10 jul 2009

Manifesto

Mil firmas apoian xa "Galego. Patrimonio da Humanidade"

Galicia Hoxe, 10.07.2009

O filósofo Antón Baamonde, o escritor Xabier P. Docampo e o editor Manuel Bragado presentan hoxe en Vigo o texto en defensa da lingua

O Salón de actos da Casa Galega da Cultura de Vigo acolle hoxe ás 12:30 horas a presentación do manifesto Galego. Patrimonio da Humanidade, que foi asinado até o momento por máis de 1.200 persoas. En nome dos redactores do documento, intervirán o filósofo Antón Baamonde García, o escritor Xabier P. DoCampo e o editor Manuel Bragado.
A iniciativa, que se pode consultar na web http://galegopatrimoniodahumanidade.blogaliza.org/, quere constituírse en grupo promotor para a elaboración e presentación no Parlamento de Galicia dunha iniciativa lexislativa popular que protexa a oficialidade do idioma galego. "A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán", asegura o manifesto. O texto deixa claro que o PP "saíu do consenso" mantido durante estes anos arredor da lingua propia, pero advírtelle ao goberno de Núñez Feijóo que "gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país".
"O idioma de Galicia é un patrimonio da humanidade que debemos custodiar e garantir como medio de comunicación e de creación", conclúe o manifesto que se insire dentro dunha serie de movementos de apoio social á lingua como a plataforma "Queremos Galego" que está de impulsar a Mesa pola Normalización Lingüística.

14 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Veño da presentación de Galicia, patrimonio da humanidade. Cheguei tarde e non escoitei a Bragado. Escoitei o verbo pousado de Baamonde (o da pulsión basal de Galicia gustou moito ao meu compañeiro Forcadela), de espíritu moi conciliador, sen menoscabo de alusións concretas a segmentos do PP ("jaleados" desde as ondas extremodereitas madrileñas) nemigos da lingua galega.
XDocampo, en estilo diverso, ponderou a palabra imposición e identificou a lingua galega co país. Non sei se se falara antes de impulsar unha iniciativa popular a favor da lingua galega para obter un millón de sinaturas, pero logo saiu o comentario. Como final, lembrou o clásico "En Galiza, en galego", pero non disimulou a súa versión: "En Galiza, só en galego".
Camiño Noia amosou unha indignación ben notoria. Viña encendida da reunión mantida no Consello da Cultura Galega con ANFeijoo. Como dixo que non o ían contar os xornalistas, conto eu o que dixo: que o presidente citara a Kundera, Joyce e Kafka como exemplos (suponse por escribir noutras linguas distintas as súas) na súa exposición sobre a liberdade lingüística diante de todos. Para Camiño o ton nin siquera foi compracente, senón belixerante mesmo diante de xente moi sensible a este asunto. Rematou pedindo renovada militancia, case en forma de arenga.
Gonzalo Navaza buscou a analoxía coa fauna e a flora para desmontar o que el considera falacia: a de non considerar as linguas suxeitos de dereito, e, polo tanto, como a propia paisaxe, susceptibles mesmo de exterminio. O seu verbo tamén foi encendido, tal vez provocado porque viña algo acalorado pola carreira que se meteu para chegar a tempo.
Falou Alfonso Álvarez Gándara para reclamar aplauso á iniciativa e para notar unha certa autocompracencia nos defensores do galego. Foi exquisito nas formas pero crin advertir unha lixeira crítica á funcionarización da lingua, á liturxia conformista do galego. Non sei se interpretei eu ben as súas palabras, pero agradecín ese pequeno aceno disconforme.
Monteagudo analizou, con detalle, a pretensión fulminadora do goberno do PP: a min me gustou a súa apreciación última sobre a necesaria defensa da legalidade vixente e, sobre todo, a perentoria defensa da discriminación positiva como rasgo lexislativo fundamental.
Un par de persoas máis (Gundín, Gonzalo Bouzada) incidiron, con discursos animosos, na necesidade dunha ofensiva ("Ao ataque", chegou a dicir o primeiro) intelixente. María Xosé Queizán pediu política e menos sentimentalidade, pero deixouse levar ao final pola petición, xa máis airada, da demisión do presidente da Xunta por non defender o que en realidade considerou ecuación irrenunciable Galiza=galego. Antón Reixa recobrou tempos de asamblea e fixo un discurso ben interesante, cunha afirmación que creo levaba preparada de "Máis políticos e menos politómanos". Pero creo que acertou en levar a discusión (dixo que se confundira de formato: viña para asistir a unha reunión e atopou unha rolda de prensa) ao terreo puramente político de novo, en defensa da lei, do plano e do decreto, co propósito explícito de buscar aos votantes do PP á causa. Carlos Callón, que asistiu a carón de Lobeira ao acto, interviu case ao final para apoiar o movemento e poñer a disposición desta idea toda a forza da súa organización: revelou que moitos castelanofalantes aprezan esta iniciativa e considerou oportuno contar con todos eles.
Non sei se esquezo algunha intervención máis. Sei que andaban por alí amigos deste feisbu como Montserrat Paz, Paz Raña; escritores como Calveiro, Forcadela, Fran Alonso, Pepe Cáccamo; políticas como Iolanda Veloso ou Carme Aldán; e blogueiros como Martin Pawley (que grabou a man firme o acto). Seguro que esquezo a alguén: que me perdoen. Pero a miña memoria deste acto fundacional deste movemento cívico non dá para máis.

