Mostrando entradas con la etiqueta Estados Unidos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Estados Unidos. Mostrar todas las entradas

21 ene 2009


Bye, bye, Bush
POR ANXO TARRÍO VARELA

O artigo completo
O único que a este cronista lle desgusta e que se repite con excesiva frecuencia en todos os discursos políticos americanos é a invocación á instancia divina, a ese Deus improbábel que permite tantas traxedias e non cercena as mans dos que someten o mundo en beneficio propio. Mesmo como ocorreu con Íngrid Betancourt, que nada máis ser liberada do secuestro ao que a someteron cruelmente as FARC comezou cunha serie de invocacións á Virxe de Fátima e cousas así que fan desconfiar. Ese Deus que tanto lles serve aos políticos para un rachado como para un descosido, xustificando, neste caso, tanto a pésima xestión do presidente saínte, G.W. Bush, como os máis que previsíbeis fallos do entrante, Obama, pois todo será vontade de Deus. Polo de pronto, Obama invitou á cerimonia da súa toma de posesión como presidente ao seu amigo o pastor Rick Warren, coñecido inimigo das unións de parella homosexual e, xa que logo, defensor dunha discriminación equivalente á que sufriron os negros en América até agora.
A ver cando desaparece Deus do consello asesor dos políticos e se limita a consolar aos seus pobres seguidores.
A hora decisiva
aNDOLIÑA 21-1-09

Onte foi un gran día para o mundo: foise do poder dun dos Estados máis poderosos o señor Bush, un dos políticos que xerou máis odios ó longo de todo o planeta. A maioría das persoas que asistían en Wáshington á toma de posesión de Obama de seguro respiraron aliviadas desexando o final da política das mentiras que quixeron xustificar guerras. Os Estados Unidos poden empezar xa a loitar por recuperar unha outra imaxe no concerto das nacións.Barak Obama apelou onte a conquistar a esperanza contra o medo. Disque un mozo de 27 anos lle prepara os discursos: dende logo respiran o entusiasmo e a coraxe da mocidade.
Pero Obama falou xa como home de Estado, chamando ó esforzo de todos os cidadáns do seu país contra a crise. Alguén dixo que daba a imaxe dun home tranquilo en medio dunha treboada. Agardemos que agora non defraude a xigantesca enerxía colectiva que recolleron as cámaras de televisión. Ante o frío perfil de Bush, Obama afirmou que a seguridade non pode sacrificar a liberdade. Que peche xa a base de Guantánamo e borre o seu país da ignominiosa lista de Estados que practican a tortura. Sequera sexa pola memoria de Rosa Parks e Martin Luther King.

20 ene 2009

Un discurso de talla.
Unha treboada de enerxía colectiva en Washington.
Que non nos defraude.

A estrea de Obama, de XULIO RÍOS, Galicia Hoxe 20-1-09

Por outra parte, as declaracións de Hillary Clinton ante o Comité de Relacións Exteriores do Senado, auguran un cambio de rumbo, cando menos nas formas, asegurando que a forza militar será usada unicamente como "derradeiro recurso". A reivindicación dunha diplomacia intelixente resulta dos fracasos da ausencia de diplomacia e de intelixencia, da marxinación de principios mínimos e do exceso de soberbia fronte a propios e estraños. A dirección que tomará a política exterior de Obama, pese a todo, segue a ser unha incógnita, aínda que estas declaracións, o perfil dos nomes que se barallan para acompañar á titular da Secretaría de Estado e as reiteradas alusións e coqueteos con certo centrismo deixan atrás a orixinalidade prometida durante a campaña electoral. Chegou a hora do realismo.

