Mostrando las entradas con la etiqueta A MIRADA RETIDA. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta A MIRADA RETIDA. Mostrar todas las entradas

1 mar 2009


Retrato dunha época
Marcos Valcárcel, lA rEGIÓN 1-3-09

Ó pintor Xosé Conde Corbal debemos non só a mellor descrición en imaxes do noso patrimonio e do Ourense monumental, no volume ‘El Orense perdurable’, de Vicente Risco, senón tamén unha serie de retratos individuais e colectivos que, ensarillados entre si, dan boa conta da historia cultural contemporánea. O tempo urbano, pousado e estantío, quedou inmortalizado nos seus óleos, debuxos e gravados. Velaí esta peza súa, unha das máis coñecidas, porque está colgada na casa de María Andrea. Precisamente representa o exterior dese edificio e a Praza do Eirociño e, no primeiro plano, o faladoiro cultural auriense dos anos 50 e 60, de gran pluralidade ideolóxica.
De esquerda á dereita, participan nese conciliábulo de escritores, artistas e xornalistas, Xesús Taboada Chivite, Xoaquín Lorenzo, Xesús Ferro Couselo, Vicente Risco, o propio pintor e o xornalista Ánxel Huete.
Na primeira fila e na mesma orde, o escritor e humorista Gimeno, Leuter González Salgado, Ernesto Gómez del Valle, Antón Tovar, Arturo Baltar, Acisclo Manzano, Xosé Luís de Dios, Xaime Quesada e o crítico Luís Trabazo.

22 feb 2009




Leuter González Salgado
A MIRADA RETIDA 22-02-2009
Dúas imaxes de Leuter González Salgado, nunha foto dos anos 30 e unha caricatura realizada por Carlos Maside, publicada en ‘Galicia Emigrante’, 1958, a revista bonaerense de Luís Seoane. Tiven aínda a sorte de coñecelo nos 70, en actos da A. C. Auriense e na súa propia casa, pois era o avó do amigo Xosé Lois Carrión, que me facilitou a foto. Nos anos 30 militou no Partido Nazonalista Republicano de Ourense e logo no Partido Galeguista de Otero e Risco. Coa chegada da República foi o primeiro concelleiro nacionalista da cidade e tamén obxecto de escarnio dos socialistas, que chegan a pedirlle ó alcalde que lle prohiba falar no Concello no ‘dialecto regional’. Mestre de profesión, tamén estivo nas orixes da Caixa de Aforros e presidiu a Cruz Vermella. Nos anos 60 e 70, como outros vellos galeguistas, militou no Partido Socialista Galego de X.M. Beiras. Na revista ‘Galicia Emigrante’ publicaban o debuxo de Maside con este texto: ‘Eleuter González Salgado, notable pedagogo gallego al que se deben además numerosos estudios breves dedicados a temas de Galicia, en una pose suya en la asamblea de municipios de Compostela, recogida en rápido apunte por el magistral lápiz de Maside’.

9 feb 2009


Anos 50 / A Mirada Retida
Marcos Valcárcel
La Región 08-02-2009

Francisco Fariña Busto, director do Museo Arqueolóxico, garda unha boa colección de fotos de paisaxes e edificios da nosa cidade, realizada polo seu pai, Luciano Fariña. As que eu vin son dos anos 50, concretamente de 1956, creo: estaba aínda en construción o Colexio Marista na rúa Bedoya, por exemplo.Da mesma época debe ser esta que escollín hoxe, o edificio, ó carón do Goberno Civil, onde ten a súa sede o Instituto Nacional de Previsión. Supoño que foi unha das grandes obras da época, cando o Paseo aínda non estaba cheo de altas torres.O edificio, no que eu observo, non cambiou moito dende aquela: a foto foi tomada nun día tranquilo, sen automóbiles, quizais un domingo. A imaxe respira un ton de gran pracidez no pasear das xentes ou no paisano que se achega en bici, que ben podería ser Antonio Ricci, o protagonista de ‘Ladrón de bicicletas’ (1948).Para os que non vivimos esa época, o cine, sobre todo o neorrealismo español e italiano, é como un álbum de fotos de familia ou un caixón de soños perdidos. Pero, mentres soñamos, vivimos como plenamente reais esa nostalxia dos tempos non vividos.

25 ene 2009

Espazos do poder
A Mirada Retida 25-1-09. Marcos Valcárcel

O Pazo Provincial de Ourense construíuse a finais do século XIX para unha fábrica de afiaduras e por iniciativa dos Pérez Bobo, nome egrexio na burguesía da época. A Deputación mercou o edificio en 1895 e en 1912 reformouno Vázquez-Gulías engadíndolle o corpo central. Durante moitos anos albergou no seu seo a todos os poderes da cidade: ata 1936 estiveron alí a Audiencia, o Goberno Civil, a Biblioteca e ata a Caixa Recruta. Non semella esaxerado chamarlle a casa do poder con tan egrexios antergos e o que hoxe significan estas pedras na pro vincia. No seu baixo, noutrora sede da Biblioteca Pública, descansaron ata hai pouco os fondos da Biblioteca de Autores da Deputación: Blanco Amor, Alberto Vilanova, Matilde Lloria, Ben-Cho-Shey e Benito Fernández Alonso, entre outros. Na foto de hoxe vemos a imaxe dunha manifestación nos anos 50, que daquela se chamaban ‘actos de afirmación patriótica’, de seguro con discurso dalgunha autoridade daquela negra época. En primeira fila, dous cregos (manteo e tella), xunto con numerosos ‘grises’ (policía armada). Daquela estaba o Goberno Civil no primeiro andar e no segundo a Deputación.

11 ene 2009

A MIRADA RETIDA
RETRATO NA ESCOLA
Marcos Valcárcel


Encántame esta foto. Agasallouma Javier Martínez Randulfe hai uns meses, sabedor da miña devoción por “Ben-Cho-Shey”. É unha aula do Colexio Concepción Arenal cando o dirixía don Ángel. A don Ángel encontreino eu varias veces nos xornais da preguerra, sempre defendendo con firmeza a liña do galeguismo católico que el profesaba. A foto podería ser dos primeiros anos 70 ou un pouco antes: ampliada no ordenador recoñécense ó fondo algúns libros de texto cos símbolos franquistas habituais nesa época. Detéñome na imaxe ampliada e vexo que se pode distinguir ata o máis mínimo aceno dos rapaciños e das cativas que sentan nos pupitres: danme gañas de empezar unha novela na que o primeiro capítulo sería o retrato físico e psicolóxico destes picariños. Quizais vostede, amable lector ou lectura, sexa un deles. Aquel día faláballes Xosé Ramón e Fernández Oxea, mestre de mestres. De que lles falaría, dalgún escritor do Día das Letras Galegas? Eu non sei o título da conferencia, pero sei que aquel día “Ben Cho Shey” falou do amor ó país e á nosa cultura, do respecto polo noso idioma e os nosos topónimos, da dignidade das xentes labregas.

4 ene 2009


A MIRADA RETIDA
AS BURGAS. La Región 4-1-09
Marcos Valcárcel
A identidade das cidades consérvase de moitos xeitos: nos seus lugares máis emblemáticos e monumentos; tamén nas súas xentes populares e nos faladoiros que fan transmitir a memoria oral urbana, aquela coa que logo tamén traballan moitos artistas e escritores. Pensemos noutras urbes galegas: Santiago, Lugo, A Coruña, etc., en calquera delas hai un parque ou monumento que mantén a súa fisionomía orixinal dende hai case un século. En Auria tivemos o Xardín do Posío, derradeira lembranza do Ourense romántico do século XIX, e deixámolo estragar nas súas dúas terceiras partes.
Quedan as Burgas, sen dúbida o lugar máis visitado por turistas e curiosos. A súa contorna tamén variou, aínda que xa tiña un xeito de xardín arredor hai moitos anos. Vexan esta postal dun fotógrafo catalán, que me enviou un amigo (XGT). Dime que se sacou cara 1949, eu pensaría que era máis antiga. Había aínda un gran campo próximo e non existía a actual rúa do Doutor Marañón. Por riba deste campo, estaba o patio de recreo, unha horta, do colexio Cisneros, onde impartía docencia, entre outros, don Xoaquín Lorenzo.

28 dic 2008


Xaime Quessada
A mirada retida, La Región 28-12-08
Marcos Valcárcel

Vaise cumprir nestes días un ano do falecemento de Xaime Quessada, un dos artistas galegos de referencia do século XX. A súa obra está en galerías de todo o mundo e tamén na súa Auria natal, no Pazo de Vilamarín ou nas rúas ourensás, no seu Fauno do Paseo ou na Serea do parque do Barbaña, realizada co seu amigo Acisclo Manzano. Foi Xaime Quessada un innovador de formas, símbolos, linguaxes, e tamén un gran comunicador visual que levou os seus deseños a múltiples formatos, dende o cartelismo político ás etiquetas dos viños, pasando polo teatro e outras artes. E ese camiño renovador empezou en parte, no bar do Tucho, o Volter, aló polos primeiros anos 60, ó carón de amigos como José Luís de Dios, Acisclo Manzano., Buciños, Xavier Pousa, Virxilio, etc. Co maxisterio estético de don Vicente Risco, a quen sempre lle gardou devoción o pintor. Chamáronlles os artistiñas e gañaron de inmediato o respecto e admiración do mundo cultural. Nesta foto están varios deles (Xaime, primeiro á dereita, mirándonos a todos) con don Ramón Otero Pedrayo nunha taberna de Santander. A foto procede do libro ‘O Volter’, de Sofía Tros de Ilarduya, Ed. Ronsel, 1998.

22 dic 2008



A MIRADA RETIDA
OS NENOS DE BLANCO AMOR
Marcos Valcárcel

A Eduardo Blanco Amor bastáballe con “A Esmorga” para pasar á historia da literatura galega, pero a súa extraordinaria sensibilidade e formación cultural amosouse como xenial en moitas outras facetas. Como novelista, como poeta, como xornalista, como dramaturgo, como polemista e loitador cultural, etc. Tamén foi un excepcional fotógrafo, como demostran os negativos que se conservan na Biblioteca da Deputación, moitos deles publicados xa en tres libros polo Clube Alexandre Bóveda ou por Galaxia. Nese tesouro hai moitas fotos de nenos, unha das pedras de forza da súa literatura: velaí “Os biosbardos”, “La catedral y el niño” ou “Xente ao lonxe”, entre outras. Fotografou ós nenos de Muros xogando cun carro, ós de Louro coas súas gorras debaixo dun cabaceiro, ó raparigo que tocaba o violín en Compostela co seu pai e tío, etc. Fotos todas inmortais como esta meniña galega retratada nos anos 30, que podería figurar en calquera escolma do retrato fotográfico, ou as monxas cos nenos das palmas (Madrid, finais dos 60) que tan ben define o nacionalcatolicismo da época, vivido con angustia no seu conto “Primeira Comuñón”.

