Mostrando entradas con la etiqueta cine clásico. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cine clásico. Mostrar todas las entradas

3 ene 2009





Cine de calidade para empezar o 2009

Reviso nestes días obras mestras do cine en DVD.
Non fai falla nin poñer os títulos: seguro que as identifican vostedes cos fotogramas...

31 dic 2008



Robert Mulligan
X. L. Méndez Ferrín, Faro Vigo 27-12-08

Sobre o ano 1963 vemos unha película titulada en España Matar (a) un ruiseñor seguramente porque a ave laiona que figura no seu título orixinal inglés non existe en Europa. Trátase dunha dura e vindicativa estoria que saca á luz o racismo da sociedade conservadora do Sul dos EE UU, con interpretación inesquencíbel de Gregory Peck no rol do avogado humanista Atticus Flinch. Cando algún fato ou cretino nos acusa de "antiamericanismo primario" sempre me vén á memoria Atticus Flinch como exemplo perfecto da decencia dos norteamericanos que Pablo Neruda simbolizaba na figura do Leñador.

A película presentaba unha zona de sombra. Un non comprendía moi ben por que unha meniña, que había de ser agredida, andaba polo bosco disfrazada de cabazo en ocasión dunha festa infantil tradicional cuxas regras os espectadores de aquí descoñeciamos. Nós non sabiamos en 1963 que nos EE UU había unha festa chamada Halloween e os traductores españois que traballaron na dobraxe tampouco sabían nada da dita festa. Naturalmente, a min nin sequera se me ocorreu que aquilo tivese nada que ver cunha tradición céltica que levase o nome de Samain. No meu rudimentario gaélico daquela época, que segue a ser rudimentario, Samain ou Samhainn o nome que leva a festividade cristiá de Todos os Santos e mais o mes de Santos na lingua propia de Irlanda e da Escocia celtizante. Claro que, en inglés, Halloween significa tamén Todos os Santos. Ou Hallowe´en.

Os lectores escoceses de Robert Burns (1759-96), o seu poeta nacional, non sabía grande cousa tampouco dunha celebración de Halloween en forma de nenos disfrazados e de lendas de meigas e cousas fantasmais que andasen polo mundo na véspera do día de Todos os Santos. Nada sabían os escoceses de finais do século XVIII sobre o folklore de espíritos ligados aos cabazos ou calacús do día de Halloween e Robert Burns tivo que lle-lo explicar de xeito erudito e mediante a minuciosa evocación dun costume que xa desaparecera naquel tempo. Así, o poema de Burns titulado "Halloween" acompañouse dunha nota explicativa e moi longa para os seus compatriotas comprenderen.
Moito máis tarde, e non antes de 1962, ano de Matar un ruiseñor, comezou a sair o Halloween como festa infantil nas películas norteamericanas. O seu nome inglés (arcaizante) entrou, sen ser traducido, nas dobraxes. Rapidisimamente, todo o mundo se enteirou de que existía Halloween e a súa festa de cabazos e de bruxas. En pouco tempo Halloween foi asumido, e este ano viñeron uns nenos da Avenida das Camelias, Vigo, a pedir na miña porta doces, como facían no maio de Curros os nenos que pedían castañas. Un grupo de agudos inventores de fantasías díronlle, coido que en Cedeira, unha volta de parafuso. Discurriron, despois de ler de xeito acrítico as novelarías de Jean Markale, que o Halloween en realidade é o Samhainn (as palabras significan o mesmo) e que en Galicia, que é celta, sempre se celebrara tal festa. E deron en decer que as carantoñas de cabazo que os nenos adoitabamos facer no mes de setembro para xogar a porlle medo ás nenas eran unha tradición antiga e sagra dos celtas galegos. Por tódolos Santos!

