
Listas electorais: continuísmo, sen entusiasmo
Presentáronse onte (hoxe recólleo a prensa local) as
dúas primeiras listas electorais en Auria: as do BNG e as do PSdeG. En ambas domina o continuísmo: hai poucos cambios ou, se os hai, pouco significativos. O PSOE incorpora a algúns independentes, á maioría dos cales non coñezo (si á profesora Ana Garrido) e mantén o seu grupo actual, cun baixón no escalafón de María Quintas, unha das líderes mediáticas locais (de presenza constante en Telemiño).
Na lista nacionalista hai tamén figuras de moita presenza mediática (Isabel Pérez) e o groso do grupo anterior, agás algúns que se foron a cargos superiores na Xunta, como Carballido Presas. Cae tamén da lista Antón Gómez, ata agora encargado de deportes (algo que pode ter que ver coa súa horrenda moción criticando á Xunta de Galicia, por erro no "corta e pega"). Dos novos nomes, intégranse algúns amigos como Manuel Herminio Iglesias, do mundo veciñal e que xa fora candidato á alcaldía nunhas arredadas eleccións polo PSG-EG, eu ía tras del daquela, creo) : creo que vai como independente, pero ata hai uns meses militaba no BNG. E tamén, noraboa polo nomeamento do filólogo Serafín Alonso Pintos, contertulio no noso novo faladoiro do Liceo e home moi brillante en cuestións relacionadas coa lingua e o seu estudo.
Dito isto, ningunha das dúas listas presenta cambios sustanciais. Dito doutro xeito: ben, pero non entusiasman. Nos inicios da democracia as listas tiñan outro aquel: profesionais, nomes de prestixio, representantes de grandes colectivos sociais, etc. Iso é cada vez máis raro, por que? Esas persoas non queren agora integrarse nesas listas ou non son convocadas para iso?
En fin, despois de 12 anos, parece lóxico un relevo na alcaldía de Ourense: a era Cabezas chegou á súa fin. Pero o PP ourensán é moito PP e eu penso que os votantes, para molestarse en ir ata o colexio electoral, necesitarían un plus de entusiasmo. Do contrario, pode ser que a coalición socialista-nacionalista gañe ás eleccións máis por derrota dos que gobernaron antes que por méritos propios dos que se definen precisamente como alternativa. (Cartel de Jules Cherez, El Dorado, 1894)