Canseira postelectoral
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 3-3-09
Quedeilles canso. Ir iría aos mitins pero daríame vergoña que me viran aplaudindo en todos e pareceríame descortesía estar alí, de estafermo, sen mover as mans, cando tanto se esforzaban uns e outros polo voto... pero tamén, aplaudirlles a todos, xa me dirán, parecería cousa dun cataventos e non é cousa. Mellor pois, non ir a ningún. Tampouco quedei canso por ir votar. Sempre é agradable saber que un ten na man un cacho do rabo da tixola. Non me gusta moito pero xa estou afeito a que che ripen o sobre da man para metéreno eles na urna... e iso que estou case seguro que certaría coa ragandixa, se me deixasen. Non me fartaron tampouco os debates da tele. Nin sequera me cansei do abouxe das megafonías pois xa non se estilan e todos podemos vivir cómodos nas casas sen que nos veñan furgar nas orellas con consignas.
Pero quedei canso de tanto esforzo ‘potencial’. Estes pedíronme que lles dese máis forza; eses lembráronme que miña forza movía o país; e aqueles lembrábanme que chegara o momento de esforzarse. Mi madriña! E como sempre, os lemas dos partidos maioritarios, radicalmente intercambiables. As vellas consignas ‘políticas’ tipo ‘A crise que a pague o capital’ ou ‘Orde e autoridade ante todo’ ou ‘Galicia ceibe, poder popular’, xa non venden. Cheiran a radical. A aceptación centrada do sistema por parte dos tres grandes fai que os xestores de propaganda política sexan tan intercambiables como os seus lemas. Vexamos. O de ‘dálle máis forza’, valía, claro, para calquera partido e incluso para unha nova marca de gasolina enriquecida, para un club de fútbol en busca de socios, para animar un boxeador en horas baixas, para a declaración da renda en favor da Igrexa Católica ou para motoserras Ojea. O de ‘a túa forza move o país’ é só constatación de que vivimos nun réxime democrático. ¡Claro que é nosa forza colectiva a que move o país! e logo quen ía ser? Tamén vale como anuncio de Caixa Galicia, de Mombús, do Banco Pastor, de Pescanova, do Citroën C-5 ou de xamóns Louriño. E de ‘Chegou o momento’, que lles vou dicir? Lembroume un camión que pon no parasol ‘Chegou o Antonio’. Pois si. Chegou o momento de: cambiar, seguir traballando, casar, divorciarse, pintar a casa, comprar un can, dos bombóns ferrero-roché; dos xelados de polo... Vale para case todo. Por iso, con lemas neutrais a xente vota con percepcións de medio percorrido, non por campañas puntuais. En fin, xa o dixera Pondal: ‘Os tempos son chegados dos bardos da idades que as nosas vaguedades cumprido fin terán’. Pois xa foi a cousa. Non lles sei como quedou pois estou escribindo en sábado. Que sexa para ben. Moitas felicidades aos gañadores e a traballar que ben cómpre e hai moito no que.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
No hay comentarios:
Publicar un comentario