2 feb 2010

¿Ti tamén, Ibense miña?
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región, 02-02-2010

Da primeira comuñón gardo uns cantos recordos esfiañados. A igrexa de Santo Domingo, don Emilio, as preguntas do catecismo, Raquel Santamarina organizando todo... Pero se cadra, un dos máis nítidos é o dun cacharro grande de metal cheo de xelado de mantecado e un aparello deses para servir bólas grandísimas, das de cinco pesetas, que nos acompañou na festiña que seguiu e que foi, claro, un simple chocolate. ¡Viñan os cacharros da Ibense! ¡Prestárannolos para traer a casa! Era o sumum.
¿Memoria histórica? Ao carallo coa Guerra Civil. Respecto, claro, ese sufrimento inmenso, pero xa está ben de falar e furgar na historia dos tataravós dos nenos de hoxe. ¿Cultura inmaterial? A miña memoria, as miñas lembranzas inmateriais, coas que seguramente se identifica alguén, son as do Colexio Belén coas súas entrañables profesoras; a vella aquela que vendía pipas La Pilarica, chicles Bazoka e tiras de ‘estrallantes’, todo xunto nun cesto, na confluencia de Curros Enriquez con Saénz Díez, e que un día descubrimos que non sabía ler porque daba premio igual que puxera ‘que rica La Pilarica repita’ que ‘que rica La Pilarica, premio’; a celebración do mes de maio no Colexio Curros Enríquez -con dona Lola, don Magín, don Lino, don Claudio- cos seus cánticos á Virxe que apagaban eses días os ‘montañas nevadas’ e os ‘prietas las filas’; o carrito dos xelados na cima do Parque; a discoteca ‘Auria’ do Paseo que coñecía, claro, de orella porque ían as miñas tías; a presenza, misteriosa, maxestuosa do chalé Losada coas súas hedras; o chalé da Falanxe diante da Torre coa súa fonte dun ‘espinario’; as salas de xogos, Flipper e Delfin, herdeiras modernizadas do espírito do ‘Coime’ de Santo Domingo, o café Azul, cos seus escaparetes de mariscos; as empanadillas esponxosas do Hotel Parque; as centos, miles de horas e cañas trafegadas no Alaska cos seus amables e comprensibles camareiros; os cafés de despois do Cine Club ou de antes dos exames no Colexio Universitario, sentados nas sillas laranxas do hotel Miño cando íamos arranxar o mundo en dúas patadas, pois no Instituto Masculino pensaramos que só cumpría unha; os pasteliños que se compraban na Ramos, que senón non había festa; as madamitas de soldado e madama espetadas na parte baixa dun Parque de terra o día que se estreaban as sandalias brancas; as copas de licor café conspiratorio no Tucho; o Violeta das telas de colchón e a policía pedindo documentación; as tertulias que cheirei dos galeguistas despois da misa de nove na Catedral no Cortijo e aquela máquina do seu final para darlle unha capa de chocolate os xelados de máquina... Pero ollo, que ninguén se engane, en cousa de xelado sempre houbo consenso: La Ibense. O xelado de mantecado da Ibense, aseguro -eu con tantas dúbidas- é o mellor do mundo. ¿Que pasará agora? Sen dúbida, unha nova era. Co peche da Ibense remata definitivamente o século XX en Ourense. Xa non queda nada desas lembrazas que dicía. La Ibense era derradeiro eco epigonal. Antes, hai moitos anos, cando abría só no verán, era o reloxio biolóxico que marcaba as estacións... e logo chegou o chocolate con churros con nata... Esa intimidade de tropezóns ao entrar e saír por un par de portas complicadas, eses baños, enfindeixemolosasí, do patio ao que accediamos entre calendarios de Virxes e cousas de almacén... ¿É posible que non volvamos oír frases como ‘quedamos na Ibense? Déixoche un sobre na Ibense... Collemos unha tarrina de mantecado para o postre?’. E confésolles un problema persoal. A miña filla Estela, de todos os xelados do mundo, só come mantecado da Ibense. Por interese en cumprirlle o gusto, pola conservación da memoria histórica e da cultural inmaterial, estaría disposto a encadearme na porta ou facer un evento no facebook se así non pechase. Deica pouco, para ir ao meu Ourense, terei xa que viaxar no tempo. A nosa fidelidade, o noso cariño, seguro, prolongou a súa vida, pero as cousas son como son. Que a terra che sexa leve, Ibense, e que a nós nos dure o teu doce sabor.

