A cultura do pan.
Pan por Pan venres 25 abril.
Se lles preguntamos ós nosos alumnos de Bacharelato en qué lugares de Galicia e en qué paisaxes hai cultivos de trigo, de centeo ou de millo, saberían respondernos algo? Déixolles a vostedes a resposta. Vivimos nun mundo no que os meniños cren que o pan e o leite nacen nos supermercados por xeración espontánea e levan nomes e logos raros, ás veces en inglés. Por iso son necesarios libros como “A cultura do pan” (Xerais), de Xosé Lois Ripalda, quen hai uns meses deunos un fermoso “Libro das fontes”. O seu novo volume fálanos das formas de cultivo e da cultura popular asociada ó pan. Da galega e tamén das lendas guaranís sobre o millo ou dos mitos clásicos grecolatinos. E da hucha sacra do cabaceiro (Castelao) e dos muíños de auga. E de coplas tan ousadas como esta: “O cura foi ao muíño, / e caeu de cu na presa,/ acudide aquí veciños/ quedoume a caralla presa”.
13 comentarios:
A influencia do "espíritu do grao" na xénesis da sociedade humana e dos primeiros "círculos do pensamento" é ben fascinante de analizar e de estudar. A quen non o lera, non podo deixar de recomendarlle "A ponla dourada" ("La rama dorada").PREMER.
Os segadores tiñan unhos códigos pra transmitirse mensaxes entre eles mentras segaban. Unha presa de pallas posta ao revés na gavilla, significaba que o dono daba pouco de beber. Esto avergonzábao e, ao vela, mandaba bebida pra todos.
Mágoa que non teña tempo de contarlle algunhas máis.
Pero agardaremos, don Xoán, non se apure. Cando teña tempo. De seguro sabe cousas ben interesantes do tema, que complementarán o libro de X.L. Ripalda.
Vestiámonos preferentemente de blanco, pra ter menos calor. As camisas, ben abrochadas nos puños, e, os pantalós, atados no fondo, pra que non entraran as arganas e o pó (a sega era unha das poucas actividades na que non estaba mal visto o pantalón nas mulleres, antes de que se xeneralizara o seu uso entre elas).Algús puñan tamén un pano ao pescozo, como os vaqueros das películas. Un pañuelo blanco anudado nas puntas pra poñer na cabeza os homes, unha pañoleta as mulleres.Ou sombreiros de palla: redondos e grandes os das mulleres, de alas e máis pequenos os dos homes. Colliamos os "gadaños". Grandes os dos bós segadores. Había que aguzalos o mellor posible, na pedra na que pingaba a auga desde a espiga incrustada no burato dunha lata con auga. Pra comprobar si estaba ben aguzado, apoiabas a punta cortante do gadaño na uña do pulgar. Se se espetaba lixeiramente có seu propio peso e oscilaba sen caer ao soltalo, estaba ben aguzado. Igual duraba media xornada sin ter que aguzalo de novo, se segabas ben e non dabas con él nas pedras ou no chao . Se era de mañá, comprobábamos que non houbera orballo, senón no se podía segar: os mollos pudrirían ao amedoucalos.
(Continuará).
Na miña aldea chamábanlle "gadaños" ás fouces da seitura, termo que non recolle o libro do Ripalda. Reservábase "fouce", a secas, prá da herba. O "gadaño" era máis grande,e con curvatura e torsión diferentes. Tamén a técnica de uso era diferente. O centeo, collíase coa man esquerda de xeito que o dedo pulgar quedara apuntando pra arriba, e, na herba, pra abaixo. Eso obligaba a movementos dos brazos e do corpo totalmente diferentes.
Moi evocadoras, tamén as referencias do libro ás comidas. Durante a seitura, non se iba comer á casa. Viña unha muller cunha banastrilla á cabeza,chea de tortela de patacas,latas de sardiñas,pan,viño, etc. Decían que, si a seitura se facía no tempo axeitado, esa cesta tiña que vir chea de candeas,esas frores blancas e largas dos castiñeiros, que can precisamente , en grandes cantidades,nesa época do ano.
