Mostrando entradas con la etiqueta europa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta europa. Mostrar todas las entradas

10 ene 2009


Un libro moi recomendable
(eu téñoo nunha vella edición de Plaza Janés)

Yourcenar abre os ollos.
M.MONTIEL/EFE. Galicia Hoxe 10-1-09.
Considerada a gran dama das letras francesas, Marguerite Yourcenar alcanzou o éxito editorial con Memorias de Adriano, pero foi unha gran descoñecida ata que abriu o seu pensamento ao xornalista Matthieu Galey, nunha serie de entrevistas que deron como resultado o libro Cos ollos abertos, que vén agora de publicarse coa editorial Plataforma e onde se recompila a esencia do pensamento de Yourcenar a través das preguntas que Galey, lle foi facendo ao longo do tempo e en diferentes momentos.
Así, a primeira muller que entrou na Academia francesa, aparece espida neste libro a súa alma e o seu pensamento, mediante conversas e longos monólogos, para falar, entre outras cousas, da súa escritura e dos seus autores favoritos, ou da importancia de Adriano.
Tamén reflexiona sobre a súa infancia, o feminismo, o medio, o amor aos animais, a relixión, o racismo, o aborto ou a política, ou sobre o complexo de vivir. ­Toda unha lección de vida impartida por esta autora complexa e sen prexuízos e que aseguraba que lle gustaría chegar á morte "cos ollos abertos", entendidos como "con pleno coñecemento da experiencia".

17 dic 2008

A vergoña
Rosa Aneiros, GALICIA HOXE 17-12-08

O recente informe do Consello de Europa sobre a situación lingüística en España supón un tirón de orellas para Galicia ou, desculpen a violencia politicamente incorrecta, unha boa reprimenda. Non para a Consellaría de Educación, nin para a Secretaría Xeral de Política Lingüística, nin tan sequera para Galicia Bilingüe.
O informe é, ou debería ser, unha boa chamada de atención a toda a cidadanía. Entre outras cousas, considera insuficiente o galego na educación e alenta para unha necesaria mellora en ámbitos como a xustiza ou os medios de comunicación. A pregunta é obrigada: ¿por que este temor á lingua?
Os galegos poderiamos erixirnos como a porta de Europa para América xa que co galego, o castelán e o inglés -linguas de aprendizaxe no ensino- podemos comunicarnos co continente americano e outra boa parte do mundo.
O galego abre camiños a moitos mozos e mozas que, ao presentarse a probas internacionais, teñen a vantaxe dunha lingua máis no seu currículo e, con todas elas, a capacitación lingüística para se relacionar con cidadáns do Brasil, de Angola, dos Estados Unidos ou de Arxentina.
Pero nós, no canto de aproveitar as sinerxías que nos entrega a Historia, turramos en negalo. Como se tivésemos vergoña.

27 oct 2008

Le Clézio na casa, X.L. MÉNDEZ FERRÍN (Faro Vigo 27-10-08)