56 comentarios:

lobo neghro dijo...

Lendo ó Monxergas eu decátome dunha cousa:Non son de Ourense.

Eu vivo en Ourense pero son de Prada de Conflant e da miña aldea.

Vin para Ourense no 1972 e teño unha imaxe moi ruín desta cidade. E díghoo con moita "arroghansia".

A miña mai traballou na Ibense cara 1973 antes de emigrar para Suíza-Xenebra, outra das miñas patrias.Cantas teño-temos?.
O traballo na Ibense foi digno. En ourense as empregadas de fogar, ou da limpeza, daquela tiñan un trato cativo e miserento,como a pseudo-pequeno-burguesía desta cutre e cinsenta cidade que as subempregaba.Anos luz da tecnificada e organizada Suíza.Canto nos deu o extranxeiro.

Tempiños aquiles, aghora vemos coa capa da nostalxia pero agochou moita ruíndade. E a Barbaña era unha cloaca pura e dura ate hai unha década. E segue a selo vertedeiro incontrolado dos venenos do "pulíghano" e do lixo das feiras tsiganas.

Estades enamorados da nai, Auria.Poetas edípicos.
Cecais por eso escribides.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Pásanme por correo esto:
Nostalxia.
Déanlle a Cosas-carteles.

Xosé M. González dijo...

Canto lamento eu tamén o da Ibense. Sen dúbida, porque a miña nai non traballaba alí; e cando era eu neno e rapaz, no verán en Bóveda (seguramente sería polo padroeiro, San Xil, o primeiro de setembro) achegábase un carriño da casa para vender xeados.

Non haberá nin dez anos, descubrín a casa matriz no Paseo, lembrei, probei e volvía sempre; mesmo me teño referido ao caso nestas Uvas. O meu pesar non é edípico nin señoritil, aínda que teña orixe en situación vacacional e viaxeira. E que no lecer de uns haxa traballo para outros.

lobo neghro dijo...

Por favor, se antes da mundialización, estos trouxeron os xelados "Alacant", xelados de invernadeiro,industrializados, cuxa marca campaba a carón da anfitriona. E deixáronse de andrómedas artesanais. Foi xa na década dos setenta, e non sei se durou o invento ou aghora voveran ó "feito na casa".

Por se non quedou claro, a miña nai foi ben tratada na Ibense, se fora o contrário aghora plantificabao eiquí. Compartía ubicación con o "Zamorano", un toliño que fixo história local, quen era barquilleiro e me regalara algún barquillo. Tamén almorzei moito churro do día anterior con sabor a fume de tabaco.Teño medo do fume do tabaco.Dos seus efectos a longo prazo. Mañan enterran a un tío meu, por causa do fume do tabaco.

Eu tamén lamento o da Ibense.
A veces soñaba que a collía eu en transpaso e se me viña encima.Os soños son moi poderosos, víaa arquitectónicamente toda furada e a punto de esborrallarse sen posibilidade de rehabilitación. Medo as decisións con risco empresarial.

Moito medo agochado. Moita violencia por descubrir.

Anónimo dijo...

Para ALFONSO: Dez anos menos ca ti e comparto toda esa memoria. E o licor café da Coruñesa, e abrir subrepticiamente (xa non emprega ninguén esa palabra) as portas da Bilbaina para ver as mulleres "sicalípticas", pero La Ibense por riba de todo: xelados en calquera tempo do ano. Adicción total ós seus productos que fun quen de transmitir ás miñas fillas. Non podo esquecer dous recendos insoportablemente felices: os do café Campos, que ainda resiste, e o das améndoas garrapiñadas de Lamas Carvajal (que aínda resiste). Xa non falo dos espellos "deformantes" da rúa chamada entón Capitán Eloy pero cada ún ten a súa memoria particular que, se as vamos xuntando todas, como teselas, poderían facer un singular mosaico dunha cidade asemesmo singular.

