15 sept 2009

As razóns da Academia
Víctor Freixanes
La Voz de Galicia, 13/09/2009
As institucións non son adornos, aínda que algúns quixeran que o fosen, nin santos que se sacan de cando en vez en procesión. As institucións teñen unha razón de ser. Afírmanse na medida en que responden á misión para a que foron creadas. A Real Academia Galega (RAG), instituída hai máis de cen anos baixo a presidencia de Manuel Murguía, naceu como unha iniciativa da sociedade civil (non oficial) para a defensa e a afirmación da lingua galega. Tamén da cultura galega. O novo marco político da autonomía, que se configura a partir do ano 1981, considera a RAG como o referente primeiro do idioma: para estudalo, para difundir o seu uso social e para velar polo seu tratamento institucional e político (non só para ratificar as súas normas ortográficas). A saúde da lingua é unha das preocupacións primeiras e institucionais da RAG. ¿Como permanecer á marxe do que está sucedendo? Non é certo que a RAG se posicione respecto dunha ou doutra estratexia política a prol do idioma: é a situación xeral do galego o que a preocupa e obriga. ¿Acaso debería ficar calada? Cos recursos que ten, que non son moitos (e esta é outra cuestión), ten a obriga institucional de pronunciarse. Velaí o documento que o pasado 9 de maio demos a coñecer os académicos: Unha lingua para todos , chamando a atención da sociedade, e moi especificamente das forzas políticas que nos representan (non exclusivamente o Goberno), sobre as circunstancias concretas en que nos atopamos. O lector interesado pode consultalo na web da institución. Trátase de marcar uns principios básicos de dignificación e convivencia e, ao mesmo tempo, de establecer o que podería ser unha folla de ruta para saír do atranco en que estamos metidos. En ningún momento se fala nin dos causantes nin das razóns de por qué nos metemos neste rebumbio (aínda que poderiamos facelo). Trátase de buscar saídas e de ofrecerse como espazo posible para axudar a resolver un problema que non atinxe exclusivamente ao partido gobernante, repito, senón ao conxunto das forzas políticas e, en xeral, ao conxunto da sociedade. Primeiro punto: a cuestión lingüística debe afastarse da liorta partidaria. Segundo punto: a potenciación e uso do idioma galego non é incompatible co coñecemento e utilidade doutros idiomas (o multilingüismo é unha riqueza das sociedades contemporáneas desenvolvidas). Terceiro: o Plan de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, debe ser a referencia básica para calquera política que se pretenda. Cuarto punto: a cooficialidade simétrica dentro da Constitución Española, cooficialidade que debería recoñecer igualdade de dereitos para o castelán e o galego, e que precisa dunha política compensatoria de apoio á parte máis feble, é «a única forma de acadar a igualdade social». Cun parágrafo final que contextualiza a intervención dos académicos: «Os poderes públicos están obrigados a meditar serenamente a qué escenario queren levar a sociedade galega, tendo sempre presente que a lingua galega non é un problema, senón unha oportunidade».

4 comentarios:

Certo dijo...

Mágoa de foto! Escollan a que queiran aquí, están baixo licenza Creative Commons: http://www.flickr.com/photos/certo/sets/72157618687785445/

Anónimo dijo...

Tampouco os Amigos se matan moito a cabeza coas imaxes.

amigos de marcos dijo...

Foto escollida seguindo a indicación de Certo. Grazas.

arume dos piñeiros dijo...

Unha pequena puntualización sobre o artigo de Freixanes. Non creo que a RAG, que é unha institución nacida da sociedade civil (aínda que habería que sinalar que o que se entende por tal no XIX é ben distinto do que hoxe podemos entender), dependa do marco político autonómico, senón da Lei de Normalización Lingüística que, nunha disposición adicional, considera o establecido pola RAG como criterio de autoridade, nomeadamente, engado, en materia ortográfica e lexicográfica. A súa finalidade vén marcada polos seus propios estatutos, aprobados polo Ministerio de Educación e Ciencia, pero non hai no Estatuto de Galicia (que eu identifico como "marco político autonómico") ningunha indicación sobre a RAG.
É libre a Real Academia, entendo eu, de velar, defender ou promover, como queira, o idioma galego. Non hai mandato nin parlamentario nin executivo de o facer.
Non sei se é importante esta precisión, pero a ligazón da RAG coas institucións democráticas de Galiza é menor da que pode dar a entender o texto. Dito doutro modo: a Academia pode manifestarse sobre este particular coa liberdade absoluta que lle outorgan os seus propios estatutos, sancionados polo Goberno de España.