Mostrando entradas con la etiqueta Liberdade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Liberdade. Mostrar todas las entradas

28 jul 2008

LAICISMO. E TRES FOTOS.
La Región 28 xullo 08


Laicismo. No recente congreso federal do PSOE anunciáronse unha serie de medidas laicistas que logo quedaron en nada. Os alcaldes de Santiago e Lugo, socialistas os dous, opuxéronse ás mesmas, por exemplo. Aínda máis, supoño que para xustificarse, Sánchez Bugallo, o alcalde compostelán, declaraba nunha entrevista que el non percibía que a sociedade demandase máis laicismo. Pois depende onde se mire. Como todo. Nestes días as Xuventudes Socialistas de Galicia sacaron un comunicado reclamando que non se participase, dende instancias políticas, en cerimonias relixiosas. O concello vigués, da man do concelleiro de cultura (nacionalista), o ourensán Xesús López Carrera (fillo de Anselmo L. Morais), vén de desvincularse tamén da procesión oficial do Cristo da Victoria. E hai moitos datos estatísticos (matrimonios relixiosos e civís, etc.) que indican que un sector cada vez máis numeroso da sociedade non quere que a vida política siga subordinada ás mitras episcopais. Dende logo un partido progresista como o PSOE debería atender estas demandas e non outras máis inconfesables. Unha sociedade plenamente democrática casa moi mal con rituais que fan depender dun Apóstolo ou dun santiño calquera a solución do paro, do terrorismo ou do cambio climático.
Dúas fotos. Dúas fotos foron noticia estes días. Polo seu valor expresivo, a foto do monarca collendo a Adolfo Suárez polos ombros está cargada de significado: en calquera persoa minimamente sensible, esperta un sentimento de empatía co líder político da Transición castigado pola enfermidade. A outra foto para a historia foi a da recuperación do pazo de Baión. En tempos vimos os colectivos antidroga loitando contra as mafias do narcotráfico ó pé da porta dese pazo: a escena recreouse con xeito na película “Heroína”, de Gerardo Herrero. Agora vemos a Carme Avendaño, en nome dos que loitaron con tanto esforzo e intelixencia, atravesar fachendosa esa porta como símbolo da vitoria da sociedade civil contra Oubiñas e similares. Ó seu carón, o presidente da Xunta e o ministro de sanidade, Bernat Soria, e outras autoridades: se eu fose responsable de protocolo pediríalles que se quedasen tres ou catro pasos por detrás nese momento. O impacto da foto sería aínda maior no recoñecemento dunha xusta causa.
Karadzic. A outra foto da semana pode ser a da detención do criminal de guerra e exlíder dos serbios de Bosnia, Radovan Karadzic. Algúns autores matinan niso tan clásico de que a cara é o espello da alma: dende logo a fisionomía do carniceiro de Saraxevo hai anos, con vestimenta militar, non inspiraba para nada confianza. Pero un sinxelo disfrace con longas barbas brancas e lentes xa o converteron nun xeito de místico e curandeiro case bonachón. A Xustiza chega con 13 anos de retraso, pero chegará e Karadzic será xulgado polo Tribunal Penal Internacional da ex-Iugoslavia: as vítimas non merecen menos. En fin, tamén hai aquel dito de non fiarse nunca das aparencias.

21 jul 2008

MANDELA, O PRESO 46. 664 (La Región, 21-7-08)
90 anos. Puxo o nome de Soweto no mapa e pasou 27 anos no cárcere: con ese número, o do preso 46.664. Hai anos estaba na lista dos máis perigosos terroristas, por loitar contra o racismo e pola democracia, e hoxe a súa antiga cela é cita turística de peregrinación laica. É o nome que encarna a loita contra o apartheid. Recibiu en 1993 o premio Nobel da Paz xunto con F.W. de Klerk, o último mandatario da Sudáfrica racista que tamén deu os pasos necesarios para poñer punto e final a décadas de segregación racial implantada xa polos colonizadores holandeses.
Pero Mandela é moito máis que iso. Querido polos seus concidadáns, que lle chaman Madiba, título honorario reservado ós maiores da tribo, Mandela non é só un líder antiracista e da negritude. É en realidade un líder mundial pola liberdade e a dignidade humanas, comparado con Gandhi e situado entre as grandes personalidades do século XX, ese tempo en que foi perseguido e encarcerado: foi posto en liberdade no ano 1990.
Un símbolo. Mandela é ademais un símbolo necesario para África. Tan necesario para un continente que só aparece nos noticiarios asociado ás catástrofes e novas negativas: guerras tribais, fames e epidemias, o xenocidio da SIDA, a extrema pobreza, etc. Todos os días temos novas de líderes africanos asociados ó horror das ditaduras militares: dende o estrafalario Idi Amin ata o presidente de Sudán, Al Bashir, agora condenado pola Corte Penal Internacional por crimes de guerra en Darfur, ou dirixentes corruptos e criminais como Robert Mugabe, aferrado ó poder coas armas e a mentira ós seus 84 anos en Zimbabue.
Mandela é a outra África, que tamén existe, a que aposta pola liberdade, a democracia e o desenvolvemento. A que sabe que África merece outra esperanza. Non é fortuíto que no seu discurso do 90 aniversario Mandela se centrase na cuestión da pobreza: “A pobreza aínda afoga a nosa xente. Se es pobre, non é probable que vivas moito tempo”. A fronteira económica é moito máis poderosa que as liñas que debuxamos nos mapas: basta ver as cifras do PIB per cápita, das dúas bandas do Mediterráneo
(acaba de celebrarse un cumio euromediterráneo). Países como Marrocos, Mauritania ou Exipto teñen cifras do PIB por baixo dos dous mil euros, Alxeria un pouquiño máis. Da outra beira, a rica Europa ofrece datos moito máis alentadores: 22.300 euros en España, índices maiores en Francia ou Italia.
En galego. Todos os anos visítannos estudantes universitarios de todo o mundo que asisten a cursos de galego nas nosas Universidades, na de Compostela ou na de Vigo. Varios deles estiveron estes días en Allariz, croatas, eslovacos, norteamericanos, curdos, palestinos, etc. Todos se declaran encantados co noso idioma e a nosa cultura. Moito máis que outros galegos aquí nacidos que renegan de calquera sinal de identidade. Que andazo padeceremos neste país?

17 abr 2008

A Cope despide á redactora Isabel Quintairos por homosexual e nacionalista
A cadea dos bispos ignora unha sentencia de readmisión

(A nova contada por Ana Flotats en El País 18 abril)

Escoitei antes en TV dicir ó responsable da COPE, supoño que en Santiago, que, por suposto, esa cadea nunca dá instruccións ós seus xornalistas de como teñen que enfocar as novas. Faltaría máis...

13 abr 2008

Cebrián/ Felipe González
La incorporación de los valores religiosos a la política es peligrosa". Felipe González y Juan Luis Cebrián debaten en la Universidad de Brown.
"¿No te parece que es un cinismo que se critique la conexión entre religión y política en el mundo islámico, cuando en España, por ejemplo, los próximos ministros van a jurar su cargo con un crucifijo al lado?", pregunta Cebrián. "¿Te parece racional que la escuela pública enseñe religión? ¿Se tiene ahora que enseñar religión islámica además de la católica? ¿No sería más racional que no se enseñara ninguna?".

7 abr 2008

LUTHER KING, CORENTA ANOS DESPOIS
La Región 7 abril. Debuxo de Horacio Cardo. Na outra imaxe, Rosa Parks.


