Mostrando entradas con la etiqueta Cultura Viva. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cultura Viva. Mostrar todas las entradas

2 mar 2009


Fírgoas da cultura auriense
Marcos Valcárcel, lA región 2-3-09
Sociabilidade. O percorrido das pasadas semanas pola miña formación escolar quedaría incompleto sen facer referencia ó que se chama educación informal, aquela recibida, no meu caso entre 1968 e 1975, noutros espazos de sociabilidade cultural. Velaí o caso da Alianza Francesa, con sede no Progreso, enriba do quiosco do Clemente, nas épocas do Dr. Bravo Mateos. Alí ía a clases sendo eu neno e alí lembro ver eu documentais sobre a pintura francesas e cine galo en versión orixinal; a Alianza tamén organizaba moitas exposicións e concursos de debuxo e pintura, tamén para nenos e nos que participei. Eran os tempos ademais dos grandes torneos de xadrez no Liceo, con mestres internacionais dos países do Este: arredor dos dez anos houbo concursos de xadrez nos Maristas que eu seguía con paixón. Polas noites soñaba na cama coas xogadas das partidas, tal era entón a miña obsesión.
Misa en galego. Ás nove da mañá, na capela do Santo Cristo. Eu ía co meu pai e o meu irmán maior. A primeira misa en galego permitida era máis que unha misa. A fermosa capeliña barroca da Catedral convertíase nun templo da galeguidade. Nunca esquecerei a inmensa figura de Otero Pedrayo seguindo os oficios e de moitos outros galeguistas históricos. Rezabamos en galego e cantaba a Coral de Ruada. Máis dunha vez, eu moi novo, deixábanme subir ó carón do órgano que tocaba o fillo do mestre Vide. A capela refulxía a esas alturas e eu pasmaba mirando as Sibilas. Rematada a misa facíase, nas portas da Catedral, un breve faladoiro, cos Puga, Guitián, Monxardín, Anxo Martínez, Leuter, etc.
O meu tío Exmelin cantaba na Coral de Ruada, nos tempos do mestre e poeta Manolo de Dios, e iso permitíame ir a moitos dos seus concertos ou á fermosa Festa dos Amigos no inicio do verán.
Artistas. Tamén os domingos era bo día para acudir ás exposicións de arte. Era un costume tradicional en casa porque o meu irmán maior Félix tamén era pintor. Daquela era o Museo Arqueolóxico o centro das principais mostras e alí expuñan dende clásicos vivos como Prego de Oliver ata os artistiñas, xa ben recoñecidos, e tamén moitos novos artistas que empezaban: se a memoria non me engana, nomes como Iñaqui Basallo, Xosé Cid, Antón Pulido, Baldomero Moreiras, etc. A través do meu irmán puiden coñecer o estudo dalgúns destes artistas e familiarizarme cos seus xeitos de entender a arte.
A Agupación Cultural Auriense tivo un papel decisivo nesa educación informal e diso escribirei máis de vagar. Agora só quero lembrar que un dos meus primeiros contactos coa Auriense foi unha Festa da Árbore, no inicio da primavera, celebrada na parroquia de Velle. Escribo só de memoria. Tería que consultar o meu arquivo (agora non podo), pero de seguro andaban por alí Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo e quizais Manuel Blanco Guerra.

5 jul 2008


Medalla de Ouro
Andoliña 5 xullo 2008. Imaxe: don Paco Fdez del Riego, por X. Vizoso.

18 de maio de 1948. Dende Madrid Ramón Piñeiro escríbelle ó seu amigo Fernández del Riego e pídelle información sobre a nova editorial que se está a xestar, ofrecendo toda a súa colaboración "para que esta empresa acade a envergadura e a consistencia necesaria para que se asegure un influxo cultural permanente e eficaz". Dende o comezo está moi claro que o que recibirá o nome de Editorial Galaxia, fundada o Día de Galicia de 1950, é moito máis que unha empresa cultural: en realidade, é un gran proxecto político de resistencia dende o galeguismo e de imaxinación dun futuro diferente para a nosa terra.
Contaban para iso cos mellores vimes: don Paco del Riego e Piñeiro, Otero e Carballo Calero, Xaime Isla e Gómez Román, toda a Xeración Galaxia de ensaístas e poetas. Cando naceu, os galeguistas do exilio interior recibían por subscrición todos os libros da casa: un par de centos de militantes da galeguidade. Logo virían as novas xeracións de estudantes de Compostela, que publicaron aló os seus libros, nas coleccións para noveis: entre eles, Carlos Casares, futuro director.
Unha Medalla de Ouro ben merecida: o premio a todo un país simbolizado no mellor ADN do seu pensamento e da súa creación.
A conquista de Galaxia é que Galicia non sexa monopolio de ninguén»

6 may 2008

Xan Bouzada
Coñecín a nova onte pola tarde a través dunha mensaxe dun amigo da Universidade de Vigo. Xan Bouzada, sociólogo e home comprometido coa nosa cultura e co galleguismo, faleceu onte, vítima dun cancro. Trateino hai anos e coincidimos nalgunhas citas culturais, en múltiples ocasións; tamén colaboramos xuntos nunha comisión cultural que hai anos deseñaba un diagnóstico cultural a petición do CCG (na que tamén estaban C.Casares, Damián Villalaín, H. Monteagudo e M. Vieites, entre outros). Soubemos tamén que deixou escrita a súa petición de que a súa despedida fúnebre fose pronunciada polo seu amigo o poeta Darío Xoán Cabana. Dende aquí, o meu pésame á súa familia e amigos/as.


O sociólogo Xoan Bouzada Fernández nacera en Lugo en 1951. Publicou varios libros sobre a materia da súa especialidade centrados na realidade galega, como Escola, cultura e vida comunitaria nun concello galego: Moaña, A situación socio-cultural dos concellos galegos e O desenvolvemento comunitario local. É autor tamén de Familia e comunidade (Galaxia, Ensaio 2002). Xunto a Anxo M. Lorenzo Suárez escribiu Redes sociais e conxuntos de acción (Galaxia, Igesco, 1996). Pertencía tamén ó consello de redacción da revista Grial. (Na foto, nun acto no CCG, en compaña de Emmanuel Nègrier).

10 abr 2008


O DIRECTOR DA CASA DA XUVENTUDE DE OURENSE ANALIZA A EVOLUCIóN CULTURAL DO PAíS. Benito Losada: “Estar trinta anos nun posto é malo, sobre todo para o posto”

7 abr 2008

En poleiro alleo. PREMIOS NACIONAIS DE CULTURA, de X. L. Méndez Ferrín (FV. 7 abril)

Foi Ferrín quen demandou hai uns meses, nun artigo no Faro, a necesidade duns Premios Nacionais de Cultura para a nación galega.

A Xunta recolleu o reto de man da conselleira de cultura, Ánxela Bugallo, e Ferrín felicítase por iso, pero esixe certas reformas e melloras na convocatoria.

25 feb 2008


Un lema de Nóvoa Santos
La Región 25 febreiro
O artigo completo

Ousadía intelectual. Manuel Rivas rescatou nalgún dos seus libros, creo que en ’O lapis do carpinteiro’, unha cita do doutor e humanista republicano Nóvoa Santos que mesmo podería servir como lema ou consigna de vida: dicía Nóvoa Santos que hai que Ser un pouco bo e un pouco rebelde. O de ’un pouco bo’ está difícil, se non é pretencioso. O de ’un pouco rebelde’ pode intentarse como un bo antídoto contra a estupidización xeral que nos envolve. Entendamos ese ’pouco rebelde’ como convite á ousadía intelectual. A cultura galega necesita hoxe mentes ousadas, que vaian máis alá do que son quen de planificar os xestores culturais e os asesores de nómina.Vexamos un par de casos. Chegou a Ourense o concerto de ’Os mozos do coro’, eses rapaciños franceses que fan auténticos milagres coas súas voces. O Auditorio a rebordar, entusiasmo nos aplausos. E eu pensaba (seguro que outras cabeciñas na sala tamén): Por que ningunha cidade galega conta cun coro de nenos ou mozos? Supón iso un esforzo económico imposible de asumir? Ou é un simple problema de vontade (política) e imaxinación? Outro exemplo. Cando sae á venda a casa da rúa da Paz na que viviron Risco e Otero, símbolo espiritual do país, non tería que estar xa a Consellería de Cultura, de acordo co noso Concello e a Deputación, a mover todos os fíos necesarios para que nese lugar tan cargado de historia se poida erguer un centro cultural dedicado á Xeración Nós? Sería moito pedirlles a eses políticos que logo se enchen a boca a falar do exemplo de Nós? Sería só un exercicio de ousadía intelectual.
Kósovo e a diplomacia
Manuel Figueiras

