Un documento político
Un amigo desta casa tivo a ben enviarnos este documento político do Partido Galeguista. Colgámolo aquí porque pode interesar a algúns dos nosos curiosos e espelidos lectores/as:
GALEGUISMO: A IDENTIDADE
O Partido Galeguista é unha organización política de mulleres e homes que teñen por obxectivo erguer a Galicia até situala en pé de igualdade cos pobos europeos máis desenvolvidos.
Nós, os Galeguistas, entendemos que Galicia, como nacionalidade histórica europea e tamén como expresión sociopolítica da irmandade universal que conformamos os galegos espallados polo mundo, demanda unha renovación da teoría e da praxe política que redeseñe os puntos referenciais de calquera acción que interprete, administre ou reivindique os seus dereitos lexítimos como nacionalidade participativa, soberana e diferenciada tanto da Unión Europea como do Estado de Dereito definido pola Constitución do 78, baixo a denominación xenérica de España, que implicitamente recoñece e debe protexer os diferenciais da nosa IDENTIDADE como pobo, da nosa cultura e tradicións, do noso idioma e das institucións que representan e expresan, sociopolítica e administrativamente, tanto os intereses como os lexítimos e históricos dereitos dos cidadáns galegos e, por extrapolación, do concepto de nacionalidade, de nación, que reside no pobo galego e debe de expresarse por medio dos seus órganos constitucionais representativos.
Xa que logo, SETENTA E SEIS ANOS despois da súa fundación e ás portas de cumprirse VINTETRÉS ANOS da aprobación (no V Congreso), da liña programática de "Concordia Nacionalista", o Partido Galeguista abre un proceso para acada-los devanditos obxectivos o máis axiña posíbel, polo que defenderémo-los intereses dos galegos en tódolos ámbitos de actuación convenientes, mediante a elaboración e a execución de estudos, programas e demais traballos que posibiliten a conquista dos maiores niveis de desenvolvemento económico, social e cultural, das xentes dos lugares, parroquias, aldeas, vilas e cidades, tanto dos residentes dentro dos territorios históricos da Galicia como daqueles que residan noutros países ou estados da península Ibérica, Europa, América e no resto do mundo.
Queremos que a mensaxe galeguista chegue ós cidadáns do único xeito xenuíno que ten de manifestarse: a través do Partido Galeguista; e para iso traballaremos sen desmaio e executarémo-las formas de actuación política máis idóneas e axeitadas, principiando pola loita para acada-las cotas de autogoberno que precisámo-los galegos para podérmonos desenvolver como pobo diferenciado que somos, cousa que compatibilizaremos cun traballo concertado e solidario cos demais pobos. Somos e seremos, cada vez máis, a opción política capaz de garanti-la máxima capacidade operativa e decisoria para o parlamento e o goberno galego, sen caer en sinerxías excluíntes nin illacionistas; unha opción, en definitiva, que será capaz de interpretar axeitadamente o concepto da IDENTIDADE GALEGA, cunha VISIÓN de ESTADISTAS da política centrada en construír País, en facer País, en facer Galicia e, por iso mesmo, en ter unha visión axeitada de concertación política a nivel do Estado Español e da Unión Europea. (...)
(Segue en Comentarios)
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
10 comentarios:
Está claro que, para construír a Galicia que queremos, temos que participar decidida e comprometidamente no redeseño da contorna administrativa e política que está agora vixente; sempre desde perspectivas nas que a irrenunciábel e decidida defensa dos nosos dereitos históricos sexan unha garantía de solidariedade e traballo en común con outros pobos e territorios cos que temos moitos séculos de historia compartida.
Xa que logo, declarámo-la nosa vontade de participar e colaborar nas actividades políticas galegas, do Estado Español e de Europa, pra axudarmos á mellor gobernación posíbel de Galicia, de España e da Comunidade Europea, no marco do Estatuto da Nacionalidade Histórica de Galicia e dos marcos Constitucionais que, tanto no presente coma no futuro, conten co respaldo democrático dos cidadáns e dos poderes galegos como normas básicas que garanten o noso dereito ó autogoberno, cousa esta que constitúe unha xustificación senlleira pra razón de ser do Partido Galeguista.
Soamente así, coa creación dun instrumento político destas características, acadarémo-los galegos as cotas de benestar que nos corresponden polas nosas tradicións, polas nosas potencialidades, e polas nosas capacidades.
Para o Partido Galeguista a nosa IDENTIDADE é un feito obxectivo de igualdade que, con independenza do valor das variábeis que conteña a súa formulación, pode verificarse sempre. Xa que logo, cando os Galegos falamos de "sinais de identidade" exteriorizamos unha reflexión, tanto semántica como social, que reflicte unha realidade absolutamente tanxíbel: o conxunto de sentimentos subxectivos, dereitos históricos e accións comúns que derivan na idea de pertenza a unha colectividade coa que nos identificamos e, tamén, a unha contorna na que queremos participar en pé de igualdade.
Como cidadáns de Galicia a nosa IDENTIDADE NATURAL, por dereitos lexítimos, é a de Galegos; a ela nos debemos e con ela temos compromisos, persoais e xeracionais, que están por riba de calquera circunstancia puntual ou do período da historia no que nos toque vivir.
