22 jul 2009

Aló, Presidente!!! Aló

ANXO TARRÍO VARELA
Galicia Hoxe, 22.07.2009

"Non sei como tratar un asunto desta entidade. Un asunto que percibo como de extraordinaria importancia política e que porén chega á cidadanía a través dos medios como unha especie de minucia protocolaria e festiva á que non hai que prestar maior atención. E malia todo, este discurso de Feijóo podería estudarse en calquera escola de retórica como paradigmático en varios planos: discursivos, performativos e ideolóxicos". Estas palabras emitidas por Arturo Casas no seu blog (landoas.blogaliza.org) o día 19 de xullo referidas ás que Núñez Feijóo pronunciara o día nove, paré­cenme dunha seriedade hermenéutica que ben merece algunha glosa nesta modesta columna a fin de que a súa improbábel lectura oriente a quen lea a consulta en liña da minuciosa disección que o profesor Casas fai das palabras do Presidente dende os presupostos teóricos, entre outros, da Análise do Discurso.
Xa no seu día me chamara a atención o titular con que Galicia Hoxe saía en portada o día dez deste mes sobre a citada intervención que a véspera fixera o Presidente da Xunta de Galicia nun acto tan sinalado como o da conmemoración do 25º aniversario da creación do Consello da Cultura Galega (CCG). Alí pode lerse: "Feijóo espeta diante do CCG que Galicia non está no monte Medulio". Hai neste magnífico titular dúas palabras nas que non sei se o lector do xornal reparou pero que resumen á perfección a estrutura discursiva de fondo sobre a que está elaborado o texto que prepararon os colaboradores do señor Presidente. Por unha banda, está a forma verbal en presente histórico (nunca tan negativamente oportuno): espeta, do verbo espetar, que en todas as súas acepcións ten os mesmos significados tanto en galego coma en castelán, pero que neste contexto vale por "Dicir ou facer algo dun xeito brusco ou violento; chantar" (Gran Diccionario Xerais da Lingua). A cortesía impediu que os redactores do titular non fixesen do CCG complemento indirecto da oración, cousa doada de perpetrar variándolle levemente algunhas cousas, como introducir nela o pronome enclítico "lle" (non proclítico, Presidente), despois do verbo principal, e pouco máis. E foi oportuna esta redacción porque Núñez Feijóo fíxo de todos os galegos os destinatarios do aviso que, efectivamente, nos espetou en primeira instancia diante CCG, que é unha das sinécdoques representativas do ser total do noso País. E ese aviso, que constitúe de seu, á parte dun insulto á intelixencia, unha obviedade xa ben superada hai moito tempo, non é outro que o que reza o complemento directo: "Galicia non está no monte Medulio". E velaí a outra palabra (mítica) que eu quería salientar: Medulio. Unha palabra que, na intención de quen lle elaborou o discurso ao Presidente e, xa que logo, do Presidente mesmo, vale tanto como dicir "durmida", "aló no pasado remoto", "resistencia aos cambios", "anacronismo", "fóra de actualidade", "pechazón autista", en definitiva, todo aquilo que o PP dá por sentado que nos define, incluído moi especialmente o empeño en non querermos desaparecer como Nación diluídos nun concepto trangalleiro, aqueloutrado e doente do Estado Español nin renunciar á nosa lingua a favor do castelán. Pero mellor conecten con landoas.blogaliza.org, que non está no aló, senón no acó dos tempos.

5 comentarios:

vermella dijo...

Aprendín moito lendo esta entrada,voltareí e leereí os xornais doutro xeito....
saúdos.

o mesmo, pero disimulando dijo...

Veredes, nós refixemos o forno da casa de Begonte e xa levamos cinco cocedoiros con fariña de trigo do país.

Galicia está viva nunha morea de cousas. Non só da lingua vive o home.

Xa vos contarei toda a cerimonia de facer o pan.

Criselda dijo...

O profesor Tarrío, atinado como sempre. O tal discurso presidencial foi realmente abraiante. Mesmo din que houbo bastantes resistentes que non aplaudiron, cousa moi notoria nun salón de actos tan pequeno.
Se Galicia está viva -eu creo que o está- dará razón de si.
Verbo de que non só de lingua vive o home -e a muller- quixera destacar que é un elemento simbólico de todo o demais. Quen arrasa coa lingua, arrasa con toda a súa cosmovisión.

arume dos piñeiros dijo...

Os tituladores (ou rotuladores) de Galiza-Hoxe son de traca laraca. Véxase ese histórico Chochiño con López, impagable.

o mesmo, pero disimulando dijo...

O de facer pan no forno non era máis que un apunte, non sei se afortunado ou non, para indicar que as vías de resistencia ou de supervivencia dunha cultura veñen sendo moitas.

Por suposto, Criselda, que estou de acordo contigo no referente á importancia capital que seguramente ten a lingua. É xusto o que dis. Lembro que o famoso Sneider (?), quen por certo tan pouco aprezo mostrou pola literatura en galego, no seu discurso cando o Premio Príncipe de Asturias dixo exactamente iso: cando desaparece unha lingua, desaparece con ela toda unha maneira de interpretar ou entender o mundo.

Daquela, señoras e señores -donas e cabaleiros-, ¿non será verdade que en Galicia existen -coexisten- dúas cosmovisións, que van moito máis aló do rural/urbano, ou cantas contrastacións queiramos facer, xa que aquí temos xente que nunca fala galego nin o le nin o escribe sendo galegos así e todo, xente que ten como lingua nai o castelán?

No funeral da miña irmá pedímoslle á parroquia que a liturxia fose en galego. Non houbo problema ningún, agás que dous dos que fixeron as lecturas non foron quen de facelo con xeito, tatexando, trabucándose, deformando palabras e frases enteiras. Era un descoñecemento total da lingua galega por parte dunha xente que eu coñezo de vello e que botaron en Lugo toda a súa vida.

Logo hai os que só falan en galego, aínda que lean e escriban tamén en castelán ou francés, inglés, alemán... (A palabra cosmovisión, como seguramente sabes, e un calco directo do alemán según di o diccionario da rae).

E despois estamos os que somos bilingües -non GB, por favor- non só de dereito, senón de facto. A miña vida transcorre, desde os vinte anos máis ou menos, nun bilingüísmo que nunca me creou ningún problema. Pero, ¿cal é a miña cosmovisión? A miña lingua nai foi o castelán. Nacín en Lugo e aquí botei a maior parte da miña vida -61 tacos-, máis aprendin a falar en castelán e socialiceime, como din os pedagogos e demais fauna educativa, en castelán. ¿Cal das dúas linguas que manexo determina a miña cosmovisión?

Eu teño as miñas ideas ó respecto, pero sería para longo. Iso non quita que faga algunha outra achega aquí sobre o tema.

(En canto á túa apostilla "home-muller", debo recoñecer que eu continúo utilizando os xenéricos. Fágoo inconscientemente, por inercia as máis das veces. Algunha hai que vai á mantenta. Seguro que responde á miña maneira de entender o mundo, á miña cosmovisión, xa que logo).