14 dic 2008


A MIRADA RETIDA
UN BANQUETE GALEGUISTA
Como lembraba esoutro día Afonso Vázquez Monxardín nun artigo sobre a Gastronocracia galega, a maioría dos actos importantes neste país, políticos ou culturais, fixéronse arredor dunha mesa con viandas. Velaí un bo exemplo: o banquete que lle dan os galeguistas ourensáns a Emilia Docet, Miss España, o 16 de xuño de 1933 no Hotel Miño, no mesmo acto no que o poeta Manuel Luís Acuña recibía o premio literario Manuel Murguía. Rexistramos os presentes, de esquerda a dereita e de atrás cara adiante: Vicente Risco; o propietario da reloxería ourensá “El Cronómetro”; Ramiro Illa Couto; Leuter González Salgado; Ánxeles Otero (a “Zoqueira”, esposa de Adolfo Otero, o dono dos almacenes “Populares”); Álvaro Cunqueiro; Emilia Docet; Manuel Luís Acuña; Ramón Otero Pedrayo; Mª Luz Morales; Ricardo Fernández Morais; Mª Xosefa Bustamante Muñoz (“Fita”, esposa de Otero Pedrayo); Eduardo Blanco Amor; Xoán Luis Ramos Colemán; Miguel Valencia Fernández; J. Villagarcía; Roberto Vázquez Monxardín; Elina Carballo; Esther Peña Bouzas; Alfonso Vázquez Monxardín; Manuel Peña Rei; Emilia Blanco Maneiro; Xosé Goyanes e Daniel Piñeiro.

9 dic 2008


A MIRADA RETIDA
OS FELICES ANOS 20
Marcos Valcárcel
Quizais idealizamos os felices anos 20: sen dúbida a música dos cafés cantantes e a visión que nos deixou o cine favoreceron esa imaxe feliz que todos queremos imaxinar. A década dos 20 rematou cunha gran crise mundial, que inmortalizaron fotógrafos americanos como Walker Evans e Dorothea Lange e escritores como John Steinbeck en “As uvas da ira”. Tamén en España houbo tempos malos tras o 29: o corte da emigración a América e a crise económica na que naceu a República. Pero houbo moitas horas felices. Velaí unha mostra, que me enviou un amigo: no balneario do Carballiño posan para o fotógrafo Ramón Godás un grupo de veraneantes na comarca. O home a esquerda de pé, con sombreiro e cheo dunha elegancia forzada é o notario Bernardez, infórmanos o noso amigo. Á dereita, sentado ó carón da rapaza do tambor, sorrindo e con gravata, está o inspector médico Jose Luis García Boente,que chegaría a ser autoridade sanitaria no país e un dos pioneiros na loita contra a tuberculose. A el débese en grande parte o nacemento do Sanatorio Antituberculoso de Piñor.

9 nov 2008

A MIRADA RETIDA
O PASEO NOS 50.

A foto debe ser de 1953, segundo nos informa Xesús G. Tobío, quen nos achega esta imaxe. O lugar é ben recoñecible, aínda que cambiaron algunhas cousas: a rúa do Paseo, xa preto do parque de San Lázaro. Velaí, en primeiro plano, á dereita, o edificio que foi Círculo Católico e que remataría como sede do Goberno Militar. Máis adiante o Banco de España e moitas casas que permanecen aínda. Desapareceron varios chalés da rúa, como o chalé Losada, onde hoxe se ergue o edificio Viacambre, este xa dos anos 70. A imaxe ampliada no ordenador permite mesmo recoñecer pequenos anuncios como a delegación da casa Ford ou esa xastrería que ofrecía “Pañería de alta calidad”. Daquela, anos 50, a rúa xa levaba o nome de José Antonio Primo de Rivera, o fundador da Falange, imposto en 1937; antes fora rúa de Fermín Galán, nos anos republicanos, e antes aínda, de Vicente Pérez, o deputado liberal. Case non había coches (un camión, ó fondo) e polas vestimentas podía ser un día de primavera ou verán cos cativos cos seus pantalóns ata os xeonllos. Que slogan poñería aquela pancarta no medio da rúa? E quen o sabe xa...!

2 nov 2008


A MIRADA RETIDA 2-11-08
ÁLVAREZ DOPAZO

Velaí esta interesante foto, que me achega xenerosamente a amiga “Cachito”, pois o protagonista era o seu avó. E quero recuperala e con el un nome, o dun gran alcalde da Segunda República. No centro da foto está Niceto Alcalá Zamora, presidente da República, nunha visita oficial á cidade. Ó seu carón, na esquerda, con sombreiro e bastón na man, don Antonio Álvarez Dopazo. Foi o alcalde republicano de xestión maior duradeira, dende 1931 ata 1935, cando, trala Revolución de Outubro, ocupou o cargo Santos Fernández Fueyo, republicano radical, co apoio da dereita. Álvarez Dopazo vivira en Cuba, tiña unha pequena fábrica de chocolates preto do Posío e residía neses anos na Praza da Imprenta. Debeu gobernar con xustiza, pois nin sequera na prensa máis reaccionaria hai críticas contra o seu labor. Era un home de opinión independente e coas ideas claras. Hai anos rescatei un seu artigo dos anos 20 onde defendía o soño dunha urbe organizada arredor do casco histórico e o ensanche e rodeada de parques e xardíns á beira dos ríos da cidade. Unha fermosa utopía, imaxinada xa hai máis de 80 anos.

26 oct 2008


O que paga a pena conservar

Por sorte, a nosa Praza Maior garda o engado e o celme dos tempos antigos: ben se ve nesta postal que garda como elemento orixinal esa espectacular central telefónica nun dos tellados. Tampouco existía aínda, nesta foto de Pacheco, a casa dos Almacenes Olmedo (1925), na extrema da rúa do Instituto. Realizada pola Fototipia Castañeira y Álvarez de Madrid, a postal circulaba a principios de século XX: esta, da colección de Carlos Díaz, viaxou a Vigo en 1913. A nosa Praza Maior, a medieval Praza do Campo, segue a ser o corazón da vida ourensá. Dalgún xeito mantén o sabor burgués e comercial dos tempos decimonónicos, días de alento insubmiso da burguesía liberal que a bautizou como Praza da Constitución e mesmo como Praza da República Federal.
Aquí, conta Cuevillas, acudían as xentes a berrar nos motíns, a emocionarse coas execucións da pena capital, a vitorear a proclamación dalgún rei ou dalgunha república, a confundirse no ledo rebulir do entroido ou a presenciar as solemnidades da Semana Santa. Na súa contorna, consérvanse algúns edificios ben fermosos como o que ocupou o Conservatorio, obra de Juan Darriba, ou o comercio de Fermín García, obra de Daniel Vázquez-Gulías.

21 oct 2008

A MIRADA RETIDA (La Región 19-10-08)
O OURENSE DOS ANOS 50
Marcos Valcárcel
Velaí unha fermosa foto que amosa unha vista xeral da cidade de Ourense nos anos 50: o fotógrafo, como facían os pintores clásicos dende o Renacemento, soubo utilizar con xeito a árbore do primeiro plano para encadrar esta gran paisaxe urbana. Está tomada dende algún outeiro dos arredores, quizais polo Salto do Can: podemos recoñecer con claridade a Alameda, a praza de abastos, máis atrás a Catedral, ó fondo o cuartel de San Francisco. O Montealegre estaba moi escasamente urbanizado e tampouco existía o que hoxe é o barrio de San Francisco: o medre de moitos barrios veu despois, dende os 60, sobre todo cos cartos da emigración. Máis preto, a cidade remataba nos lindeiros do río Barbaña, a non ser algunhas casiñas ó seu arredor. O resto eran fincas de vides e terreo rural ata a Avenida de Portugal. Nin sequera estaba urbanizada a rúa Dr. Fleming, agás uns poucos edificios de tres pisos. Na zona do ensanche máis moderno xa se erguía algunha torre de volume respectable, pero non se construíra aínda a chamada Torre de Ourense de Antonio Álex Reinlein que dende 1960 marca en altura un dos cumes do plano urbano (Imaxe achegada por Xesús G. Tobío).

14 oct 2008


A MIRADA RETIDA ( Marcos Valcárcel, La Región 12-10-08)
O TRÁFICO.