Desde esa concepción temos o dereito (e o deber), de traballar, con accións tanto sociopolíticas como culturais ou empresariais, para facer efectivos ós instrumentos e institucións que doten a Galicia de poder executivo e administrativo indiscutibelmente propio; exactamente o mesmo dereito que nos lexitima para constituírnos en axentes activos, desde perspectivas de solidariedade e harmonización renovadora, no deseño do marco, que actualmente está vixente, das contornas inmediatas conformadas por España e a Unión Europea.
O Partido Galeguista considera que é imprescindíbel aceptar que a UNIDADE EN DIFERENZA é un concepto sociopolítico moito máis acorde coa realidade actual europea e do Estado Español xa que, como queira que as "diferenzas" consisten en sentimentos de identidade subxectivos, é totalmente imposíbel que se impoñan outros conceptos contra esa vontade e, a medio ou a longo prazo, calquera imposición remata en situacións de confrontacións innecesarias e prexudiciais para todos.
Xa que logo entendemos necesario pechar de xeito substancial a etapa chamada "da transición", reestructurando, revisando e actualizando o que sexa necesario para optimizar e darlles sentido tanto ás institucións como ás realidades sociopolíticas das que xurden os distintos marcos constitucionais e estatutarios, na procura dun nivel de representatividade e actuación estatal e internacional que sexa o reflexo da cohesión interna xerada por un modelo de estado con poderes compartidos e delegados, baseado no diálogo, na convivencia pacífica, na solidariedade e no respecto ás respectivas capacidades executivas e administrativas dos diferentes territorios e nacionalidades que libremente deciden constituílo.
Na práctica, os Galeguistas pensamos que é necesaria unha importantísima e urxente revisión dos conceptos que tradicionalmente veñen constituíndo a teoría e a praxe política, tanto nas formacións estatais como naquelas que abandeiran a defensa dos dereitos de cada territorio; ámbalas dúas opcións deben asumir un rol de estado equilibrado e solidario xa que non é de recibo que se instale unha crise permanente de competencias entre o estado e as nacionalidades ou os territorios autónomos porque, entre outras cousas, e sen xénero algún de dúbidas, ese clima de confrontación impide que haxa garantías de poder executivo real para uns e outros no futuro.
Remitímonos, neste senso, a Declaración de Pontevedra do 6 de Decembro do 2003, na que se reflexiona que: "... o Estado Español a curto prazo ten dúas opcións: ou se transforma no representante das nacionalidades históricas e autonomías, ou rematará sendo un mero símbolo administrativo ineficaz, sometido as directrices da Unión Europea e sen soberanía real; do mesmo xeito, as nacionalidades históricas e as rexións autónomas, e por extensión, as forzas políticas territoriais que actúen nelas, vailles moito no envite porque tamén teñen dúas opcións unicamente: ou optan por asumir un rol de estadistas comprometidos, ou rematarán sendo "rexións europeas" cun marco estatutario inaplicábel, ineficaz, que converterá os seus gobernos en símbolos administrativos ou delegacións, sen poder executivo real, da xerencia económica e política da Unión Europea.
Desde a perspectiva Galeguista, é necesario e urxente afrontar o reto de que as forzas políticas que defenden identidades territoriais deixen de considerar que a identidade española é unha ameaza; unha tarefa pedagóxica que deberá comportar unha resposta simétrica: dende a perspectiva española o Galeguismo, ou calquera outra expresión sociopolítica territorial, ten que deixar de ser percibido coma unha ameaza esfareladora da identidade española.
Para iso, uns e outros, debemos dar pasos que xeren puntos de encontro non impostos, non indiscutíbeis, non inamovíbeis nin dogmáticos, senón asumidos libremente e por convicción. Xa que logo, os Galeguistas, coidamos que algúns destes puntos de encontro deberían ser os marcos Estatutarios das Nacionalidades Históricas, os diferentes Estatutos de Autonomía e a Constitución do 78; e, para que funcionen coma áreas de encontro, non se poden considerar intocábeis: tanto uns coma outros son eficaces e pertinentes en tanto serven ás necesidades e obxectivos do momento actual.
O mellor xeito de harmonizar sensibilidades e realidades socio-políticas e axeitalas á realidade, consiste no recoñecemento sinxelo i explícito de que compartimos un estado plurinacional no que están ben definidas tres nacións: Galicia, Euskadi e Cataluña, xunto co resto de territorios que definen libremente a súa propia vocación autonómica. O feito de ser unha nación politicamente recoñecida non é ningún privilexio: é a manifestación natural da identidade propia.
Para mellor servir a ese modelo concertado, debe reformularse con urxencia o funcionamento de institucións de representación, coma o Senado, e darlle unha utilidade real como cámara representativa da realidade territorial, como tamén cumprirá revisa-lo xeito no que se xera a vontade política española nas instancias europeas, cousa de suma importancia para Galicia.
É dicir, que o Partido Galeguista está preparado para asumi-los mesmos retos de modernización da teoría e da praxe política que ven impulsando desde o mil novecentos trinteún; é tempo de asumi-lo reto e a tarefa de pór sobre a mesa un perfil ideolóxico e unha filosofía política eficaz e aplicábel, que combine a acción territorial co sentido de estado necesario para afronta-los tempos que nos toca vivir.
