Amor.
ROSA ANEIROS
Soubemos estes días da entrega da Medalla Castelao a Marcos Valcárcel. Do Premio Trasalba recibido por Xosé Manuel Beiras. Da entrega do Premio Nacional de LIX a Agustín Fernández Paz e do de ensaio a Beramendi. Da elección pola RAG de Uxío Novoneyra como homenaxeado no Día das Letras 2010. E ficamos nas palabras do poeta do Courel, como unha ladaíña, como un mantra, como un berro irrenunciable: "Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe! Eiquí séntese ben o pouco que é un home..." e "GALICIA, ¿será a nosa xeración quen te salve? ¿Irei un día do Courel a Compostela por terras liberadas? ¡Non, a forza do noso amor non pode ser inútil!". As súas palabras gardan a neve da Devesa da Rogueira e a pedra de Compostela; a chamada dos eidos e a irrenunciable beleza de quen "anda as rúas como se fose a praia". Por iso, aquí, un fragmento da súa Letanía de Galicia: "(...) recóllote i érgote no verbo enteiro; no verbo verdadeiro que fala o pueblo; recóllote pros novos que vein con forza; pros que inda non marcou a malla d"argola; pros que saben que ti podes ser outra cousa; pros que saben que o home pode ser outra cousa; Sabemos que ti podes ser outra cousa; sabemos que o home pode ser outra cousa."
No hay comentarios:
Publicar un comentario