Mostrando entradas con la etiqueta cine. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cine. Mostrar todas las entradas

14 feb 2009





Un fotograma.
PAN POR PAN domingo 15 febreiro

Vin onte a película “O neno do pixama a raias”, baseada no popular libro do mesmo nome do escritor irlandés John Boyne (está traducido ó galego, nunha versión mellorable). A historia entre o neno Bruno e o cativo xudeu Shmuel ten momentos memorables e ás veces arrepiantes: non direi máis para os que aínda non leron o libro nin viron a película. Pero o cine é imaxe e esta película ten un fotograma que nunca esqueceremos, porque encolle o corazón. Refírome a aquel en que se ve o fume negro erguéndose entre as nubes dende as chemineas dos campos. Hai tamén un cruce de miradas maxistral entre a nai de Bruno e un xove tenente alemán, cando este comenta: “Queimados, aínda cheiran máis”. Aínda hoxe os alemáns comparten a cara de consternación desa muller e se preguntan cómo foi posible chegar, dende a fría razón militarista, ata o Holocausto.

29 ene 2009


Carteleira
de BIEITO IGLESIAS, ECG 29-1-09
Nun inverno caroal semellante ao que estamos pasando, pola miña festa de anos que cae en xaneiro, regaloume a tía Amelia un libro que me introduciu no subxénero de espías. O volume viña asinado por Ian Fleming e contiña tres fazañas de James Bond: "Chapeu de ouro", "O dobre" e "Aventura en Nassau". Deixei de abrir a boca cara ós debuxos animados de Carliños Brown e alá que me fun á Vía Veneto romana, onde estaba estacionado un Alfa Romeo e onde principiaba a primeira historia de 007.
Máis tarde seguín as ilustracións fílmicas dos relatos de Fleming e admirei o actor que mellor representou o axente con licenza para matar: Sean Connery. Reparen na ironía de que fose un independentista escocés o máis convincente espía ao servizo da Súa Maxestade británica.
Quizais a Anxo Quintana non lle gusta tanto como a min a serie de Bond porque, do contrario, xa tería convidado a Connery a vir facer campaña pola soberanía da Galiza, nación céltica irmá de Escocia. Con este convite gañaríalle pola man ao candidato do PP, quen arremeda ao máis famoso dos espías xogando coas letras do seu apelido, que figuran dous ceros á esquerda: Feij 009. Valor tivo Núñez Feijoo, publicitándose con tal alusión aos filmes de espionaxe, cando o seu partido se ve abalado en Madrid por espións e escoitagrilos que aínda non sabemos se están ao servizo de Isabel II ou de Esperanza Aguirre.
Vin ese vídeo tan sonado no que "todos somos Anxo Quintana". Disque está inspirado no Espartaco de Kubrick, pero o demo me leve se recoñecín a influencia do cineasta nunha especie de función de teatro escolar. Kubrick era esteta, misántropo e xenial, tería dado un pésimo político. Mágoa que non nos visite Connery e que, estes días que sufrimos A tormenta perfecta, non viñese auxiliarnos George Clooney.
P.S. : como sempre, xenial Bieito.

24 ene 2009


O BOSQUE E A PERDA DA INOCENCIA
ANDOLIÑA luns 25 outubro 2004

Como sabemos por Bruno Bettelheim e por outros autores, os vellos contos infantís cumpriron unha necesaria función educativa: aprendían a enfrontarse aos medos e perigos da vida desde as claves dunha fábula infantil. Por iso aquelas historias doutrora non refugaban a crueldade, ben pola contra esa era a súa cerna máis fonda: ¿pódense imaxinar historias máis crueis que as de Hänsel e Gretel, a Carapuchilla Vermella ou a pobre Brancaneves? Cos mesmos vimbios narrativos, semella que hoxe o cine está a ocupar en parte o lugar daqueles relatos: velaí, “O bosque” (The Village), a película de M. Night Shyamalan.
Lucius, o personaxe que quere cruzar o bosque e chegar ata a “perversa” cidade non é máis que un novo Xoán Sen Medo que desexa probar a súa ousadía. Pero o argumento introduce unha atinada reviravolta para converter o noso heroe nun novo Belo Durminte que terá que agardar a salvación da man dunha agora heroína, Carapuchiña Vermella cega, pero non indefensa. Cando a muller recupera o seu espazo na sociedade e a iniciativa en tantas facianas da vida, é de agradecer este aceno: ¿entendemos que será ela, de volta da aventura, a que conduza ao noso Durminte ao seu espertar da sexualidade?
A película de Shyamalan, fiel aos tópicos do xénero (cómo non, o enemigo está dentro de nós mesmos), admite outras lecturas: entre elas, as que inciden nos seus aspectos máis conservadores (neo-con) e no terror do mundo logo do 11-S. Pero isto pasará, agardemos. E o poder marabilloso dos vellos contos infantís pervivirá sempre...