Anónimo dijo...

Poderá ser nostalxia, pero temos que recoñecer que a Ibense forma parte das lembranzas de moitas xeneracións, totalmente dacordo con Alfonso. Son de Ourense, aínda que viva en Compostela, e dígovos que era (lástima) obrigatorio para facer a visita completa, o tomar o batido de mantecado, o sabor único do da Ibense. Non é o mesmo ca "vainilla", vai preguntar en calquera lugar onde vendan xeados e pide mantecado, a cara é única.
Cantas pandillas comenzamos andaduras alí!
O Alaska, o hotel Parque, a Ramos.... é agora?
Decídeme!

lobo neghro dijo...

Anónimo das 8:22, cada un ten os seus recordos, e na fauna de recordos haille "biodiversidade". Non me parecería ben reducir o pasado á nostalxia, tamén tivo outras cousas que forman parte de nós.
Por a súa fala non virá sendo vostede a mariajesusa?.

non sei dijo...

O autor por "xelado". Miro o dicionario portugués e é "gelado". ¿É posible a queda do l intervocálico en "xeado" como din Xosé M. González e un anónimo, e só nesta palabra?
Se alguén mo pode aclarar, ficaría s.s.s.q.ll.b.a.m. por sempre.

Anónimo dijo...

E o arrecendo húmido e mesto do coiñal?

Trebi dijo...

Anónimo das 8:19PM,traime o recordo dos famosos pasteis: "Os rusos" da Coruñesa.
Degusteinos en SARRIA:Pasteleria Fulgencio, que era parente e aprendera en Ourense.Tamen Parente
comun Genín ,alto cargo do Franquismo.
Monxardín seguro lembrará.
Son de SARRIA- tamén me sinto agora de OURENSE

Anónimo dijo...

Oe, Monxardín, ¿e quen c....o es ti para dicir "xa está ben de falar e furgar na historia dos tataravós dos nenos de hoxe"?

O que xa está ben é de escoitar "está ben" como os teus, home.

AVMF dijo...

Pois sonlle, simplemente, un desa idea. De que xa está ben de furgar como se entre 1939 e hoxe non houbera cousa. Algo que obviamente non ten porque ser compartido por vostede. Pero na liberdade do que escribe está dicir o que pensa. ¿Poderei?

Xoán Ramón Díaz dijo...

¿Memoria histórica? Ao carallo coa Guerra Civil. Respecto, claro, ese sufrimento inmenso, pero xa está ben de falar e furgar na historia dos tataravós dos nenos de hoxe.

¿Canto de cultura expresa e subxacente hai nunha frase coma esta?

¿Podemos, lexitimamente, seleccionar na nosa memoria aquilo que nos convén e obviar o que non nos interesa?

¿Somos somente fillos dos BOS E XENEROSOS sen ningunha caste de contaminación dos FÉRIDOS E ESCUROS?

Beneventurado aquel que non se sinte concernido -interpelado- polo Mal que haxa no seu pobo.

Laus Deo.

AVMF dijo...

Entendo o enfado dos que lle dan voltas á memoria. Certo. Sei ducias de historias tráxicas da guerra e dos favores que lle fixo xente da miña familia a presos e escapados e, con máis mérito, viceversa. Sei do que lle doeron todas esas cousas aos meus. Pero, estou un pouco da banalización do recordo, da memoria, convertida en puros tópicos. Defendo, radicalmente, a superación dese esgazamento que se fixo canda a transción. Non quero revisar nada. Pasemos esas memorias ao mundo dos historiadores e da literatura e saquémos das nosas vidas. Polo menos é o que lle eu creo. Vostede pode crer -e estará, seguramente, no pensamento dominante- outra cousa.

Xoán Ramón Díaz dijo...

