29 nov 2008

O traballo recoñecido

Marcos Valcárcel reivindica Ourense como unha cidade "culta" que contribuíu moito á "construción da identidade cultural" do país

M. DOPICO . SANTIAGO-Galicia Hoxe 29-11-2008

Valcárcel , á esquerda, con Xosé R. Quintana e Ramón Villares, en Ourense
Valcárcel , á esquerda, con Xosé R. Quintana e Ramón Villares, en Ourense

"Para min Ourense é unha localización sentimental e literaria no mundo, cun perfil moi preciso, pero perfectamente compatible coa nosa identidade galega". O historiador e catedrático de Lingua e Literatura galega Marcos Valcárcel explicaba, deste xeito, nunha entrevista con Manuel Vidal Villaverde publicada por este xornal a súa "ourensanía". Agora, a sociedade galega e, en especial, o mundo cultural, queren amosarlle o recoñecemento que merece polo seu compromiso co país cunha cea homenaxe que esta noite reunirá no restaurante Sanmiguel a máis de trescentas persoas.

Investigador, activista cultural, colaborador de varios xornais e publicacións, -Galicia Hoxe entre eles-, blogueiro... Marcos Valcárcel organizou, sendo presidente do Clube Cultural Alexandre Bóveda de Ourense, varias homenaxes a distintos persoeiros. Hoxe é a súa quenda. Antes da cea, ás 19:00 horas, no Liceo, presentará o seu novo libro, Historia de Ourense, editado por Xerais.

"É unha historia de Ourense de ton divulgativo, breve e con rigor, desde o mundo romano ata hoxe. Un intento de facer unha historia cultural na que os ourensáns recoñezan as súas raíces, por iso a parte do século XX é moi extensa: a República, a postguerra, os anos 50-60-70, co mundo cultural que xirou arredor da Auriense, o Ateneo, o Liceo, a coral de Ruada, os escritores... A explicación do mundo romano parte dos clásicos: Ferro Couselo e Cuevillas, pero incorpora as actualizacións derivadas dos últimos achados dos arqueólogos. Na etapa medieval introducín os estudos de Anselmo López Carreira por exemplo...", salientou Valcárcel nunha entrevista.

"Desde a Idade Media ata o 1850 houbo poucos cambios. Na etapa contemporánea, que se abriu coa creación da estrada a Madrid, falo da nova burguesía urbana, que consolidou toda a arquitectura chamada modernista, e toda a zona do ensanche... Ao final do libro recollo unha bibliografía para quen queira afondar: desde Otero, Risco, Cuevillas, Ferro Couselo, ata Francisco Fariña, Olga Gallego, Alfonso Vázquez-Monxardín...", engadiu.

Acompañarán ao autor, na presentación do libro, Monxardín -un dos organizadores da homenaxe-, o editor, Manuel Bragado, e o alcalde da cidade, Francisco Rodríguez.

MEMORIA

A actualidade do asociacionismo

Valcárcel dirixe a sección de Literatura do Liceo de Ourense. Foi membro da asociacións culturais O Galo e O Eixo en Compostela, Auriense en Ourense, a Federación de Cine-Clubes de Galicia... "O asociacionismo cultural tivo o seu apoxeo desde finais dos anos 60 ata o 78-79. Foi unha plataforma de denuncia política e social moi importante, e una escola de formación da sensibilidade política galeguista para os que temos hoxe entre 50 e 60 anos. Agora decaeu moito: moita da actividade que se facía nas asociacións xa se fai desde outros ámbitos. Daquela, teñen que adaptarse á nova realidade, pero segue a ser moi positivo que existan, e as institucións deben promovelas", cre.

Valcárcel ten publicado un amplo abano de obras de historia -con especial atención á Segunda República-, historia de Ourense, do galeguismo, do xornalismo galego, estudos sobre escritores e escritoras do país... Como investigador, ten claro que Ourense lle achegou moito a Galiza en canto a "construción da identidade cultural, a través primeiro da xeración Nós e da revista Nós, despois da xeración dos escritores republicanos, con continuidade na posguerra: a revista Posío, por exemplo, despois o mundo das asociacións culturais... Hai moito da historia de Ourense por descubrir...", asegura.

VISIÓNS

"Aínda non temos o museo"

Ourense, di Valcárcel, é "unha cidade culta", pero cunhas institucións "que non sempre están á altura. Aínda non temos un museo no que estean presentes todos os nosos artistas, escritores...", lembrou.

Un xornalismo para o debate

"O xornalismo, en xeral, debería imitar o modelo da República: de construción dunha idea de país sen localismos absurdos, de pluralismo, sen sectarismos, serio, aberto ao mundo, como un gran foro de debate", pensa.

Unha terra de escritores

A tradición literaria ourensá foi aberta por xente coma "Marcelo Macías" e "Arturo Vázquez", e herdada pola xeración Nós, despois Casares, Ferrín, Bieito Iglesias... que "manteñen o vínculo coa súa infancia", comentou.

No hay comentarios: