Bendita crise (outra vez)
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 31-01-2009
Hoxe vou á contra: a crise non existe. Mellor dito, non hai motivo para crise xeral nin global. Hai só unha crise de superprodución e de sobreacumulación de capitais centrada nun par de sectores. O problema rebenta na construción, automoción e banca. E o resto, son arrastres. Vexamos. España non pode ter mercado para tantas vivendas anuais como toda a Unión Europea xunta. Que a cousa ía toupar parecía só cuestión de tempo e dunha circunstancia catalizadora, neste caso internacional, que fixese o tránsito da desconfianza á desbandada. A banca, ilusionada co movemento de diñeiro promovido pola construción, non dubidou en dar cartos a empresas e particulares ao tolo. A ousadía dos solicitantes de créditos -os menos culpables porque non tiñan que ser economistas- non era correspondida co factor corrector da responsabi lidade bancaria. Así, nuns poucos anos, sen subir case as materias primas, nin o chan, nin a man de obra, as construtoras multiplicaron loucamente os seus beneficios ante a pasividade desreguladora dos gobernos. A banca aproveitouse da situación -tamén directamente a través da súa participación nas construtoras- e o caso foi que detraeron millóns de euros do peto do cidadán do común e os traspasaron a unhas contas de beneficio que viron medrar a ringleira de ceros sen máis razón que a urxencia da rapina ‘mentres durase’ e todos contentos.
¿Automoción? Non se trata de que, como en Cuba, usemos coches dos anos cincuenta, pero ¿é lóxico que se venda un millón de coches ao ano, fiados ao crédito, ou sexa a beneficio bancario? ¿Quen se atreve a dicir que hai que reducir o sector e non promover máis vendas? Bens de consumo. ¿É lóxico que haxa unha tenda de roupa por cada dous habitantes -esaxero- e un bar per cápita? ¿É razoable que o noso ocio estea indisolublemente ligado ao consumo compulsivo? ¿É lóxico que o Estado proporcione os libros de texto con carácter xeral a todas as persoas, mesmo aos moi ricos? ¿É bo educar a unha sociedade na sobreprotección do todo feito, todo fácil, todo gratis en vez de inculcar nas persoas a súa responsabilidade máxima no seu destino? Oxalá a crise teña efecto no cambio de mentalidade de ricos desbocados na que andabamos no planeta e reformemos o disparatado sistema global. Se custa menos facer un pantalón na China e traelo a Ourense que unha botella de viño do Ribeiro, algo renxe. Hai que arranxalo. Non vai ser fácil.
O VENTO É UN CAN
-
Vento de noite
O vento é un can sen dono,
que lambe a noite inmensa.
A noite non ten sono.
E o home, entre sonos, pensa.
E o home soña, durmido,
que o...
Hace 13 horas
9 comentarios:
O solo si que subíu, e repercutíu demasiado no prezo final da vivenda.
Foi sempre un dos nosos mores problemas, o prezo do solo. Un ben escaso.En Canadá, por exemplo , as casas son máis accesibles porque desde hai moito tempo os bancos foron moi flexibles para facer fronte a ese menester, e porque o terreo abonda e é caseque ilimitado. Estiran as rúas ate o número cinco mil,dez mil, etc....
!Se aquí sobra terra¡ o que falla son as estructuras, amigo lobo
Ollo que a lei do Solo de Cascos xa nos daba chan para construir en todas partes, como ben dí Iacobus sobra terra e faltan infraestructuras, e o que costan estas para esta urbanizacion difusa e incontrolada do noso país.
Certo, pero é, en dúas palabras Im Posible servir todo-los caprichos de xente que construíu no monte, en calquer "solar a pinos" .
Os "socialistas" de corazón falan de solidariedade, e quen procede caprichosamente a construir onde lle ven en gaña non pode despois demandar solidariedade da comunidade para que lle leven alcantarilla, luz, teléfono, autobus.
É, im pozible ( Jezulín Janeiro).
Ate hai pouco non tivemos ordenación do território. Non sei se a temos. Pero se vindes a miña aldea, o paradigma do "capitalismo" dos moqueludos, cada un fai o que lle da a gaña.
Eu estou co noso Presidente (o grande) en dúas cousas:
- Hai que consumir máis, aínda que non teñas con qué, aínda que teñas que pedir un empréstimo e ... vaia...
- Hai que criticar á banca porque ten moitos beneficios, aínda que antes haxa que aprobar un plan de axuda.
Colgo aquí un comentario que lin en Croques, o blog de Perfecto Conde.
Onde está Nunca máis?
Dispendioso Touriño
Se non fosen tan caras, debería haber eleccións cada mes. Ou cada quince días. Serviría para que nos enterásemos de algunhas cousa que, sen habelas, seguramente nunca as saberiamos. Por exemplo, o que hoxe publica o xonral madrileño ABC sobre os dispendios do presidente Touriño.
Di o que antes se chamaba “rotativo de la calle Serrano” que Touriño gastou catro millóns de euros en reformar tres salas de xuntas da Xunta (a redundancia procede do periódico). Despois da reforma do seu despacho presidencial e da adquisición dun carísimo coche de luxo blindado, o presidente scialista volveu a mostrar a súa empecinada obsesión polo luxo, en tempo de crise económica, acometendo reformas na sala onde se reúne todos os xoves Touriño cos conselleiros, na peza contigua destinada ás reunións dos secretarios xerais e na sala de prensa. Por exemplo, a mesa dos consellos custou 26.284 euros, segundo publica ABC. A dos secretarios xerais, 7.735 euros (para que se vexa que aínda hai categorías). O presidente e os conselleiros séntanse agora en sillas de pel e “diseño clásico contemporáneo” que custa cada unha 2.269 euros (case catro veces o salario mínimo interprofesional, apunta o xornal dereitista). Dazanove sillas, en total 43.111 euros. Aos secretarios xerais, pobriños, tócalles sentarse en sillas que non levan coiro e que só custan 1.960 euros cada unha. Como son 18 sillas, a conta sube a 35.280 euros.
Nunha sala aledaña onde, as sillas baixan aínda máis de prezo, 890 euros, cinco sillas en total para tradutores e policías (tampoucos están mal sentados, polo que se ve). Por certo, que traducirán nesta sala? Como lles toque traducir o galego de Touriño…
Aos vixiantes de seguridade que traballan neste espazo de San Caetano tamén lles compraron sillas. Seis, a 465 euros cada unha, 2.790 euros. Seguramente teñen salarios baixos, pero o cú pousano en sillas que tampoouco están mal. E pensaba eu que fixera un despilfarro comprándome en Ikea unha silla por 295 euros!
Se a isto lle xuntamos, as gangas do Parlamento de Galicia deixándolles levar para as súas casas aos deputados disoltos os seus oreanadores portábeis ao módico prezo de 100 euros, a conclusión que eu tiro é doada: se volvo a nacer dedícome á política e, así, non hai crise que me afecte.
O tema do gasto desordenado -eufemismo de despilfarro- elles algo moi serio.
Creo que as crises globais se deben combater coas armas das crises de familia... aforrando e non tirando cos cartos.
Maese Iacobus, seghún me informan, o despilfarro desordenado na administración da xunta é brutal e non ten parangón. Diríase unha traca final antes do "fin da festa".
Publicar un comentario