20 dic 2008




Cloty, Gretta e o cativo
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 20-12-08
As fotos son da visita de Cloty o ano pasado a Ourense, diante da estatua de Blanco Amor

Soa o teléfono. É Cloty. Que vén mañá. Que canda ela vén a súa filla Greta e o seu neto. Que o cativo ten que coñecer xa Ourense. Que o venres lle dan un premio á memoria do pai, avó, bisavó. Á memoria da dignidade galega feita cine na Arxentina. E eu encantado acudirei ao seu encontro para xogar tamén á saudade inversa, á nostalxia morna da Arxentina galega. E Cloty vén, como no 2004 cando o Festival de Cine homenaxeou a seu pai, porque é filla do inesquecible actor e activista cultural Fernando Iglesias Tacholas e de Sabela Ippolito, italiana con nome galego, por amor de Tacholas.E que Fernando Iglesias, ourensán da rúa Santo Domingo desde 1909, con raíces na Loña, foi un neno rebuldeiro e afeccionado á música e ao cine que cantou no Coro de nenos da Catedral, traballou no estudio do fotógrafo Pacheco e subiu aos escenarios coa Coral de Ruada e co grupo de teatro do Orfeón Unión Ourensá cando representan obriñas de Xavier Prado Lameiro. Un mozo que asistiu ás funcións do establecemento de Barbagelata, o cine Apolo e logo ao Cine-Tea tro Losada -pois era afillado de Xulio Losada, o dono-. Un mozo que marchou a Bos Aires aos vinte anos nunha viaxe case sen volta. E Fernando Iglesias, como moitos outros galegos, descubriu alá un mundo novo, moderno, urbano, de distancias inmensas e cunha presenza de paisanos tal que facían que, daquela, naquela urbe do hemisferio sur vivirán máis galegos que en todas as cidades de Galicia xuntas. E alí, desde o Centro Unión Provincial Orensana, retoma o contacto con Blanco Amor -con quen coñece, por exemplo, a García Lorca en 1933- e comeza a actuar como animador e dinamizador das veladas das asociacións recreativas dos galegos porteños. Monólogos... diálogos... contos... poemas recitados.... ensaiados tantas veces co colaboración da esposa. E Tacholas salta ao mundo das ondas e dos coros como Lembranzas de Ultreya, ás audicións radiais... e sempre servindo de referente, de entretemento e ilustración. E pasa ao teatro e ao cine, enfrontado ao sainete arxentino, nos que se imitaba groseramente o acento galego e se lle apuñan aos nosos coterráneos comportamentos pri mitivos, brutos, e indignos.Castelao fíxouse nel, chamouno e estreou ‘Os vellos non deben de namorarse’ en 1941. O rianxeiro gábao: ‘É moito actor para tan pouco papel’ e fanse amigos de por vida. E certo Fernando Iglesias ten unha traxectoria no teatro e cine arxentino que non é posible sintetizar aquí. Si é posible sobrancear a súa amizade con Eduardo Blanco Amor, co que ergue o Teatro Popular Galego, auténtica escola na que se forman na arte da palabra moitos mozos da colectividade e que se converte no lugar onde un grupo de mozos e mozas, entre elas, Cloty, fundan hai 55 anos as Mocidades Galeguistas de Bos Aires. En fin, Cloty é unha ourensá de luxo, non polo puro accidente biolóxico do nacemento, e si polo maxisterio do pai, e a opción persoal de sentirse desta vella auria. E trae a Gretta e o neto. ‘Xa é tempo de que coñeza Ourense’. Gretta hai uns anos, chorou en Torga na presentación dun libro sobre seu avó. E case todos con ela. Deixarémolas presumir de cidade a cambio de que nos deixen a nós presumir delas. Felicidades.

1 nov 2008

TEMPOS AQUELES...!!

Historia en 4 Tiempos (31/10/2008)
Maribel OuteiriñO
HACE 25 AÑOS. Alfonsín, presidente de Argentina

31 de octubre de 1983 -Se constituye en Orense la Federación Galega de Cine-Clubes, en cuya primera junta directiva están Segismundo Bobillo Morgade y Marcos Valcárcel López, ambos pertenecientes al Cine Club ‘Padre Feijóo’ de Orense y Miguel Ángel Fernández, del Cine Club ‘Carballiño’.

25 oct 2008


Lume e barro, de Bieito Iglesias (23-10-08)

Amorte outoniza levou a Paul Newman sen armar moito barullo, cun mole ruxido da follateira caída e non co estronicio das balas que conxelan a súa imaxe (e a de Redford) contra o final de Dous homes e un destino. De tódolos seus papeis, lembro atalora o de pirómano que lle apuñan n´O longo e cálido verán. Porque os incendiarios de pendellos, cortes e palleiras non só pervagaban polo fosco Sul dos EEUU descrito por Faulkner, filmado por Ritt e representado por Newman; tamén na ruralía nosa houbo e hai individuos fascinados pola labareda (Certo é que, nos dous últimos anos, se viron chafados polas rogativas do Conselleiro Suárez Canal, propiciadoras de trepas de auga nos meses estivais).
Unha vez que ía cara a casa dos avós, calcando unha corredoira enlamada na que atuaba pernas e caxatas, recibín a axuda dun viandante atabanado que repetía esta absurda ladaíña: "Máquinas de coser, navallas de afeitar, máquinas de coser, navallas de afeitar..." Aínda que deseguida ensinou boas intencións e loitaba por soerguerme da lama, eu ben vía que estaba algo afumado polo cheiro a viño e porque, cando quería riparme da lagorza que me engulía, el propio caía comigo arrebollado naquel barro amasado e repisado polos pesuños das vacas. Tiven medo e vinme perdido para percorrer o escaso quilómetro que nos separaba da aldea.
Despois de lapexar na chapacuña durante interminables minutos, conseguín safarme do bulleiro e do bébedo, alancando apurado cara a casa dos vellos. Eles víronme chegar acorado e tamén avistaron o acompañante, mollado e embarrado coma min, feito un zalapastro. Cando lles preguntei quen era o meu torpe benefactor, contestaron co bico engurrado: "Anda por aí queimando palleiras".
Pasaron moitas lúas antes de eu saber que coñecera a unha personaxe faulkneriana, a un veciño do fantasmal condado (literario) de Yoknapatawpha.

9 oct 2008


Artistas e "freakys".
PAN POR PAN xoves 9 outubro

Nos Estados Unidos os artistas están en campaña. Nestes días vimos a Paul Auster defendendo o voto a Obama; a Bruce Springsteen cantando en concertos polo candidato demócrata; ó cineasta Tim Robbins na mesma xeira e a Madonna cun vídeo que compara a John McCain con Hitler e o ditador Mugabe. Os artistas a favor do candidato republicano están máis calados. Todos os citados son números un no seu campo: saben escribir, cantar, facer películas, bailar.
Nas mesmas datas os famosos españois de actualidade son a duquesa de sempre, a exmuller dun toureiro e Anita García Obregón. No franquismo os famosos só eran toureiros e folclóricas. E, se queren, futbolistas. Agora compiten na pantalla cos “freakys” e, como estes duran pouco, hai programas específicos para clonalos. Haberá nos EE.UU. “freakys”, supoño, pero por sorte non chega aquí o seu eco.

15 sept 2008


De faunos e raíñas.

Cando a realidade non nos chega, sempre nos queda a fantasía. Remato de ver, cando escribo estas liñas, “O labirinto do fauno”, de Guillermo del Toro, que non puidera ver cando a súa estrea. Unha pequena xoia capaz de mesturar e xogar cos planos da realidade e da fantasía cunha gran intelixencia visual e textual (vai tanto polo guión como pola posta en escena). Hai secuencias de gran violencia, como cruel foi a represión nos anos da posguerra franquista, pero Guillermo del Toro demostra que sabe contar historias. El ben sabe que todos levamos dentro un neno que segue a crer nos trasgos e nas fadas.





P.S.: tamén vin nestes días a "María Antonieta" de Sofía Coppola. Só correcta, non entusiasma en absoluto. E historicamente moi comprensiva (ou amable) co personaxe: máis que chusca a escena en que cita unha lectura de Rousseau. E chirría, cando menos para min, ilustrar escenas do século XVIII con música rock de hoxe... Que opinan os melómanos desta casa?

3 sept 2008





OMAGH
Andoliña mércores 3 setembro

O 15 de agosto de 1998 un coche-bomba explotaba no centro da cidade irlandesa de Omagh. Morreron 29 persoas e houbo máis de douscentos feridos: entre os mortos una moza e un neno españois, que participaban nun intercambio escolar. O atentado foi reivindicado no seu día polo IRA Auténtico, una escisión do IRA provisional oposta ó proceso de paz iniciado no Acordo de Venres Santo.
O pasado luns, TVE-2 contábanos a historia de Omagh a través dunha película de Pete Trevis (2004): un documento erstremecedor que enfoca o drama dende a perspectiva das familias das vítimas, organizadas para coñecer a verdade. Excepcional a interpretación de Gerard McSorley (na imaxe)
no papel de Michael Gallagher, portavoz do Grupo de Autoapoio. A cinta, en clave de falso documental, está en cambio chea de verdade e autenticidade e esculca nas lúgubres miserias da chamada Razón de Estado.
Hai só unhas semanas cumpríronse dez anos da traxedia. Houbo actos conmemorativos en Omagh pero moitos dos familiares non asistiron. Tal como conta a película, aínda hoxe ningún dos acusados por aquel atentado foi declarado culpable polos xuíces.

19 jul 2008


Nais e fillas (Andoliña 19-7-08)

Leo nun magacín da fin de semana unha extensa reportaxe sobre Christina Crawford. É unha das fillas adoptadas pola xenial actriz Joan Crawford. Cando morreu esta, en 1977, Christina escribiu un libro demoledor sobre a súa nai, Queridísima mamá, onde a acusaba de ser unha muller colérica, alcohólica e obsesionada coa limpeza, chegando mesmo a facela responsable de malos tratos físicos contra ela. Outros familiares dan versións totalmente diferentes e falan de intereses espurios naquel libro, do que tamén se fixo unha película. Christina segue insistindo na súa versión: dende logo a súa nai xa non lle pode responder: tería máis valor que publicase o libro cando ela aínda vivía.
A min sempre me cheiraron mal estas biografías resentidas. Aínda que algúns teñan motivos para facelas. Penso en Mussolini, que non era ningún santiño dende logo. A súa filla Eda, que compartía co pai militancia fascista e a admiración por Hitler, casou en 1930 con Galeazzo Ciano, co que tivo tres fillos. O ditador condenou a morte a Ciano en 1944 por diferenzas na política da guerra e a propia Eda viviu confinada en Lipari. Co tempo un fillo de Eda, Fabrizio, publicou un libro cun título abraiante pero verdadeiro: Cando o avó fusilou a papá.

28 jun 2008


Home e máquina.
PAN POR PAN sábado 28 xuño (Imaxe de "Blade Runner")

A relación entre Home e máquina é unha pertinente metáfora do gran debate dos límites da ciencia: por iso foi tan útil na literatura, nas artes plásticas e no cine. En clave satírica xogou con esas claves o “Tempos Modernos” de Charles Chaplin: o traballo impersoal, repetitivo, anulador, etc. E coas 60 horas, ou máis, das últimas directivas europeas. En clave fantástica, Frankestein é o gran mito a este respecto, se ben ten egrexios precedentes, dende Prometeo ata Pinocho. A ciencia-ficción sachou a eito este territorio e deunos pezas magníficas, algunhas arredor do mundo dos robots ou mesmo dos replicantes. “Blade Runner” constituíuse en película de culto e mesmo mito romántico na miña xeración. E vimos máquinas que cobran vida: en “Christine”, un automóbil capaz de asasinar por vontade propia. Imaxe simpática dado o simbolismo deste elemento na nosa sociedade.

Caos informático.
PAN POR PAN venres 27 xuño (Imaxe de
Minority Report)
Falando de apocalípticos, que é o tema destes días tamén no meu blog, Xohán da Coba relembrou o nome de Alvin Tofler, un home que vendeu moitos libros, pero que non acertou demasiado nas súas predicións: aventurou que xa no ano 2000 os centros psiquiátricos estarían saturados de persoas incapaces de adaptarse ás novas tecnoloxías. E lembrarán o barullo que se montou co efecto 2000 nos ordenadores, que logo quedou en nada. É o medo ás máquinas e ó poder hipertecnocrático: como ese heroe perseguido en “Minority Reporet” que ten que operarse e cambiar os seus ollos, que son un código de barras de control policial. Na mesma liña van novelas de ciencia-ficción como “O home terminal”, de Michael Crichton: un home ó que lle converten o seu cerebro na terminal dun computador, o ser humano convertido en apéndice da máquina, un novo Frankestein.

26 jun 2008


Soylent Green.
PAN POR PAN xoves 26 xuño

O cine popularizou a xeira de distopías nacidas na literatura e no pensamento. En películas boas e malas, presentásenos un mundo futuro, apocalíptico, onde os que sobreviven á catátrofe loitan entre si polas moi escasas fontes de enerxía. En “Waterworld” imaxínase que só é posible xa sobrevivir na auga. Unha película xa antiga, “Soylent Green” (1973), protagonizada por Charlton Heston, tiña unha teoría bastante tétrica e escatolóxica sobre os alimentos do futuro. Lembro vivamente dúas escenas: nunha delas, un personaxe lembra con nostalxia cando aínda se podía comer carne e peixe frescos. Na outra, vese como se retira Edward G. Robinson para ir morrer no Fogar: déitase nunha cama e escoita música clásica mentres observa fermosas paisaxes que xa non existen. Quizais despois do apoxeo dos tanatorios, sexa este o gran negocio do futuro, vai ti saber.