arume dos piñeiros dijo...

É un corte e pega do que puxen no meu feisbu. Perdoen ademáis a premura e a urxencia da redacción.

Anónimo dijo...

Diga Arume e había moito glamour?

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Excluido o cronista, pouco.

Anónimo dijo...

Contra o manifesto Galego Patrimonio da Humanidade.

1
"Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas".

--> Na Galiza fálanse e pódense falar moitas linguas (ollade o Camiño de Santiago!). En xeral fálansevos as linguas que se saben se se ten con quen: na Galiza fálase alemán se se sabe e se ten con quen, na Galiza fálase castelán se se sabe e se ten con quen, na Galiza fálase chinés se se sabe e se ten con quen ... na Galiza fálase galego se se sabe e se ten con quen. Son condicións necesarias, saber e ter interlocutores; mais, tamén hai casos conscientes nos que se sabe e se ten con quen e non se fala unha lingua. Son casos de agresión ou de defensa lingüística. Con todo a agresión lingüística admite moitas outras formas (v. g. usar a lingua agredida para agredila).

Porén, podéndose falar na Galiza española, coma en xeral en calquera outro lugar do planeta, calquera lingua se se dan esas condicións necesarias do coñecemento e mais da interlocución, haivos un dato, propiedade, característica ou condición que ten a lingua GALega na GALiza española fronte a TODAS, absolutamente a todas!, as outras linguas: o GALego é a ÚNICA lingua PROPIA da GALiza!!!!!!! ... como o CAStelán o é de CAStela.

O ordenamento xurídico español propugna como valor superior o da IGUALDADE entre os españois CON INDEPENDENCIA de que sexan galegousuarios ou castelanusuarios e, conseguintemente, prohibe calquera discriminación que teña por orixe algunha condición persoal (galegousuario/castelanusuario) ou social (membro da Comunidade Lingüística Galega/membro da Comunidade Lingüístia Castelá).

Conseguintemente, se un castelanusuario pode vivir no territorio propio do castelán con normalidade, sen discriminación!, dispondo de interlocutores na lingua propia do territorio en todos os eidos (xuíz, médico, tendeiro, radio, arañeira, ...), un galegousuario debe poder vivir no territorio propio do galego con normalidade, sen discriminación, dispondo tamén de interlocutores na lingua propia do territorio en todos os eidos (xuíza, médica, tendeira, TV, prensa, ...). Esa évos a igualdade e non discriminación esixidos pola Constitución: na Galiza na súa lingua española propia do territorio coma en Castela na súa (arts. 1, 9 e 14 CE), e non a do manifesto: na Galiza na súa lingua española OFICIAL PROPIA do territorio coma na lingua española OFICIAL ALLEA.

