Ourense, universo cultural
Diso falou onte Ramón Villares en Ourense, nunha breve, pero gorentosa charla. O que antecede é o título exacto: na prensa saíu “Ourense, universo literario”, pero o enfoque era máis amplo.
Na súa excepcional Historia de Galicia (Galaxia, 2004, pp. 401-411) xa fala Villares con detalle deste mesmo tema. Onte só precisou algunhas cousas máis. Preguntouse polo papel fulcral desta pequena cidade na nosa historia cultural, no tránsito do XIX ó XX, e comparouna con outras urbes, de maior dimensión, como Oviedo (capital universitaria) ou Toledo (capital relixiosa e mística dende a Xeración do 98).
Que tiña o Ourense da época que especificaba este ámbito cultural respecto a outras vilas galegas? En telegrama, Villares fixou catro riscos especiais:
(a) O carácter de cidade de tránsito e itineraria, dende tempos moi antigos (a Ponte medieval, o río), e comunicación vital con Castela e Portugal (papel que pode revalidarse co futuro, cando?, AVE);
(b) Unha maior integración entre o marco urbano e a contorna rural, propiciado polo marco do viño, e o papel dos señores, fidalgos e burgueses;
(c) O papel determinante da burguesía foránea, chegada de fóra de Galicia, e dos maragatos dende mediados do século XIX, xulgados polos de Nós como inimigos do país e da nosa cultura. Velaí o estereotipo dos “casteláns” e o papel de símbolo da “carretera” como mecanismo de asimilación e integración cultural (nun aparte, chegou a afirmar, retándome a min mesmo a investigar no tema, a posibilidade dun xeito de “antisemitismo” en Nós, onde os galegos serían os celtas e puros e os casteláns os novos “semitas).
(d) A existencia de sempre en Ourense de elites intelectuais, cun curioso equilibrio dende tempos medievais entre elites laicas e eclesiásticas. Nese sentido, os de Nós propóñense como as novas elites intelectuais do país, que pensan o mundo dende Galicia (e dende Ourense) e elaboran un proxecto nacional e cultural para todo o país (non son localistas, non se quedan na erudición ourensá).
Subliñou ademais a vitalidade cultural dos tempos do Rexurdimento: Lamas e O Tío Marcos d´a Portela, nacemento do xornalismo en galego; formación inicial de Curros, etc. e, sobre todo iso, hai que engadir o papel fundamental do que chamou os “anticuarios”: eruditos e arqueólogos do Instituto do Posío e da Comisión de Monumentos, que están na base da formación da Xeración Nós. Citou varias veces a Marcelo Macías e Benito Fernández Alonso (eu, se se me permite, engadiría tamén, cun papel relevante, a Arturo Vázquez Núñez).
Relacionou o papel dos de Nós co desenvolvido nese momento por Costa e Ortega en toda España (cando se decatan de que non hai nación ou proxecto nacional español) e comparou o seu labor cultural e ideolóxico ós de meirande nivel da España e da Europa toda da súa época.
(Pido perdón por adiantado a Villares e a todos polos posibles erros deste resumo. Non tomei notas nin gravamos (mágoa!) a charla. Isto é só un convite ó debate no que agardo pola participación de todos os amigos/as e contertulios).
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
4 comentarios:
Había que tratar do alcance que tivo Primitivo Rodríguez Sanjurjo, grande amigo de Otero Pedrayo.
A Primitivo citámolo moitas veces, entre os etcs. Pero o certo é que ninguén sabe case nada del: alguén debía afrontar unha monografía ó respecto, digo eu.
Resulta moi interesante calquera posible investigación sobre esa xeración anterior a dos Risco, Otero e Cuevillas: os homes do Museo, os da Comisión de Monumentos, os xornalistas de finais de século, os catedráticos do Instituto, os fundadores do Ateneo do 14, os Parada Justel, J. Manuel Paz Nóvoa, Benito Fdez. Alonso, etc. A ver se alguén se anima, que por ese camiño penso que aínda hai moito por facer e sobre todo por divulgar.
Moi serodiamente (o tempo, o implacable, apenas tempo para ler nos deixa) achego un detalle á síntese de Nós>: en efecto, quixeron tar dimensión nacional e non quedar en eruditos locais. Ora ben, o peso do ourensán é ben notable, e denota que era o ámbito -xeográfico e vital- máis propio e amado.
Índice de tal pode ser examinar a Guía de Galicia de Otero e contar o número de páxinas dedicado á cidade mediomiñota e os seus monumentos: en extensión, só Santiago lle é comparable; véxase o que lle é dedicado á miña altomiñota urbe.
E non digo que a intención fose mala.
Publicar un comentario