A Concesión do Nobel de Literatura a Jean-Marie Le Clézio ocasionou que a atención pública se fixase estes días na obra do interesante autor francés que publicara en 1978 (Gallimard) o seu libro de contos Mondo et autres histories. Nove anos máis tarde,RaquelVillanueva chamou a atención de Luís Mariño, director de Edicións Xerais de Galicia, sobre tal autor e tal libro.Mariño, que ao tempo coñecía ben Le Clézio, animou a Villanueva para que o traducise ao galego, o que ela fixo en colaboración con Valentín Arias. O texto en galego estivo axiña terminado baixo o título de Mondo e outras historias.Na editorial todo o mundo andaba ilusionado coa colección Xabarín e eu vin a Mariño, a Crego e a equipa enteira da rúa do Doutor Marañón, Vigo, traballando a toda máquina para pór o libro nas mans dos mozos lectores aos que estaba destinado en Galicia. De xeito que o Mondo se terminou de imprentar con debuxos de M. Uhía e chegou ás mans dos interesados no ano 1987.Le Clézio estivo encantado de ser traducido ao galego e concedeu razoabelmente os permisos oportunos. A traducción ao galego de Mondo é a primeira que se fixo do orixinal francés a calquera outra lingua do Planeta.A tirada foi de 5.000 exemplares.O que asegura que hoxe Le Clézio no noso idioma se encontra en grande número de bibliotecas privadas e públicas, incluídas as bibliotecas de centros de ensino e mesmo as de prisións. Teño información de que na cadea de Teixeiro, moi concretamente, Mondo suscitou o interese de ben de presos. Todo parece indicar que Jean-Marie Le Clézio, lonxe de ser un descoñecido en Galicia, é, no noso universo lector, un autor moi aprezado.O éxito desta versión ao galego foi validado pola concesión de dous importantes premios a traducción literaria: o do Ministerio de Cultura de Madrid (1989) e o"Ramón Cabanillas"da Xunta de Galicia (1989). Somos agora informados de que Le Clézio, despois de recibir o Nobel, volveu cederlle a Edicións Xerais os dereitos de traducción ao galego, de Mondo e outras historias e doutras súas obras que esperamos que saian axiña á luz. A min chamoume moito a atención unha pasaxe na que Mondo, o protagonista do primeiro conto, que dá nome á colección, olla marabillado como o Sol amence sobre o mar. Para nós, atlánticos afeitos a vermos como o sol se pon cada día sobre a liña do horizonte mariño, esta páxina valiosa de Le Clézio pode chocarnos e sorprendernos moi agradabelmente.O protagonoista da estoria é un rapaciño sen fogar que se move por unha cidade do Mediterráneo situada ao pe dunhas altas montañas. Nunca se di Mediterráneo nin existen indicadores de que a cidade sexa Niza ou Menton ou Mónaco; en todo caso paréceno e os montes evocan moito ben os Alpes Marítimos no conto, que transpira bondade e beleza coma o fan as vellas narracións destinadas aos mociños. Pro en Mondo e nos contos que acompañan a este principal, non hai exemplaridade nin doutrina explícita. Teño entenido que os clézistas galegos están moi interesados en que sexa traducido ao noso idioma unha novela na que o autor admirado nos transporta á sociedade dos tuaregs, este pobo bérbere que foi condenado ao silencio pola historia e que,coma outros de África e non de Africa, no viu nin por unha fenda a luz da desconolización.Estou seguro de que en Galicia e no mundo se vai falar moito deste Jean-Marie Le Clézio que hoxe recibe a atención preferente dos lectores de todo os continentes e nacións.

18 jul 2008

Fondos da UE costearon negocios privados de alcaldes do PP
Diñeiro de Bruselas sufragou unha residencia doutro rexidor do PP (Quintela de Leirado)

El País. CRISTINA HUETE - Ourense - 18/07/2008
Tamén se fala do Museo do Entroido de Xinzo e dun embarcadoiro en Lobeira: que don Julio nos ilumine ó respecto.

26 jun 2008

en poleiro alleo
Dous artigos de "A Nosa Terra" quizais de interese para o debate

Damián Villalaín intervén na polémica "Galicia e Galiza"

e Belén Regueira opina sobre Eurovisión, Erasmus, euroescepticismo, Eurocopa, etc.

24 jun 2008

Eurodeputados galegos e inmigrantes, de X.M. Sarille (ECG 24 xuño)
O goberno de Zapatero acaba de activar un novo mecanismo de simpatía, liderando nos foros internacionais a abolición da pena de morte. É gratis. Como gratis e resultón foi tamén no anterior mandato legalizar os matrimonios homosexuais e aprobar a lei contra a violencia de xénero. Estas iniciativas non impedían que ao mesmo tempo os constructores obtivesen beneficios sen límites, e que a banca gañase como nunca, sen a penas contribuír ás arcas públicas, polo menos en proporción ao diñeiro que obtiñan.
Dirán algúns de vostedes que mellor iso que nada, e que Felipe González resultaba aínda máis frustrante para as ansias progresistas. Seguramente teñan razón, pero namentres o PSOE contenta así á parroquia máis moderna, España aumenta a exportación de armas a todo tipo de países, inclusive aos menos recomendábeis, sen que a man esquerda, nunca mellor dito, queira saber o que fai a man dereita. Convén lembrar que as bombas e as metralladoras valen para matarse; fóra do patíbulo, iso si.