Do Halloween ao Samain: velaí unha impostura ben curiosa. Unha imposición cultural norteamericana feita a través do cine e do televexo pasa a adoptarse como unha falsa tradición folklórica galega. En realidade hoxe deberíamos falar da imposición, tamén imperialista, da árbore de Nadal que non é de orixe céltica nin sequera anglosaxona, senón alemá aínda que nola inculcasen vía EE UU. Pero ocorre que acaba de morrer Robert Mulligan, director de Matar un ruiseñor, unha das miñas películas favoritas, e os cabazos puxéronseme moi grosos na memoria.

17 dic 2008




CONSPIRACIÓN
PAN POR PAN mércores 17 decembro.

Cando o cine era algo máis que un laboratorio de efectos especiais, as pantallas contaban grandes historias: tamén as hai hoxe, pero menos. Por exemplo, un home que chega a un lugar ignoto, onde é recibido coa hostilidade de todo o pobo. Todos queren saber a razón da chegada do descoñecido, porque todos teñen algo que ocultar. Así comeza unha obra mestra de John Sturges, “Conspiración de silencio”, que vin no Xesteira hai varias décadas.

Revisada estes días en DVD, comprobo abraiado que segue funcionando como un vello reloxo herdado dos avós. Un excelente guión, un protagonista soberbio (Spencer Tracy, facendo de manco), un abano de espléndidos secundarios e un duro alegato contra o racismo que ten moito que ver tamén coa Caza de Bruxas de McCarthy. Película rabiosamente actual, aínda que hoxe a vítima non sería xaponesa, quizais iraquí ou afgana.

15 oct 2008


TRAPECIO
PAN POR PAN mércores 15 outubro

Reviso, despois de non sei cantos anos, “Trapecio”, de Carol Reed (1956). Sen dúbida, unha das grandes películas sobre o mundo do circo (que non son moitas). Burt Lancaster, monumental no seu papel de Mike Ribble, o trapecista eivado. Tony Curtis, correcto, pero non pode entusiasmar ó carón daquel mestre de actores.
A historia é moi sinxela: un triángulo amoroso e unha loita pola perfección artística: o triplo salto mortal. A parte negativa, a ambición e o engano, ten aquí cara feminina, só redimida ó remate polo papel redentor do amor. Podería mesmo falarse dun certo ton misóxino, pero a película é tamén unha excelente ocasión para encontrarse con outro tipo de estrelas cinematográficas como Gina Lollobrigida ou Katy Jurado.
A vitoria artística do fillo do Gran Orsini (T.Curtis) fai realidade o soño incumprido do seu mestre: un tema moi humano, tan auténtico como a vida.

3 oct 2008




Tierras de penumbra /
Una pena en observación (C.S. Lewis)

Un amigo mándame esta ligazón dunha interesante revista dixital, da Universidade de Salamanca, con este número sobre Medicina e Cine.

Entre outras cousas, hai un artigo sobre esta película e este libro, dúas pezas de culto no meu canon persoal. Velaí uns anaquiños da obra de C. S. Lewis.

La muerte es un tajo en seco al amor...el duelo forma parte integral y universal de la experiencia del amor... No deseamos realmente que la pena se prolongue en su primer estadio de agonía... Lo que pasa es que confundimos el síntoma con la cosa misma. La aflicción no es el truncamiento del amor conyugal sino una de sus fases regulares, como lo es la luna de miel...Hay que aceptar el dolor como algo inherente a esta fase...Pero si nos aclaramos con nosotros mismos, no vamos a estar buscando el dolor por el dolor. Cuanto menos mejor...mejor por cualquier parte que se mire. Porque he descubierto una cosa, el dolor enconado no nos une con los muertos, nos separa de ello.
Sea como sea, mi programa lo tengo bien claro. Volver a ella con alegría las más veces que pueda. Hasta saludarla con una sonrisa. Cuando menos la lloro, más cerca me parece sentirla.
Un programa admirable. Solo que, desgraciadamente, no se puede cumplir. Esta noche se me ha vuelto a abrir todo el infierno de la herida reciente: las palabras insensatas, el amargo resentimiento, el mariposeo en el estómago, la irrealidad de pesadilla, el baño de lágrimas. Porque en la pena nada se asienta.
Está uno saliendo de una fase, pero siempre se repite. Vueltas y revueltas... Dicen que los cobardes mueren muchas veces, eso les pasa a los seres amados.
Creí que podría describir una “comarca”, elaborar un mapa de la tristeza. Pero la tristeza no se ha revelado como una comarca sino como un proceso. No es un mapa lo que requiere, es una historia, y si no dejo de escribir esta historia en un momento determinado, por capricho que sea, no habría razón para que dejara de escribir nunca.
La pena es como un valle dilatado y sinuoso, que a cada curva puede revelar un paisaje totalmente nuevo… ¿Te diste cuenta en algún momento amor mío, de lo mucho que te llevaste contigo al morir? Me despojaste hasta de mi pasado, hasta de las cosas que nunca compartimos.

28 sept 2008


A mirada azul
Xa falamos aquí algunha vez de A gata sobre o tellado de zinc de Tennessee Williams, para min autor de culto. E hai quince días quixen revisar unha escena da versión fílmica dirixida por Richard Brooks e interpretada por Paul Newman e Liz Taylor. Era a escena da foto, un dos diálogos iniciais onde Paul amosa todo o seu desprezo contido cara a súa muller e cara o mundo. A miña intención era ver só dez minutos, porque vin a película varias veces. Pero non puiden resistirme: cando me decatei, xa a vira enteira outra vez. Adeus á mirada azul.

29 jul 2008


Ava.
Pan por Pan martes 29 xullo

O meu tempo de cine combina as estreas de películas recentes e a revisión dos grandes clásicos, que xa vin hai máis de 30 anos. Dedícolle máis tempo a estes. Por unha sinxela razón: nunca me defraudan. Un exemplo, “A noite da iguana” . Que se pode agardar da encrucillada de John Huston e Tennessee Williams? Só a xenialidade. Un intenso drama espiritual e poético (non só relixioso, aínda que o protagonista sexa un pastor protestante). E un recital de bo facer actoral: Richard Burton, Deborah Kerr, a Sue Lyon de “Lolita”. Pouco importa a orixe teatral do texto, tan evidente. Ou o catálogo de mulleres: dende a nínfula perversa (alguén falaría de misoxinia) ata o anxo redentor. E sobre todo, Ela: Ava Gardner, a encarnación da Deusa Nai en formas de extrema sensualidade. Alguén dixo desta actriz que era o animal máis bonito do mundo: velaí, non esaxeraba.

13 jul 2008

As grandes historias nunca morren
Shane (Raíces profundas, George Stevens, 1953)

Vina unhas cantas veces. De pequeno, cando non sería moito máis maior que o pequeno Joey. Onte recupereina, en DVD, e comprobo que mantén toda a súa beleza e frescura.
É unha das películas da miña infancia e supoño que de todos os da miña xeración. Como A noite do cazador, Capitáns intrépidos ou Matar a un reiseñor.
Un western inmortal, pero moito máis que un western.

28 mar 2008


A cara do mal.
Pan por Pan venres 28 marzo

Como era previsible, os obituarios de Richard Widmarck, falecido ós 93 anos, lembran a primeira película que o botou á fama no mundo do cine: “O bico da morte” (1947). Non porque sexa a súa mellor película: fixo máis de 70 filmes, moitos ben notables, en xéneros como o western, cine negro, thriller, melodrama, etc. En “O bico da morte” interpretaba a un desalmado que era quen de atar a unha velliña a unha cadeira de rodas para logo, impasible, tirala escada abaixo. Era a cara do mal e iso, xa o di o tópico, é excepcional para lucir os rexistros máis ricos dun actor. Pensen na Bette Davis de “¿Que foi de Baby Jane?”, plano a plano facéndolle crueis canalladas á súa irmá, tamén eivada nunha cadeira de rodas. Na sala escura, co silencio que envolve a pantalla, aniña a catarse e o misterio morboso que nos permite admirar estes monstros dos que refugamos con firmeza na vida real.