PRINCIPIOS POLÍTICOS
SOMOS O PARTIDO NACIONAL DA GALICIA
No seo do Partido Galeguista, como forza política defensora da nosa identidade nacional, agroma historicamente en Galicia o nacionalismo. Mantémonos fieis a este compromiso e, indo máis alá, sinalamos que a nosa referencia política e social fundamental é Galicia e queremos que así suceda co resto da sociedade galega; por iso non estabelecemos barreiras dogmáticas nin de crase nin de ideoloxía entre os galegos, porque queremos ser a referencia política de todos eles, por iso somos galeguistas.
Constituímos un instrumento para a afirmación nacional de Galicia, para a defensa da súa identidade, para afondar no dereito histórico ó noso autogoberno e con vontade política de materializarmos pactos solidarios cos demais pobos do Estado Español e da Europa.
Porque nacemos ó servicio de Galiza e para Galicia, ceibe de todo tipo de dependencia ou sucursalismo que limite ou condicione a nosa capacidade para representar, e defender, a identidade e os intereses propios de Galicia en tódolos foros, tanto estatais como europeos, onde cumpra que así sexa. E tamén, porque Galicia como comunidade humana posuidora de seu dun patrimonio histórico, cultural e espiritual, dun idioma propio e un territorio, intégrase como nación de carácter histórico no estado de orixe e natureza plurinacional, pluricultural e plurilingüe que é España.
Consecuentemente o Partido Galeguista, sempre dentro dun marco de traballo escrupulosamente democrático, terá como fin fundamental e xustificación derradeira a defensa da identidade e dos intereses de Galicia, e por iso mesmo a representación e defensa dos intereses galegos onde queira que se atopen, en solidariedade coas demais nacións e rexións do Estado Español, dentro do marco e das posibilidades de desenvolvemento da Constitución Española, e mais do noso actual Estatuto de Autonomía, sen prexuízo da nosa aspiración de facerlles tódalas reformas que consideremos convenientes para a mellor defensa dos intereses do País.
É máis, anunciámo-la nosa decidida vontade de cambiar cousas concretas da Constitución española. Xa falamos do indispensábel cambio de rol do Senado, ou, por poñer outro exemplo, coa proposta concreta que presentamos no Parlamento Galego preconizando a substitución do actual Estatuto de Galiza pola nosa proposta de III Estatuto de Galiza, ou a que presentaremos no seu día para que se defina a España como un Estado plurinacional.
SOMOS UN PARTIDO EUROPEÍSTA
Porque o Partido Galeguista, rexeitando toda tentación monolítica ou de illamento, e dende a firme convicción de que non se pode concibir unha Galicia sen Europa, é firmemente partidario da construcción e consolidación de Europa mesmo como unidade política.
Dende a nosa Identidade Galega, construída con visión de estado, queremos ir alén dos paradigmas que tantos erros e conflictos teñen xerado; nesta angueira somos continuadores de quen nos precederon no Partido Galeguista, aqueles que, nunha época na que os estados europeos se preparaban para un enfrontamento feroz, propuxeron dende Galicia tanto “a constitución dunha Confederación Ibérica como unha Federación Europea”.
A Constitución do 78, e o concepto mesmo do estado español, deben deixar de partir da premisa de que son unha especie de tautoloxía indiscutíbel; pola contra, débense constituír coma un punto de encontro dende as realidades territoriais plurais. A IDENTIDADE GALEGA NON É UNHA CONCESIÓN NIN UN AFORAMENTO OU PRIVILEXIO OUTORGADO, É UNHA REALIDADE HISTÓRICA NON SUBSIDIARIA DA IDENTIDADE ESPAÑOLA; e, xa que logo, sería un gravísimo erro, para nós absolutamente intolerábel, que o noso desenrolo político se entendera coma unha sinxela fórmula de concesión descentralizadora.
Entendemos como necesaria a continuación da construción da realidade europea, da cal queremos formar parte como galegos e como pobo integrante da Europa. Defendemos a Europa dos Pobos como canle de maior eficacia para o desenrolo e extensión do Estado social do Benestar e a universalización dos seus servizos. Galiza, historicamente un dos maiores Itinerarios Europeos, traballará a prol dunha Europa forte e con soberanía, mais ó mesmo tempo precisa e conseguirá democraticamente o recoñecemento da súa identidade e da súa realidade nacional como pobo europeo.
Dentro dun mundo chamado globalizado, as fronteiras dentro da Unión Europea van sendo cada vez máis difusas. As progresivas cesións de soberanía dos estados membros á Unión fan que os dereitos de autodeterminación en Europa estean superados. Políticas que busquen a segregación territorial non poden ser un obxectivo na acción política do PG hoxe, porque Galiza como nación non a necesita porque non lle convén.
En efecto, as progresivas cesións de soberanía dos estados membros á Unión fan que o dereito de autodeterminación de cada pobo non se poida concibir hoxe da mesma maneira ca onte: e conste que nunca quixemos erguer valados nin fronteiras –Castelao dicía “Nós non somos separatistas; a nós sepárannos”–, pero sempre proclamamos o dereito dos galegos a definir o noso xeito de organizarnos como país e de concertarnos cos demais pobos, defendendo que a soberanía nacional do pobo galego nace en Galicia, non é subsidiaria de ningunha outra entidade, e son os galegos os que deben decidir en liberdade cánta soberanía están dispostos a ceder ás instancias plurinacionais.
Moi sinaladamente, fomos adiantados no deseño do ideal da Unión Europea e por iso estamos dispostos a ceder a soberanía necesaria pra artellar a unidade de Europa, pero asegurándonos de que a nosa identidade e os nosos dereitos políticos non son varridos en nome da homoxeneización; por iso reclamamos con toda lexitimidade unha presenza politicamente efectiva de Galicia no deseño da política común europea.
