Furrichado
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 10-02-2009
Eu sempre dixen ‘furrichar’, aínda que tamén oía normalmente ‘firrichar’, cirrichar’, ‘zurrichar’ e outras formas parecidas. Agora, co avance da lingua light, xa non se oe moito disto, pero vostedes seguro que me entenden. O caso é que papei un susto cheiroso.
Cóntolles.Pedín coche prestado -tiña o meu a pintar- e parei nunha gasolineira na autopista a Santiago. Baixei bufando, abrín o depósito, collín a mangueira, introducina no burato e apertei. E por primeira vez na miña vida furrichoume para fóra. Coñecese que non metera suficiente o bico da mangueira -non coñecía ben os sangumiños do depósito- e o gasóleo debeu petar nalgunha revolta do camiño que se desviou cara a min, cuspíndome maleducado. Instintivamente apertei a man e furrichou aínda máis. Enzoufeime lixeiramente. Garabata. Camisa. Chaqueta. Pantalón. Metín de novo e máis fondo o cano, botei o que quería, entrei no baño, lavei as mans e divertido, pensando no arrecendo que me ía acompañar nas xestións santiaguesas, dirixinme á amabilísima caixeira.
-Mire, eu sonlle empregado desta empresa e acabo de ter un pequenísimo accidente laboral e...
Abriu os ollos de cuarta e atalloume incrédula mentres ladeaba a cabeza:
-¿Empregado?
-Si, veño de estar traballando para esta gasolineira e quería saber se o meu seguro como traballador...
Non saia ela do seu asombro aínda que algo ía cheirando.
-¿Como di?
Entón expliqueime o mellor que puiden.
-Si. Mire. Nas gasolineiras ‘normais’ hai uns traballadores que fan o seu traballo botando gasolina e gasóleo nos coches, por eles se cotiza, teñen a súa preparación para andar con líquidos inflamables e perigosos e o seu seguro de responsabilidade. Nesta gasolineira xa non hai eses empregados pero como o traballo non desaparece, débeno facer outros moitos traballadores momentáneos, non sei se ilegais, pero si sen contrato nin preparación que á súa vez son clientes. E non entremos xa en que se aforran media ducia de soldos e deberían vender máis barata a gasolina como forma de pagamento compensatorio a nós, polos minutos do noso traballo temporal...
A moza, moi disposta -atendía á vez a caixa xeral da tenda, a dos surtidores e a barra do bar onde preparaba cafés e puña torradas e bocatas-, escoitou o discursiño con cara de entender o que lle eu dicía, tatexou un ‘síntoo’ sentido e un ‘¿quere facer unha reclamación?’.
Entón rin e díxenlle: -Non, muller, non. Só queria botar unha risa contigo e tomar un café con leite.Sorriu comprensiva -e aliviada- e deu volta cara a cafeteira.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
20 comentarios:
Pero ten toda a razón.
Calquer camareiro ten que facer un curso de manipulador de alimentos pra poder facer unhos pinchos nun bar, os camioneiros teñen que facer un curso de transporte de mercancías peligrosas, etc. E ás gasolineiras permíteselle que sexan clientes inexpertos que manipulen a "gasofa", mesmo botando un pito si lle sae dos cataplís, a ver quén os controla. Si ten que dar de alta unha instalación eléctrica na que hai un interruptor con unha bombilla volveno tolo coas medidas de seguridade. E logo, tanta deixazón para outras. Pero con ese monopolio encuberto non se atreven a meterse, non.
Miren por onde o PSOE ten unha oportunidade de ouro de demostrar que está interesado en fomentar o emprego, e na seguridade cidadán: obrigue as gasolineireas a que teñan empregados có correspondente cursillo de capacitación para dispensar o seu producto. Bastante lóxico, non?.
Moi ben, Etxe, moi ben.
Na miña aldea furricar, fuchicar, é hacia dentro, dentro dun burato. E ciscar, cichar é hacia afora.