Non hai que magnificar o progresismo máis alá do caramelo abolicionista. A directiva de retorno dos inmigrantes foi aprobada o outro día polo Parlamento Europeo co apoio imprescindíbel do PSOE. Chámanlle a Directiva da vergoña, porque permite manter detidas ás persoas durante dezaoito meses sen culpa ningunha e sen intervención xudicial.
Europa creou con esta norma unha categoría inferior de seres humanos, mais iso non lle impedirá ao goberno español seguir vendendo progresismo a nivel mundial. Son cousas da xente guapa, máis preocupada polo peche dalgunha emisora no terceiro mundo e polo velo das mulleres que pola falta de trigo e arroz para os seus fillos.
Dezaseis eurodeputados socialistas españois apoiaron a regulamentación, entre eles Rosa Miguélez e Antolín Sánchez Presedo, os dous de Galiza. Conta a lenda que un vello país de emigrantes sempre se portará mellor cos que agora chegan, porque conserva a memoria da dor. Todo iso é puro verso, que din os arxentinos. Aquí o que hai é moito coidado para non contrariar aos xefes. Por certo, votaron en contra dous cataláns, a pesar de seren dunha etnia avara, como se sabe.

21 jun 2008


Desasosego.
Pan por Pan sábado 21.
Imaxe: Contra a parede, de Genovés.
Observo desasosego nos ambientes progresistas. E non falo aquí do magnífico “Livro do desasosego” de Fernando Pessoa, senón da inquedanza das xentes de esquerda ante unha Europa que aproba normativas a favor da semana de 60 ou 65 horas (volveremos ós tempos de “Xente ao lonxe”?) ou que responde ó problema da inmigración só con medidas represivas, tratando como delincuentes ós sen papeis e negándolles os seus Dereitos Humanos, eses Dereitos que encarna a propia Europa. Para máis agravio, neste segundo caso cos votos de moitos deputados socialistas españois no Parlamento europeo: agás Borrell, Ramón Obiols e Mati Grau i Segu, ben por eles. Difícil de entender cando o PSOE en campaña electoral rexeitou as teses que sobre a inmigración defendía con entusiasmo o PP, non moi arredadas do que agora se apoia. Que mudou dende aquela?

1 may 2008


Linguaxe e fascismo
Andoliña xoves 1 maio

A linguaxe nunca é inocente. En Roma a esquerda perde a alcaldía da cidade despois de quince anos de goberno, que pasará agora a mans de Gianni Alemanno, do partido posfascista Alianza Nacional e socio de Berlusconi. Co vello discurso de sempre: anticomunismo, medo á inmigración, alerta sobre a seguridade cidadá. O certo é que as dereitas, moderadas ou radicais, nunca son moi orixinais: Rajoy usou argumentos semellantes na campaña española. Pero non lle foi ben.
Os militantes da AN saúdan brazo en alto, como nas vellas películas de guerra, e Berlusconi presume de encabezar "a nova falanxe romana". O seu socio da Liga Norte, Umberto Bossi, fala de "cazar" os inmigrantes clandestinos e reta ameazante á esquerda: "Se queren pelexa, os fusís están quentes; temos 300.000 homes, 300.000 mártires listos para combater". Nin que fosen militantes de Al Qaeda.
Xa coñecemos esa linguaxe, non ten nada de nova, é a antiga chulería joseantoniana. Nos anos 20 e 30 o fascismo tamén quixo crear unha nova linguaxe: Estado Novo, culto ó xefe ou Caudillo, primacía da raza aria, conquista do Estado. Copiáronse slogans e estéticas dun país a outro. Xa sabemos como acabou aquilo: pobres italianos!

3 mar 2008

Video musical (Vía Tacho).

Esto é para que disfrutedes. É un grupo de hip-hop danés: formado por un marroquino, un pakistaní e un hondureño, dun arrabaldo de Copenhague, facendo unha versión da Aicha de Khaleb.