Por historia e vocación somos fondamente europeístas e cremos na construción progresiva da Europa dos Pobos. Neste contexto defenderemos que Galiza se faga notar polo seu carácter de pobo europeo e, entre outras moitas cousas, como meta dun itinerario europeo por excelencia cara a Compostela.
Xa que logo, o Partido Galeguista considera que o complexo camiño da construcción europea non se pode acadar sen a participación de tódolos Pobos europeos que a integran, e por iso defende como feito irrenunciábel o dereito e a necesidade de que Galiza participe no proceso de construcción e toma de decisións da U.E., contando con voz propia en Bruxelas pra tódolos asuntos que lle afecten directamente. Traballaremos arreo por unha Constitución Europea que respecte os dereitos historicamente lexítimos dos distintos estados e territorios.
QUEREMOS MELLORA-LO SISTEMA DEMOCRÁTICO
Proclamamos que a democracia é para nós un método esencial de traballo na cousa pública. Mesmo podería dicirse que é consubstancial co propio Partido Galeguista, porque sen democracia nada nos vale.
A Democracia é unha forma indeclinábel de participación e de asunción de responsabilidades conxuntas e solidarias para tódalas mulleres e tódolos homes pertencentes ó PG.
Por iso traballaremos para que tódolos cidadáns asuman e loiten por este xeito de pensar. Porque a Democracia é un Valor, e un Dereito de carácter Universal, coas atribucións da súa natureza de carácter inmutábel, inalienábel e imperecedoiro.
Agora ben, aínda que valoramos o sistema democrático que temos, queremos afondar e perfeccionar moitísimo máis nel e nas súas metodoloxías, por entendermos que son manifestamente mellorábeis.
Por exemplo, queremos unha democracia moito máis representativa da vontade popular.
En efecto, compre superar situacións que foron válidas na transición democrática española para axudar á consolidación dun sistema democrático que comezaba a súa andaina, pero que hoxe en día non teñen máis razón de ser que estaren ó servizo dos aparellos de poder dos grandes partidos a cambio de violenta-lo sentir popular e deturpa-las auténticas decisións do pobo.
Citemos algúns temas concretos que respectarían moito máis o que pensa o pobo: por exemplo suprimindo o sistema corrector da vontade popular nos procesos electorais, o chamado sistema D’Hont, ou as porcentaxes mínimas establecidas para acceder a Concellos, Parlamentos, etc.
¿Por que facer desaparecer, desprezar, rouba-los votos populares de formacións políticas que representan unha parte do sentir do noso pobo? ¿Queremos unha democracia máis representativa ou procesos electorais cada vez con maior abstención porque moitos cidadáns non se senten representados nos, ou polos, grandes partidos?
Ó mesmo tempo tamén moitos cidadáns botan de menos poder corrixi-las listas electorais dos partidos movendo algúns dos candidatos fóra da orde pre-establecida polos propios partidos (o actual sistema actual de listas bloqueadas), para quizabes chegaren logo incluso a termos listas abertas...
Asemade queremos unha democracia con máis participación do pobo, xa que non é suficiente con votar unha vez cada catro anos, e se ben os responsábeis das decisións deben ser unicamente os electos polo pobo, estes deben escoitar ós cidadáns nos foros nos que participen.
Polo dito, queremos deixar patente o noso compromiso de traballar a prol dunha democracia moito máis representativa e con máis participación popular ca actual. Será mellor para o pobo e só peor para uns cantos dirixentes políticos que temen perde-las súas posicións de poder.
SOMOS DEFENSORES DA IGUALDADE DE OPORTUNIDADES
Porque a igualdade diante da Lei compleméntase coa precisa igualdade de oportunidades. É dicir, que todos deben te-las mesmas posibilidades pra desenvolve-las súas capacidades con independencia das circunstancias de partida de cada quen.
E a primeira igualdade que precisamos os galegos é poder opinar libremente, sen sufrir a cambio ningunha discriminación en razón das ideas políticas de cada individuo. E todos sabemos que por desgracia esta non é soamente unha reivindicación retórica.
Como tampouco é unha afirmación retórica dicir que compre erradica-las discriminacións por razóns de sexo, de raza ou de relixión.
A igualdade de oportunidades tamén é unha singular preocupación do PG para garanti-lo xusto dereito do acceso á educación e á saúde, pra compensar con xustiza as diferencias que puidesen existir nas condicións de partida de cada individuo.
Neste sentido, nós traballaremos para que a administración fomente os Principios de Equidade e Solidariedade cara a combate-la desigualdade e evita-la marxinación.
Agora ben, igualar as condicións iniciais non supón garanti-la igualdade de resultados, porque tal pretensión non sería máis que nega-la existencia do propio esforzo, da propia responsabilidade, e da libre determinación dos seres humanos.
A Cultura do Esforzo é un valor que os galegos coñecemos moi ben e que valoramos en moi alto grao, entendéndoa como unha clave para a superación e o progreso tanto individual como colectivo en sociedade.
Pois ben, unha administración eficaz é precisamente o contrario dunha administración burocrática e intervencionista. É máis, O obxectivo da administración non debe ser substituír a iniciativa social, senón apoiala.
