ENTRE HORTAS E PORTAS, n.28, de Xosé M. González
E para comer, Lugo.
O Xaime non dá Pena ningunha canto ao dente.
Teña aquí dedicatoria e recoñecemento.
No 1941 houbo dous feitos ben relevantes. Primeiro, casaron José Ramón González Saavedra -de Couso, Santa María do Castro, Cervantes- e Alicia Pérez García, de Guitián, San Pedro de Froián, Sarria; sen tal evento, seguro que eu non escribía nada. O segundo, máis complexo, resumámolo dicindo que vinte e trinta anos despois aínda a xente lle chamaba a aquel o da Fame; ben sabido é o que teñen eses nos que Ano acaba sendo nome propio e, por ende, toman apelido.
Dúas décadas transcorridas, larica grave non pasaría o máis da xente. Pero certo hábito precautorio, e a non moi gran sobranza, traían ao guisado menos carne ca patacas; “grazas que as hai, e que non falten”, suspirarían interiormente os nosos maiores, cun alivio ás veces expreso en voz alta. Era boa educación servir para si -da prata ao prato- ración magra do elemento máis proteínico, principalmente habendo convidados, e ir deixando para un repetir do que a miúdo todos se privaban, contendo a gana.
Considero indiscutible que a grande maioría comiamos bastante caldo, moita pataca e frecuente verdura; ovos e froita había tamén. De carne, ante todo porco e curado; abonda matanza era feita nas lindes da capital, sen demasiado condicionante por hixiénico motivo, e chourizo embutido en casas coma a miña de San Roque. Coello ou polo en ocasión infrecuente. Cabrito ou año, por día singular. Sitúen as castañas, pantrigo de días, centeo, empanada e callos onde mester sexa, eis unha dieta con forte aparencia autóctona -case étnica, diga ao mellor algún cáustico- e forte poder calorífico: o tal, de haber abondo, para as nevaradas que invariablemente nos caían en tempo de rigor.
Completemos perspectiva sumaria do condumio: se todo o anterior igual era doméstico, ou viña por veces de familia aldeá, a tenda subministraba algunha chacina -roxón prensado, salchichón- e produción extraterránea: tal o aceite, pasta, arroz. Senllas imaxes envía a tenda do señor Gabino (outrora fronte á capela) con acougo de arrecendo xa impreciso: eu que levo para o aceite unha botella de litro baleira, el manexando émbolo con panca, baixa o cilindro transparente, enche o meu recipiente líquido verde e oleico; outra mercadoría indefinida, a granel, con papel envolta e á bolsa de rede . A pasta ten dúas variedades, fideo e macarróns; “espagueti”, en película italiana ou entre gángsters.
Pois ben: cando no sesenta e pico foi establecido un lema turístico e publicitario (“...Y para comer, Lugo”, de Alfredo Sánchez Carro), non radicaría tanto na dieta maioritaria coma en pitanza ou esmorga ocasional que algún rumboso, xerarca ou creso encarga para regalo propio e de agregados que van encher a andorga. O lugués medio, que era socialmente baixo, en carne de xato máis barbadela e semellantes ca solombo e costeleta; sardiñas, conserva e o incipiente conxelado ca troita e anguía, como non fose pescar el ou un amigo; perdiz, quen a pillara. Moita fachenda me daba, porén, un lema de tan relativo fundamento no comunitario e o xeográfico.
Existía moita casa popular de comida; Recatelo, Rúa Nova e do Progreso abondarían para mención á que renuncio. Como establecemento máis dispendioso citemos A Coruñesa, cuxo evocar non será de agravio pois pechou hai anos deixando só a extensión de xunta o Parque; tiña bar aquel restaurante, e os aromas que do fondo procedían de voda eran. Pois tal tipo de convite volvíase ocasión -única ou rara- do cobizado xantar fóra en Lugo.
A miña Primeira Comuñón (ano de 1961) aínda viu arrombar un cuarto do piso -o meirande- para nel banquetearmos; debeu haber entremeses, a moi excepcional ensaladilla rusa e outros pratos de excepción. O meu irmán comungante (1965, ou 66) xa celebrou portas para fóra, nun baixo que o Paramés utilizaba na Mosqueira; onde avaliamos, en primicia e sobremesa, un doce que chamaban torta xeada. Cando casou a miña prima Olga (1968?), camareiros de etiqueta serviran un menú que iniciaba cóctel de gambas; ten escrito o Hugh Johnson que a salsa cóctel mata calquera viño, sospeitando que -co tempo- mata así mesmo os seres humanos: que máis lle daba ao Xosé Manuel, absorto na novidade. Canto mudaba.
No modesto fogar de barrio, luxo non haberá, si comida suficiente; polbo no San Froilán, bacallau pola vixilia, filloas, freixós e orellas no Entroido. Será en moitos ao xeito, con algo máis ou algo menos. Pero máis alá do muro -pedra e tutela- que protexe os seus cativos, murmurio dos adultos, alusión compasiva ou exemplar, inevitable ollada testemuñan a estreitura que non cesa. Caldos habería con pouco máis ca unto, minguado compango e probablemente frío na casa ou casoupiña. Mundo non é paraíso. Nin sequera Lugo é. Nin tan sequera a morriñenta infancia.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 6 días
10 comentarios:
Saavedra máis Saavedra ca nunca. Ese caldo habería con pouco máis ca unto é da súa familia.