24 ene 2008


GALERNO (Bieito Iglesias, ECG 24 xaneiro)
a imaxe é de Capitáns intrépidos (1937), de Víctor Fleming, película que fixo chorar, máis dunha vez, ó neno que eu fun...

No século XVIII, o bibliófilo Bernardo Gomes de Brito xuntou en dous volumes as relacións de naufraxios de médio século (de 1552 a 1602). Naceu así a História trágico-marítima, monumental peza da literatura portuguesa que Saramago presenta coas seguintes palabras: "A antiepopea da xesta marítima dos portugueses! O que n´Os Lusíadas é gloria que guinda os heroes ás alturas do Olimpo, é aquí drama que os afunda nos abismos do sufrimento e da miseria humana". O lamento dos mariñeiros lusitanos que bateron todos os récords da desventura a bordo das naus que facían a carreira da India, ten a súa correspondencia na Galiza cos ventos galernos e serras de auga que mergullan os nosos pesqueiros.
Eses días viviuse e morreuse (un morto e dous desaparecidos) o naufraxio do Cordero, un episodio máis da loita desigual que libran os pescos cos mares grosos. Por algo en galego o mar leva xénero masculino, como lle acae a un cruel deus das tempestades, soando entre nós "la mar" a imperdoable prosmada. Se alguén se decidise a novelar ou filmar a traxedia dos mareantes engulidos polo mar adoecido, negro por baixo e albo por riba, a obra resultante deberá titularse Todos foron valentes.
Ultimamente xa hai escasos íncolas que desafien as ondas e os tripulantes chegan case dos antípodas, do Mar da China e do Mar da Sunda, isto é, de remotas xeografías que coñecemos polas aventuras do Tigre de Malasia, campión literario da nosa adolescencia. Seica os científicos intentan deseñar barcos de maior seguranza, corrixindo o "momento escorante" ou abalo producido polos golpes da ondada. Ese "momento" fáiseme tan abstruso como o "momento angular" do que falan os astrofísicos (propiedade dun corpo celeste de movemento circular), pero desexo vivamente que inventen naves inmortais. Grazas aos mariñeiros sobreviventes e finados sentímonos orgullosos de sermos galegos. Pouco máis temos de que orgullarnos.
(A engadir: xa saben que Manuel (Spencer Tracy), o protagonista da película de Fleming, é, en teoría, un mariñeiro portugués. Lembro un vello artigo de Ferrín, que por algures terei gardado, que dicía que nunha escena o tal Manuel cantaba unha copliña en galego dedicada ó neno encontrado no mar. Outra curiosidade: vexo na Wikipedia que en portugués a película titulouse Marujo intrépido).

5 ene 2008










Películas que se poden recomendar (vistas nestes días)

Descubrindo Nunca Xamais, de Marc Foster (2004), con Johnny Depp e Kate Winslet, baseado na biografía do creador de Peter Pan, o exitoso dramaturgo escocés James Matthew Barrie.

Serenata nostálxica, de George Stevens (1941), con Cary Grant e Irene Dunne. Imprescindible para pais primeirizos. Un correcto melodrama que manexa con elegancia as elipses narrativas e a música como fío da historia. Por que se esqueceron sempre de Cary Grant no caprichoso reparto dos Oscar, mesmo en papeis dramáticos como este?

