Mostrando entradas con la etiqueta literatura popular. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta literatura popular. Mostrar todas las entradas

25 nov 2007


As fontes do imaxinario na literatura galega (de Xosé Miranda, no Galeusca 2007)

Dado que falamos nestes días da obra de Xosé Miranda, traio aquí este seu texto no Galeusca, moi interesante. Transcribo o remate (está completo en Comentarios). A imaxe é de Watherhouse, Serea, 1901.

A Moura é unha deusa cobra e como as cobras pasa o inverno soterrada, e como as cobras é inmortal e como as cobras é ambivalente, fecundadora e devoradora. É unha deusa agraria que procede dun pobo europeo que existiu en Galicia. Europeo, non indoeuropeo. Pois xeneticamente non somos indoeuropeos. A ese pobo superpuxéronse en cultura e lingua, máis que en poboación, outros pobos indoeuropeos (celtas, latinos, xermanos) que trouxeron outras mitoloxías, mais a Deusa sobreviviu ata agora mesmo: soterrada. Existe, pois, unha mitoloxía galega non menor que a irlandesa, a británica, a bretona, a vasca, a lituana, a finlandesa, a alemana ou a latina. Saber descifrala vai ser tarefa longa. De momento sinalemos a existencia dos mouros e mouras, dos tesouros, trasnos, tardos, demos rumudos, diaños bulreiros, perellos, sumicios, de agoiros e avisos de morte, das Tres Marías, Da Raíña Loba, de libros e remedios máxicos, de vigas de ouro e de alcatrán, de encantos, lamias, xacias, sereas, cabras con pernas de muller e mulleres con pés de cabra, de mecos, rabenos e homes salvaxes, dun mundo subterráneo distinto a este, de peeiros e peeiras dos lobos, de cabalos pantasma, estadeas, paxaros da morte, cadelas peregrinas, raposas do Morrazo, estantigas, procesións de bruxas, pozos peago, mares subterráneos, cidades asolagadas, cobras voadoras que devecen polo leite, herbas cabreiras, ovos druídicos, pedras do raio e da serpe, maruxainas, homes do saco, mariamantas, meigas de dentes verdes, homes peixe, papóns, sacaúntos, zarroncos, biosbardos, cozorellos e moitos máis.
Remato: é ben clara a relación da mitoloxía popular e os diversos xéneros da literatura oral cos diversos tipos de literatura escrita. Así, a literatura chamada realista está preto dos chamados por Aarne “chistes e anécdotas” e “contos románticos e novelescos”; a literatura do marabilloso (que algúns chaman erroneamente fantástica e os anglosaxóns fantasía), como a de Dunsany, Tolkien ou Ursula LeGuin, procede dos contos marabillosos e dos mitos; a fantástica (Fole, no noso caso), está máis próxima á arqueolenda; os románticos á neolenda con castelos, mortos e pantasmas; e a “literatura do extraño”, poño, por caso Poe e Dieste, a verdadeira literatura de terror que é próxima ao fantástico pero ás veces non o é, asimílase á lenda urbana. E Cunqueiro? En Cunqueiro está todo o conto, o mito e a arqueo e neo lenda. O que non está en Cunqueiro é a lenda urbana, porque lle desagrada. Cunqueiro está moi lonxe de Poe e de Dieste, de Cortázar e Ambrose Bierce, e próximo a Borges e a Dunsany.
Aínda que é fama dos galegos sermos tráxicos e estarmos sempre a carón da morte, termos meigas e pantasmas, falar cos mortos igual ca cos vivos e todo iso, direi sen embargo que como calquera lector de Cunqueiro sabe, a cosmovisión galega está chea de humor, e a nosa mitoloxía e a nosa literatura oral tamén. Un exemplo: o nome do caracol.

14 jul 2007


O mar tamén ten amores.

A distancia entre o mundo culto e o popular nas letras e nas artes non é tan longa como queren presentar algúns estudos académicos. De feito, a esculca na nosa poesía popular achéganos a cotío exemplos moi semellantes ós utilizados polos escritores cultos. Velaí o mito de Venus, nacida da pura xenitalidade de Zeus e das escumas do mar e cantado mil veces por poetas e artistas como símbolo do amor e da sexualidade. Pois non está moi arredado do fermoso erotismo das cantigas mariñas de Meendinho ou de Martín Códax. Ou desta brillante cantiga, que invoca dende a forza do mar, en paralelo coa sexualidade masculina, un certo panteísmo primitivo: “O mar tamén ten amores,/ o mar tamén ten muller,/ está casado coa area/ dálle bicos cando quer. / O mar dá bicos na area,/ o orballo dá na flor;/ se todo o que se ama se bica,/ dáme un bico meu amor”.

13 jul 2007


Imaxes agrarias (pero non só...)

Pan por Pan venres 13 xullo. A imaxe é de Egon Schiele (Nu femenin au bax bleus)

Moitas das imaxes da nosa poesía popular cargadas de connotacións sexuais proceden do mundo agrario, cousa ben lóxica nunha sociedade tradicional, que foi quen as creou. Por iso son os homes casados os que saben manexar o arado: “Quen quixere ter amores/ téñaos cun home casado:/ sabe gobernar a vida/ e mais temperar o arado”. Do mundo labrego veñen metáforas como “meter o carro no palleiro”, “meter a pá no forno” , “montar a cabalo” ou “meter un ferro no lume da forxa”.