18 nov 2008

Obama si pode
ECG. 13-11-08

BIEITO IGLESIAS ESCRITOR E PROFESOR

Por ter nado eu na Galiza profunda, case me levan lástima os votantes de Kentucky ou Cansas, desa Norteamérica non menos entrañada, que quedaron cun palmo de nefres ao ver na Casa Branca a un tipo bronceado (Berlusconi dixit).
Por parte da cor, aos electores do fosco Sul e do Medio Oeste camponio, non lles chistou un candidato do que temían a suba da contribución e a interdición de gastar armas así sen máis nin mangas. Eses drégolas de barba rubia, camisa a cadros e calzas vaqueiras, que o tópico fílmico pinta enviando cervexa en bares de estrada e que Tom Wolfe describe como langráns dados a tirarse coios na noite do sábado (igual que se acantazaban aquí os rillotes malensinados hai catro días), xa non se consolarán coa idea de que aínda existe unha clase inferior a deles, integrada por pretos marcados co estigma dos devanceiros escravos. Que farán para soerguer a autoestima?
Quizais lle abonde con arrebollar e marcar unha vaca de cornas ganchelas. De resto, en Europa e por estes pagos, a elección de Obama recibiuse con indisimulado contento, pola asa progre e mesmo por varios líderes da asa conservadora. Non era para menos, despois de aturar as meteduras de zoca da Administración Bush, que levantou avespeiros na xeopolítica e deixa a economía aterecida. Outra cousa é o entusiasmo un chisco infantil desatado cada vez que os medios de comunicación publicitan un "feito histórico". Un terzo dos americanos con dereito a voto abstívose, ben polos engarros do sistema electoral, ben porque son personaxes de novela de John Updike e pensan que "a historia sucede, pero non nos sucede a nós agás que nos asoballe".
Un xornalista definiu a Obama como "nacionalista irredento cunha concepción case mítica da patria", apoñéndolle trazas de Ibarretxe. Supoñendo que acertase no retrato, o único seguro é que con el non han poder nin Rosa Díez nin Savater.

5 nov 2008


Cambiará o mundo?
andoliña 5-11-08

Se as enquisas non fracasaron, Estados Unidos a estas horas é un país asolagado na vertixe do cambio e, agardo, cun presidente negro. Se o cambio se confirmou, hai que dicir que non foi doado: detrás está a excelente campaña de Obama (fronte a unha estratexia errada de McCain), a crise económica, o aborrecemento das políticas neoconservadoras de Bush, o apoio masivo dos principais xornais ó candidato demócrata, mesmo as esperanzas que ergueu a candidatura de Obama no resto do mundo, con evidente entusiasmo en Europa.
Que vai pasar agora? Cambiará de verdade o mundo? Esta pregunta é máis difícil e ninguén sabe a resposta. Carlos Reigosa comentaba noutro xornal que o brillante discurso de Barack Obama, excelente contador de historias, no fondo non concreta nin se sitúa con claridade ante case nada: "Quizais vai gañar precisamente por iso; porque cada un pode imaxinar o Obama que el queira, sen que el o desminta nunca". Xa sabemos que no mundo actual esa ambigüidade é inevitable cando un precisa arrincar votos de todas as partes. Pero Obama ten que ser consciente, en calquera caso, de que leva tras súa un inxente caudal de votos polo cambio que non pode nin debe desprezar.

4 nov 2008

GAÑARÁ OBAMA?

Obama non se fía, A. Losada, GH. 4-11-08.
Disque as enquisas cantan segura unha vitoria espectacular da Gran Esperanza Negra. Disque os republicanos temen unha desfeita. A prensa europea aposta maioritariamente por Obama e ao peor confunde desexos e realidades. A demoscopia da vantaxe a Obama a nivel federal. Pero en estados clave que os demócratas parecían gañar durante a campaña, agora volven a andar empatados. O exceso de triunfalismo pode desmobilizar o voto obamista e espolear ao votante conservador para evitar unha tripla maioría demócrata: Casa Branca, Congreso e Senado. Obama leva días repetindo una mensaxe prioritaria: para gañar hai que votar. Non se fía, e fai ben.

