Mostrando entradas con la etiqueta luis gonzalez tosar. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta luis gonzalez tosar. Mostrar todas las entradas

23 may 2009

A plantar salgueiros a outra parte!
Sección: Ao raiar o sol
Luís González Tosar.
Foto:Oscar Corral. El País 23.05.2009

Certo é que, despois da formidable resposta da República das Letras Galegas ao acto literario no que lle entregamos a Marcos Valcárcel o IV Premio P.E.N.-Voz de Liberdade e maila distinción de “membro de honra” da organización mundial de escritores, o desalento ábrelle paso á ilusión e o pesimismo trócase en luz esperanzada. Digo isto baseándome na resposta de case dous centos de amigos e amigas, traballadores da lingua e da literatura de noso, convocados por obra e gracia do homenaxeado, presenza que corroborou, na tardiña do pasado venres, en Compostela, unha verdade poucas veces posta en práctica: a unidade no esencial é posible. Creo que todos saímos reforzados dunha xuntanza na que nos sentimos, coma no verso de Lorenzo Varela, “cinguidos polo mesmo pensamento”. Nunca lle oín, en máis de trinta anos de amistade, a Marcos Valcárcel -exemplo nídio de bonhomía, cordialidade dialogante e firmeza na defensa da nosa identidade-, palabras descalificadoras, nin sequera para os que lle negaron, en varias ocasións, unha rabanda de pan e un grolo de auga, imprescindibles para repor folgos e seguir adiante. Dixérono ben claro Bieito Iglesias -colega seu desde a adolescencia- e Xesús Alonso Montero -verbo cálido e rigoroso-; Marcos encarna hoxe a continuidade do mellor galeguismo progresista, do nacionalismo non excluínte, da sensatez dos que constrúen, día a día e con esforzo, un modelo propio baseado na concordia, sen renunciar a nada, aspirando a todo. Velaí a encrucillada de arestora, unha situación de perigoso confusionismo e de intereses creados arredor do idioma propio de Galicia -así é como a define o actual Estatuto de Autonomía-, cooficial co castelán, do que nunca os galegos renegamos. Porque os que se consideran “perseguidos” non mencionan nunca a proscripción do galego durante a dictadura franquista? Ollo cos pirómanos. Tres ou catro, apenas media dúcia, poden alamparnos a todos. Nunca abrasarnos, porque de apagar incendios os galegos sabemos moito. Confiémoslle, pois, o proceso normalizador aos sociolingüistas -Anxo Lorenzo, actual responsable da política lingüística da Xunta é un dos mellores-, eles saberán facer as oportunas consultas e sentar, sen dúbida, uns puntos básicos para chegarmos ao consenso político e social. A responsabilidade, a sensatez, a sabiduría, están, polo de agora, no soberano -o tan invocado pobo galego, nada respectado polos que queren adecualo como sexa á súa ideoloxía-. A nosa xente segue a falar con naturalidade e cortesía -como di o Presidente Núñez Feijoo- na “lingua dos avós que temos mortos”, que cantara Celso Emilio Ferreiro e que non é proletaria, nin campesiña, nin mariñeira; é a lingua de Galicia enteira. “A fala é o que se fala”, pensamento máis fondo do que parece e que lle vin escribir, de puño e letra, a Ánxel Fole. Están aviados os que pretendan onda nós unha guerra lingüística. Poden ir plantar salgueiros a outra parte.

28 feb 2009


Miradas Alleas (V)
andoliña 28-2-09
debuxo de MASKA

En abril do 2002 recibín un convite insistente de González Tosar para asistir á entrega dos IV Premios Rosalía de Castro e á cea posterior en Fonseca. O amigo Luís subliñaba: vai estar Ernesto Sabato, que naquela hora superaba xa os noventa anos. Gárdolle moito respecto ó mestre arxentino non só polas súas novelas, senón tamén por breves ensaios recollidos en volumes como Páginas de E.S. seleccionadas por el autor, da editorial Celtia. Non me puiden negar e aló fun con Afonso Monxardín para participar naquela xornada emocionada arredor dun home fráxil e fatigado, que choraba ó escoitar a música das gaitas.
Na serie Miradas Alleas, Sabato está representado polo volume Palabras para Galicia, que recolle varios textos galegos do autor, sempre coa presenza rosaliana na cabeceira e a lembranza dos emigrantes galegos. González Tosar describe con precisión aquelas xornadas do escritor en Compostela e Padrón. Víctor Freixanes evoca un encontro co mestre na súa casa de Santos Lugares e o espectáculo dun teatro arxentino a rebordar aplaudíndolle durante quince minutos.
Lorenzo Varela, grande amigo de Sabato, é coprotagonista do libro, cun estudo de Gregorio Ferreiro e os Cadernos do Tortoni (2006).