20 dic 2007


CHARLES CHAPLIN
PAN POR PAN xoves 20 decembro
Inaugurouse en Barcelona unha exposición sobre a evolución do personaxe de Charlot, creado por Charles Chaplin: inicialmente era un tipo pouco escrupuloso que só quería roubarlle a paga ó amigo ou deitarse coa muller do veciño. Logo, xa co bigote incluído, o personaxe foise pulindo cara o vagabundo de bo corazón de “O chico” ou o home comprometido de “O gran dictador”. Supoño que algo hai nese personaxe da súa propia vivencia persoal: abandonado polo seu pai alcohólico, Chaplin viviu unha infancia angustiada coa idea de que a súa nai acabase no asilo, e así foi (morreu tola), e logo co medo a ser atrapado pola policía. Viviu nun mundo marxinal e coñeceu o que era a fame: lembrarán aquela xenial escena na que persegue unha bota que el ve como unha galiña coa que se vai dar un banquete: quizais tiña que ver tanto coa imaxinación como coa súa propia vida.

18 nov 2007


O señor Kubrick.

Pan por Pan domingo 18 nov.


O señor Kubrick é moito Kubrick. Fixo algunha das obras mestras do cine contemporáneo. Mesmo en obras que me gustaron menos, nunca me defraudou. O venres pasaron por TV “A chaqueta metálica”: era das poucas das súas cintas que aínda non coñecía e aproveitei a ocasión. Quizais non fun na estrea pola temática, para min desagradable: os modos de adestramento e tortura dos marines norteamericanos ata convertelos en máquinas de matar en Vietnam. Nunha crítica daquela hora (“Contracampo”?) dicíase que era case unha película fascista. Eu non vin tal. Dende logo, ten secuencias de desbordada crueza: a escena do suicidio do soldado patoso é unha das imaxes máis fortes creadas no cine do seu tempo. Acontece que a simple descrición do máis descarnado militarismo non anda moi lonxe do retrato do fascismo. Iso tamén é verdade.

7 nov 2007


Acoso no cine.
Pan por Pan mércores 7 novembro
Cando Daphne du Maurier escribiu “Rebeca” non estaba de moda falar de acoso, nas variantes usuais hoxe: acoso moral, escolar, sexual, etc. Tampouco cando fixo Hitchcock a súa maxistral película. Pero a protagonista vive acosada polas lembranzas dunha figura espectral (a Rebeca que mandou en Manderley) e poucas veces se describiu un clima emotivo tan asfixiante. Hai outras dúas marabillas do cine sobre mulleres acosadas: “O coleccionista”, de William Wyler (1965), baseada nunha novela de John Fowles (onde o tema sexual é secundario) e “Luz de gas”, de George Cukor (1939), citada como exemplo de acoso moral nalgunha web de Internet. Aquí é Ingrid Bergman a muller acosada e Charles Boyer o malo malísimo que planifica con detalle a tortura psicolóxica da súa esposa: cantas mulleres desa época se verían daquela reflectidas nestas actrices?

6 nov 2007


Rebeca.
Pan por Pan martes 6 novembro

Celébrase este ano o centenario da escritora Daphne du Maurier: eu entereime polo suplemento cultural do ABC. Moitos lectores quizais non identifiquen o nome inicialmente, pero si o farán se pensan en Manderley, aquela casa de campo misteriosa da película “Rebeca” de Hitchcock, cunha lóbrega ama de chaves, a señora Danvers, onde hai un algo inefable que segue dominando todas as condutas: quizais o espírito de Rebeca, a primeira muller que mandou naquela casa. É doado empatizar coa heroína anónima, nova esposa de Maxim, engaiolada nesa treboada de misterio e fascinación. Un mundo nacido dunha novela de Daphne du Maurier. Onde importan por igual os ambientes e os personaxes: todo perfectamente encrucillado. A novelista é tamén a autora das historias de “Os paxaros”, “A posada de Jamaica” e “O ancián”: con ese currículo, merece todos os respectos.

5 nov 2007


Máis sobre Daphne du Maurier
(Na imaxe a casa onde viviu Margaret Mitchell, en Atlanta, e onde escribiu a súa novela Foise co vento)

No suplemento de ABC do que lles falei, hai un traballo titulado "El síndrome de Rebeca" de Peter Burke, profesor da Univ. de Cambridge e do Emanuelle College. Analiza a historia que deu lugar á popular película de Hitchcock e logo fai un percurrido pola importancia dos escenarios na mesma, e sobre todo da casa, con todos os seus mobles: "Anoche soñé que volvía a Manderley..."