Dáme a impresión de que vostede non entende nada. ¿Quen lle vai discutir o seu dereito ás súas lembranzas da nenez e mocidade? ¿Quen? Lembre todo canto queira. ¿Quen llo vai impedir? Pero, ¿que motivo hai para mandar ó carallo a Guerra Civil, a memoria histórica e as cunetas que acolleron os corpos asasinados dos tataravós dos nenos de hoxe?

¿Pensa vostede que un parágrafo do seu artigo como o que eu reproducín no meu post anterior, pode pasar desapercibido, impune, quedar sen resposta?

Vostede só meteuse na pucharca. Agora pode quedar nela ou saír dalgunha maneira. É cousa súa. Eu teño por costume non tolerar o que resulta intolerable cando se produce diante de min. Como mínimo expreso a miña discrepancia e marco o meu distanciamento. Nada máis.

arume dos piñeiros dijo...

Por qué o éxito do nome Alaska para as cafeterías?

lobo neghro dijo...

Certo Arume, teríamos que pescudar como os nomes influen na traxectoria futura do negocio e das persoas.
Nos topónimo é o revés, as características do lugar son as que nomean.

Xosé M. González dijo...

Segundo saberá o discreto comunicante, o -l- intervocálico cae en xeada, en xear e, consecuentemente, no participio masculino singular deste.

Ignoro totalmente se na Roma vella a familia léxica de gelum deu para designar un preparado doce; e teño seria dúbida. Logo, e desbotado o -moi usual oralmente- castelanismo *helado, tanto se pode nominalizar o participio como importar un cultismo; eu opto por aquel, como seica a norma.

Anónimo dijo...

"Frankfurt" foi un snack bar inaugurado no extrarradio dunha cidade galega a mediados dos anos 70, onde servían bratswurt e frankfurts condimentados co ketsup e mostaza daqueles barriletes de plástico vermello e pistacho.

"Venezia" é o nome dunha cafetería aberta a principios dos anos 80 no ensanche. Con certas ínfulas de modernidade, servían pratos combinados e tiñan terebexo en colores. Bos cafés con leite Cremosita. Anos máis tarde, tamén puxeron menú.

"Sao Paulo" era un bar do extrarradio, onde os obreiros da construcción e outros peóns non cualificados dábanlle ao viño do Ulla mentres facían tempo para ir cear, roendo palillos, sacando entradas da orella coa longa uña do maimiño, ou facendo petar as fichas do dominó en interminábeis partidas. Aínda que se falaba bo galego ambiental, nunca foi local frecuentado polas vangardas proletarias da "U". Boas tapas de tortilla, minchas, fígado encebolado e, no vrau, ourizos que consumían enriba dun pipote de viño.

"Alaska" é unha xeladería moderna no centro da cidade, na que tamén serven batidos e mesmo horchatas. Era o lugar predilecto das parelliñas en ciernes. Moitas historias de amor tiveron a súa orixe chuchando xelados de dúas bólas.

"Zürich" e "París" eran dúas cafeterías nas que os estudantes despolitizados e trosmas malgastaban as tardes cun só café, comendo pipas e xogando ao tute.

Xosé M. González dijo...

Netos e bisnetos buscan arestora foxas de paseados. Hai avós da outra banda que merecen morrer tranquilos. Supoño que o autor esixe o dereito á felicidade na patria infantil.

Certo, tamén dixo Fraga: "En el futuro aquel tiempo será visto de forma menos negativa"; non son palabras exactas, pero un acepta que para el sería época ben tolerable. Velliños que choran diante de ósos xustifican de por si desenterrar lembranzas; teñen dereito a eles e a elas. Os escolares do 1960, á memoria de ledicia.

E poderémolo facer, sen mandármonos forzosamente ao carallo?

arume dos piñeiros dijo...

Moi interesante o dos nomes dos bares. Había un en Ponferrada, praza de Lazúrtegui, se non lembro mal, que se chamaba Nagasaki. Bar de combinados, vermú a media tarde, cafetería con esquai na barra.

Anónimo dijo...

Si, señor Monxardín, pero podería expresalo con máis respecto, non desa forma tan desprezativa, e tan pouco empática co sufrimento dos demais, engado tamén.

Anónimo dijo...