18 feb 2009

Santoral político
LUÍS GONZÁLEZ TOSAR, El Correo Gallego 1-2-09

Ideoloxías á parte, un grupo de politólogos logrou descubrir, despois de moitas e moi variadas pescudas, que as tres principais forzas políticas de Galicia depositan as súas esperanzas, seguindo nisto a tradición popular, en dous santos e unha santa.
Guñedo foi, ao parecer, antes de se converter ao cristianismo, un centurión romano do século III chamado Aulus. Denunciado por un veciño da porta que lle envexaba o rabaño das ovellas, decapitaríano na súa vila, preto do actual Prevediños (Touro), e posteriormente sería declarado martir polo Papa San Eutiquiano, no 280. Seica vén protexendo o Partido Popular de Galicia desde a terceira visita de Xoán Paulo II a Compostela. Un alto dignatario vaticano encargaríase de lle entregar a Don Manuel, no máximo segredo, unha reliquia de San Guñedo, a primeira falanxe do dedo furabolos. Ignórase o paradeiro da reliquia e da única imaxe do santo.
En canto a San Prizón, descoñécese o lugar de nacemento e os apelidos deste beato que, a comezos do XVIII, aparece rexentando unha misión xesuítica de tres mil indíxenas guaraníes á beira do río Paraná. Os oficios mediadores do santo Prizón deben remontarse aos tempos do cainitismo socialista. Está claro que foi Paco Vázquez o seu introdutor e custodio. Disque Touriño só lle pide favores a través de Antón Louro.
E por último a guía benefactora do nacionalismo, Santa Bruña. Aínda que fóra do santoral, Bruña segue a ter autoritas no BNG. As malas linguas alcúmana " A coronela", porque cinxe espada e mostra arrogancia no rostro. Para pesar dos seus siareiros, Bruña veu de fóra, tróuxoa Castelao da Bretaña. Os que saben destas cousas sitúana como advocación de Xoana de Arco. A pobre Santa Bruña botou décadas no faiado da casa do autor de Sempre en Galiza, en Rianxo. Tivo paciencia, liberárona das tebras Quin e os seus fieis de Allariz.

9 feb 2009

Ferrín: firme puño de liberdade.
Luís González Tosar.
ECG. 8-2-09

Cheguei -de Buenos Aires- a Vigo, en 1969. Matriculeime en 5º de bacharelato no Instituto Santa Irene e cadrei nun grupo moi xeitoso que agromou arredor de Xosé Luis Méndez Ferrín, o noso profe de repaso de Literatura española de 4º, polas tardes. Un día chéganos a nova de que Ferrín estaba preso. Nós sabiamos mellor ca ninguén que el non facía proselitismo barato. O seu estilo era moito máis fino, clarificador, didáctico, aprendéndonos a descubrir a realidade por nós mesmos, abríndonos os ollos adolescentes ás contradicións da abafante ditadura. Durante aquelas clases, fenomenais, nunca lle escoitamos unha palabra descalificadora de Ramón Piñeiro. Pola contra, animounos, aos catro ou cinco do grupo, a ir visitar a Piñeiro unha vez que estivesemos en Santiago. "Vaivos recibir ben, vaille gustar" afirmou. A grande aventura -promovida por Ferrín- daquel COU foi unha viaxe a Madrid, para asisitir ao teatro do Círculo de Bellas Artes. Representaban Luces de Bohemia e alá fomos -unha ducia, profe incluído- en autocar.
Regresamos felices polas reviravoltas da Canda e do Padornelo, cantando, orgullosos do noso profe, sabedores de que estabamos trasgredindo. E aínda que entón non entenderamos algunha cousa, foi un tempo de útil preparación para enfrontarnos á realidade universitaria dos 70, en Compostela. Coñecín, en 1974, a Carlos Casares e a Ramón Piñeiro, fun amigo dos dous. Non por iso cortei, nin enfriei, a vinculación con Ferrín. Piñeiro falaba ás veces de Ferrín, considerábao grande escritor, destacaba nel a integridade, a firmeza de carácter. Certa vez comentou que non lle importaba o de Ulm Roam. Consideraba o personaxe como literario e que tiña máis da creatividade ferriniana ca da súa propia biografía. Corenta anos que pasaron, desde a tardiña na que o vin entrar no bar do Santa Irene a coller tabaco, até hoxe, cando Galicia enteira homenaxea a Xosé Luis Méndez Ferrín, nos setenta anos do seu firme puño de liberdade.

