3 sept 2009





ARUME DOS PIÑEIROS
Cabezas Pensantes.Vanessa Lodeiro

Concordan as análises críticas das pezas dramáticas do século XVII español en afirmar o profundo reaccionarismo de todas elas, sobre a base innegable de que todas conclúen co trunfo do estatus social e político dominante e co castigo da subversión ou da rebeldía de calquera signo. Esta afirmación pode valer, con todos os matices que agora non veñen ao caso (mesmo coa negación da mesma), para obras de contido político, estea ou non encuberto ou agochado con metáforas e traslacións oportunas. Pero para as comedias lixeiras (as de capa e espada ou de enredo), esa consideración aínda resulta menos sólida, xa que o que busca o espectador non é ningunha mensaxe sobre a inviolable constitución do réxime social senón a participación durante unhas horas nun conflicto (do que pode aventurar o final) que interesa nos seus propios termos. De feito, ben mirado, o nudo principal dunha obra de teatro do século XVII, aínda que remate de acordo con certas premisas sociais e, sobre todo, con certas expectativas poéticas que admitimos baixo o nome de happy end, amosa un mundo descomposto, repleto de fendas e tachas, que anuncia, se non hai remedio (e sempre hai porque existe o deus ex maquina das comedias), ruína. A xente acode ao teatro para ver ese conficto, para asistir ás leas entre os protagonistas. Quere que a resolución do problema quede para o último momento. Mesmo despreza ese final, porque no fondo resulta esperable. O poeta, se quere trunfo, éxito, fama, precisa enardecer e alimentar a polémica. Se non o fai, corre o risco de ver marchar pola porta aos seus queridos espectadores. Debe manter a tensión dramática, despois de urdila co artificio que a experiencia lle permite e co engado de enredos ou falsas identidades.

Creo que esta é a verdadeira estratexia dos grupos que procuran a perda de valor do galego nas institucións, despois de varios anos de acordos unánimes sobre a preferencia e a hexemonía do idioma galego (como lingua propia e lingua a conservar) nos distintos niveis da administración pública. Onde non hai problema algún, o político do PP (avisado e experimentado noutros enredos semellantes) trata de urdir conflicto. Non procura un fin determinado, a pesar das apariencias, non. Entende que o interesante é a polémica, a creación dun estado de ánimo en perpetuo debate. Desatende o final (aínda que necesita presentar unha proposta que sabe de antemán vencida) porque sabe que o que move (como os casos de honra no século XVII, que “mueven con fuerza a toda gente”) é o caso, o enmarañamento (o nudo) do asunto. O desenlace xa se verá: a verdadeira finalidade dunha proposta como a de López-Chaves hoxe* é a de provocar a lea e prolongala ata que o vencimento da peza, alá polas novas eleccións municipais, dea os froitos desexados: o aplauso dos seus por maquinar semellante alboroto. Que diso se trata.



4 comentarios:

lobo neghro dijo...

Díghanos entón como evoluiron as pezas dramáticas no século XVIII.

Balonga dijo...

No tocante a lingua a política do PP sempre foi de zoinamoinas.
Unha lingua feble socialmente, de castelanización notábel é moi fráxil e indefensa, alen da tepidez dos galegos e das galegas, sempre é moito máis doado desfacer ca construir. Iso, sábeno ben eles e nesa xeira están.
Dealles o demo o seu merecido.

arume dos piñeiros dijo...

Non evoluiron, salvo nos detalles, a grande cousa. Falo das comedias cómicas, que eran as que gustaban. Eso si, moito remake, moita versión e refundición. Pero máis do mesmo. E así ata hoxe mesmiño.

lobo neghro dijo...

Preghunto amigo Arume, porque eu son dos que sostén que para entender unha realidade, como pode ser a nosa actual, é preferible consultar ós poetas, ós creadores en xeral , e ós artistas antes do que ós pensadores "racionalistas", sexan sociólogos, filósofos ou analistas varios.

Os politicos son casta aparte que non conta.

A arte danos moitas veces, se sabemos dialogar con ela, claves fundamentais. Non será porque nos diriximos ó emocional?.

Pensaba eu entón que a evolución histórica íanos dar explicacións do que vai vir. Porque os ciclos siguen a ser os mesmos pero máis acelerados.


Considerando que o paralelismo que vostede estableceu, caro Arume, é singular e benvindo, se for válido o método que estou a defender "daquela maneira", o que aconteceu daquelas nos seguintes cen anos ou douscentos anos, acontecerá aghora nos próximos vinte, ou corenta anos. Sexa, "máis do mesmo" con matices.