E aproveita para falar das casas máis notables na literatura (e non só fantástica). Como pista, cita obras como Os Maias, de Eçade Queiroz; O gatopardo, do príncipe de Lampedusa; Absalón, Abasalón!, de William Faulkner; Foise co vento (1936), de Margaret Mitchelll (lembren que aquí tamén arde unha das casas, na película); Life in the English Country House (1978), de Mark Girouard; Retorno a Brideshead (1945), de Evelyn Waugh; O mensaxeiro (1953), de L. P. Hartley e, un pouco anterior á Rebeca, The LastSeptember (1929), de Elizabeth Bowen. Deixo aquí o dato por se a alguén lle interesa (con primacía, xa ven, da literatura anglosaxona).

4 nov 2007


Daphne du Maurier
O suplemento cultural de ABC (ABCD) traía onte un pequeno monográfico, varios artigos, dedicado á escritora Daphne du Maurier (no retrato da esquerda), no seu centenario, a autora das historias que nos encheron de soños en Rebeca, Os paxaros ou A posada Jamaica, coa mirada de Hitchcoock polo medio, claro.
(Creo que non está na rede para non subscritores pero, se alguén ten moito interese, que mo comunique, que lle farei chegar fotocopias deses artigos)

31 oct 2007


Contada por un cadáver

Contada por un cadáver, como lembraba Arume nun seu comentario. Cine e puro cine, en estado virxinal, indeleble: cine de verdade. Había moitos anos que non me achegaba a Sunset Boulevard (O crepúsculo dos deuses), de Billy Wilder: xeniais Gloria Swanson e Erich Von Stroheim, tamén William Holden, un actor que non brillou demasiado noutro tipo de papeis. Cando un ve películas como esta, pura arte (e alégrome moito de coincidir con Arume e seguro que con moitos máis), un queda reconfortado, aliviado, relaxado. Para min é como acudir a un balneario a liberarme de impurezas, da chea de estulticias que padecemos a cotío: na rúa, nos xornais, na televisión... Por desgraza, dixémolo xa outras veces, este é un mundo case vedado ós mozos e mozas de hoxe: moi poucos coñecen estas grandes películas do cine clásico.
Alguén debe estar moi interesado en apampalos cos títulos de moda: que se pode agardar dunha “oferta cultural” como Supersalidos? Lembro aquilo dos ácratas da televisión como droga que ninguén persigue e ás veces penso que tiñan toda a razón. O mundo está cheo de beleza, de intelixencia, de arte, de bo cine, e non ten perdón que moitos mozos non reciban outra cousa que esa “cocaína espiritual” en pílulas que se lles ofrece todos os días.

30 oct 2007

Máis de Conferencias.
Pan por Pan mércores 31 outubro
Contoume Manuel Lourenzo, director de teatro, que unha vez tivo que representar unha obra, con toda a montaxe escenográfica e demais, para unha soia persoa, nunha vila galega. Pagaba a Xunta e impúxose o seu sentido de responsabilidade: hai que actuar. Nunca dei unha conferencia para unha soia persoa, pero eu faría o mesmo: tanto respecto merece unha como cento cincuenta. Creo que foi Millás o que contou un dos peores temores do conferenciante: a sala baleira. Ou peor aínda, engado eu: a sala que se vai baleirando de vagar ata quedar só a voz do orador. Non lembran vostedes o “Ser ou non ser” de Lubitsch?: cada vez que o actor polaco inicia o parlamento máis famoso da historia do teatro, no público o tenente Sobynsky érguese e vaise: xenial a cara de apampado do Hamlet.
Imaxinen a escena: cando o conferenciante diga “Ourense, Atenas de Galicia”, por exemplo...