A sociedade galega valora o esforzo persoal, o afán de superación e a capacidade emprendedora. O progreso de Galiza procede, en moi boa medida, da moral de traballo e do esforzo.
SOMOS DEFENSORES DA NOSA CULTURA E DA NOSA LINGUA
No Partido Galeguista, na nosa condición de partido galego e como cumpre tanto pola nosas tradicións como pola nosa vocación actual, o coidado, coñecemento e uso do noso patrimonio histórico, artístico e cultural, a recuperación e conservación das nosas tradicións, do noso folclore, da nosa lingua e da nosa cultura en xeral, é considerado un deber irrenunciábel e imprescritíbel.
Dentro deses enunciados o Partido Galeguista asume a especial vocación, a necesidade, de leva-la nosa lingua ós campos da cultura, da administración e da vida social cotiá. Para nós esta premisa é un obxectivo de irrenunciábel cumprimento, xa que a nosa lingua é un dos nosos principalísimos, esenciais, sinais de identidade.
Xa que logo, tendo como obxectivo político a instauración do galego a tódolos niveis, traballaremos na defensa e no espallamento da nosa fala, cousa que se corresponde co espírito do noso pobo, que foi o principal artífice da súa conservación e transmisión ó longo dos séculos.
Ó mesmo tempo, respectaremos a situación actual dos que falan castelán ou outros idiomas, sen prexuízo de que traballaremos para axudalos a que poidan entrar primeiro e instalarse comodamente despois na nosa fermosa lingua.
Agora ben, de ningún xeito aceptaremos que esta nosa xenerosidade sexa entendida como unha desculpa pra que os que se incorporan dende fóra decidan manterse á marxe sen facer ningún tipo de esforzo por entender e usar o idioma galego: a integración dos castelán-falantes, ou dos inmigrantes que falen outras línguas, débese facer cun esforzo bilateral de xenerosidade e reciprocidade; facilitaremos a súa incorporación natural e espontánea ó tempo que reclamaremos deles a unha vontade real de integración, que se ten que amosar en primeiro lugar deprendendo galego.
Deseñaremos pois medidas sociais e políticas que conduzan a esta integración.
SOMOS DEFENSORES DO EQUILIBRIO TERRITORRIAL
En tódolos sentidos. Por iso, segundo nós, tódalas galegas e tódolos galegos, tanto os das cidades coma os das vilas e aldeas do país, deberán ter garantido un acceso igualitario e prestacións equiparábeis a servizos e bens. E debémoslle esixir a calquera goberno que pense en todo o territorio, é dicir, que traballe por un País no que tódolos habitantes de tódolos territorios teñan un trato que acabe por conseguir situacións territoriais equilibradas.
O noso medio rural foi, é e será unha maneira de entender e interpretar o hábitat, a forma de vida e a economía, e unha fonte de ingresos, polo que debe ser revitalizado con medidas urxentes de dinamización.
Debemos facelo por xustiza, e tamén porque unha das ameazas graves ás que se enfronta Galicia, gravidade que será moito maior nun futuro próximo, é o avellamento crónico e a despoboación no seu interior.
Xa que logo debemos definir que tipo de ordenación territorial queremos pra Galicia, se un deseñado só arredor de grandes núcleos urbanos ou outro respectuoso ca nosa tendencia ó espallamento.
Cumprirá avaliar as consecuencias de custe social, económico, etc., que supón optar polo segundo modelo, pero facer País significa algo máis ca buscar soamente medidas economicamente rendíbeis de inmediato: porque compre pensar tamén en medidas humanamente rendíbeis…
Na mesma liña, entendemos que Galicia é unha nación moi axeitada pra promover un desenrolo respectuoso co medio natural, pero isto ten un custo económico que debe ser cuberto con xustiza. Dito doutro xeito: non pode ser que na costa mediterránea se teña asistido a un desenvolvemento pouco ou nada respectuoso ca paisaxe pero con grandes plusvalías económicas e agora se nos requira ós galegos para que renunciemos a esas plusvalías mantendo un País virxe pero probe; estamos conformes en manter un desenrolo respectuoso ca ecoloxía, pero o Estado Español debe pagar con compensacións o lucro cesante dese tipo de desenrolo. É unha débeda que o Estado Español ten con nós.
En calquera caso queremos subliñar o noso compromiso para que os cambios a introducir se fagan con respecto ó medio ambiente.
Xa que logo, teremos que harmoniza-lo progreso económico coa defensa dos nosos ecosistemas. Porque queremos medrar dun xeito sostíbel para legarlle un País equilibrado ós que nos sigan.
SOMOS DEFENSORES DA COHESIÓN SOCIAL
O obxectivo do Galeguismo é que a convivencia e a cohesión social sexan construídas no marco da propia identidade e cuns lazos de pertenza fortes ó País.
Galiza ofrece oportunidades pero esixe compromiso. Neste horizonte, adquire moita relevancia a familia galega. A familia é a primeira célula na organización da sociedade e tamén fornecedora de consistencia social.
Por iso as políticas de familia son esenciais para o estado do benestar e a aposta polo progreso. E, dentro deste concepto, nós darémoslle tratos prioritariamente favorecedores ás familias que teñan ou queiran ter fillos.