22 ene 2008


PROBLEMAS DE EUROPA (Sami Nair, Faro de Vigo, 21.1.08)
(Post n.1505, un número bonito. A imaxe corresponde á Magdalena, de Jules Lefebvre, que case semella unha Europa que non acaba de espertar)
Podría evocar muchos temas para demostrar la decepción, la increíble decepción de los que soñaban en una Europa fuerte y que, en lugar de esa Europa, se encuentran hoy en día ante un enano político que obedece a un mercado liberal despiadado. La cuestión central es la de la legitimidad de todo el proceso. Pues está claro que el proceso de construcción, desde el Acta Única de 1986, o sea, a partir del mercado único, hasta el programa de Lisboa y la adopción de la Constitución y su rechazo, todo, digo, demuestra que existe, en cuanto a los pueblos europeos, un problema de legitimidad del modelo de construcción de Europa. ¿La prueba? Las elites políticas, tanto en Francia como en Alemania, no quieren organizar un nuevo referendo para saber si los pueblos aceptan o no ese Tratado institucional. Se esconden prudentemente detrás de sus Parlamentos. Temen al juicio de los pueblos. Violan la soberanía popular.¿Pero por qué los pueblos son inquietos y las elites dirigentes tan vergonzosas a la hora de decidir sobre el porvenir de Europa? Porque de hecho esta construcción tiene una sola dirección: la de la privatización generalizada del vínculo social en un mercado liberal desencadenado. Dicho de otro modo: los pueblos se dan cuenta de que el viejo sistema de servicios públicos, de solidaridad, en todos los campos (salud, alojamiento, jubilaciones, educación, seguro social), está desapareciendo bajo el avance ineluctable de la privatización llevada a cabo por la Comisión europea en nombre de las leyes de competencia. La dinámica de esta estrategia es imponer a la sociedad europea un modelo social comparable al modelo norteamericano, individualista, sin cobertura social ni lógica de solidaridad. Y todo eso para poder "competir con armas iguales" en la "competición mundial".

27 nov 2007


Migallas

O modelo sueco do Estado de benestar


Nestes momentos temos un problema: a utilización indebida dos subsidios. Fíxese que en tres países europeos que alardean de ofrecer unha excelente cobertura sanitaria aos seus cidadáns, Holanda, Noruega e Suecia, danse os índices máis elevados de baixas por enfermidade. A xente está sa, pero pide a baixa médica. Hai unha picaresca tremenda. En Suecia, a xente falta ao traballo unha media de 22 días ao ano, cando en Xapón a media é só de tres. Ambos casos son extremos. Pero non é só a baixa por enfermidade. No meu país, os pais poden faltar ao traballo cando os fillos están enfermos. O cal está moi ben. Pero na práctica, a xente queda en casa aínda que o neno se recupere completamente. Toda esta picaresca está destruíndo o Estado de benestar. A xente xubílase moi pronto en moitos países europeos, vanse a casa con 55 anos, ou menos; outros acóllense ao paro aínda que poidan obter un traballo. E a xente o ve tan normal. Fixemos unha enquisa non hai moito para saber se aos cidadáns parecíalles ben coller a baixa por enfermidade sen estar enfermos, e o 60% dos enquisados dixo que si.

(...) Por que cre vostede que ocorre? Ten algo que ver nisto a inmigración?
R. Non ten nada que ver, en absoluto. O que ocorre é que os subsidios son moi altos en relación cos salarios. En moitos casos, a diferenza entre cobrar o desemprego e cobrar o soldo é só do 10%. Ás veces, non hai diferenza algunha. P. Entón, que se pode facer?
R. Hai solucións. Unha é reducir os subsidios; outra, aumentar os controis. Pero iso é bastante difícil, porque a maioría dos enfermos teñen síntomas que ningún médico pode comprobar. O 60% das baixas son por dores de costas e por depresión. Unha solución que están utilizando británicos e estadounidenses é pagar subsidios ao que traballa, é dicir, incentivar ao que traballa.


Fados (escoitado na radio)

Entrevista a Mísia en Radio 3. Bota pestes contra o "purista" Carlos do Carmo. Acúsao de vetala de xeito explícito na película sobre os fados de Carlos Saura. E de dar unha imaxe falsa e depauperada de Amalia Rodrigues (Do Carmo é director artístico do filme). Que opinan os nosos expertos no xénero?