Esta é unha das fotos antigas que me fixo chegar, de forma moi xenerosa, Xesús G. Tobío. El mesmo sitúaa no tempo cara 1955: así amosaba a súa fisionomía a rúa de Capitán Eloy, naquel momento. Recoñécense ben edificios como o Banco de España ou as casas do Cine Xesteira e a que ten hoxe nos baixos a tenda de Cortefiel. Antes chamouse esta rúa a Estrada de Trives e, na Segunda República, rúa de Basilio Álvarez, o líder agrario e do Partido Radical; hai un ano rebautizouse como rúa da Concordia. Por sorte consérvanse varias fachadas, non todas, desta vía que baixa ata o Progreso e deixa ver ó fondo, aínda hoxe, o edificio do Seminario. No cruce co Paseo pódese ver unha “máquina do tren” dunha castañeira e un neno que baixa todo alegre na súa bicicleta. E ben que podía naqueles tempos! O garda coa chaquetiña branca ó seu carón non ten nada que facer, porque aínda nos 50 o tráfico era moi escaso e case non había accidentes no espazo urbano. De feito, aparcados, eu conto un total de seis automóbiles (un deles, un Seat do pai do amigo que me mandou a foto). De seguro viven hoxe ourensáns que xogaron cando nenos no marco desta evocadora imaxe.

5 oct 2008


A MIRADA RETIDA (Marcos Valcárcel, La Región 5-10-08)
O espírito da paz.

Hai uns anos derrubouse aquí unha vella casa, caída ó chan como caen os soños cando esperta o día cheo de incertezas. Seica este lugar foi de antigo a claustra da igrexa de Santa María Madre; logo foi cemiterio medieval e aínda mercado dende mediados do século XIX.
É a praza da Magdalena, para Xesús Ferro Couselo, que traballou ó seu carón, o curruncho máis romántico da cidade: é doado coincidir co egrexio arquiveiro. Tamén Vicente Risco se emocionou coa paz e a beleza do seu fermoso cruceiro, que procede da Alameda do Cruceiro. Segundo conta Afonso V. Monxardín no século XVII querían poñerlle portas en Santa María Madre porque, di unha carta ó Correxedor de 1624, “a las noches se cometen allí feos y graves pecados usando mal del lugar tan pío”. Hoxe é un dos centros simbólicos da nosa cidade histórica, aínda que moitos ourensáns o ignoren. Nin sequera os poetas lle prestaron os seus versos: é ben sorprendente. Pero tamén reclamo que nunca perda o espírito da paz que impregna a súa fisionomía, a lenta vaguidade das súas sombras e o fecundo silencio das súas pedras enchoupadas de eternidade. (Foto de Santiago Barreiros).

28 sept 2008





A MIRADA RETIDA
( Marcos Valcárcel, La Región 28-9-08)
DEMASIADAS VIDAS.

Escoiteille dicir nunha ocasión ó escritor Jhon Berger (“Puerca tierra”) que “negar a experiencia campesiña é negar o valor de demasiadas vidas”. Ben atinada reflexión para unha cidade como esta Auria de vellas raíces labregas: as viñas enseñoreaban os arredores da cidade habitada cando estas mulleres posaron, haberá xa uns cen anos, enriba da fonte das Burgas. Hoxe, cando a paisaxe se fixo máis urbana, lembro esa experiencia rústica diante da leiteira do Paseo, que xa se gañou o agarimo de turistas e concidadáns. A estatua de Ramón Conde serve para relembrarnos esas “demasiadas vidas” que dormen no substrato rural auriense, as leiteiras que lavaban os seus cacharros nos canos das Burgas e que desapareceron, non hai moito, con algún regulamento de necesaria hixiene sanitaria. As leiteiras da Marquesa de Atalaya Bermeja, contan os máis vellos, que chegaban dende o Couto ó Paseo para nutrir as casas dos cativos burgueses e fidalgos. Gardemos cando menos a memoria dunhas raíces non demasiado arredadas.
(A foto da leiteira é de Nacho Rego)

22 sept 2008


A MIRADA RETIDA, La Región 21-9-08
Marcos Valcárcel
O Instituto que ardeu.

