República. Pan por Pan domingo 13 abril.
Imaxe superior: carné de Antonio Taboada Nóvoa, un dos fusilados no Campo de Aragón (pásame a imaxe X.L. Carrión, a quen lla entregou esta mañá unha filla deste militante das JSU).
Como todos os anos, dende hai unha década, a Asociación de Amigos da República convócanos hoxe a un encontro de lembranza das vítimas inocentes da guerra civil no cemiterio de San Francisco. É só un dos actos programados para estes días, todos eles en homenaxe tamén á xeración dos Artistiñas, que tiña en Vicente Risco un mestre indiscutible. Na noite do venres xuntámonos nunha cea unhas catrocentas persoas, en reafirmación dos valores da democracia, a liberdade e a fraternidade. E non é retórica subliñar estas palabras. Ademais da necesaria e merecida relembranza das persoas que loitaron noutrora polas liberdades, o encontro do venres significou unha ocasión case única para o diálogo entre persoas de múltiples sensibilidades e ideoloxías nun espírito común de convivencia. O cal non é pouco nos tempos que vivimos. Noraboa á Asociación de Amigos da República. (Andaban por alí, na homenaxe do cemiterio... vexan os comentarios)
5 comentarios:
ANDABAN POR ALÍ, CEMITERIO DE SAN FRANCISCO, entre outros:
David Cortón, X. L. Carrión, Mª J. Álvarez, as concelleiras Isabel Pérez (BNG) e Marga Martín e Ana Garrido (PSdG-PSOE), M. Peña Rey, José Manuel e todos os habituais de Esquerda Unida, varios fillos/as e familiares directos de Prego de Oliver e de Ernesto Gómez del Valle, a filla de Antonio Taboada Nóvoa (un fusilado no 37 que non está na lista oficial alí exposta), os irmáns Sueiro e o sobriño Gonzalo Iglesias (deleg. Educación; Benito Losada, Afonso Vázquez-Monxardín, Afonso V.-M. tío; Javier Huete, o militante asturiano (77 anos) que participa en todos cantos actos republicanos hai no Noroeste español, cunha gran bandeira republicana; Anselmo López Morais; os arquitectos Freixedo e Pedro Diéguez (deseñadores do monumento ós fusilados); Xosé Carballido (dir. xral. Cons. Medio Rural);
Xavier López e un seu fillo; o P. Silva (que non puido reprimirse de dicir unhas palabras, sen que ninguén o convidase a iso, creo); etc.etc. (Excusas ós esquecidos, que serán moitos/as).
Rex publica rex populi est.
Por certo, admirador de Baltar: se ten vostede contacto cos amigos do PP, pregúntelles porque xa non asisten a este tipo de actos. Si que o facían hai uns anos: lembro a Araújo, concelleiro de cultura, no cemiterio. Dende que andan preocupados pola "imposición" do galego, véxoos moi escondidos...
CARTA DE XOSÉ LOIS CARRIÓN:
Amigo Marcos:
Teño que sinalar que a señora á que fas mención, a filla de Antonio Taboada Novoa, chámase Dolores e que o seu pai si figura entre os/as fusilados/as no Campo de Aragón (nas inmediacións do cemiterio de San Francisco e do Auditorio) e no Cumial, relación de nomes que dende hoxe figura ao carón do conxunto escultórico levantado por subscrición popular na súa lembranza. Esta obra, deseñada polos arquitectos Alfredo Freixedo Alemparte e Pedro Diéguez Iglesias, foi doada ao Concello.
Antonio Taboada Novoa era un tipógrafo ourensán de 29 anos, militante socialista, que foi fusilado o 27 de xullo de 1937 no Campo de Aragón por certo, non estaría nada mal que existira unha placa na zona na que se lembre que alí foron executados máis dun cento de persoas polo delito de non seren traidores ao Goberno lexítimo, á República-.
Perderon a vida tamén con el nese mesmo día e lugar os obreiros do ferrocarril Antonio Colmenero Villamarín e Camilo Gago González, ambos de Castrelo do Val; Ramón Figueiras Añel, carpinteiro, e José González González, labrador, veciños os dous de Ponte Canedo. De Ourense eran: o alguacil da Audiencia Higinio López Barrio; o avagado Eduardo París Villar e o mestre de obras, e alcalde da cidade. Manuel Suárez Castro. Todos eles forman parte dun total de 141 fusilados no Cumial e no Campo de Aragón, segundo as investigacións do historiador Julio Prada Rodríguez plasmadas no libro Ourense, 1936-1939. Alzamento, Guerra e Represión.
O propio Prada Rodríguez comentoume que cando remate as investigacións, a ese total de fusilados en ambos lugares haberá que engadirlle ao redor de 30 novos nomes. Cando así sexa, o compromiso municipal é substituír a placa actual cos nomes por outra na que estean todos.
Indicar tamén que entre os/as presentes, ademais de varios familiares de represaliados, estaban as fillas do citado Manuel Suárez e de José Salgado Peste, fusilado no mesmo lugar uns meses antes, concretamente o 17 de abril de 1937. Curiosamente o nome delas dúas é tamén Dolores.
Envíoche tamén o carné de militancia de Antonio Taboada Novoa e a foto que lle mandou a súa dona pouco antes de morrer. Nela pódese ler: Carcel de Orense julio de 1937. A mi querida compañera Rosa, con el último abrazo de tu Antonio.
Sirva de homenaxe a todos/as os/as fusilados/as e claudiados/as.
Xosé Lois Carrión
Corrixo agora mesmo ese dato. Cando cheguei entendinlle a David Cortón que ese nome non estaba na placa, cousa por outra parte normal e lóxica: seguro que aínda aparecerán novos nomes de fusilados no futuro. Por suposto, non había ningunha matización crítica na miña afirmación.
Publicar un comentario