3 nov 2007


Europa e o diñeiro.
Pan por Pan sábado 3 novembro

“Hoxe só hai unha gran forza en Europa: o diñeiro. Hai 20 anos os meus estudantes de Oxford querían dedicarse á política e á investigación. Hoxe as nosas elites van ó diñeiro e o diñeiro mércao todo en Europa, é como a droga do esquecemento, non queremos pensar os problemas. E se non encontramos outro ideal, o diñeiro vai sufocar a vida espiritual. En Europa a esperanza sempre estivo na esquerda dende a Revolución Francesa e onde non haxa unha esquerda seria, cun programa humano, hai un burato negro. Suíza, ese pequeno país ultraliberal, convértese nun xeito de protofascismo para vacas. Non hai unha gran ventá sobre o mañá, unha utopía se queren, si, un equivócase, pero se os mozos non queren equivocarse, se din que non lles van enganar de novo, qué lles queda? Irse traballar á banca.” (Dunha conferencia de George Steiner, hai uns días, en Barcelona, citada por La Vanguardia).

22 may 2007



As grandes preguntas.

Andoliña 23 maio

Moito se ten escrito xa sobre o caso Günter Grass e a súa confesión sobre os seus anos de mocidade: ós 17 anos pertenceu ás SS hitlerianas. “Fun seducido por Hitler. Crer nel e na vitoria non cansaba, era facilísimo”, di o escritor alemán nun xornal. Pregúntase agora Grass por que non dubidou. Por que non preguntou por aquel profesor desaparecido ou por aquel compañeiro de clase que era Testemuña de Xehová e nunca máis volveu?

Toda unha xeración foi seducida, sen facer preguntas. Non foi Grass o único: hai unha longa lista de escritores, filósofos, intelectuais, seducidos polo irracionalismo nazi. As preguntas facémolas agora: Carlos Casares escribiu Deus sentado nun sillón azul movido polas mesmas preguntas, despois de coñecer en Alemaña o palacio onde se tomou a decisión final: nin máis nin menos que eliminar toda unha raza, os xudeus, e seis millóns de persoas.

Preguntas que renacen ó ver películas tan maxistrais como O pianista, de Polanski, que repoñen na TVG, baseada en boa parte nas súas lembranzas do gueto de Varsovia cando a persecución nazi: agardo que os mozos de hoxe si se fagan moitas preguntas. Porque, de certo, non temos outro antídoto posible contra a barbarie e a senrazón.

13 may 2007








GALIZA-EUROPA-NÓS (3)




(Segunda parte da exposición: A Xeración Nós. Otero. Risco. Castelao. Plácido Castro. Xeración Galaxia. Galician Programm BBC. Os textos dos paneis van nos comentarios.


Fotos: Franz Marc. Mariñeiros irlandeses preparando as nasas, 1928, de P. Castro. Merlín e familia, de A. Cunqueiro)



Cada aldea desde os abrentes humáns labra e recrea nos eidos, nas casas, nos cantares, nas lendas un pouco da vaga materia orixinaria –corpo material e esprito inmorrente- ofrecida por Deus á actividade ceibadora da Raza. Europa non ten pra nós ren que nos adeprender. Somos Europa, traballamos no cerne europeo. Sen definilo nin expresalo a Galicia sempre desenvolveu o seu “leit motiv” de ceibe estilo europeo. Pola ceguedade de certas antinomias histórica puido figurar Galicia estraña á Europa. De feito o arredamento de Portugal e a política castelán detiveron o íntimo progreso galego e puxéronos unha máscara de morte. (...). Esgotadas as forzas criadoras dos grandes pobos europeos, triste a “Europe aux grands yeux” do probe e grande poeta Chennevière, a Irlanda vencedora do estupor da inspiración e da dúbida angustiosa do porvir sabe salvar a honra de Occidente. O soio pobo orixinal. O non mordiscado polo positivismo. Ao igual que Galicia non se pode explicar polos métodos do materialismo histórico. ¿Será moi aventurado predicir un novo estadio no que a mente e a man dos pobos céltigos señan a guía da Europa renovada?
Otero Pedrayo, Morte e Resurrección, 1932.

