21 feb 2009

Tocamentos extremos
Afonso Vázquez-Monxardín
la región
21-02-2009

Non por ser un terreo común, algo dito e asumido globalmente, deixa de ser unha verdade como un templo: os extremos tócanse. Se cadra ten que ver a cousa con iso de ser a terra redonda.
Ou sexa que, como nos ensinaron Magalláns e Elcano, se un anda sempre cara á esquerda, chega pola dereita ó mesmo sitio onde estaba antes, e viceversa. Debe ser iso.

Hai casos políticos moi tráxicos e outros que, andando o tempo, deixan un regusto divertido. O asasinato de Ysaac Rabín, en 1995, feito por un fanático relixioso xudeu, foi un éxito tamén para os fanáticos relixiosos musulmáns. Para que vexan como anda o patio por alí, hai incluso xudeus integristas -o Naturei Karta- que son declaradamente pro iranís e bendicen o holocausto por ser un castigo divino contra os intentos de establecer un estado xudeu na terra. Hai xente para todo. Tamén aquí, cando entraron os gardas civís no Congreso, aquel 23-F, ao principio non se sabía ben se eran extrema esquerda etarra ou extrema dereita golpista.

En fin, xa sen traxedia, aos nacionalistas españois éncheselle a boca usando o termo ‘español’ para a fala orixinaria das terras castelás, e algo semellante lles ocorre aos máis arrichados nacionalistas periféricos (galaico-euskaro-cataláns) que sempre utilizan o mesmo vocábulo, e parece así que os que dicimos máis ben ‘castelán’ vimos quedando en posicións intermedias, con vocación de acougo e tranquilidade. Seguramente.
Pero se antes os radicalismos extremos viñan con moito da cousa política, arestora van por outros camiños. ‘Galiza non se vende’, dixo o lema dunha manifestación ecoloxísta que advertía a calquera goberno futuro e que supoño terá a súa parte de razón, pois sabemos que a razón é como un grandísimo queixo emmental: normalmente non o leva todo o mesmo comprador. Pois ante esta grandilocuencia extrema, retrucaba un paisano irónico: ‘Certo, non se vende. E que non se vende nada. Está todo parado’.

E extremos tócanse tamén cousas dos costumes. É máis fácil pasar de demo a anxo -ou viceversa- por conmutación da chave, que dun deles a xente do común. Ou todo é hiperconsumismo de compra-compra-compra, ou chegan os contrarios e fan campañas alucinadas como a de ‘Os reis non existen’.
Pois esoutro día algúns deberon pensar que andaba eu mal da cabeza -cousa que non desboto plenamente- porque me parei diante dun longuísimo texto explicativo, radical que argumentaba sesudamente o seu publicitario título: ‘San Valentín mata mulleres’ e botei a rir. ¡Mi madriña, que fío de disparates ensarillados e irrebatibles! Despois, ao día seguinte, xa non rin tanto ao ver que en Pakistán houbera manifestacións islamistas contra a mesma celebración por razóns opostas, curiosamente, ás do grupiño universitario que, con pleno orgullo, reivindicaba para si o nome con que asinaban, ‘As lerchas’. E daquela lembrei a disparatada visita das ‘mulleres artistas’ capitaneadas pola inefable Cristina del Valle a varios líderes de Hamás, entre eles ao xefe máximo, Khaled Meshal, en Damasco o día 15 de xaneiro pasado. E pensei, xa serio, se non estaremos escorregando da razón embaixo.

No hay comentarios: