8 nov 2009

Rosa Díez: demasiado gallegos!
LUÍS GONZÁLEZ TOSAR
El Correo Gallego, 08.11.2009
Hai tempo que veño reparando no interese de Rosa María Díez González (nada en Sodupe, Gueñes, Bizkaia, en 1952) e do seu partido, UPyD, por Galicia. O afán que ela e os seus seareiros teñen por implantarse aquí onda nós, sexa como sexa, salta á vista. Tamén é certo que os resultados, sobre todo nos últimos comicios autonómicos, non lles foron nada malos: 9776 votos, cantidade que os eleva á quinta forza. Pero, cando examinamos un chisco polo miúdo as súas propostas e actuacións, axiña caemos na conta de que UPyD, lonxe de elaborar un programa baseado na análise da realidade do país, o que vén facendo é oportunismo puro; incendiar irresponsablemente.
Dá a sensación de que a Sra. Díez, cando non ten cousa de meirande altura que atender, lémbrase dos coitados dos galeguiños e, despois de escoitar o informe da súa amiga Gloria Lago, cabezaleira na cruzada contra a lingua galega, plántase neste atrasado recuncho do noroeste para arrincar, unha a unha, en nome da liberdade e da democracia, as ruíns herbas identitarias. Ela non escoita, pontifica; a verdade sempre é a súa. Velaí a cantinela: Non ao Estado das Autonomías, a competitividade de Galicia esixe a volta ás catro provincias. Mais, desta vez, Rosa Díez -incapaz de negarse ao convite do Club Financeiro coruñés, uns modestos cidadáns moi preocupados polos recortes sociais dos orzamentos-, tampouco se cortou á hora de sentenciar. Desde o actual Goberno da Xunta, ao que alcumou de covarde e de acomplexado, incapaz de cortar polo san, até a afirmación de que "Nuñez Feijóo está ahí, en el medio, demasiado gallego en el sentido peyorativo del término".
Está visto, para a deputada exemplar, á parte de naturais de Galicia, somos uns túzaros, uns raposos centrados... Demasiado galegos!

3 comentarios:

reis dijo...

grazas por topar iste comentario, ja que vi as declarções num jornal e fiquei cabreado, os colegas que a escoitavam, suponho que votariam a rir , na tua propria casa e que veham com insultos, aqui tudo é posivel.

raposeiro dijo...

Natural, Reis, no País Vasco, non sería quem de decer unha porcallada semellante.
Hai que ter ben pouca dignidade para largar o que a Diez largou, pero menos ainda para aturarllo.

lobo neghro dijo...

A foto de Marcos é extraordinaria.

Esa luz na mirada.

Esa dignidade e bondade nos beizos.

grazas a todos.