A invención do corpo do Apóstolo -¿Prisciliano ou Santiago?- fixo da nosa Terra un centro de universalidade. Nos camiños que conducían a Galicia crúzanse as culturas do mundo antigo e fórmase a unidade espiritual de Occidente. Por estes camiños entra Europa en España. Ao mesmo tempo xorde unha poderosa cultura galega, que adquire independencia e vida propia. Velaí a arte románica, culminando no Pórtico da Gloria, e velaí a poesía lírica, culminando no Cancioneiro da Vaticana.
As artes da construción callaron en Galicia no estilo románico, que perdurou por enriba do gótico, deica enlazarse co barroco. O gótico, por ser unha arte lóxica, non puido aclimatarse no noso país, pero do barroco fixemos, pode dicirse, un “estilo nacional”. Porque tendes de saber que hai un “barroco galego” e que, neste estilo, creamos exemplares que son fitos na historia da arte.
Castelao, Sempre en Galiza, 1944.

12 may 2007


ONDE EUROPA SE CHAMA TRASALBA

Andoliña sábado 12 maio (Imaxe de Durero)

Con este título, Ramón Villares pronunciou onte, na Casa Grande de Trasalba, un denso e rigoroso discurso arredor das pegadas europeas nas propostas ideolóxicas dos galeguistas dos anos 30, mesmo sinalando os diferentes matices ó respecto da Xeración Nós, dos seus seguidores do Seminario de Estudos Galegos ou, trala guerra, do Castelao que aposta polo federalismo e a idea europea en 1948 ou, dende outra perspectiva, do grupo de Galaxia e Ramón Piñeiro.
Os galeguistas dos 30, dixo Villares, concibían Europa “como un continente de pobos diversos, de “pequenas patrias”, esas que Solovio imaxinaba bebendo uns grolos de viño espadeiro nunha fonda de Amberes. Un futuro mapa de Europa no que “as fronteiras non eran liñas de aduanas, sinón vidales zonas de transición entre as armoñosas conciencias dos pobos”, no que “ninguen dominaba a ninguén”.

Magnífico o discurso de Villares, moi axeitada a intervención do presidente Touriño e engaiolante a voz de Susana Seivane. Pero confésolles que o momento que máis me emocionou foi escoitar a Abel, Almudena, Manel e Renata, catro rapaciños de Amoeiro, ler as páxinas finais de “Arredor de si”: don Ramón estaría ben fachendoso

9 may 2007


GALICIA-EUROPA-NÓS (2)

Solicitouse aquí información da exposición Galicia-Europa-Nós, que se exhibe no Museo do Pobo Galego e que organizou a Fundación Otero Pedrayo.
Polo de agora, ofrecemos ós lectores o esquema de toda a mostra e os textos dos primeiros paneis (o panel 2, de seguido e os paneis da primeira parte en comentarios).

A nova da inauguración da mostra en Galicia Hoxe e en La Voz de Galicia. Foto Xoán Crespo, de Galicia Hoxe.
A mostra estará nos locais do Museo do Pobo Galego ata o 15 de xullo.


1. Portada e título da exposición. Presentacion.Créditos.
PRIMEIRA PARTE

2. A Galicia atlántica. Mapa das relacións da Galicia prerromana coa Europa mediterránea e atlántica. O comercio do estaño. A cultura dos megalitos. De Dombate a Carnac e Stonhengue.
3. Galicia na romanización e os suevos. Prisciliano, Hidacio, Exeria, etc.
4. O mito artúrico e Galicia
5. O camiño de Santiago e a arte románica
6. Poetas occitanos. Poetas galego-portugueses.
7. O colexio dos Irlandeses. Comercio das vilas marítimas co norte de Europa
8. Ilustrados e liberais. Relacións con Europa.
9. Galicia vista polos europeos. Románticos e viaxeiros.

SEGUNDA PARTE
10. O galeguismo e Europa. O discurso da xeración Nós
11. Castelao viaxa por Europa. As cruces de pedra na Bretaña. Diario...
12. Vicente Risco viaxa por Europa. Mitteleuropa...
13. Otero Pedrayo e Europa. Adrián Solovio e Arredor de si...
14. Plácido Castro no Congreso das Nacionalidades Europeas
15. A Xeración Galaxia
16. A BBC e os programas en lengua galega.
TERCEIRA PARTE

17. O nacemento da Nova Europa. Despois da segunda guerra mundial
18. Continuación
19. Declaración Schuman. 9 Maio. Día de Europa. O Discurso de Castelao en pro da federación europea (1948).
20. A evolución do mapa europeo dende 1957.
21. Institucións europeas. Presenza de Galicia nelas.
22. Continuación.