24 may 2008

Fío Musical (17). Vía Tacho.

O National Recording Registry da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos cada ano decide recoller mostras sonoras para ser preservadas para a posteridade como bens culturais dada a sua importancia histórica. Na edicion diste ano esta , "Oh, pretty woman" (1964), do gran Roy Orbison..
Con ise motivo mandovos unha potentísima version cunha banda de luxo: Roy Orbinson, Bruce Springsteen, Jackson Browne, Elvis Costello, Tom Waits, T. Bone Burnett (Burnett versus Srpingsteen), J.D.Souther. Que o disfrutedes.

6 may 2008


DEZAOITO EUROS
Andoliña 6 maio

Vin esoutro día a película “As mulleres de verdade teñen curvas” (2002), ópera prima da directora colombiana Patricia Cardoso, que fai cine nos Estados Unidos. Unha ben contada historia, interesante, da inmigración sudamericana, que combina a conquista da propia autoestima sobre o seu físico na moza protagonista, e a súa loita polo dereito a un mellor futuro, a través dunha beca para ir acceder á Universidade, mesmo contra as arelas dunha nai castradora.
As mozas sudamericanas, a medio camiño entre as dúas culturas, traballan ata a extenuación nun taller de costura, atafegadas pola calor, e fan fermosos vestidos de deseño ó custe de 18 euros: os mesmos vestidos que se venderán logo nas tendas máis fashion a 600 euros a peza, segundo se afirma na propia cinta.
O mundo é inxusto: alá e aquí. En Galicia tamén se podería rodar unha historia semellante, quizais coas mozas dalgún taller téxtil semiclandestino. Os nosos labregos e gandeiros recollen unha parte moi cativa do que producen: hai outras mans máis cobizosas. Ó cabo, 6 de cada 10 fogares teñen graves problemas económicos. Un de cada catro vive con menos de mil euros ó mes: cóntano os xornais, todos os días.

19 feb 2008


Imprescindible. Debería ser de visión obrigatoria nos institutos.
La solución final, de Frank Person, 2001.
Vina hai varios anos un par de veces e puiden mercala nestes días e volver vela. Imprescindible.

TITULO ORIXINAL. Conspiracy. 96 minutos.
Guión: Loring Mandel. FOTOGRAFÍA: Stephen Goldblatt
REPARTO: Stanley Tucci, Kenneth Branagh, Colin Firth, Barnaby Kay, Ben Daniels, David Threlfall, Jonathan Coy, Brendan Coyle, Ian McNeice
Coproducción USA-GB; HBO Films
O 20 de xaneiro de 1942, líderes do partido nazi e oficiais do goberno alemán mantiveron unha xuntanza segreda nas afóras de Berlín para planificar a chamada solución final ó problema dos xudeus. Esta película é unha recreación histórica da Conferencia de Wannsee, presidida por Reinhard Heydrich, xeneral das S.S. e máximo responsable da seguridade do Terceiro Reich. Alí planificouse o exterminio de seis millóns de persoas, o que se coñecería como Holocausto.

6 ene 2008


Viñeron os Reis
E, entre outras cousas, deixáronme no Liceo un fermoso libro-catalogado publicado recentemente polo Ministerio de Asuntos Exteriores sobre A Historia de España a través do cine.
As mans xenerosas do amigo Xoán da Coba fixéronmo achegar ata alí. Só dicirlle que quedo sorprendido pola súa bonhomía e xenerosidade. No tema e no detalle, acertou de cheo: non lle caiba dúbida.

5 ene 2008










Películas que se poden recomendar (vistas nestes días)

Descubrindo Nunca Xamais, de Marc Foster (2004), con Johnny Depp e Kate Winslet, baseado na biografía do creador de Peter Pan, o exitoso dramaturgo escocés James Matthew Barrie.

Serenata nostálxica, de George Stevens (1941), con Cary Grant e Irene Dunne. Imprescindible para pais primeirizos. Un correcto melodrama que manexa con elegancia as elipses narrativas e a música como fío da historia. Por que se esqueceron sempre de Cary Grant no caprichoso reparto dos Oscar, mesmo en papeis dramáticos como este?