3 dic 2007

Lectura e Universidade.
Pan por Pan martes 4 decembro. Imaxe: Retrato dun home con libro, de Lorenzo Lotto, 1526.

É mellor que os profesores non lean os xornais algúns días. Para non deprimirse. Vexan varios titulares recentes: “España retrocede en lectura”, “España, suspenso en ciencias”, etc. O peor de todos é un informe do Ministerio de Cultura onde consta que o 22 por cento dos universitarios admite que non le ningún libro. Algo vai mal: ou a cultura ou a Universidade ou todo xunto. E non todo está en Internet e son medios complementarios, por suposto. Mal vai a cultura do libro por este camiño se as súas elites, as que chegan á Universidade, refugan dos libros como do demo. Son os rapaciños de 10 a 13 anos os que máis páxinas devoran, din os editores. Ou sexa que o futuro son bestsellers para todos e libros infantís para os cativos. E o resto? Outra nova: “Isi & Disi” e “El calzonazos” as películas españolas máis vistas na tele. Terá algo que ver co anterior?

29 nov 2007


Pintadas (8).
Pan por Pan xoves 29 novembro. Imaxe: Larry Semon.
Vai hoxe a penúltima entrega sobre as pintadas nas rúas: mañá remato con esta xeira, para que ninguén se aburra. As pintadas deben ter algo que ver co instinto dos animais para marcar o territorio: os humanos fano con sprays, eles con urina. Nesa liña están campañas nos muros como “O Bierzo galego” ou outras contra algún xentilicio: vostedes coñecen o slogan “Orensanos fuera de Samil”. Por Auria estivo en tempos aquela de “Dios ha muerto, Niezstche ha muerto. Y yo no me encuentro nada bien”, variante doutra que xa citei. Ácratas eran tamén as de “Sin libertad, el voto es una ilusión. Y con libertad es innencesario” e, pintada nun cimiterio, a de “Muertos, ¡moveos!, la tierra para el que la trabaja”. E un ben cachondo foi o que pintou en Compostela “Sito Miñanco, patriota galego. Liberdade!”.

14 nov 2007


Consumo cultural. (Entrada 1251)
Pan por Pan mércores 14 nov. Fotografría de Tamara Loncar.
Son sinais do tempo: cada vez máis os consumos culturais desprázanse da rúa ó fogar. Sobre todo máis tele e cine na casa. Un 52 por cento dos galegos nunca acode ó cine. O 78 por cento nunca vai ó teatro. Só un 14 por cento vai algunha vez a un concerto de música clásica ou ópera. Só o 39 por cento visita de cando en vez unha mostra de arte. E só o 41 por cento dos galegos leron algún libro no último ano: datos oficiais do Instituto Galego de Estatística.
Podía ser aínda peor, dicía esoutro día Víctor Freixanes: lembremos de onde vimos, antes aínda eran moitos menos os que lían libros ou ían ó teatro. Pero a cultura segue sendo minoritaria, por non dicir marxinal nalgúns espazos. Un 38 por cento asiste a espectáculos deportivos e a metade dos galegos decláranse deportistas habituais ou esporádicos: non sei se iso inclúe ir en chandal facer a compra ó Carrefour.

5 nov 2007

CULTURA E NACIONALISMO (e 2)
La Región 4 novembro

Cultura e crítica. Na primeira xeira desta serie (o pasado luns) falamos da forza das asociacións culturais galeguistas nos anos 70 e da súa crise posterior, cando o nacionalismo toma maiores responsabilidades políticas. Seguimos hoxe nese percorrido.
Despois dunha crítica moi potente e rigorosa ás políticas culturais do PP, xusta e atinada na maioría das ocasións, vemos que agora non aboian as alternativas que se daban por existentes: no peor dos casos faise o mesmo que xa facía o PP con pequenas maquillaxes de matiz. O dito vale tamén para moitos concelleiros nacionalistas que desempeñan responsabilidades de goberno no campo cultural: semellan algúns deles subsumidos nun sono eterno que nin o do rei Arturo...
Proxectos perdidos. Moitos votantes esperabamos moito máis do nacionalismo no eido cultural. Noutros campos ninguén soñaba con milagres, pero na cultura cabía albiscar outra realidade. O nacionalismo ten un marco competencial reducido, porque tamén se fai Cultura, con maiúsculas, dende outras consellerías e un papel relevante ó respecto tamén o cobren Educación, Política Lingüística e Comunicación e TVG, que no pacto de goberno non quedaron en mans nacionalistas. Pero o certo é que, ó abeiro dunhas cativas realizacións (a maioría delas nunha liña de continuidade), os proxectos pendentes son moitos. Cando menos aqueles que figuraban en todos os programas culturais do BNG (molesteime en consultalos dende o ano 2000). Por exemplo, que foi da Editora Nacional que deseñaría unha liña estratéxica de publicacións da Xunta? Que foi da demanda de atención á cultura galega nas embaixadas do Estado español en Portugal e nos paraísos da área lusófona? Ou da demanda das medidas necesarias para a recepción recíproca da televisión entre Galicia e Portugal? Ou da esixencia para que os ministerios de Educación e Cultura fomenten e financien actividades culturais nas catro linguas do Estado, para estimular o intercoñecemento das mesmas? Que foi do Instituto Rosalía de Castro que se ocuparía da proxección da cultura galega no mundo?
Tamén se reclamaba un aumento substancial das horas de emisión en lingua galega en radio e TV e a recuperación da desaparecida Radio 4 de RNE. E a divulgación do cinema e vídeo galego nas salas comerciais e a dobraxe en galego do cine estranxeiro. Remato polo de agora, pero o abano de propostas pendentes podería encher un par de páxinas máis.
Catálogo de desculpas. Ante esta realidade obxectiva caben varias respostas. Escollan vostedes mesmos. A primeira: agora démonos conta de que as cousas son diferentes no goberno e na oposición, os orzamentos son cativos, pero as inercias son xigantes. A segunda: é que o PP tampouco o facía tan mal, moitas cousas non se poden facer doutra maneira (alternativa difícil de vender ó electorado, creo). Terceira: é que levamos moi pouco tempo, os cambios veranse máis adiante, cando as cousas vaian avanzando. Dous anos na Xunta é un tempo razoable para albiscar liñas de cambio?

1 nov 2007

Torquemada novato


É certo ou non que existe un documento interno do BNG de Ourense con orientacións para dirixir a política cultural do Concello?
É certo que en tal documento se quere condicionar a política de subvencións culturais a afinidades políticas?
É certo que o Torquemada novato que redactou estes papeis mesmo acode ás maiúsculas para sentar cátedra do seu dogmatismo e sectarismo?
É certo que neses papeis hai ademais expresións desprezativas cara o PSOE, o Liceo e a Fundación Carlos Casares?
É certo que nunha asemblea do BNG alguén dixo, ante a proposta de formar o Consello de Cultura Municipal, que “diso nada, a política cultural xa a dirixe o partido”?

29 oct 2007


CULTURA E NACIONALISMO (1)
La Regiuón, Opinión, 29 outubro. Ilustra un deseño de Pepe Barro, anos 70.