A estas horas esto non se pode ler. Poña por diante do post: para ler en tempo de fartura.
O do compango é palabra que comparte o galego cos curmáns do leste.
E, por favor, xa o dixen noutro post: precisamos foto do cartel antigo á entrada a Lugo pola vella de Santiago, agora non utilizable, perto do cemiterio co lema do título deste extraordinario artigo.
As canciós de éxito nos anos da fame falaban todas de comida: "Tengo una vaca lechera", "Cocidito madrileño". Busquen máis, que as hai.
Tamén me chama a atención que os cantantes e músicos de flamenco chámanse habitualmente coma cousas de comer: "Camarón", "Cigala", "Tomatito". Esta última observación débolla ó amigo Zapata, pintor.
Eu lembro coma as señoritingas de capital, finxían non saber qué era o caldo. "Caldo? Qué es eso?". Estábamos na praia.Logo decían: "Pásame la toaja".
Ó facer as filloas, as mulleres da casa, facían moitas brincadeiras. A algunha metíanlle un papel, ou unha carpaza. Había que mordelas con cuidado. Na casa dun veciño invitaran a comer ó cura. A unha filloa botáranlle moito pimento picante, e foille tocar ó relixioso. Como era educado, coméuna igual, e logo berróu "Viva Murcia!". (Na aldea decían "fillogas").
Certo o que di XDC das cancións da posguerra. E aínda é máis evidente no comic ou nos tebeos da época: que era CARPANTA máis que unha crítica radical a aqueles tempos de fame e miseria? Os censores non o percibiron?
Tamén cantaban "Raskayú, cuando mueras, qué harás tú", que presentaba uns versos terribles cun cementerio cheo de esqueletes que bailaban (estos muertos se me han revolucionado". Despois da guerra, ese estribillo: "tú serás un cadáver nada más", pois que queren que lles diga.
Acabo de chegar da Estrada, e púxecheme colorado pola dedicatoria, grazas.
Xa sabes que aínda nos queda a cita no polbo na feira de Castro Ribeiras do Lea e no xantar teño que convencerte para que sopeses a posibilidade de votarlle o PP.
Teu, namentras queiras, Xaime
Xaime, está visto que non podo ir xantar contigo, polo menos de aquí a dous meses: os cortes de dixestión son malísimos.
O rótulo, Arume, ata non hai moito estaba tamén onda a estación de servizo do Miño, na entrada desde Nadela; teño que ir á de Santiago, comprobar se segue o que vde. di.
Compango. A tal palabra, galega e asturiana pode ter orixe nunha expresión reforzada, coma os pronomes ligados comigo, contigo, etc. Será de formación romance, xa que non parece haber compango en portugués.
Pero non sei, amigo Saavedra, se non será moi de Lugo esa expresión de compango, porque por estes lares turonios non a teño eu escoitado.
Aproveito para outra consulta. Hoxe lín nun artigo (en español) dun autor galego en EL PAÍS a propósito do Prestige que en Galicia houbo unha "revoltura social". Existe esa expresión en galego co sentido de revolta? Porque ata onde eu sei (a miña nai en asturiano tamén a emprega) eso significa náusea, noxo. Tamén pode ser que o autor quixo aportar esa idea e eu estea equivocado. Pero quixera saber se a palabra en galego significa tamén rebelión, ou algo semellante.
Gracias por anticipado. E desculpas pola deformación profesional (será un síndrome novo?) tamén en domingo.
Revoltura vén no Gran Xerais como voz galega non estándar, correspondente a revolta. Aínda que non me é familiar, non dou fe de tela escoitado nin de non; soar, sóame a un deses modismos que moito falante espontáneo elabora analoxicamente, combinando ad libitum un lexema cun sufixo e dando lugar a voz non catalogada: sería, supoño, o que o propio Gran Xerais denomina creación expresiva ou forma de uso moi específico.
Canto a compango, certo é ser voz luguesa; pero, cando menos, tamén está en Rosalía, Follas Novas, "A probiña, que está xorda!", verso 13:
...e mais compango de porco.
Serían interesantes máis achegas dialectais. Teñan bo domingo; teño que ir a Becerreá para non sei que dunhas filloas.
Eu oín moito na aldea a expresión "compango". Decíase "comer de compango" (con pan?) en oposición a "comer de quente". Normalmente comíase de compango cando había presa, polo moito traballo.
Comentario lingüistico, pra ser sometido á consideración do XMGlz:
Na aldea oía moito a expresión "ó pé de..." pra indicar "ao carón " (de algo que está fixo). "Foino insultar ó pé da porta". "O saco está ó pé do canastro".
Fai un rato estaba oíndo un audio en rumano e chamóume a atención porque tamén se dí "pe"(coa mesma fonética o "e") pra indicar "ao lado". Ao lado da mesa: "pe masa".
Publicar un comentario