Eu tamén discrepo dende o máis fondo do envio ao carallo da memoria histórica.
Indo xa ao da Ibense tamén discrepo en que o mellor xeado era o de mantecado. Sen dúbida o mellor era o de turrón; se ben podo aceptar con sumo gusto, no sentido amplo da palabra, unha bóla de mantecado ao carón dunha de turrón. Bólas das grandes, si, desas ben gorentosas de cinco pesetas que di Monxardín. E comido a culleriña que é como mellor me sabía, sen barquillo que perturbase o sabor.
RAF

AVMF dijo...

Vaaaaaaaaale. Retiro o de "Ao carallo coa guerra civil".

arume dos piñeiros dijo...

Tamén os nomes de San Remo e Avenida son habituais dunha época. O primeiro aínda se explica, pero o segundo???

Xosé M. González dijo...

Sería interesante saber cando se empezou a usar (ou xeneralizar) a palabra 'avenida' para vías urbanas galegas. En todo caso, o uso oficial deber preceder o popular. En Lugo, anos sesenta, avenida avenida chamabámoslle á de Ramón Ferreiro; as de saír da cidade eran 'carreteras', incluíndo a actualmente tan arterial da Coruña.

Corríxame alguén (o Delapierre?; o Díaz?) se acaso disenten e eu erro. Pero a min aquilo de 'avenida' sóabame a moi moderno e bastante importante, tal outras palabras coma 'cafetaría', un chanzo por riba de 'café-bar'´. De aí a asociación?

apicultor dijo...

Eu lembro con radical señardade cada día que pasa os fabulosos batidos de turrón que teño tomado na benemérita La Ibense de Ourense. Tamén os chocolates con nata e churros. Ríamonos da madalena proustiana, desde logo.

lobo neghro dijo...

Certo, os chocolates con churros. Onde hai unhes alternativos agora en Ourense?.

Hoxe na prensa local recóllese que o motivo do peche é unha xubilación, non a crise. O matiz é importante. A ninguén lle interesou coller o traspaso porque ó ter que cambiar de contrato ( tamén estaba a piques de finalizar o anterior) subía o aluguer tanto que non interesaba.

Certo, o local vai caer en maus dun banco ou dunha multinacional, ou dunha perfumería de blanquear.

Xa a min me daba soñando que se o collía se me viña encima e me soterraba.

lobo neghro dijo...

Falaba eu noutro comentario que non salíu da influencia dos nomes na clientela do local. O dono das discotecas "Boccacio" de finais dos setenta comentaba que lle salíra unha clientela progre e intelectual. Para corroboralo os da miña aldea preferían a "Mari-Trini" de Molgas pese a que a Boccacio de Ourense lles quedase á mesma distancia. Algo debe haber.

Non sei que caste de xente atraía a precoz e efímera, suxerente, "anduriña" de Xinzo da Limia.

Todos os nenos que coñezo desde hai dez anos que se chamen Iván resultan "Terribles"....

Hai razóns psicolóxicas que se poden rastrear na elección do nome.

AVMF dijo...

De nomes:
Creo que La ibense debeu ser orixinariamente nome franquiciado ou algo así. En Vigo eu lembro tamén unha ibense que non sei se segue. Ibi -de aí ibense- é case paraíso infantil soñado:xoguetes e xelados.Eu prefiro a forma paralela á portuguesa porque cando un pensa nun xelado non pensa no verbo xear, cunha precisión semántica que non ten nada que ver cun xelado, senón nun substantivo tamén moi preciso. Ibi está en Alacant, tamén nome de xelados modernos.
E máis de nomes: é curioso ver como os dos bares e talleres de coches seguen as liñas de entrada e asentamento nas cidades. Así os bar Vilamarín que da no Vinteún, ou o Muíños en Marcelo Macías. Logo están os fillos da emigración: os bares Frankfurt -que hai everywhere- e sempre quedará en Vigo o ¿como era? "Refugio de las almas perdidas". Ese si que é un nome e o demais, hostias.

Anónimo dijo...