23 ene 2009

Estúrdiga Materia de Luís González Tosar, libro galego do ano
A.L.M. Corresponsal
Os lectores de El Progreso e do xornal dixital Galiciae escolleron como Libro Galego do Ano 2008 o poemario 'Estúrdiga materia' (Galaxia) de Luís González Tosar, segundo recolle El Progreso (domingo 29 de decembro). Esta obra saiu dende o primeiro momento como favorita dos votantes, que optaron á par polo libro científico 'Pó de estrelas' (Consello da Cultura Galega) de Xurxo Marino, nunha curiosa aposta por dous xéneros que adoitan ser superados polas novelas neste tipo de votación. Eran quince os libros galegos publicados durante o ano 2008 e asinados por un autor vivo que se enfrontaban ó xuízo dos lectores.
Outros libros considerados foron o ensaio 'Por unha Galiza liberada' (Espiral Maior), de Xosé Manuel Beiras; a obra de Rosa Aneiros, 'Os ourizos cachos e o gran río gris' (Galaxia); a nova obra do escritor Xabier Docampo e o ilustrador Xosé Covas, 'O libro das viaxes imaxinarias' (Xerais); 'Festina lente' (Xerais) de Marcos Calveiro; 'Látigo de algas', de Antón Reixa, e 'As mellores intencións, de Begoña Paz.

23 dic 2008

Soyinka en Avilés, de Luís González Tosar (ECG. 22-12-08)

A Academia Sueca conmocionaba, en 1986, o mundo literario concedéndolle o Nobel a un nixeriano; Wole Soyinka. O premiado tiña daquela 52 anos e, alén dunha obra na que están presentes as literaturas inglesa e norteamericana, mesturadas con elementos da oralidade ioruba, a súa, era un loitador que representou, naquela altura, o cambio de orientación nas letras dun continente que xa non se recoñecía na teoría da "negritude" mantida por Léopold Sédar Senghor e Aimé Césaire. En 2001, co patrocinio da Unesco, celebramos o Día Mundial da Poesía, 21 de marzo, en Santiago de Compostela. Participaron máis dun cento de poetas, entre os que cómpre salientar dous Nobel: Derek Walcott (Castries, Santa Lucía, 1930) e Wole Soyinka (Abeokuta, Nixeria, 1934). Eran, como dixo Méndez Ferrín nas palabras de presentación, "representantes dunha xeración que abriu fendas contra o colonialismo". Soyinka propúxonos que Galicia era un bo lugar para un Centro de exportación de cultura de América Latina, África e Asia, cara ao mundo hispánico e a lusofonía. Considerábanos unha ponte para un novo modelo. Entendía, o autor de Poemas desde la cárcel, que cultura implica, ademais de identidade, intercambio. Non me estrañou ver a Soyinka participando no proxecto Niemeyer de Avilés, xunto con Woody Allen, Stephen Hawking, Vinton Cerf? traballando polo multiculturalismo. Nós, seguímoslle dando voltas aos contidos da Cidade da Cultura. E cando nos visita un Nobel, Gao Xingjian, dicímoslle que non pode vela "por seguridade". Os grandes asesores, en lugar de contactar co Pompidou, co Barbican ou co Festival de Avignon, andan á procura de rodas de carros e arados de pau; ignoran que temos un Museo do Pobo Galego exemplar. Cultura nacional, para eles, é etnografía morta.

28 jul 2008

Luís González Tosar: “É o momento de levar a cabo unha alianza, un gran Pacto polo Idioma”
Profesor e escritor, cre que o sistema literario galego necesita unha reorganización
POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE, en Galicia Hoxe 28-7-08

13 jul 2008

Xeito, de Luís González Tosar (ECG 13-7-08)

Reparo nunha fotografía do cumio do G8 en Toyako, illa xaponesa de Hokkaido, na que os líderes dos sete estados máis podentes do mundo, engadida Rusia -por herdeira da URSS- dispóñense a plantar cadansúa árbore. Merkel é a primeira, e como alemá afeita aos labores do xardín, semella ser a que máis xeito e traza lle dá ao choio. Ao seu carón, Bush nin disimula: a ferramenta do revés, collida cunha man soa e, sen abaixarse, con lombo de can, apenas empuxa unha pouca terra, coma con noxo. Fukuda, amo e patrón da leira, non ten parada, é un deses que fan que fan, un bule bule. Sarkozy e Medvédev óllanse, un de cara ao outro, con riso falso, as pas a media altura cara adiante, coma armas. Berlusconi traballa á toa, sen ton nin son, coñéceselle que o fai por fachendoso; acenea coma un pallaso, sua coma un porco. Aos outros dous -Brown e Baird- non lles sabemos o xeito, porque non saíron na foto. Con estas meadas andaba, esoutro día, repasando os varios significados da palabra "xeito" -s.m.- das máis completas do noso idioma: dende andar con xeito (con tino) ata pescar co xeito (arte de enmalle prá pesca da sardiña e da anchoa), pasando por "xeitosa" (agraciada) e outros sinónimos como aspecto, disposición, feitío, maneira, garbo, modo, habelencia, maña, coidado...
Nisto andaba, digo, cando dei coas declaracións, tallantes, do Secretário Ejecutivo da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) Luis Fonseca, afirmando que "a Galiza deverá ser apresentada pelo Governo Espanhol se quer ser observador associado da CPLP". A categoría á que pode aspirar Galicia, nese organismo, será a mesma das antigas colonias lusas de Goa (India). Macao (China) e Malaca (Malaisa), actuais observadores. Ai, o jeitinho portugués!.

11 jul 2008


Ramón de Sismundi

De herba seca enchéronche a casa
-no sobrado arrecendo a mazás-.
E ti lonxe, rítmico ruxir da vasoira
do emigrante de lúas e cabalos:
contigo, Federico, no poema.

Aló na rúa Esmeralda esperta
lamacenta cor de Buenos Aires,
ás de querubín, ceo horizontal
en homenaxe á cruel melancolía:
contigo, Federico, no poema.

Reverdecido labio o do gaiteiro,
boca gris, escuridade maxestosa
mollándote nos versos do día,
acoitealada luz de conventillo:
contigo, Federico, no poema.

( “Ramón de Sismundi”, que ecoa entre Auria e Buenos Aires, é para Marcos Valcárcel)
ESTÚRDIGA MATERIA, de Luís González Tosar

(Como xa dixen, agradezo especialmente esta dedicatoria poética, que dialoga cun dos inmortais poemas galegos de Federico García Lorca. M.V.)

Tres Poetas.
Pan por Pan venres 11 xullo. Imaxe: Venus de Brassempouy.


Teño enriba da mesa tres poemarios de voces amigas pendentes de lectura. Comparto os seus títulos para que chegue a nova da saída destes libros a outras persoas. Dous deles son antoloxías dun longo período: “Lugar do canto”, publicado por Hipocampo Amigo, recolle unha ampla escolma bilingüe de Xesús Rábade Paredes entre os anos 1969 e 2007, presentado por Darío Xohán Cabana: nos primeiros poemas o Suso Rábade era aínda un mozo de vinte anos. Tamén recolle a súa obra lírica entre 1984 e o 2007 Miguel Anxo Fernán Vello, no volume “Astro interior”, publicado na colección Arte de Trobar do PEN Clube. E o presidente desa casa, o ourensán Luís González Tosar publica en Galaxia o seu último libro, “Estúrdiga materia”, en fermosa edición ilustrada por Quintana Martelo e con limiar de Ferrín: é de xustiza agradecerlle ó amigo Tosar a dedicatoria dun dos seus intensos poemas.

