entrevista de Xosé M. del Caño (2ª parte)
- ¿Como foi a súa etapa de Santiago?
- Dende o verán do 75 a finais dos anos oitenta, foi unha etapa moi prometedora, de inicio da transición, chea de ilusións e de esperanzas, moi comprometida ideoloxicamente e moi politizada. Nada máis chegar a Santiago, sumeime á loita política, basicamente en Erga e na Asemblea Nacional Popular Galega (AN-PG), que se fundou pouco despois. E tamén militei durante varios anos, sobre todo ó principio, na UPG. Traballei case sempre no fronte cultural da AN-PG. En concreto en Santiago desenrolei un labor, de xeito legal, por así dicilo, en dúas asociacións culturais, que eran O Galo e O Eixo. En 1976 e 77 había moitas mobilizacións. Neses anos fixemos varios peches en Fonseca, no que daquela era a facultade de Economía, na que estaba Xosé Manuel Beiras. Estivemos alí pechados varios fins de semana, rodeados pola Policía Nacional. Había cargas e algunha detención. Estivemos día e medio no “caldeiro” por propaganda ilegal. Daquela, pese a que nos gustaba a historia, para nós o fundamental era a militancia política, á que lle dedicabamos máis de doce horas diarias. Había unha confrontación moi dura entre o nacionalismo, representado por Erga, UPG e AN-PG, fronte ó Partido Comunista, porque loitaban polo mesmo territorio. E tamén mantiñan pugnas con outros grupos da ultra esquerda, coma O Movemento Comunista e os trotskistas da Liga Comunista Revolucionaria. Había enfrontamentos moi fortes nas asembleas. Esa loita foi decisiva para galeguizar a universidade. Daquela o PC e o MCG non utilizaban o galego nunca, nas asembleas, nos voceiros e na propaganda. Empezaron a facelo pouco a pouco, por esa presión. Despois si, decantáronse por traballar en galego. Había unha confrontación moi grande cos ácratas, que non admitían o galego para nada. Ás veces tiñamos enfrontamentos moi fortes nas asembleas, porque dicían: “Eso del gallego es un tema pequeño-burgués, un tema ridículo. Hay que hablar en castellano, que es la lengua de los obreros”. Moitos daqueles ácratas, dos que non vou dicir os nomes, na actualidade están nunha posición económica e política moi destacable.
- ¿Os profesores estaban á altura?
- A maioría era xente do Opus Dei. Había cregos e en xeral era xente moi conservadora. A un profesor, o historiador Monteagudo, fixémoslle un boicot todo o ano e suspendeunos o curso enteiro. Era practicamente nazi. O gran cambio deuse a partir do cuarto curso, con Xosé Ramón Barreiro Fernández, actual presidente da Real Academia Galega, e Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega.
- ¿En que centros traballou vostede como profesor?
- Fixen o servizo militar en Córdoba e Sevilla, en 1981, o ano do golpe que vivín con certo nerviosismo. Estiven pensando en fuxir a Portugal. Eu sabía que estando no cuartel non me ía pasar nada, pero temía pola vida do meu pai, que era concelleiro do BNG en Nogueira de Ramuín. Tiña medo de que se puidera dar algunha tolemia, por parte dalgún grupo fascista, e fora por xente dese tipo. A principios de 1983 chamáronme para dar clases de galego en Santiago. Eu fixera uns cursos de homologación, porque daquela aínda non había filólogos licenciados. Uns meses máis tarde, destináronme ó instituto Salvador de Madariaga da Coruña. En 1984 presenteime ás oposicións, que aprobei, e incorporeime ó instituto da Carballeira como profesor de lingua e literatura galega, que é onde sigo na actualidade.Levo alí case 25 anos.
O VENTO É UN CAN
-
Vento de noite
O vento é un can sen dono,
que lambe a noite inmensa.
A noite non ten sono.
E o home, entre sonos, pensa.
E o home soña, durmido,
que o...
Hace 1 día
5 comentarios:
1983: que lonxe queda!
A Coruña: unha noitiña aparecín de súpeto no piso do Valcárcel pedindo parada e fonda. Sniff!
Despois esperaba unha época de sequía. E eu que pensaba, iluso, que o normal era que chovese.
Xa sabe vostede que tras das choivas pode vir a sequía, pero volverá a chover...
Choveu, choveu de abondo. Non teño queixa.
Relida a entrevista, aproveito para facer unha matización quizais necesaria:
nun tono algo esaxerado, aparecen a maioría dos profesores da Facultade de Historia 1975-1980 asociados a posicións conservadoras e Opus Dei. Do Opus había nomes coñecidos en Xeografía, segundo lenda moi extendida, e algún crego moi carca en Arte.
Ó carón de Villares e Barreiro, que nos abrían outro mundo, tivemos bos profesores nas súas respectivas materias: entre outros, Manuel Núñez Rguez. (arte medieval), María Luísa Sobrino Manzanares (arte contemporánea), Ermelindo Portela (historia medieval: aínda que a este démoslle a lata abondo cos Irmandiños os mozos nacionalistas), mesmo o que nos daba Historia de América (agora non lembro o nome, síntoo). Outro nome a subliñar na Facultade era o de Pegerto Saavedra, en Historia Moderna. E tiven o meu suspenso temporal, como todos, en Moderna con Eiras Roel porque aquilo dos veciños de Valladolid contados case un a un superaba as nosas entendedeiras daquela. Nesa xeira andaba outro "modernista" competente, José Pérez, hoxe na Facultade ourensá. E a Hueso e a Folgar, agradecerlle que nos pasasen as películas mudas do cine clásico, doutro xeito nada doadas de ver.
De Barreiro Fernández, engadir que en máis dunha ocasión apoiou as loitas dos alumnos de xeito bastante activo: e falo de loitas moi conflictivas, ás veces conducidas por elementos ácratas ou de ODEA (unha organización afín ó PCR-GRAPO). Beramendi tamén era alumno desas e sabe do que falo.
O estilo oratorio e desenfadado de Barreiro cadraba moi ben co que del agardabamos os alumnos.
Non é oportuno contar outras relacións políticas daquela hora, pero podo dicir que Barreiro, por iniciativa nosa, colaborou tamén na primeira HISTORIA DE GALICIA, do Frente CUltural da AN-PG, aquela que quixo ser secuestrada (tamén hai que engadir que non lle gustaba todo o que figuraba naquel libro, nin moito menos).
Publicar un comentario