Acábase de abrir unha cafetería moderna onda a miña casa que se chama "Tizona". Creo que ese nome de asador castellano non lle vai nadiña e non lle ha ser bo pró negocio.

Xoán Ramón Díaz dijo...

Non sei se xa antes de Ramón Ferreiro se lle chamaba Avenida á Avenida dos Tileiros ou de Rodríguez Mourelos, onde estaba o antigo Instituto Masculino, hoxe Lucus Augusti.

En canto ó de "cafetaría", ignoro outras razóns, pero sei que as houbo de tipo administrativo, coa finalidade de clasificar diversos tipos de establecementos e servizos. Por exemplo, unha cafetaría, entre outras condicións para acadar ese título, viña obrigada a servir pratos combinados durante as 24 horas do día. Hoxe creo que xa non é así. Había tamén una fermosa clasificación de Tascas e Tabernas, xa desaparecida, seica.

lobo neghro dijo...

Lembro un adoecido en Santiago co que era moi difícil falar porque falaba moi baixiño, non era quen de adaptar o tono á conversación.

Os veciños decíanme: "É malísismo".

No seu bar non entraba ninguén.Acabaron expropiándollo para facer non sei que complexo,probablemente o pazo dos congresos.

O seu bar chamábase: "sigue siendo blanco".
Pode que o nome anunciase a personalidade maniática do dono.

arume dos piñeiros dijo...

Kiosko das almas perdidas, que é aínda mellor.

Xoán Ramón Díaz dijo...

E por alí cerca andaba, se non me equivoco, o "Si podes". Tampouco está mal. Bar Si podes.

Jim Morrison dijo...

O Bar das almas perdidas foi durante moitos anos o after hours de toda caste de borrachuzas e noctívagos. Alí, pouco antes de que as sirenas do porto comezasen a asubiar, podías ver a Ferrín, a Agapito o perruqueiro (el gusta de ser chamado "estilista"), a X. Bouzada, a Antón Louro e a algún que outro "social" de orella aguda compartiren fumes e gin tonic cos mariñeiros recén chegados do mar. Ao sair, as almiñas voltaban á procesíón diurna e implacable do negocio, do traballo e da rutina.

arume dos piñeiros dijo...

E que me din de dous nomes clásicos: o Galicia e o España?

Anónimo dijo...

Téñolles aquel aos que fan referencia aos bens gananciais, moi dos nosos 70 tamén.
MAYCAR (Manolo e Carmen, FEYLO (Felipe e Lola) etc.
M.

Xoán Ramón Díaz dijo...

Saía eu de xantar nun restaurante de Ondarroa cando batín cun local que poñía GALICIA. Entrei. Había unha barra á dereita e unha sala ó fondo. Na barra, na entrada, non había ninguén, agás o camareiro e mais eu naquel momento. A sala estaba ateigada de homes, fume, voces e estrondo de mans petando arrastros sobre as mesas. Xogaban a partida. Eu tomei unha copa de coñac na barra. O local, en realidade, non era exactamente un bar, senón unha especie de clube ou centro galego onde se xuntaban os mariñeiros.

Non facía falta tanta prosa, mais aí está, Galicia.

Etxe dijo...

Entre os nomes máis simpáticos que coñezo está o ELITE de Coruña. Excelente comida caseira que fan na zona de Zalaeta os seus donos, EL(isardo)-i-TE(resa).
Tamén o que hai en Monzón, preto da Praza de Deuladea Martíns (curioso segunda forma do artigo en portugués sobre Deus), debruzado sobre o Miño: o "Mira Espanha".
Ese si que era un bo tema de lingua para facer tesinas (Estudos da baronimia, restaurantonimia e talleronimia de Ourense -ou Lugo, ou Vigo).

AVMF dijo...