(2) Memoria de pedras e ouro (a Galicia atlántica).
A historia naceu, como nace o sol, en oriente. O paleolítico, do que tan pouco sabemos, iníciase nas terras do leste de África e pasa a Europa, hai centos de miles de anos. O neolítico, a produción dos alimentos e a sedentarización, acougar nun lugar, comezou nas terras do Tigris, Eufrates e Nilo, uns 10 mil anos atrás. Pouco e pouco foise achegando ás terras occidentais e atlánticas polo curso do Danubio e polo gran camiño aberto do mar Mediterraneo. Así, ao redor do terceiro milenio antes de Cristo, conviven as culturas megalíticas mediterraenas –Malta, Cerdeña, Baleares, Almería...- coas occidentais de Portugal e Galicia e, máis alá, de Bretaña e das illas Británicas. A posición de metade de camiño entre o Mediterraneo e o norte de Europa de que goza Galicia, fará que xogue un papel de relación entrambos mundos que só coñecemos de forma difusa, e que se vai aclarando a medida que avance o tempo. O Dolmén de Dombate, os menhires como a Lapa de Gargantáns, e os petroglifos de Campo Lameiro, terán as súas correspondencias nos outros fiesterres atlánticos como Carnac (Bretaña) Stonehenge (Inglaterra) ou Newgrange (Irlanda).
Os contactos de orixe fanse máis intensos e constantes desde a Idade do Bronce, pois as producións materiais –espadas, alabardas, etc- entre os fisterres atlánticos da Bretaña, Inglaterra, Irlanda e Galicia, son idénticas, e moi semellantes os tesouros aureos de brazaletes e vasos, como o de Caldas de Reis.
Naquela altura, sabemos que fenicios e tartesos percorrían os mares occidentais en busca do estaño que precisaban para a elaboración do bronce. No século IV a.C. Rufo Festo Avieno fálanos das antigas expedicións en busca das Casitérides, illas de localización difusa, no occidente atlántico. A Avieno tamén debemos a información duns novos poboadores -“saefes” – que se superporían a outro anterior, “oestrimnios”, máis antigos. Esta noticia dos “saefes” vén sendo interpretada como a única referencia escrita á chegada dos pobos célticos a Galicia en varias ondas a partir do século IX. Estes celtas, se cadra non foron moi numerosos pero si o suficientemente importantes para deixar fondas pegadas en varios campos da nosa historia. Na ourivería, os torques, arracadas, brazaletes... Na toponimia, Lugo, Coruña... e o propio nome de Galicia. No sistema de poboamento... “castros” para nós, “hill forts” para os ingleses... E sobre todo tamén, como pezas claves no proceso de construción dunha identidade mítica no século XIX, tal e como aconteceu con outras culturas todo ao longo da Europa daqueles tempos.


EUROPA, GALICIA E A XERACIÓN NÓS
Andoliña 9 maio . Imaxe de Castelao, "Versión dun retrato de Cranach", no Diario 1921)

Vaise inaugurar hoxe en Compostela, coa presenza do presidente da Xunta, a exposición “Galicia, célula de universalidade. Europa e a Xeración Nós” que organizou a editorial Galaxia e que se exhibirá no Museo do Pobo Galego. Afonso Monxardín e o que escribe somos os responsables do comisariado da mesma, convidados para ese labor por Víctor Freixanes. Agardamos que esta mostra e as actividades paralelas que se van facer en Compostela e en Trasalba chamen a atención sobre a íntima vinculación que o galeguismo histórico tivo dende sempre coa idea de Europa. A Xeración Nós foi o momento central desa relación e na obra de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao ou Plácido Castro faise ben patente esa comunicación: todos eles beberon na cultura europea e definiron a idea deste país dende as súas máis fondas raíces como unha ponla do edificio cultural que naceu arredor do mito artúrico, o Camiño de Santiago e a arte románica.
Europa non ten pra nós ren que nos adeprender. Somos Europa, traballamos no cerne europeo”, escribiu Otero Pedrayo con orgullo e clara conciencia de que o futuro da cultura galega era inseparable da nosa identidade europea. E niso andamos aínda.