Quen foi falar!
BIEITO IGLESIAS, ECG. 26-2-09
O Partido Popular e os seus abouxadores altavoces mediáticos insisten en dous argumentos descualificantes: os socialistas son señoritos peraltas que gastan o demo en cadeiras e autos oficiais; e os nacionalistas son caciques que converteron as consellerías ao seu mando en axencias de colocación dos correlixionarios. Sobre os gastos suntuarios -se é certo que os houbo- levan razón en denuncialos; mágoa que non acordasen antes, cando derretían o orzamento en Mausoleos da Cultura e auditorios nos que (unha vez que se esbarrúen polo desuso) axiña cantarán os grilos. No tocante ao enchufismo dou fe de que os populares contrataban a dedo porque fun testemuña desas prácticas, tamén non poño a man no lume polos novos gobernantes sabendo que todos pertencemos á humanidade caída no Edén. Ignoro se contrataron a 60 veciños de Cartelle ou a 6, como sostén Suárez Canal. Sería ben que estas "noticias" se acompañasen de nomes e apelidos para saírmos de dúbidas. En calquera caso, se estivese no lugar dos cargos do BNG, extremaría o rigor no acceso á función pública. Poría exames que incluísen a recensión (en perfecto galego) de tantiños libros: Ada ou o ardor, Luz de agosto, O oficio de vivir, Xente ao lonxe? Suspenderían todos cantos descoñecesen as obras de Nabokov, Faulkner, Pavese ou Blanco Amor. Logo pediríalles aos aspirantes a funcionario sinopses de certos filmes. O anxo azul, Confidencias, O terceiro home, A sala de baile, Sen perdón, etc. Por último avaliaríase un comentario ecfrástico sobre determinados cadros e esculturas: Alegoría sacra de Bellini, A tempestade de Giorgione, O gálata morrente do Museo Capitolino?. A saber cantos naturais de Cartelle pasaban a proba. Quizais quedásemos sen funcionarios, pero ninguén lanzaría acusacións de clientelismo.
Estou de broma, porque acabo de ler no Diario de Jules Renard que "O humor é a hixiene moral e cotiá do espiríto"
O VENTO É UN CAN
-
Vento de noite
O vento é un can sen dono,
que lambe a noite inmensa.
A noite non ten sono.
E o home, entre sonos, pensa.
E o home soña, durmido,
que o...
Hace 1 día
2 comentarios:
Non lle parece que tamén deberían saber realizar un sinxelo "contraste de hipótesis" estadístico, cambiar unha roda, prestar primeiras axudas a un epiléptico durante un ataque, interpretar un mapa do tempo, tocar un par de obriñas ao piano, falar de xeito fluido unha lingua extranxeira, distinguir os cogumelos venenosos,coñecer o desenrolo da "Inmortal" de Lasker, encestar polo menos un de cada tres tiros libres de baloncesto...?
Carallo para o iutube. Ten de todo!:PREMER.
Publicar un comentario