O asociacionismo cultural. A finais dos anos 60 e ata os primeiros 80 o nacionalismo tivo un vizoso colchón social no mundo das asociacións culturais, impulsadas dende partidos como a UPG e o PSG. Xa morto Franco, funcionaban no país entre 60 e 70 asociacións culturais, con bastante actividade e de alentos novidosos e creativos. Díxome daquela o director dun xornal galego: o Bloque non sabe ben o tesouro que ten con esas asociacións, é un activo poderoso. De certo, o Bloque sabíao e esa estrutura foi fundamental para apoiar a creación do sindicalismo labrego ou as candidaturas das primeiras municipais. Militantes moi novos desenvolveron un intenso labor cultural: revistas, debates, mesas redondas, ciclos de conferencias, exposicións, mostras etnográficas, etc. En parte este traballo estaba coordenado dende o Frente Cultural da AN-PG, no que tiven a honra de participar, ó carón de personalidades como Manuel María, Lois Diéguez, Felipe Senén, Millán Picouto, Claudio Rodríguez Fer, Carme Blanco, Perfeuto Estévez, Xosé Lois Vázquez, Anselmo López Carreira, e un longo etcétera. En Santiago había outro núcleo potente, que puxo en marcha as primeiras pedras de “A Nosa Terra”, da man de Margarita Ledo e por alí andaban (de memoria) Pepe Barro, Lois Celeiro, Galocha, Xosé Ramón Pousa, Bieito Iglesias ou Xosé Manuel González, entre outros. O estudantado participaba nas asociacións culturais O Galo e O Eixo (Auriense en Ourense) e tamén no cineclubismo da época: lembremos nomes (sempre de memoria) como Daniel Bernárdez Cancelas, Merche Penoucos, Rafael Ojea, Antón Baamonde, Camilo Valdeorras, Xosé M. Sarille, Luís González Tosar, Manuel Figueiras, Xosé Miranda, etc.
Da crise dos 80 á actualidade. A entrada na política activa, nos concellos e logo no Parlamento Galego, relegou a relevancia deste labor. Moitas asociacións desapareceron. Outras minguaron a súa actividade ou vexetaron durante anos. As máis activas foron aquelas que sabían disterar os campos da política e o da cultura (na Coruña, por exemplo, O Facho ou Alexandre Bóveda), pero moitas outras sucumbiron na loita política diaria, cargada de sectarismos e dogmatismos (escritores que sempre foran “da casa” pasaban ás listas negras cando deixaban a militancia nacional-popular). O nacionalismo non soubo recuperar aquel pulo cultural nin rendibilizar a súa enorme potencialidade. Nin sequera, creo eu, cando chegaron ás institucións. Os xeitos de traballo cultural tiñan que cambiar, é obvio, pero nesa mudanza desapareceron moitas iniciativas valiosas e non foron substituídas por outras alternativas. Se o nacionalismo estivo sempre moi vinculado ó labor cultural, a realidade de hoxe, cando mesmo está gobernando, non é excesivamente optimista. A consellería de cultura, en mans do BNG, semella estar vampirizada e engulida pola pantasma do monte Gaiás (velaí un auténtico Alien que acabará por devorar calquera forza renovadora), mentres se expande o desánimo entre moitos axentes e creadores culturais (iso é o que escoitamos de moitos escritores e xentes do teatro, por exemplo).

27 oct 2007


Decepción
Supoño que este artigo, que sae hoxe en La Región, no Pan por Pan, asinado por min, será polémico. De feito, tardei máis de quince días en darlle saída, vítima dunha certa autocensura. Pero finalmente decidín facelo público. (Choverán paos, seguro). Imaxe de Claudia Böhm.
Cando o nacionalismo estaba na oposición, facía críticas rigorosas á política cultural do PP. Xustas e atinadas case sempre: dicíase que non se apoiaba ós creadores, que só se pensaba no espectáculo e no escaparate, etc. Era de supoñer, logo, que había outras políticas culturais alternativas. Pero acontece que cando o nacionalismo participa no goberno, tales alternativas non se ven. Pola contra, séguese o longo regueiro do que fixeran anteriores gobernos, case ó pé da letra. Velaí o concello de Ourense, onde a área cultural está desempeñada polo BNG. Que sucede logo? Ulas esas ideas alternativas? As que se escoitan parecen pouco brillantes: os fondos do concello, por exemplo, non serven para facer un museo de artistas ourensáns. Nin sequera se pon en marcha o Consello de Cultura Municipal e iso non é problema de orzamentos. Tiña que dicilo: dende a miña radical independencia.