Pero sorprende a capacidade de adaptación do xenio popular ós tempos modernos: velaí o ferrocarril, que Curros cantou como símbolo do progreso. Nesta copla, quizais por semellanza co forno e coas súas calores (a máquina de vapor a máis carbón, máis calor), ten outro sentido: “María ten sete saias/ todas sete lle están ben;/ debaixo das sete saias/ ten a máquina do tren”.

11 jul 2007

PAXAROS E CEREIXAS
Pan por Pan 11 xullo. Imaxe de Hans Baldung Grien, Adan e Eva, 1531.
Dende que lin o estudo de Mariño Ferro, “O sexo na poesía popular” (Ed.do Cumio, 1995), xa ningunha lectura de coplas é inocente. Se un le, por exemplo, cousa tan fermosa como esta: “O paxaro de María/ anda nas miñas cereixas;/ come paxariño, come,/ que hei de ver as que me deixas”, quizais non atine no seu carácter simbólico: as cereixas, ó estar unidas a pares, representan os testículos e o paxaro que as come é, entón, a vulva feminina.
Nese libro aprendín que pouco hai na literatura popular sen connotacións sexuais. Velaí unha posible lista (incompleta) de símbolos: as cunchas, ameixas, berberechos, navallas, tellas, castañas, o caravel, o xogo das bugalliñas, a troita, a ola, o pozo, o xerro, a chocolateira, o forno, a máquina do tren, a campá, o dedal, os zapatos, a aña, a tea de liño, o coello, a lebre, a rata e o ourizo, ademais dos paxaros dos que falamos nestes días.

10 jul 2007


Máis paxaros e niños.

Pan por Pan martes 10 xullo
(Pagou a pena escribir este breve artigo só por encontrar en Internet o fermoso xilgueiro de C. Fabritius, pintor holandés da Escola de Delft, do s. XVII, que utilizo para ilustralo)

Algúns exemplos máis, no ronsel dos citados o domingo, sobre as imaxes sexuais dos paxaros nas coplas populares. Velaí: “Ai, que demo de paxaro/ onde foi facer o niño;/ entre as pernas dunha nena/ naquel mesmo buratiño”.
Ou esta recomendación do antroido: “Moito ollo rapazas,/ as que andades na farula,/ coidadiño con deixar/ tocar nos niños de rula”.
Mariño Ferro engade unha cantiga que xoga coa polisemia do niño nas tellas. Se hai paxaros que fan os seus niños nos tellados, estes móllanse cando chove, obvia connotación sexual: “Mari Pepa ten un niño/ entre as tellas do tellado,/ o niño de Mari Pepa/ cando chove está mollado”. Os poetas do pobo, con todo, só seguen os vellos esquemas da mitoloxía e das letras clásicas: pensen no mito de Leda e o cisne, por exemplo; no galo como símbolo da luxuria ou na soberbia que representa o pavo real.

8 jul 2007


Os paxaros nas uvas.

Pan por Pan domingo 8 xullo. Imaxe de Miró: paxaros.

Falamos onte daquel “paxaro mixiriqueiro” que lle gustaban as mozas de pelo roxo e non foi o único. Como amosa un estudo de X.R. Mariño Ferro os paxaros, cheos de plumas, teñen unha evidente connotación sexual feminina: “O paxaro de María/ ten cara de condanado,/ polos lados é peludo/ e polo medio arregañado”.
E se ós paxaros lle gustan as uvas, poden entender vostedes esta cantiga tan ousada: “O paxaro de María/ foime ás uvas do bacelo,/ todo paxaro ten plumas/ e o de María ten pelo”.
No entroido de Cacheiras cantábase isto: “A miña Jacinta/ tenvos un niño,/ e teno gardado/ para o meu paxariño”. Onde se despraza a connotación sexual cara o home.
Nesta cantiga portuguesa a imaxe é dupla: home (canario) versus muller (merlo): “Menina, prenda o seu melro/ que me vem ao meu quintal; / se lhe solto o meu canario,/ o seu melro fica mal”.
(P.S.: Graciñas ó amigo sr. Troll Ágrafo que cumpriu a súa palabra e deixoume no Liceo ourensán o agasallo que aquí me anunciara, unha copia do Cancioneiro de Casto Sampedro. Quedo moi agradecido ó meu anónimo amigo).

7 jul 2007

Máis coplas.