A foto da Mirada de hoxe é antiga, pero só o sabemos pola vestimenta dos personaxes en primeiro plano: como ese rillote que semella saído das “Cousas” de Castelao. Máis de cen anos de historia (dende 1896) repousan tras destes muros, que no seu día acolleron tamén o Museo Provincial e a Biblioteca Pública. Cando aínda se chamaba Centro Provincial de Instrución, no mítico 1898 que desvelou que España non era invencible e que nos deixou sen colonias, o neno Ramón Otero Pedrayo ingresaba nas súas aulas; logo sería profesor alí e co tempo, con toda a xustiza, o Instituto adoptou o nome do escritor. Foi só un dos moitos nomes egrexios deste centro educativo.: José García Mosquera, Juan Antonio Saco y Arce, Joaquín Gaite, Salvador Padilla, Eduardo Moreno López, Marcelo Macías, Xoaquín Lorenzo: unha longa xeira da historia cultural desta cidade. Tamén houbo cita para o fado desgraciado: en novembro de 1927 un incendio destruíu o seu vizoso tesouro bibliográfico, formado a partir das bibliotecas dos mosteiros, e parte dos fondos do Museo. Aínda que o propio don Ramón contou despois que alí ía moito frío, iso si.

14 sept 2008


A MIRADA RETIDA (14-9-08)
A CAPELIÑA DOS REMEDIOS

Á beira do Pai Miño, encontrámonos cun dos meirandes símbolos de devoción popular e esperanzas votivas ourensás, a capeliña dos Remedios, que garda ben vivo todo o seu sabor campesiño doutrora. Na novela “Vento de seda”, o escritor Bieito Iglesias recreou neste lugar a chegada dos feirantes á capela fuxindo da poeira para pregar á Virxe avogosa pola curación de todo tipo de males e tamén unha boa venda na feira. Nacido o século XX, cada Primeiro de Maio estoupaba nos arredores a maior concentración operaria da cidade, que Blanco Amor recolleu de forma maxistral na monumental “Xente ao lonxe”. Na súa contorna, hoxe inzada de instalacións deportivas, aboian os cheiros do polbo cocido e as risadas francas de Aser Vilar e os seus camaradas. O cronista cando mozo lembra moi vivo ese ambiente de feira e presenza campesiña que se mantén nos días iniciais de setembro. Na foto que ilustra esta Mirada velaí outra marca da época: na entrada do Pavillón, o xigantesco xugo e as frechas daquel Movimiento que nunca se movía, desaparecidos nos inicios da democracia.

7 sept 2008

A MIRADA RETIDA
O HISTÓRICO ORELLAS
Marcos Valcárcel


Pasoume esta foto un dos donos do Bar Orellas, hoxe na Praza do Ferro. Os que teñan 50 anos ou máis lembrarán ben o motivo e o escenario: o histórico Orellas cando estaba nos baixos do Principal. A foto leva anotados os nomes dos retratados: Aser, Adela, Manolo, Claudio e Daniel. Consérvanse máis fotos desa época: as xerras brancas de viño, os xamóns e chourizos pendurados das trabes da madeira, unha saliña ó fondo chea de pipotes, etc. Funcionaba aínda como cine o Principal, ou o Peripepe, e ó rematar a película de “Sabú” ou de “Tarzán” a festa era completa cun bocadillo de orellas. Había que baixar por unhas angostas escaleiras, que eu lembro escuras. E dende abaixo, polos pequenos ventanos a ras do chan da rúa, víanse os pés da xente que paseaba na rúa da Paz. Estou seguro de que moitos ourensáns teñen neste espazo de sociabilidade popular un anaco da súa memoria sentimental. Ata fixemos por alí algunha xuntanza clandestina de estudantes, como se fixeron tamén no Volter. Pasaron tantos anos que todo se esvaece. Pero queda a foto como testemuña.

P.S.: o histórico Orellas baixo o Principal inaugurouse a finais dos anos 4o e pechou no 1983 para pasar ó local da rúa da Paz. Na foto están Manolo e Claudio, os donos (dereita e esquerda), o comerciante Aser e a súa dona Adela.