O ENIGMA OBAMA, Carlos Reigosa, LVG. 3-11-08
Cando xa sabemos que se as eleccións estadounidenses se celebrasen en todo o mundo, Barack Obama gañaría por abafadora maioría, é a hora de preguntarse que ofrece o candidato demócrata e cales son as súas opcións políticas preferentes. O malo é que as respostas non aparecen nos seus discursos nin cabe deducilas dos variados nomeamentos que fixo no seu equipo. Obama fala da unidade dos estadounidenses, de solidariedade rexional, de integración posideológica, de concordia internacional, de xustiza social, de confianza nunha sociedade aberta, pero non di que vai facer para lograr todas esas cousas. Nomeou para o seu equipo a políticos de todas as tendencias existentes no Partido Demócrata (centristas, socialdemócratas, radicais, etcétera), cun resultado equilibrado, pero nada clarificador. Todos os que queren a Obama na presidencia saben moi pouco del. Imaxínano dun modo ou outro, pero non teñen a menor garantía de que sexa como pensan. Porque Obama fala marabillosamente, pero non di. Non desvela. Non especifica. Non concreta. Vai gañar as eleccións sen situarse con claridade ante case nada. E quizá as vai a gañar precisamente por iso: porque cada un pode imaxinar ao Obama que queira, sen que el o desminta nunca.
O candidato demócrata é un avogado brillante que coñece o seu oficio. Espertou unha enorme esperanza con só aparecer en escena e resistiu vitorioso, sen afirmar nada que poida contrariar a ningún dos seus potenciais votantes. O seu discurso non ten arestas, as súas proclamas son vagas e xenéricas e a súa lema redúcese a dúas palabras: «integración e reconciliación». Algúns o temen pola súa indefinición, pero son os menos. A maioría, logo de engulir tantas definicións erradas de Bush, simplemente adórano. Pero non o coñecen, nin sequera os do seu equipo. Obama é un enigma e por iso vai gañar as próximas eleccións. Votarano aínda sen saber por que (aínda que si contra que). E crerán a cegas a súa reiterada promesa de que lle vai a dar ao país «o cambio que necesita». Pero ¿de que cambio fala? Non consta aínda.

Se gaña Obama, Gonzalo Parente, LVG. 4-11-08
Cando falta un día para as eleccións, sen tomar partido, parece interesante expor o que podería significar que Obama pasase a ser o novo inquilino da Casa Blanca . Anteriormente, o ocupar o despacho oval era sentar no trono do mundo, pero xa non é así. Desde o final da guerra fría, EE.?UU. desperdiciou o capital de liderado conquistado co sangue, suor e bágoas de miles de mozos norteamericanos que loitaron para defender a democracia liberal que agora está en crise.
Por iso, Barack Obama ten ante si unha enorme tarefa para remover as estruturas da vella orde mundial que se derruba. Para iso conta co apoio de millóns de mozos que queren o cambio, pero ademais ten a simpatía no exterior ( Obamamanía ): En Europa, onde esperan que EE.?UU. volva ao multilateralismo; en África, polo ascendente kenyana do seu pai; o mundo islámico mírao como persoa próxima por vivir en Indonesia; e os suramericanos ven a un novo líder de cor, moi distinto dos WASP (brancos, anglosaxóns e protestantes).
Se Obama gañase significaría un cambio sociolóxico do proceso multiétnico da sociedade norteamericana. Pero nada máis. Porque o novo presidente sería ante todo un patriota que continuaría defendendo os intereses do seu país, na mesma liña que os seus predecesores. No exterior terá que afrontar o conflito de Irán, co que prometeu iniciar conversacións; con Iraq liquidará o despregamento para reforzar Afganistán, pero en Paquistán, nación islámica e nuclear, imos ver a súa iniciativa política.

9 oct 2008


Artistas e "freakys".
PAN POR PAN xoves 9 outubro

Nos Estados Unidos os artistas están en campaña. Nestes días vimos a Paul Auster defendendo o voto a Obama; a Bruce Springsteen cantando en concertos polo candidato demócrata; ó cineasta Tim Robbins na mesma xeira e a Madonna cun vídeo que compara a John McCain con Hitler e o ditador Mugabe. Os artistas a favor do candidato republicano están máis calados. Todos os citados son números un no seu campo: saben escribir, cantar, facer películas, bailar.
Nas mesmas datas os famosos españois de actualidade son a duquesa de sempre, a exmuller dun toureiro e Anita García Obregón. No franquismo os famosos só eran toureiros e folclóricas. E, se queren, futbolistas. Agora compiten na pantalla cos “freakys” e, como estes duran pouco, hai programas específicos para clonalos. Haberá nos EE.UU. “freakys”, supoño, pero por sorte non chega aquí o seu eco.

7 oct 2008


Lingua e hispanos.

pan por pan martes 7 outubro
debuxo de Alberto Vázquez

Un xornal de Madrid publicaba onte unha ampla reportaxe sobre a situación do español nos Estados Unidos. Achegaba datos valiosos. Por exemplo, que EEUU é xa o segundo país do mundo en hispanofalantes e que no 2050 pode ser o primeiro, por diante de México. Xa hai 45 millóns de español-falantes censados, sen contar a inmigración ilegal. Alégrome polo español dos hispanos e porque esta, para min segunda lingua, non corre ningún perigo de desaparición. Nin alí nin aquí. O informe completábase cun artigo de Elvira Lindo, menos optimista. Dicía esta escritora que a segunda xeración de hispanos ten vergoña de usar o español e fala un inglés impecable estudado na escola. E que a sorte do español aló depende dos mozos e do apoio, dándolle prestixio, dos medios de comunicación. Non lles soa a música? Non é iso unha diglosia semellante á que aquí padece o galego?

27 sept 2008


Palin contra o oso branco.
pan por pan sábado 27-9-08

Foi intelixente a xogada do candidato republicano McCain ó colocar unha muller como candidata á vicepresidencia dos Estados Unidos. Pensouse que ata podería arrebatar votos femininos entre as defraudadas polo fracaso de Hillary Clinton. Pero as últimas novas indican que o efecto Palin desfaise como terrón de azucre. Por varias razóns. Porque a candidata republicana ten unha formación escasa en varios campos, sobre todo en economía: de feito non lle deixan dar entrevistas por se mete a pata. Hai moitas sombras tamén na imaxe de Palin respecto a temas medioambientais: é sabido que non lle importaría estragar o futuro de Alaska á procura de gas e petróleo. Preiteou hai meses contra unha decisión do goberno a favor de incluír o oso polar na lista de especies ameazadas: tal decisión sería lesiva para as instalacións de gas e petróleo nas costas onde o oso ten o seu hábitat.

26 sept 2008


O RACISMO CONTRA OBAMA
PAN POR PAN xoves 25 setembro.
Escribín eu neste recuncho hai meses que o principal perigo de Obama nas eleccións norteamericanas era o racismo latente naquel país. Pois oxalá nos equivoquemos, pero unha enquisa on-line realizada aló amosa que o 40 por cento dos votantes brancos ten unha visión parcialmente negativa” dos afroamericanos. Aceptaban nese traballo adxectivos despectivos cara os negros como “violentos”, “preguizosos”, “irresponsábeis”, etc. Iso afectaría tamén ós votantes demócratas e por iso Obama non dá arrincado nas proxeccións de voto. O comentarista Ben Smith dixo que “aquí hai xente que non votaría por un home negro aínda que viñese camiñando sobre as augas da man de Cristo e Moisés”. Tamén é certo que a crise económica podería axudar ó candidato demócrata, pero nos tempos duros aínda medra moito máis o racismo. En fin, oxalá nos equivoquemos, repito.

6 jun 2008

en poleiro alleo

¡Non me toque os pronomes!, un artigo de Helena Villar en ECG (6.6.08). Curiosamente os dous primeiros comentarios do artigo na web do xornal son críticos co mesmo: un castelanista e outro lusista!

O tema estrela do día nos artigos de Opinión é Barak Obama: del escriben, en ECG, Carlos Luís Rodríguez e, en GH, Fernán Vello e Rivas Troitiño.

E Méndez Ferrín ("O arcebispo desexado") lembra no Faro a figura do bispo galeguista Lago González: ademais hai unha entrevista co "Ferro" en El País, de Daniel Salgado.

9 abr 2008


Malcom X.
Pan por Pan mércores 8 abril

Outro dos líderes negros do século XX foi Malcom Little, cunha biografía moi diferente á de Luther King. Nacido en 1925 en Omaha, Nebraska, a súa nai era unha mulata nacida da violación dunha negra por un home branco. O seu pai foi asasinado polo Ku Kluk Kan e a nai rematou nun psiquiátrico. Malcom pasou dun reformatorio á delincuencia e de aí ó cárcere. Xa preso, converteuse á relixión musulmana e ingresou na Nación do Islam, que defendía que a raza negra era superior á branca e a creación dun estado independente para os negros. Pasou a chamarse Malcom X: ese X era o xeito de marcar os apelidos descoñecidos dos escravos. Acabou enfrontado coa Nación do Islam para logo fundar un novo movemento, Black Muslims (Mesquita Musulmana). E coincidiu con Luther King nunha cousa: el tamén foi asasinado, dun disparo, en febreiro de 1965, con menos de 40 anos.