Corenta anos. Publícanse nos xornais e revistas diversos artigos sobre o líder antirracista cando se cumpriron 40 anos da morte de Martin Luther King, asasinado en Memphis, no Hotel Lorraine. Moitos deles subliñan que a súa mensaxe e a súa lembranza seguen moi vivas nuns Estados Unidos que superaron xa hai décadas as leis racistas e segregacionistas. O cal non quere dicir que a situación dos negros norteamericanos (aló din afroamericanos) sexa moi positiva: como colectivo seguen nos últimos postos da pirámide social e enchen os cárceres en porcentaxe moi superior ós brancos. Outro xornalista informa que os negros de Mississipi teñen a mesma esperanza de vida que a poboación que vive en Xordania ou Tailandia. E todos lembramos o que pasou co furacán Katrina en Nova Orleans e quen foron os máximos afectados, en parte abandonados polo goberno.
Discursos. Con ese motivo lin nestes días varias biografías e discursos do líder negro. E manteñen tamén a súa plena vixencia. Non en van Luther King era pastor dunha igrexa baptista e obsérvase ben o dominio que tiña o noso protagonista dos recursos da oratoria clásica. En decembro de 1955 unha modista de color, Rosa Parks (morreu hai uns meses), esgotada tras dunha xornada de traballo, negouse a ceder o seu asento a un branco, tal como estipulaban as inxustas leis de Alabama. Foi o sinal de saída da loita e alí estaba Luther King, para organizar os movementos de solidariedade con Rosa Parks: os negros boicotearon os autobuses para que se abolisen as medidas discriminatorias, durante 384 días, con redes de cooperación e axuda mutuas. Un ano despois a Corte Suprema de Estados Unidos declarou inconstitucionais as leis discriminatorias nos transportes.
Teño un soño. O discurso máis coñecido de Luther King é o pronunciado na Marcha sobre Washington, o 28 de agosto de 1963, en Washington e titulado “Teño un soño”: está accesible en Internet e mesmo en Youtube. É un impresionante canto á liberdade, que parte da propia historia da explotación dos escravos en Norteamérica e apela a un futuro de xustiza no que poidan convivir, en pé de igualdade, negros e brancos, chamando tamén a solidariedade dos “irmáns brancos”: “soño que un día, nas vermellas montañas de Georgia, os fillos dos antigos escravos e os fillos dos antigos donos de escravos se poidan sentar xuntos á mesa da irmandade”.

Seis anos antes, cando aínda non era tan popular, Luther King pronunciou un sermón na igrexa baptista de Bethel (abril 1957), en Montgomery, Alabama. Aquel sermón, titulado “O nacemento dunha nova nación”, reconstrúe con detalle os actos oficiais, nos que el estivo convidado, da independencia de Ghana (antiga Costa do Ouro) e o papel do líder negro Kwame Nkrumah. Hai un plano cinematográfico no discurso: cando conta como os novos líderes desa nación libre entran na cerimonia vestidos cos gorros e roupas que usaron na prisión nos longos meses que estiveron presos. Dous fermosos discursos que deberían, creo eu, ser lidos tamén nas nosas escolas.

29 feb 2008

“Mateina porque era miña”.
Pan por Pan venres 29 febreiro

Nesta coñecida frase está a causa final da violencia machista. Pódeselle dar moitas voltas, pero todas conducen ó mesmo lugar: os bestas capaces de matar unha muller ou de pegarlle unha malleira converten ese suposto ser querido nun obxecto máis da súa propiedade. Actúan así á marxe do seu nivel cultural ou económico. O mundo cambia, por sorte, e conceptos novos como a liberdade da muller ou a igualdade de sexos non son acollidos por todos con compracencia. E entón xorde a besta, que non quere que lle movan o seu mundo de ideas fixas. E reacciona coa violencia propia das bestas, a única linguaxe do dogmatismo e da brutalidade. E asistimos impotentes ó goteo de víctimas, unha, dúas, catro nun día... E só pensamos que isto rematará algún día. Como rematou a escravitude. Como rematará a tortura, a guerra ou a pena de morte. Oxalá sexa cedo.

28 feb 2008


en poleiro alleo
Machos asesinos, de Pedro de Silva (Faro de Vigo, 28 febr.)

El asesino patológico, que goza matando, es muy poco frecuente. En general se mata buscando algo, o sea, por razón de utilidad. En la violencia machista se mata, lisa y llanamente, para defender la propiedad sobre la mujer. Éste es el fondo del asunto. Mientras domine en la mayoría de los hombres la idea de que la mujer es de su propiedad, se darán las condiciones para la violencia machista, aunque las más de las veces el sujeto se reprima, y sólo aflore de modo cruento en individuos aislados. Más al fondo todavía, esa idea de propiedad sobre la mujer va unida a la idea más castiza y tradicional de familia. Dicho de forma algo brutal, tras un machista violento late casi siempre un defensor a ultranza del viejo modelo familiar, de raíz patriarcal y machista. La violencia surge, como resistencia, cuando sube la marea social para superar ese modelo y el agua le entra al macho en casa.

25 dic 2007




As fotos de Carles Santos, censuradas en Lleida

Un novo caso de censura artística. De novo con temática relixiosa polo medio.

As fotos foron antes exhibidas, sen problemas, en Barcelona, Valencia e Berlín.

