28 may 2009



Cando trinta días abondan
Iago Tabarés, Xornal de Galicia, 28/05/2009
Foto de Xiqi Yuwang. Novo talento da fotografía no Fnac. Do blog de Antón Castro.

Eu manifesteime sempre partidario de dar aos gobernos 100 días de marxe para comezar a planificar e a pór en marcha os seus proxectos. Tamén a este Goberno do PP. Aínda que é o Goberno dos que gobernaron este país sempre -ou case sempre-, algo que o PP non fixera tal co Goberno anterior, aínda que, como acreditaron na campaña electoral, carezan dos máis elementais principios éticos. Aínda así, eu son -era- partidario dos 100 días de marxe. Visto o visto penso que deixar eses 100 días sería irresponsable, pois xa en pouco máis de 30 amosaron ben ás claras o que son e o que pretenden, e a oposición ten a obriga de darllo a coñecer á cidadanía.
Nos primeiros días do Goberno de Feijóo acreditaron unha grande vontade revisionista e anulatoria, non sabían o que ían facer, mais tiñan claro o que ían destruír, o idioma propio de Galiza, os nosos sectores produtivos, o sistema educativo...
Logo, coas primeiras decisións, chegaron simultaneamente os primeiros incumprimentos.Demandaron durante catro anos unha consellería de Xustiza, no último ano -xa en plenitude a crise económica- o propio Feijóo remitiu tanto ao presidente como ao vicepresidente da Xunta unha proposta de acordo para mellorar a xustiza na Galiza. Nun punto levaba a creación dunha consellería onde a Xustiza tivese un peso fundamental. Agora, ao deseñar a nova estrutura da Xunta, a Xustiza ten o papel máis residual que endexamais tivo na administración galega. Que dirá aos que confiaron nas súas promesas?
Prometeu un goberno transparente e honesto (alguén puido crelo, non o sei, "neste mundo haiche de todo", que diría un amigo), e nomea conselleiro ao señor Hernández famoso por ser quen de vulnerar a lei de incompatibilidades e "ir cazar en veda", de asinar certificacións falsas... Logo viría o ‘caso Martínez' sobre quen pesa unha sentencia firme da Audiencia Nacional que dá por probado o emprego irregular e indebido de fondos públicos (onde estarán eses importantes recursos? Cantos Audi se poderían mercar con todos os fondos europeos que administrou este señor?) Fai falta unha sentencia penal para que o señor Feijóo esixa responsabilidades políticas? Volve o PP a baleirar de contido a expresión ‘responsabilidade política'? Outra promesa incumprida.
Adelgazar a administración foi outra das promesas de Feijóo, e, apenas un mes despois, nada de nada. Crea a figura dos ‘superdelegados' -especie de ‘megacacique' con fins electorais no norte, partidarios no sur e para crear liortas onde non os hai no sudeste- que ían substituír aos delegados, xerando un importante aforro. Lida a letra pequena, todo mentira. Estes ‘super' veñen rodeados dunha corte de asesores que eliminan calquera eventual aforro, ademais este enxeño supón elevar o nivel dos actuais secretarios das delegacións que pasarán a ser secretarios territoriais, e xa que logo os custes de persoal van medrar ao tempo que a eficacia e a xestión van empeorar. Poderíamos seguir falando, de promesas incumpridas -que ben puideran chamarse estafas electorais- pero xa abonda, tamén para min.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Que ben o fazerían agora eh!

arume dos piñeiros dijo...

O que parece incrible nun país calquera é que durante catro anos uns gobernantes traten de organizar o país dun xeito determinado e que, dous días despois, outros, elixidos para substituilos, decidan facer xustamente o contrario. O peor, con todo, non é iso: é comprobarmos que o feito (bó ou malo) durante catro anos non valeu para nada. A noticia sobre as Normas para o habitat é moi reveladora: a sensación de frustración e de perda de tempo é brutal.
E ollo, tanto o bipartito coma estes gobernaron e gobernan coa metade dos votantes en frente. Algunha vez terán en conta este dato nimio?

Xosé M. González dijo...

É, en efecto, unha lacra política. Poderiamos explicalo facéndoo dimanar da inexistencia de consensos básicos, pero o certo é que algunha de tales pedras angulares chega a establecerse; para no seguinte proceso electoral, e co motivo de apañar unha bolsa ou bolsiña de sufraxios, escachizala sen reparo. Irresponsabilidade, inmadurez, mesquindade, medianía... Dar coa clave axeitada que nos atraia o diferencial gañador sen superar o límite mínimo da prudencia e a decencia é cousa ardua coma pescar troitas á cana. Daquela imos ao cartucho de dinamita; que, total, troitas sobran mentres non se acaban.

Digamos, porén, que a demolición a miúdo é verbal e a vixencia da verba non chega aos cen días: véxanse tamén outras noticias e normas exemplares destes días.