22 jun 2008

Galicia vs. Galiza
Contundente o artigo de onte de Ferrín no Faro: velaí en PDF, "Denominación da Patria".

E un saúdo cordial para Luís González Tosar (Galicia, ovación, Ferrín) : agardemos que se repoña dos seus achaques dos últimos tempos.

26 feb 2008

en poleiro alleo
Pan e coitelo. O valor dos debates cara a cara, de X. M. Sarille (ECG 26.2.08)

Eu gustei do que disputaron Solbes e Pizarro. Aprendín e tirei conclusións. A primeira é que Pizarro non sabe economía política, esa disciplina, tan complexa, resúltalle allea e por iso non está preparado para gobernar, aínda que sexa unha persoa perfectamente capacitada para dirixir con brillo unha grande empresa ou o seu bolso particular. A segunda conclusión, moi pedagóxica e talvez decisiva para a maioría dos espectadores, é que Pizarro sería capaz de privatizar as pensións e desvinculalas totalmente da protección pública, tal como fixeron no seu día os gobernos de Augusto Pinochet en Chile. Ese foi un dos principais argumentos de Pedro Solbes, o núcleo duro onde dobrou ao contrincante definitivamente. Por certo, ao ministro non lle foi necesario o artificio: cun ollo pechado, a cara afectada por unha parálise pasaxeira, o outro ollo mirando permanentemente para o atril, mais con moita precisión e rigor, iso si, merendouse ao popular. Ou sexa que menos pólvora de verbena.

Ao raiar o sol. Centenario de Curros Enríquez, de Luís González Tosar (ECG, 24.02.2008)
A nosa selección en Pequín, de Afonso V.Monxardín (GH. 26.2.08)

3 sept 2007

Portuñol, de Luís González Tosar
("Extramuros", El Correo Gallego, 21 agosto 07)

Despois do xantar, tomo o café na taberna da Isaura, na Pedriña, a 50 metros da miña casa de Guimarás - O Irixo. Sempre os mesmos siareiros, agora aumentados cos traballadores das obras do ferrocarril de alta velocidade. Reparo nun deles, portugués norteño, trasmontano de Sao Martinho de Anta, orgulloso veciño e admirador de Miguel Torga, aínda que nunca leu nada del. É un rapaz de vinte poucos anos que en nada se distingue dos outros operarios, todos galegos. O chocante está na fala; o portugués non apea, por nada do mundo, o seu español chapurreado. Non se trata dun caso raro, a grande maioría dos nosos veciños cando se lles fala en galego contestan no seu peculiar castelhano.
Non nos enganemos. As voces ibéricas, encabezadas polo Nóbel Saramago, que hoxe reivindican a unión ibérica, ignoran intencionadamente a Galicia. Desprézannos, agás excepcións, porque para eles, fascinados pola España progre e moderna, representamos os avós pobres, aldeáns, cheos de miseria, falantes dun portugués arcaico que eles nunca quixeron nin queren entender. O galego segue a ser o espectro do aguador-aguadeiro brután e analfabeto. O guay, o espantoso -marabilloso- é o Corte Inglés, as grandes superficies e o bacallau a bo prezo. Todo moi uniforme, todo moi español. Pautas de comportamento cultural tan arraizadas, resultan de difícil mudanza. Recentemente, 150 estudantes de Valladolid, Zamora, Salamanca, Coímbra e Lisboa, realizaron unha experiencia de integración. O programa dos ruteros ibéricos resultou ben, agás na lingua. Os españois falaron decote no seu, os portugueses adaptáronse en portuñol. Nada disto ten interese para os meus amigos reintegracionistas que levitan ao pisaren terra lusa. Pretenden que os tomen por falantes de portugués, mais, pobretes, sempre son descubertos por un cheirinho español. As sibilantes non perdoan.