A decisión tomouna o concello de Lleida, gobernado por PSC e ERC, ó considerar que as imaxes "poderían ferir a sensibilidade dos cidadáns". O autor, que non participou na inauguración da mostra en protesta pola retirada obrigada de 5 fotos, alerta do arriscado que é "permitir que as autoridades decidan sobre qué debe e non debe ver a xente".

22 jul 2007

Os bufóns.
Pan por Pan 22 xullo

O símbolo da revista “El Jueves” é un bufón e os bufóns están para cabrear, para molestar, para darlle a volta á realidade, en suma, para dicirlle ós poderosos que eles tamén son homes e non deuses. Por iso non se entende que a autoridade xudicial a emprenda contra un bufón gráfico como é a revista “El Jueves”, de consolidada traxectoria. Que se explique ben qué o que resulta inxurioso: o debuxo irreverente ou un texto impertinente? Pero as impertinencias son necesarias contra o poder: sexa este o Rei, o Papa de Roma ou Mahoma. E ós poderes non lles gusta a impertinencia: aquí, en plena democracia, secuestran unha revista; noutros lugares, cortaríanlle a man ou a cabeza ó debuxante. Para colmo do disparate, din que El-Rei Juan Carlos le esta revista cando vai de vacacións. Onte o monarca estreaba un veleiro patrocinado por un banco: pódese dicir isto, ou non?

20 jul 2007

Censura "democrática" dunha revista

A Audiencia Nacional prohíbe a publicación de El Jueves por unha caricatura denigrante dos Príncipes.
Na portada da revista reprodúcese unha caricatura do herdeiro da Coroa e dona Letizia practicando sexo. Aínda pode verse na web de El Jueves.
E tamén na web de La Región.
Esta revista de humor xa recibira chamadas de atención dende a Casa Real.

19 may 2007




Jerry Falwell, telepredicador

andoliña 19 maio
Morreu nestes días, sen que a prensa destacase moito a nova, Jerry Falwell, o pastor evanxélico ultraconservador que creou no seu día o movemento Maioría Moral, en 1979, e todo un lobby para apoiar a campaña cara a presidencia de Ronald Reagan. Toda a súa carreira está chea de xoias como esta: para el, o 11-S foi un castigo contra os pagáns e laicistas, enténdase abortistas, feministas, homosexuais e activistas dos dereitos civís. Tamén defendeu o apartheid surafricano e afirmou que a sida era un castigo contra os pecados dos homosexuais.

A cousa viña de vello. Fillo dun alcohólico, formou unha banda xuvenil na súa mocidade antes de converterse en cristián renacido e fundar a súa propia Igrexa en 1956. Opúxose nos 60 ós dereitos dos negros e ó movemento de Martín Luther King. E soubo ver o poder dos novos medios de masas: dende os programas de radio e TV chegou a millóns de norteamericanos ós que lles contaba cousas como que Tinky Winky, un dos personaxes da serie Teletubbies, era en realidade un homosexual escondido.
O seu mérito, por riba desta xeira de disparates, foi crear un discurso ultraconservador que logo acolleu Reagan. Deixou discípulos privilexiados: non só nos Estados Unidos.

31 ene 2007



Escribir dende a liberdade
andoliña 31 xaneiro
A semana pasada empezou en Ourense a XVII edición dos Encontros Literarios do Liceo, que este ano xiraron arredor do tema Literatura e Memoria e que contaron coa participación de Suso de Toro e de Benjamín Prado, autores de dúas novelas recentes que tamén falan diso (Home sen nome e Malas gentes que caminan). Esta cita cultural, común a escritores galegos e casteláns, empezou no ano 1990, co apoio entusiasta de Carlos Casares, e decidimos mantelos cada ano respectando o espírito que o autor de Ilustrísima lles dera no seu día.
Onte remataron os Encontros cunha conferencia de José M. Caballero Bonald sobre A Novela da Memoria. Esta charla coincidiu co escándalo que xentes do PP andaluz ergueron contra unha Guía Didáctica sobre este gran poeta e memorialista. Polémica tan absurda como moitas que veñen desa banda: e logo o poeta había esconder as súas opinións políticas para chegar ás escolas? E logo pronunciarse contra os que promoven a guerra é facer sectarismo? Por que a algúns lles molesta tanto o aceno dos que escriben dende a liberdade? En honor á verdade debo dicir que non pensan así as persoas que, co mesmo carné, patrocinaron esta cita dende a Deputación ourensá.