FACER PAÍS: MODERNIZACIÓN E CONVERXENCIA
Sen prexuízo do Programa de Goberno para Galicia que o PG presente no seu día, queremos adiantar algúns conceptos que nos parecen indispensábeis. E primeiro de todo compre dicir que, dentro do entorno competitivo europeo e mundial no que nos atopamos inmersos de xeito irreversíbel, o progreso e a prosperidade de Galicia non se poden basear en radicalismos conflictivos, nin en confrontacións sistemáticas, "amiguismos" puerís, ou en laios, senón nas capacidades propias para desenvolvermos e explota-las nosas riquezas, as nosas posibilidades, e os nosos coñecementos.
Compre ter presente, dende un punto de vista realista, que Galicia atópase entre as comunidades menos dinámicas e máis atrasadas de Europa, polo que a estratexia de converxencia cos Países da Unión Europea ten que traducirse, como é obvio, na necesidade de acadar taxas anuais de crecemento económico superiores á media deses Países.
Medrar por riba da media europea é o medio imprescindíbel que debemos ter presente de xeito permanente para podermos acurtar a considerábel distancia que aínda nos separa da media dos países comunitarios.
Agora ben, nós coidamos que somos un pobo traballador e esforzado, polo que se estamos onde e como estamos é por termos sido mal gobernados. E compre, para rachar cun pasado abafador e cun presente cativo, que nos sintamos capaces, porque o somos, de acadar cotas de benestar moito maiores e mellores pra tódalas galegas e tódolos galegos.
Para situarnos axeitadamente nese camiño Galicia precisa un partido propio e moderado como eixo do seu goberno: o PG. Porque defenderemos con firmeza insobornábel os nosos intereses dende posicións de moderación, tomando a moderación como bandeira na confección dos nosos programas políticos.
En efecto, o Partido Galeguista situase na centralidade política, porque só dende esa auténtica posición se pode traballar nun programa moderado no eido económico e progresista no eido social, dous vértices dunha mesma política que ben se pode identificar nunha expresión: somos unha forza moderada e centrada.
Os nosos programas políticos serán equilibrados, de centro no económico porque, ó termos como primeiro obxectivo a creación de riqueza, queremos implantar un modelo de desenvolvemento forte e cunha forte e proactiva participación de pequenos e medianos empresarios, ou, dito doutro xeito, queremos que os nosos empresarios se sintan partícipes nos obxectivos económicos a acadar porque teñan axudado, e lles conveña, construí-lo modelo económico a desenvolver.
Ó mesmo tempo deseñaremos programas avanzados nas políticas sociais, de progreso, porque aspiramos a construír unha sociedade máis xusta.
Cumprirá pois saber e ter ben presente que poder conseguir eses obxectivos non pasa unicamente pola procura de aspectos económicos e sociais de xeito directo, xa que primeiro son precisos cambios profundos na mentalidade e nas actitudes da sociedade galega e, sobre todo e de xeito moi singular, nos seus estamentos dirixentes.
Dende posicións de consciencia e plena responsabilidade, asumí-lo compromiso de preparar ó País para un cambio cualitativo profundo. É máis, estamos dispostos a asumila preparación para o cambio e tamén a materializa-lo cambio.
Por exemplo, todos facemos fincapé en que debemos apostar polo I+D+i de xeito importante e continuado, con programas estratéxicos de acción e investimento, si. Pero nos dicimos tamén que, mesmo primeiro de todo, temos que apostar con abslotuta e rotunda decisión polo que xa temos. Porque soamente a aplicación deste último concepto constituiría a base dun cambio que significaría unha revolución económica sen precedentes no noso País:
¿Por que non defendemos o noso por riba de intereses empresariais alleos que nos invaden?
¿Por que non defender ás nosas empresas, da pesca, da gandeiría, do agro e da industria, axudándoas e mercando os seus productos prioritariamente?
¿Por que non apoiamos masivamente ás nosas empresas de novas tecnoloxías no mundo da comunicación?
¿Por que non defendemos ás nosas empresas constructoras e se adxudican obras públicas a empresas de fóra que de seguido llas subcontratan a empresas de aquí, levando para fóra de Galicia beneficios que poderían e deberían quedar aquí, na Terra?
¿Por que non traballamos coa nosa banca en troco de estarmos a inchar os petos da banca doutros lugares que levan os nosos aforros alén de Galiza?
¿Por que non recibimos compensacións axeitadas por termos no noso territorio unha chea de centrais hidroeléctricas e muíños sen conto pra xerar enerxías?
¿Por que non se pagan impostos por parte das empresas explotadoras de enerxía, que fagan reverter aquí unha parte dos seus enormes beneficios?
A isto nos referimos cando dicimos que hai que construír Galicia con mentalidade de estadista, ca mentalidade de quen se centra en Galicia pra facer País.
En fin, que como xa dixemos anteriormente neste relatorio Galicia ten IDENTIDADES evidentes, pero tamén precisa, por unha banda, de recoñecementos en forma de textos legais, e por outra dunha mentalización positiva nosa, dos galegos, cara a nós mesmos. Estas dúas premisas permitiríannos acadar unha das identidades que máis precisamos: a IDENTIDADE ECONÓMICA. E temos que conquistala nós mirándonos ós ollos, sentindo e asumindo que somos capaces, deixando brotar a autoestima para medrarmos sobre dela en base ás nosas realidades e ás nosas posibilidades. Os galeguistas confiamos na nosa xente, no noso pobo.
E conste que compre ter claro que ninguén nos vai regalar ningunha identidade. Dende logo a IDENTIDADE ECONÓMICA ren de ren.
