20 dic 2008


Unha metáfora ecolóxica.
Andoliña.Galicia Hoxe.Venres 19-12-2008
Marcos Valcárcel




Aprendo moito cos documentais da Dúas de TVE, que sigo con certa regularidade. Nun deles fálase dos ríos da península e a reportaxe incide na introdución neles de especies foráneas que ameazan a biodiversidade da natureza: lucios, percas, cangrexos americanos, etc. Depredadores que se ocultan na placidez dos cursos fluviais. Froito das políticas do Iona dende os anos 50 en favor da pesca deportiva, pero un auténtico disparate dende unha perspectiva ecolóxica.

No programa Informe semanal emitiron unha interesante reportaxe sobre o futuro do Polo Ártico, terra de ninguén que se disputan diversos países próximos polas súas grandes potencialidades enerxéticas (petróleo e gas). Por desgraza, as grandes industrias non se rexen pola súa sensibilidade ambiental e non van chorar polos efectos do cambio climático e o desxeo dos polos. Iso significa, entre moitas outras cousas, a desaparición de especies e da biodiversidade.

Unha estudante de doutorado usa unha imaxe moi acaída como metáfora do presente: imos todos no mesmo avión e, pouco a pouco, vanlle caendo as parafusas que unen as súas pezas. Cada especie que se perde, aló vai outra parafusa. Canto durará o avión en marcha?


2 comentarios:

Anónimo dijo...

Esto ven a coallo co dos sapocunchos xa comentado. Os que pasan de 20 cm. de diámetro son reintroducidos ou alóctonos. Perigosos. Sería bo eliminalos.

lobo autóctono.

Anónimo dijo...

Nós somos unha parafusa que caerá antes que moitas outras.