...Como o traballo e a economía
Afonso Vázquez-Monxardín, GH. 30-12-08
Unha vez e para a miña sorpresa, non me tocou a loteria. Nada. Nin as raspas. Nin un maldito reintegro. Día da saúde, de lembrar vellos ditos como "non hai mellor lotería que o traballo e a economía" e parvadas polo estilo. E un pouco encabuxado co azar, observei na tele a felicidade allea a ver se á parte da envexa, algo máis se pegaba. E chamáronme a atención varias cousas. A falla de orixinalidade dos premiados. Que vai facer co diñeiro? Comer cos amigos -dixo un. Comer unha centola -dixo outro. Pagar a hipoteca. Facer unha viaxe. Cousas sinxeliñas. Se cadra iso é a felicidade. Ninguén agudizou o enxeño como un vello rabudo, hai anos, que xurou que ía comprar uns cordóns novos para os zapatos, que levaba tempo pensando no tema.
E houbo anovada manifestación da reserva galaica cando en Allariz, ás tres da tarde, só un corcho sinalaba que houbera a apertura dunha única botella de champaña. Si señor. ¿Imos alterar a nosa vida por ter repartido 3 millóns de euros? Pois, non. Graham Greene puido ter escrito The quiet galician no canto de O americano impasible, que para algo andou por aquí. Por certo, que sobre unha das súas zonas máis queridas, Oseira, contoume un da Merca que estaba na garda do rei como abriran a boca cando viñera a Raíña a entregar un premio ao mosteiro e os vellos que estaban sentados ao sol, ao sol quedaron cando ela pasou, e por alí non andaba máis ninguén. Os asoellados petrucios ollaron para a comitiva, un acenoulles aos outros coa cabeza indicándolle onde estaba e seguiron coa charla. Nunca tal viran. Cero pasmóns. E sempre recordarei a de Redondela a quen lle tocaran mil millóns de pesetas e a quen o xornalista atosigaba preguntándolle como é que lles estaba dando de comer aos marráns se lle acababa de tocar eses cartos. O home case enfadado, consteutoulle aquela frase antolóxica de "os marráns non teñen culpa".
E o euro. Todos traducían as pesetas para facerse unha idea. Unha señora á que lle din que lle tocaron 300.000 euros pregunta ela impávida: "¿E iso canto diñeiro é?". Logo de pasárenllo a pesetas, a vella saltou de alegría. Tamén saltaba eu de boa gana... e pagaba a hipoteca, e facía unha viaxe e...
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
4 comentarios:
Great artigo o do doutor Mónxar!
Encontro graza, tamén, cando toca o gordo en El Pozo del Tío Raimundo, ou en La Mina de Sant Adrià, e invariablemente, os cidadáns agraciados responden ao inquérito sobre o destino do diñeiro:
'Puehhhhhhhh, pa tapá unoh bureghiyo' (ou 'bugheriyo')
Carallo para os buratos!!!
Si, xa o sei. Viuda, no idioma de dona Ximena, non leva acento ortográfico.
O que máis me gusta da lotería é sentir falar á xente. Porque nunca saen na tv. Falan uns xornalistas a maior parte do tempo ou a xente que vai a un plató e sinte que ten que falar distinto. Pero cando saen dun bar, cun par de cinzanos ou de sidra el gaitero, falan cunhas formas que descoñecemos. Nin peor nin mellor: simplemente as que hai e que ignoramos.
Si, sí, habería que indagar nesa linguaxe, nesa forma de falar.
Lembro, facendo un traballo de campo para "antropoloxía, de primeiro", hai vinte e sete anos; preguntáballe eu a unha persoa que aínda vive, que observaba nos retornados da Suíza. Lembro perfectamente a resposta que é tan antolóxica como a dos marraus-sen-culpa de Monxardín. Decíame: "veñen máis lustrosos".
Publicar un comentario