É máis, nin os que nos gobernaron antes nin os que nos gobernan agora están polo labor dunha defensa firme e insubornábel dos nosos dereitos. ¿De que intereses políticos ou económicos dependían daquela? ¿De que intereses políticos ou económicos dependen agora?
Máis ben parecen servir ós mesmos poderosos de sempre: ás UNIÓN-FENOSA e IBERDROLA, que téndonos invadidos de pantanos e saltos, cóbrannos escandalosos recibos da luz. ¿Por que se pomos nós a base fundamental dos seus negocios non pagamos menos ca noutros lugares? E inda por riba cando coa riqueza daquí, coas nosas terras, ríos e minerais, fan cartos, parte deles cobrándonolos a nós mesmos, para logo investilos fóra.
Ou que dicir das Caixas e bancos de fóra, que captan capitais aquí para levalos alén de Galicia, alá onde tamén pagan os seus impostos...
Temos que traballar coas nosas caixas, con Caixanova e Caixagalicia, que son as que invisten os cartos moi substancialmente aquí, na Terra, e as que pagan os impostos aquí, na Galiza.
En función das anteriores premisas, e conscientes de que os galegos só chegaremos ó benestar a través da nosa IDENTIDADE, a acción política do Partido Galeguista dirixirase cara á consecución destes obxectivos:
FACERNOS SENTIR EN GALICIA
As nosas propias institucións políticas e de autogoberno están dominadas, moi maioritariamente, por forzas políticas dependentes e subordinadas ós grandes partidos estatais e son, diante de todo, meras sucursais dos mesmos. Son defensoras por tanto primeiro de intereses estatais e subsidiariamente de intereses galegos.
Galiza debe recupera-lo orgullo de ser quen é, de acadar confianza en se mesma co guieiro dunha forza política que, como o Partido Galeguista, defenda e represente os nosos intereses por riba de todo. Con moderación e firmeza, como xa dixemos antes, e sen prexuízo da debida solidariedade co resto dos pobos de España e de Europa.
Témo-la ambición de ocupar un lugar propio como País, como economía e como cultura. E cando os proteccionismos se fixeron imposíbeis dentro dun mundo globalizado, debemos ser capaces de facernos competitivos, de atopar o noso papel, o noso propio rol, e volvérmonos un referente en moitos máis campos dos que o estamos a ser.
Pois ben, cumprida de xeito razoabelmente satisfactorio a etapa programada no VIII Congreso, hoxe, a partir do IX Congreso, témo-lo deber de marcar un novo paso histórico do PG, de entrarmos de cheo nunha nova etapa que debemos e queremos protagonizar, de construírmo-los piares sobre os que repousará o proxecto político que realizaremos. Un proxecto cunha alternativa realista e altamente conveniente para as galegas e os galegos.
Todos asistimos con preocupación fonda ó feito de que Galicia está a perder un tren de investimentos importante dende a transición democrática ata hoxe en día. Un tren que descarga decote en Cataluña, en Euzkadi, en Canarias...e non para por aquí…
Por que non temos os galegos un sistema político maduro e normalizado, con varias opcións propias, como ocorre en Cataluña, Euskadi ou mesmo en Canarias? A resposta está no Partido Galeguista, que ten a responsabilidade de se-la organización que aglutine tendencias e esforzos que permitan configurar xa o cuarto grande partido en Galicia. O cuarto partido de hoxe que terá aspiracións evidentes para chegar nun futuro próximo a se-la forza principal do noso País.
Por todo, pero moi especialmente por iso, os Galeguistas témo-lo deber de saberlle transmitir á cidadanía unha vontade constructiva e de diálogo con todos dende a nosa óptica nacional galega.
É absolutamente necesario que o PG asuma a responsabilidade de lidera-lo proceso para a constitución dunha nova alternativa que sume a tódolos que estamos nesta comuñón de ideas e proxectos, sobre a base de construírmos xuntos unha casa universal da galeguidade, para pór de relevo a personalidade nacional de Galicia, a súa conciencia colectiva e podermos así conseguirmos cotas importantes de progreso e benestar para os nosos cidadáns.
E somos plenamente conscientes de que un PG capaz de conquistar tais obxectivos temos que construílo entre os galeguistas que estamos no PG e outros moitos que aínda están fóra. O PG ten que ser de tódolos galeguistas, de tódolos colectivos que, nunha mesma liña fundamental de pensamento, queren erguer ó noso País dende tódolos frontes: políticos, sociais, económicos e culturais.
As siglas do PG e o seu significado non lle pertencen só ós galeguistas de antes e aínda menos ós actuais membros do Partido Galeguista, porque deberán ser o lábaro que nos guíe, o paraugas que acubille confortabelmente a tódolos que nos sentimos galeguistas para non perdermos de vista o principal: que queremos cambiar Galicia de xeito profundo.
Neste sentido o PG declarase aberto a que, no seo dun partido sen par na súa historia de servizos a Galiza, baixo o paraugas sen par das históricas siglas do PG, nos agrupemos tódolos galeguistas para traballar, cóbado con cóbado, pola transformación do noso presente e para conquista-lo noso futuro. Un futuro infinitamente mellor para tódolos nosos.
Plasmaremos entre todos o proxecto galeguista do século XXI. Un proxecto que, a diferencia doutras etapas históricas do PG, asumirá con decisión e firmeza a responsabilidade de toma-lo poder político para transforma-las condicións de vida das galegas e dos galegos chegando a melloralas de xeito exponencial.
En consonancia co dito, o PG proclama como obxectivo irrenunciábel a lexítima aspiración de acadar democraticamente a súa presenza maioritaria en tódalas institucións políticas de goberno de Galicia, coa finalidade de que sexa propiamente o pobo galego, sen intermediarios nin servilismos, o artífice e o protagonista do seu futuro.
FACERNOS SENTIR EN ESPAÑA E MAIS EN EUROPA
A actual estrutura das forzas políticas condena ó noso País a unha posición subalterna fronte a outras Comunidades que, contando con forzas políticas propias moderadas, fan senti-la súa voz coa súa presencia nos foros españois e europeos onde, sen impedimentos nin intermediarios, representan e defenden as posicións e intereses das súas Comunidades respectivas.
Se Galicia desexa ser un dos pobos artífices do que está a pasar e do que vai pasar, non pode continuar por máis tempo carente de iniciativa e allea ó que acontece na España e na Europa.
Velaí que o Partido Galeguista contraia o firme compromiso, diante da sociedade galega, de non regatear traballos, ilusións e esforzos ata lograr que Galicia poida estar presente, e facer senti-la súa propia voz, en tódolos foros precisos, tanto estatais coma europeos, para acada-lo que en xustiza nos pertence e necesitamos como pobo.
A XEITO DE EPÍLOGO:
Por tódolo dito, definímo-la nosa organización coma a opción política galeguista e dos galeguistas, é dicir: o partido nacional da Galiza, e por iso dos nacionalistas, democrático, de centro, progresista e europeísta, que asume como reto político amosar capacidade de diálogo coas demais forzas políticas e manter unha exemplar práctica de política de proximidade cos cidadáns e cos axentes sociais, ó tempo que recolle os valores humanistas de tradición occidental cunha firme aposta polas liberdades civís.
Xa que logo, o proxecto integral de III Estatuto de Galiza presentado polo Partido Galeguista diante do Parlamento Galego (un feito de esencial relevancia histórica cara ó noso futuro como pobo), é un documento plenamente vixente que reflicte e materializa o espírito do anteriormente amentado.
É máis, o noso proxecto de III Estatuto para Galicia, xunto cos relatorios de Políticas Sectoriais do IX Congreso e mais co presente documento constituirán as bases fundamentais dos guieiros político-ideolóxicos do galeguismo.
Porque, en definitiva, tódalas ideas, teses e obxectivos anteriormente descritos, que se poderían resumir como o devezo por realizarmos un infinito amor por Galiza, son a razón de ser da opción política do PG.
Unha opción que, investida do máximo grao de tolerancia posíbel, actuará cun exquisito respecto verbo das ideas dos demais e por iso, coa práctica do maior grao de concordia política posíbel, exercitará o afondamento na democracia, na liberdade, na xustiza, na solidariedade, na defensa dos dereitos humanos e na conquista das maiores cotas de benestar posíbeis.
Todo iso para conseguírmo-lo obxectivo, permanente e intemporal, de acadarmos unha Galicia na que tódalas súas mulleres e tódolos seus homes perciban que poden aspirar, con plena liberdade, a construír un proxecto de felicidade individual e colectivo.
A min iso de "un infinito amor por Galiza" chegoume até o fondo da ialma. O malo é que teño a dúbida de se a Galicia actual corresponde nese amor ao partido que leva as históricas siglas.
Por certo, de qué PG se trata neste caso: PG (sector renovado), PG (sector Soto), PG (sector pro Terra Galega), PG (sector ausente), PG (sector latente), PG (sector quero e non poido), PG (sector buscavidas), PG (IV Internacional trosquista), PG...?
Dito sexa con todo o meu cariño incondicional para don Xaime, que é dos bos e xenerosos ;)
Apicultor!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!
E nós, que?
(PNG-PG)
Saúdos!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!
Doulle as gracias a Marcos, pola súa hospitalidade.
Non sexan malos é ólleno con cariño a fín e a postre é a liña politica dun partido que se vai presentar as autonómicas.
E dicirlle agarimosamente o Apicultor que faltoulle PG-presente-, quizabes sexa ese.
Corríxame, don Xaime, se me trabuco. Non noto eu a man prodixiosa de Medela nese escrito. Non contaron con el para a redacción: un erro maiúsculo que lles pode costar o deputado.
Sr. Arume: D.Julio Médela de Lobeira, ocupáse de outras funcións, máis altas e relevantes, que as terrestres e pedestres de redactar a liña política do PG.
En todo caso se eso nos costara un diputado, sen dúbida, o Sr. Medela estaría disposto a firmar e afirmar que o documento é da súa autoría.
Cando di vostede máis altas e relevantes eu imaxino que de Secretario Xeral e de candidato á presidencia da Xunta non baixa.
Estaría muy, pero que muy bien una fuerza de centro moderada, galleguista a la vez que sanísimamente española, que pudiese actuar de bisagra en un gobierno del Partido Popular.
Moitas grazas polas agarimosas e hiperbólicas louvanzas de don Xaime e don Arume... Ben, o meu estilo decántase máis polo costumismo lisérxico, polo folclorismo psicodélico que pola redacción de textos políticos; alén diso, o servizo secreto ocupa case todo o meu tempo.
Cumprimentos!
¡non llo dixen, Arume!
Publicar un comentario