Insisto.
Unha vez bañábame en Copacabana, con perdón, e "umas gatinhas" de 16ou 17 anos entraban na iagua. Eu estaba xa alá dentro e pensando que era caldo limpo. Unha delas ao alcanzar coa auga a zona crítica -de ser mozo- berrou "Ta gelada, pa". E as outras asentiron e soltaron gritiños de rexouba máis ca outra cousa. Deime conta, daquela, que debía había un dobrete de derivacións popular e semiculta ou culta entre "xear", co seu derivado "xeada", -que nós máis ben dicimos "xiada" en Ourense- e o verbo "xelar" -de escasísimo uso-de onde virían os "xelados" e as pescadas "conxeladas" e mesmo as "conxelación salariais" que nos deixarían xelados de vergoña e sobre os que podía caer unha xeada do demo. En fin. Creo que é o mellor que podo dicir da parte das certezas.

arume dos piñeiros dijo...

O Copacabana é un bar, nonsí?

Anónimo dijo...

Ninguén vai falar da sucesión ao trono provincial ("a fábrica máis grande de Ourense") de Baltar Pequeno de mans de Baltar Grande? Ningén ten nada que dicir das declaracións dun seu paisano que se dedica á moda a respecto da pertinencia do "despido libre, sen trabas admnistrativas nin xudiciais"?

Vale.

Volvendo ao tema dos nomes das tabernas, é moi posible que por eses lares nos que moran vostedes se produza nun futuro non moi lonxano un fenómeno que se está a dar nalgunhas capitais non galegas. Tal é así que non é a primeira vez que ao entrar nun bar chamado "San Mamede", "'A Nosa Terra" ou mesmo "Les Ries Baixes" me dei de fuciños cun taberneiro chinés, quero dicir, oriundo da China, e que aínda conservaba dos anteriores propietarios signos tan inequívocos da galeguidade como a foto da alineación completa do Celta 1992-1993, unha gaita da época pre-deputación de Ourense, ou diversas botellas diso que chaman orujo gallego.

arume dos piñeiros dijo...

EN Madrid tomei eu uns callos estrepitosos (como din en Italia) nunha baiuca rexentada por dominicanos. Que problema hai?

AVMF dijo...

Minto. Era en Leblón.
Copacabana tamén anda nos letreiros. Sígome quedado co puticlub "Penclub" que aquí apareceu noutrora, e con "El pulpo flamenco" de Berlín. E co bar "Carollo" na entrada de Santiago saíndo da autopista que sempre leo mal e me sorprendo.

arume dos piñeiros dijo...

Pois o Caty Sar, de Coruxo.

arume dos piñeiros dijo...

O pulpo flamenco era de Viena, non?

avmf dijo...

De Berlín. Que non me quixeron atender nel a noite de fin de ano de 1989. Que xa estaba todo cheo. A caixas destempladas botáronme -en galego- para acabar nun simpático e entrañable ladrón italiano.

AVMF dijo...

Había un na saída de Vigo a Baiona que se chamaba "E-BAR-ISTO". E tamén teño visto varios "BAR-TOLO"

lobo neghro dijo...

Anómimo último, no tocantes ás declaracións do Fito, o fillo do sr. Adolfo quen lle deu nome ó enxendro todo, teño feito unhas pequenas declaracións no feisebuk do Arume dos Piñeiros.

O dos Baltares é antolóxico.
Topeime un ex-delegado do pp na rúa, alguén próximo a d. José Luís en tempos pasados, que me asegurou non ir votar nas municipais. Está a día de hoxe tan econada a cousa ( pasou ó terreo emocional e non se arranxa con racionalidade e pactos) que acaban consagrando ós actuais gobernantes no pazo municipal sen estos demostrar grandes dotes de liderazgo ou brillo especial.


Tamén a dereita durou demasiado, máis por incapacidade da oposición que por bondades administrativas.

De todos xeitos a política non é matemática. De seguir degradándose a situación económica e dando bandazos o Zapatero a xente alén de "sangre" vai demandar máis opcións políticas. Máis diversidade.Ergo o futuro-próximo vería a ser máis cultura do diálogo e dos pactos.

O que temos non nos vale.

Perdón, deixome arrastrar por o vicio, íamos tan ben con eso das nomeadelas....

"Quen cheira en política, é como se se metera heroïna", eso me dixera un enganchado....
enganchado da política....

arume dos piñeiros dijo...

Dous enlaces:
La Ibense.
El pulpo de Viena.
E eu cría que era unha historia completamente apócrifa, sobre todo porque era unha barbaridade, pero, consultado internet, vexo este terrible Abrasador Restaurante Hiroshima. Supoño que totalmente inconsciente, pero o resultado deixa pampo.

Xosé M. González dijo...

"Lá onde mais debaixo está do Pólo,
Os montes Hiperbóreos aparecem, E aqueles onde sempre sopra Eolo, E co'o nome, dos sopros se enobrecem.
Aqui tão pouca força tem de Apolo
Os raios que no mundo resplandecem,
Que a neve está contido pelos montes,
Gelado o mar, geladas sempre as fontes.


É a oitava 8 do Canto III d'Os Lusíadas. O dicionario etimolóxico de Machado rexistra o verbo gelar, conxugado, na General Estoria, pola edición de Lorenzo: século, logo, XIV.


E, con tod' esto, ainda faz al
conos livros que ten, per bõa fé:
se acha molher que aja o mal
deste fogo que de San Marçal é,
assi a vai per foder encantar
que, fodendo, lhi faz ben semelhar
que é geada ou nev' e non al.


A precedente é a última cobra dun escarnio de El Rei Don Alfonso.


O Novo Dicionário Aurélio da lingua portuguesa rexistra ambos verbos; ora que o cultismo con moitas acepcións; e o patrimonial, para 'cair geada' e pouco máis.

Que queren que lles diga? O verbo axear é perfectamente coloquial; e eu toda a vida tiven os pés xeados cando era do caso. Dada a forza do castelanismo noutros contextos, non sei nada e ignoro se alguén sabe sobre posible dobrete non sendo o -por outra banda importante- indicado testemuño da General Estoria. Entendo que a norma do 2003 proscribe xelar e as nominalizacións, quedando conxelar e derivados como cultismo.

E aí os deixo, que ando enleado. Teñan gustosa tertulia.

Xosé M. González dijo...

Intento, horrorizado, reparar o dano inflinxido á oitava camoniana:







"Lá onde mais debaixo está do Pólo,

Os montes Hiperbóreos aparecem,

E aqueles onde sempre sopra Eolo,

E co'o nome, dos sopros se enobrecem.

Aqui tão pouca força tem de Apolo

Os raios que no mundo resplandecem,

Que a neve está contido pelos montes,

Gelado o mar, geladas sempre as fontes.

Anónimo dijo...

Ás veces, resultan ben pintorescos os intentos dos taberneiros por darlles aos seus establecementos un aire distinguido, internacional. Sei dunha cafetería moi pigha que se chamaba até hai pouco "Hylton". Fixéronlle unhas reformas para facela aínda máis guai, e o novo letreiro que lle acabaron poñendo foi o de "Hiltom".

lobo neghro dijo...

Pásome tres pueblos.

De seguir degradándose o tema económico e se prolongar a recesión a xente non vai demandar máis pluralidade, pedirá "fascio". Líderes demagóxicos e presuntamente fortes.


Ímos cara atrás.Agarrádevos que poden vir curvas.

UC dijo...

Emotivo artigo, gostei da frase que di que que co peche da Ibense conclúe en Ourense o seculo XX. É certo, coa Ibense desaparece o último vértice dun triándulo enerxético, A Ibense, Tanco e a pastalería Ramos.

No que xa estou en tanta sintonía con AVM e cando di que hai que deixarse de remover na guerra civil, cando el estivo promocionando, e coido que con moi bo sentido unha exposición sobre a Shoah. Non entendo como se pode banalizar uns acontecementos tan terribeis, onte aínda lin sobre a entrada das tropas franquistas en Estremadura e o holocausto practicado nas prazas dalgunhas vilas e cidades extremeñas.
Ser anusim en proceso de retorno ou non, ou ser amigo de Israel ten que facernos máis sensibeis a este mal, polo que non entendo esta posición, ou si a entendo pero non me gustaría que se tratase dun snobismo semético que pretenda ser máis xudeo que os xudeos. Vai ser Monxardín máis xudeo que un Cohen ou un Leví!

Ser xudeo é algo mais serio