Ten razón o Ripalda cando dí que os mollos do medouco se colocaban verticáis. Pero faltóulle decir que os catro primeiros,non. Con eles facíase a "cruz": un cuadrilátero horizontal formado por eses catro mollos, colocados de xeito que as espigas de cada un tapasen a "chave" de outro("chave" era o nudo có que se ataba o mollo ,pola parte oposta ás espigas). Esa "cruz" tiña que estar ben feitiña,era a base do medouco.
Moi atinada tamén a referencia ao tamaño da meda como símbolo de estatus da familia. Eu conservo unha fotografía en B&N, de moi neniño, sinalando simpáticamente o tamaño da nosa meda, có abó. Igual algún día llela mostro.
Pero qué cantidade de coplas, ditos e contos trae o libro!.
Así e todo, eu boto en falta moitísmos detalles interesantes sobe o tema, por telo vivido, aínda que fora como membro da última xeración que coñecéu eses vellos procedementos . Entón, qué non poderán engadir moitos deses velliños que andan por aí, sentindose inúteis. Si eu tuvera algún poder político, subvencionaría a recollida de datos dese tipo a investigadores e aos propios velliños que os lembran.
Don XDC: vostede podería escribir un libro semellante, ben o ten demostrado nos seus comentarios. OU ampliar este. Eu fágolle o prego de que escriba todo o que saiba sobre este tema. Ou cólgueo aquí, así, ós poucos. Eu mesmo comprométome en facerlle chegar todas estas notas ó autor de A CULTURA DO PAN, X.L. Ripalda. Grazas de novo.
Hai un traballo, que debería ser de lectura obrigatoria:
"Sacrifícios simbólicos associados às malhas", do antropólogo português António Jorge Dias.
Alucinante libriño.
Da Coba:
Lembra o filme "Apocalypse Now Redux"??? A versión remasterizada ten maior nitidez que a orixinal. Repare nas imaxes cando Kurtz está tentando readoctinar a Willard, no seu cuartel en Kampuchea. Pare o DVD e amplie a imaxe na altura en que a cámara varre os estantes en que o coronel garda os seus libros.
Pode ver "The Golden Bough". Creo que o filme (alén do mito de Ulises) está baseado na milenaria historia do vello rei que é sacrificado polos súbditos. E creo tamén que todo o ritual que rodea a sega do cereal está imbuída dese espírito.
Pode ver tamén, entroutros, outro libro, "From ritual to romance", de Jessie L. Weston. Non dei conseguido exemplar en castelán ou português. A temática é parecida co anterior.
Vostede lembra, Medela, por qué nas mallas se traballaba tan á presa?. Porque o maquinista cobraba por tempo mallado. Subíase alguén a carón del pra darlle os mollos xa desatados, os homes corrían coas "corras" cargadas de palla cara o palleiro. Era importante que houbera xente en exceso pra axudar, pra darlle feito á máquina e non desperdiciar o tempo valioso que estaba encendida. Mesmo se diseñaban técnicas de "búffer", como diría un informático, entre queñes daban os mollos, queñes levaban o grao, ou a palla. Un rapá ou unha velliña vixilaba que o maquinista non manipulara o reló da máquina, e comprobaba o seu bó funcionamento con outro, tal era a desconfianza dos paisaniños. Os procedementos de optimización desenrolados por experiencia farían as delicias de calquer especialista en diagramas PERT.
I ese libro que dí, si non o consigo, pediréillo emprestado. Se quere, léoo diante de vostede pra devolverllo cando remate, si non se fía de mín,...XDD.
Imaxino que xa leo "A rama dorada", amigo Medela, fantástico libro que fala de todo eso...
Publicar un comentario