambiaron dende aquela: militantes clandestinos onte, algúns están hoxe nos despachos do goberno. Por alí andaban os vellos xefes (Alfredo Suárez Canal, Xaquín Méndez Anta “O Rubio”) ; algúns nomes do mundo cultural (Chus Pato, Lois Paradelo, Xosé Lois “O Carrabouxo”, Carlos Méixome, Xerardo das Airas) e unha chea de xentes que puxeron as raíces e moito máis do sindicalismo nacionalista, obreiro e labrego. Ata houbo tempo para repasar as vellas cancións de combate: “E se eres perseguido, torturado, masacrado, compañeiro, non te esquezas do teu deber máis sagrado”.
Á chegada, recibían ós que ían chegando o Roi e a súa compañeira Sara. Caras que non se vían hai 30 anos. Algúns abondo cambiados; outros, os menos, coma sempre. Vaise xuntando a xente diante do restaurante Porta da Vila, por alí Tino Fandiño tamén recibindo e organizando. Chega a prensa e saca as fotos de grupo de rigor: desorganización total, para sacar a foto, dez minutos. Pouco obedientes estes militantes.
O máis atractivo foi encontrarse con esas xentes case esquecidas, sobre todo cos que non viven en Ourense. Por exemplo, Carlos e Delfina, que foron mestres no País Vasco, moitos lembrarán á loira Delfina de actriz en “Retorno a Tagen Ata” co Anxo vestido de crego. Ou a Moncho Boán, da UTEG histórica. Ou Cali (Hixinio Mtez.) e Bea, que tampouco se deixan ver moito por Ourense. Por alí andaban os xefes, os que mandaban nos 70, sobre todo Alfredo Suárez Canal e “O Rubio” (Xaquín Méndez Anta), moitos nos lembramos tamén de Fernando Pérez, Fernando “de Sarria” xa desaparecido (e do Quintela, e da Genucha, e do Manuel María, etc.) . Estaba presente boa parte da CIG Ourense e das antigas Comisións Labregas, con Etelvino Blanco á fronte (Eduardo Míllara, Antolín, Moncho do Santander, etc.). E nomes da primeira hora como Berto Tabarés, Milagros Freán, Luísa Escudero (de Ribadavia).
Na mesa de máis ambiente, cómo non, Xosé Lois O Carrabouxo e a súa dona Xoana: a mesa que se converteu tamén en masa coral: Grandola Vila Morena, Se eres perseguido..., ata a Internacional. Eu xantei con Lois Paradelo e Xosé Luís de Prado (Pepe Luís) e un grupo da CIGA. De memoria, podería citar aínda a Manuel Amil, Conchiña, Corral e Consolo, Xela, Xavier de Vilar de Barrio, o director de Montes, Xoán Alfonso do Carballiño, Secundino de Correos, Celso de Maceda, Anxo Rúas (do que falamos esoutro día e que xa nos visitou no blog), etc. Anxo Quintana chegou case ó remate a saudar e volveu marchar. Non houbo discursos: non se trataba diso.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
6 comentarios:
Pois houbo moito moito xefe de agora. Cando fixeramos o xantar de ERGA, hai non sei xa canto, o máis conspicuo que debía andar por alí era o Campuzano, non digo máis.
Estivera ben aquela, tamén cantamos e colocámonos ben para a foto. Alí, diante a bandeira coa estrela e detrás o grupo, incluíndo algún que xa levará máis de catro lustros no PSOE.
Algunha xente luguesa de orixe encontro tamén por aí, coma o Corral e señora (con perdón). Alégrome ben que tan ben vos saíse.
De orixe luguesa tamén é o Xosé Luís de Prado (Pepe Luís), de Bóveda, e tamén nos acordamos do Cosme Pombo, que tivo moita relación con Ourense.
Dos xefes, os que mandaban na cidade aló polo 75 eran o Alfredo e o Rubio (descontado o Fernando de Sarria, xa falecido). Onte contounos o Rubio que tamén tivera certo peso o M. Muñiz, que tiña os contactos necesarios, dende Extensión Agraria, para expandir as CCLL e logo a AN-PG polas vilas da provincia. Moitos dos achegados co Muñiz estaban onte por alí.
Deberon ocupar todo o comedor do primeiro piso da nova ubicación do restaurán.E o Tino non se sentóu con vostedes? Igual lle deron moito traballo e votóu de menos o chollo tranquilo de Químico das augas mineráis Cabreiroá que outrora tivo.
Mágoa perderme o "Grandola vila morena",a capela polo Carrabouxo,cunha servilleta metida polo camisa,seguro.Algunha mexicana,seguro que tamén.A Internacional,o Hino de Riego,Abaixo a dentadura,Venceremos nós...Cómo foi que non estaba o XM Glz?
Está claro que a canción pra este post é esta:
Os vosos fillos pídenvos que lle contedes aquelo
O Xosé M., o máis que tivo que ver organicamente con Ourense aínda debeu ser aquela manifestación da madeira. Pola contra, si que xogou moito de neno co Pepe Luís, que era fillo do de Correos en Bóveda e eu afillado da carniceira; pasei ben meses alí en diversos veráns. Desde que foi para Ourense, volvino ver nalgún San Xil (a patronal de Bóveda) e polo Santiago -en ocasión obvia, que non detallo- en Compostela.
Xa hai ben anos que non falamos; se entra el aquí, saúdo e aperta.
Debeu de ser todo un acontecimento emocional, unha desas curiosas situación nas que as olladas miran mais que a figura presente e revelan algo mais, sorprendentemente para o mirado e o que mira, miran o tempo, e as ideas, aquelas ideas, a súa deriva na nosa face, os surcos da vida son tan evidentes e a voz por dentro tan cristalina ven directa dende fai uns trinta anos a surtir a vida, a vida...a vida politica dunha nación na sua dimensión comunitaria, afectiva, cuasi familiar.
Publicar un comentario