Pan por Pan 7 xullo. Imaxe de Leonardo.
Vexamos algunhas coplas máis sobre a presenza estética da muller nas coplas. Hai cantigas que eloxian os corpos delgados e outras que satirizan sobre os menos esveltos: “Dícenme que estou gordiña,/ que non me fai xa o refaixo;/ almas que vos condenades,/ que traio outros dous por baixo”.
Os cabelos, dos que xa falamos aquí respecto do seu simbolismo, teñen un amplo abano de posibilidades: “Moza do peliño rubio/ que tes conta do gando: / irás á noite á fiada,/ bailaremos o fandango”.
Ou esta tan simpática, chea, cómo non, de carga sexual: “Paxaro mixiriqueiro/ que estás na punta do toxo: / moito che gustan as mozas,/ aquelas do pelo roxo”.
Tampouco faltan os sarcasmos da fealdade neste rico tesouro do saber popular. Velaí un abondo cruel, ó meu ver: “Non te quero por bonita,/ tampouco por colorada:/ sólo che faltan os dentes,/ que é a fror de toda a cara”.

6 jul 2007


Morenas e brancas.

Pan por Pan 6 xullo. Imaxe de Cranach.

Houbo tempos en que as mozas chegaban a darse cremas para branquear a súa pel, moito antes do costume de torrarse nas praias baixo o sol. A literatura popular dá boa conta desa realidade, na que o ser moreniña, asociado ó duro labor campesiño, non era aínda un valor estimado: “Anque che son moreniña,/ déracheme Dios a gracia;/ si nacín para ser túa,/ aínda m’o tempo non pasa”.
Ou nestoutra: “Chamácheme moreniña/ inda máis podía ser;/ o Señor que me pintou,/ pintoume ó seu parecer”.

Gustaban máis daquela as de pel máis branca, como a tiñan as señoritas: “Eres branca como o leite,/ vermella como o coral,/ delgadiña da cintura/ como unha dama real”.
Quizais a color da pel era motivo abondo de escolla, segundo esta copla: “Olvidei unha morena/ por querer outra máis branca;/ agora xa vou sabendo/ onde m´o zapato manca”.

4 jul 2007


Mulleres activas.

Pan por Pan 5 xullo. Imaxe: Maternidade, de Arturo Souto.

De todo hai, insisto, no noso cancioneiro popular: por exemplo, mulleres de todos os tipos. Velaí esta irónica defensa da muller casada, pero só por horas: “Quen me dera poder sempre/ ó deitarme ser casada/ e á mañán, ó erguerme, / estar como antes estaba”.
Ou esta valente reivindicación da muller activa, mesmo no plano sexual: “Anque che son piquiniña,/ redonda como unha noz,/ teño de darche combate/ tres horas polo relós”.
Non falta a visión tradicional, máis convencional na denuncia das “liberdades” das féminas: “As rapaciñas de agora/ son pequenas como ratos;/ andan no medio dos toxos/ con barrigas como sapos”.
E hai tamén coplas que falan do maltrato ás mulleres, mesmo xustificándoo. Pero esta sería doutra fasquía ben diferente: “A muller pegoulle ó home/ cunhas cestas dun sarillo;/ xa que pode, está ben feito/ que castigue ó seu marido”.

Máis sobre os ollos e o amor (na literatura popular)

Pan por Pan mércores 4 xullo. Imaxe de J.L. Gerome.

É tan inmensa e vizosa a nosa poesía popular que encontramos nela todos os temas, actitudes e rexistros. Tamén, como estamos vendo, sobre o amor e os ollos.
Estes son a imaxe que mellor representa a amada: “Olliños que ben me queren/ nesta terra non están;/ pasano a Pontesampaio/ sabe Dios cando virán”.
Pero os ollos, aínda os propios, son tamén os culpables do castigo do amor, por eles entran os desexos e as paixóns: “Os meus ollos ten a culpa,/ a eles m’ hei de volver,/ que fun tomar amores/ a donde non deben ser”.
O mesmo laio do trobador medieval García de Guilhade: “Os olhos verdes que eu vi/ me fazen ora andar assí”.
Os ollos permiten ver a amada e non outra cousa é o que quere, por riba de todo, o mozo das nosas cantigas populares: “Quérote tanto, meniña,/ quérote tanto, rapaza,/ que o día que non te vexo/ eu non sei o que me pasa”.
(P.S.: a maioría das coplas que uso nestes miniartigos están sacadas da excepcional escolma de DOMINGO BLANCO, A poesía popular en Galicia, 2 vols., Xerais, 1992, que recolle case catro mil breves cantigas galegas)

3 jul 2007


Tes os olliños negros.

Pan por Pan 3 xullo

Dos ollos e do seu poder no amor escribín o pasado domingo: os moi cultos seguidores/as do meu blog enriqueceron as referencias literarias, de Lope de Vega a Petrarca, e de Xoán García de Guillade a Louis Aragon. E as mesmas imaxes arredor dos ollos e os amantes aparecen ademais na poesía popular galega. Por exemplo, os ollos e o “morrer de amor” dos trobadores, nesta cantiga: “Eu non sei que tes nos ollos/ que, se me miras, ti matas;/ mátasme, se para min ris;/ mátasme, cando me falas”. E a beleza exclusiva dos ollos da amada, os únicos capaces de crear o misterio amoroso: “Moitos, moitos ollos vin, / e sólo ós teus, miña rula,/ e sólo ós teus me rendín”. E xa saben, se os ollos verdes son traidores, semella que a este poeta anónimo lle engaiolaban máis os negros: “Tes os olliños negros/ como a seda de coser; / nacemos un para o outro:/ que lle habemos de facer”.