O uso de furrichar era humorístico. Tamén na miña fala, furrichar ou parecidos é cun fío de auga -tanto dá cara dentro ou cara fóra. Por exemplo lanzando auga cunhas pistolas de plástico, dándolle forza entre os dentes de arriba, ou ao besta, cunha mangueira.
Realmente o que fixo a mangueira da gasolineira foi ciscar gasolina fóra e zarraspicoume algo.
Tamén son consciente do uso esaxerado de "enzoufar", como se fose un neno larafuzas comenzo cocholate, pero a ampliación de sentidos deste vocabulario patriomonial polas marxes non deixa de ser un recurso literario.
O uso de furrichar era humorístico. Tamén na miña fala, furrichar ou parecidos é cun fío de auga -tanto dá cara dentro ou cara fóra. Por exemplo lanzando auga cunhas pistolas de plástico, dándolle forza entre os dentes de arriba, ou ao besta, cunha mangueira.
Realmente o que fixo a mangueira da gasolineira foi ciscar gasolina fóra e zarraspicoume algo.
Tamén son consciente do uso esaxerado de "enzoufar", como se fose un neno larafuzas comenzo cocholate, pero a ampliación de sentidos deste vocabulario patriomonial polas marxes non deixa de ser un recurso literario.
"Cichar", cicha algo que perde líquido por un burato. "A bota cicha o viño".
"Furrichar", furríchase "a alguén" , para mollalo. "Non me furriches".
Un é transitivo, e o outro non. Non me pregunten cual é cual, que eu fun por cencias.
Digo, eu, eh, de "mamoria", que non sei, e non teño diccionario a man.
No caso do Etxe. O depósito "cichóu", e "furrichóuno". As duas cousas.
XA É CASUALIDADE. Uso eu noutro artigo a forma ENFOUZADOS e Afonso ENZOUFADO. Vexo que o Xerais admite as dúas, case co mesmo significado, manchar algo, sobre todo a cara, e tamén emboutar, enzafallar, enzafañar...
Decíame a miña aboa, cando eu era neno e quería coller a comida coa mau: "Colle a cuchara, que te enzoufas todo!".
Pois a palabra "larafuzas" é ben bonita. Debe ser "creación expresiva", se cadra.
Eu nunca oín "enfouzar", sempre enzoufar, Marcos.E non só na cara.
Dise, por exemplo, dos pintores abstractos que gañan a vida "enzoufando" lenzos. Esaxeran pois moitos non gañan nada.
Non teño no meu "persolecto" "cichar". Pero entendo o que me din.
E díxome o Cesar Ansias "furruchar" e non me soou nada estraño...
Ah...Larafuzas!!
É unha das expresiós favoritas do meu pai.
"O saco tiña un burato, e foise ciscando a fariña por o camiño".
"Císcalle estas berzas aos porcos".
"O can anda ciscado" (con diarrea).
"O carro iba mal atado e os toxos foronse ciscando por detrás".
_______________
No "ciscar" está implícita certa aleatoriedade.
"Afurricar"?
Na aldea, era meter un pau por un burato, e axitalo, para obrigar a sair un animal por exemplo.
-"Tú, afurrícalle á colmea, afurrica, que van sair as abellas e vante pôr fino".
Tamén azuzar a un animal calquera cunha vara ou aguillada. O movemento da vara debe ser lonxitudinal para que sexa un "afurrique".
Todo eso, nas miñas particulares lembranzas.
¿E poñéndonos escatolóxicos, esfurricar? Que gran palabra para a diarrea... Anda esfurricado... e císcase en calquera lado.
Dicíado por "esfurrique" = diarrea.
E "escurrichar"?
Dexobar, dexoso. Non te dexobes! magallón!, O rapacín dexobouse.No concello de Navia de Suarna, anos 50,60,... todos, TODOS, empregaban o verbo "dexobar" co sentido de enzoufar (non se coñecía lixar).
Nos dicionarios que puiden ollar, endexamáis atopei este verbo.Non sei de onde pode vir, nin o porqué do seu esquecemento.
Se alguén quere alumear algo, seralle retribuido dun xeito emocional.
Publicar un comentario