Convén non esquencer que a obriga (rectius, carga) xeral de coñecemento e mais a oficialidade constitucionais do castelán fóra do seu territorio propio NON foi acompañada, en función do principio de reciprocidade e igualdade, da correspondente declaración de oficialidade e mais imposición da carga de coñecemento verbo das outras linguas españolas fóra dos seus territorios propios. E isto foi así porque esa oficialidade e carga de coñecemento do castelán non responden ó valor superior do ordenamento xurídico, principio xeral do dereito e dereito fundametal á igualdade e non discriminación, senón á conveniencia de estabelecer unha lingua común entre os españois para facilitarnos a comunicabilidade lingüística directa e mais a integración en calquera outra comunidade lingüística española distinta á inicial.

Papel lexítimo, en 1978!, do castelán como lingua universal no pequecho universo das linguas españolas por ser a lingua española máis extensa, territorial e demograficamente, e mais a única tradicionalmente normalizada. Porén, esa lexitimidade postfranquista (esencialmente autárquica) esluíuse coa entrada do Reino de España na UE e mais co proceso de globalización en curso.

Anónimo dijo...

2

Hoxe as comunidades lingüísticas españolas e mais os seus membros xa necesitamos como lingua común ou universal algunha que nos permita comunicarnos tanto cos outros españois coma cos outros que non o son (esperanto, inglés, galego, ...). Preséntasenos o obxectivo de acordar coas outras comunidades lingüísticas do planeta unha lingua común ou de integración por todos coñecida.

O proceso de normalización do galego, o proceso de efectivo respecto dos dereitos lingüísticos dos galegousuarios no territorio propio do galego non consiste en equiparárllelos ós que ANTICONSTITUCIONALMENTE veñen gozando NA GALIZA os castelanusuarios, como defenden tradicionalmente o BNG, A Mesa e agora os promotores do manifesto, senón en equiparárllelos ós que veñen gozando CONSTITUCIONALMENTE os castelanusuarios EN CASTELA: na Galiza na súa lingua territorial propia coma en Castela na súa. E isto, sen prexuízo de seguir aprendendo e usando o castelán, mentres non se mude a Costitución, para facilitármonos a comunicabilidade e mais a integración nas outras comunidades lingüísticas españolas distintas á inicial.

Se se quere implementar unha Iniciativa Lexislativa Popular verbo dos usos lingüísticos na Galiza española, ben sería esquencerse deste manifesto ou mudarlle substancialmente o enfoque.

Xosé M. González dijo...

Fundamental a presenza é intervención de Callón. Hai vida, hai intelixencia.

Feitos quero dijo...

Máis que a presenza e as palabras, o que contan son os feitos. Veremos que lle di Paco Rodríguez a Callón do que ten que facer. E dados os precedentes...

Xosé M. González dijo...

E eu querería algunha presunción de inocencia; chámenlle, se quere, sentido do indispensable. Pola miña parte, vou exercer o primeiro con respecto ao autor da mensaxe precedente: supoño que, polo ben da causa do idioma, verá ben que Callón estivese onte alí.

Por certo, estaba tamén Bieito Lobeira. Algo significará.

Xosé M. González dijo...

Desculpen a interrupción: non encontro outro sitio e a algún lector igual lle interesa isto.

Teñan boa fin de semana.

arume dos piñeiros dijo...

Eu xa propuxera hai tempo semellante liderato. Non atopo mellor saída: o de agora, de tan transitorio, pode resultar definitivo e concluinte.

Anónimo dijo...

Para min que se trata dun quintanismo redomado con face de muller. nada novo, e seguir isa vía suporía repetir o fracaso, que é pos suposto unha libre elección.

Xosé M. González dijo...

A vde. aludo, Arume, e a esta casa no comentario número 16.

arume dos piñeiros dijo...

Sinto a circunstancia aludida ao final do seu escrito, amigo Saavedra.
Agradezo tamén, como non podía facer doutro xeito, a súa alusión eloxiosa. Eu non coñezo a Teresa Táboas: simplemente pensei nela por considerar que ofrece, ao meu xuízo, imaxe contraposta ou ben distinta ao resto dos posibles candidatos do BNG. Descontada a súa competencia, para min moi pouco discutible, e, comparada co resto de compañeiros, estratosférica. Outra cousa é que en picardía (como di a miña nai para referirse á astucia estratéxica) deba, como todo o mundo que entra de novo nunha organización, aprender. Pero tampouco é difícil: pensen por un momento nos que hai agora mesmo como responsables doutros partidos, espilidos ao parecer coma poucos.