22 oct 2007

Bermejo Barrera: contra a cultura espectáculo

Dende hai uns meses,
o historiador Bermejo Barrera está a desenvolver, dende a prensa, unha campaña de reflexión sobre a Cidade da Cultura e a cultura espectáculo. Nesa liña incide hoxe, na entrevista que lle fai Nacho Miras en La Voz de Galicia (entrevista completa). Creo que pode ter interese para o debate e por iso transcribo aquí un anaco:

Como a canción, «La vida sigue igual»...
-Nin a cultura produce riqueza na medida que eles din nin nada diso. Pero eles teñen que demostrar que invisten moito en cultura para vender politicamente unha imaxe de que se preocupan polo tema e, así, conseguir votos. Iso en Fraga estaba claro, co PP. Non cría en nada pero repetía sempre o mesmo; tomaba posesión con non sei cantos gaiteiros, que identifican a Galicia... O problema é que cando se produce a alternancia política, ¡O novo Goberno asume o mesmo discurso!
-Din que non, ¿pero é que si?
-¡Porque os tres partidos comparten a mesma concepción da cultura! ¿Como pode ser que intelectuais nacionalistas, de esquerda, digan que todo o futuro depende do turismo? ¡Pero vamos a ver! Fraga publicou nos anos sesenta un libro, Horizonte español, no que dicía: «Ojo, cuidado con el turismo. El turismo puede dar muchos ingresos, pero la demanda turística es caprichosa, es voluble y es inestable. El dinero del turismo hay que invertirlo en industrializar un país o en modernizar la economía». ¡Iso o dicía Fraga!
-Fanse propostas culturais, cando menos, curiosas... un mirador para mirar a posta do sol...
-Iso viola o sentido común. A ninguén se lle ocorre que a posta de sol se vexa mellor desde Fisterra. O grave é que digan que iso entra dentro dun plan económico de revitalización da Costa da Morte despois do Prestige. ¡Iso é o grave! ¿O futuro é converter a Costa da Morte en Benidorm? E, aínda por riba, aquí cando chove, chove. ¿A cultura só serve para semellante cousa?
-¿Qué faría vostede coa Cidade da Cultura?
-¡Eu que sei! Propuxen nun artigo vendela, pero non a podes vender porque ninguén a quere comprar.

24 feb 2007


Premio Casa dos Poetas 2007
Acabo de chegar da xuntanza da Fundación Curros Enríquez (e do xantar posterior, cocido de todas as vías posibles) e permítome adiantarlles xa a todos vostedes o nome do gañador do Premio Casa dos Poetas 2007, que se entregará o primeiro domingo de setembro: o autor, actor e director de teatro (cine e televisión) Manuel Lourenzo.
É a primeira vez que este premio recae nun escritor dramático, como faceta fundamental da súa obra, pero os seus méritos son tan evidentes que a decisión foi tomada por unanimidade. Estaban presentes, entre outros membros da Fundación, Xosé Luís Méndez Ferrín, Luís Ferreiro, Andrés Mazaira, Chema Paz Gago, Antonio Piñeiro, Xosé C. Sierra, Gonzalo Iglesias Sueiro, Olga Gallego e Antonio Mouriño, alcalde da vila de Celanova. Deuse conta ademais do plano de actividades do 2006, que Paula resumiu con moito acerto, e dos proxectos do 2007 e inicios do 2008. Neste último ano celebrarase o centenario da morte de Curros, que probablemente subliñe dende a Fundación o seu papel como xornalista e o adiado Congreso Celso Emilio Ferreiro, cando se cumpren (2008) os 40 anos de Cantigas de escarnio e maldizer; Viaxe ao país dos ananos e o nacemento de Voces Ceibes.