6 mar 2010



Nenos e novas tecnoloxías

Afonso Vázquez-Monxardín

La Región:06-03-2010

Aver se me explico ben, que a cousa ten moitas reviravoltas e todos andamos nela. Por primeira vez na historia da humanidade hai hoxe unha preadolescencia e adolescencia que sabe da tecnoloxía de vangarda moito máis que os seus pais e que a maioría dos profesores. Antes un pai ensináballe a enxertar a un fillo, un xastre a cortar ao seu aprendiz, ou un obreiro da construción a facer masa ao axudante. E así, os que non querían estudar, a pesar da rebeldía propia da adolescencia, eran conscientes da xerarquía de coñecementos e desexaban ter canto antes un oco laboral no que empezar a aprender cousas que lle habían ser, pensaban, máis útiles e rendibles na vida que o que se lles pegaba dun contexto escolar que non os seducía. Integrábanse na sociedade polo traballo. A outra vía. ¡Ah! Pero isto era antes. Agora, a explosión da microtecnoloxía comunicativa e de ocio nun momento de bonanza económica, fixo chegar ás familias un universo de aparellos –sobre todo telefonía, cámaras, ordenadores, MP3, Ipod, Game Boy, Play Station, Wii, DVDs- cos que, sen dúbida, están máis familiarizados os máis novos da casa.
Os que aprenderon de nenos esa linguaxe bot
ón que tanta gracia nos facía ao principio (Mira que riquiña, anda co chupete e xa sabe pór películas no video) agora colleron o mando non só do televisor senón, a pouco que os deixemos, da casa toda. ¿E como foi a cousa? Unha conxunción de moitos elementos. Por unha banda o lixo televisivo situou ao espectador de chupete –tipo Maggie Simpson- ante a realidade de que unha vez dominada a palabra aínda que sexa a niveis primitivos, todo o emitido por calquera boca ten validez semellante e relativa apoiada na desfachatez e na xesticulación como elementos argumentativos básicos. Xa pode un Nobel dicir que a Lúa é un satélite da Terra, que un tertuliano guaperas e simpático lle pode contestar tan pancho: “Eso te parece a ti, viejo, pero yo sé que es un queso”, todos rin e a continuación, votación democrática: os que crean que é un satélite que chamen ao número X e os do queixo a Z. Gañá o queixo, claro.
Por tamén, ese xa natural dominio da linguaxe bot
ón que aprenderon sós, con proba-erro, fai que nos elementos menos espabilados deles, se cuestione a posibilidade de aprender algo de quen non fale con soltura esa linguaxe. Simplemente, ¿que podo aprender eu deste burro (pai, profesor...) que nin sabe baixar música do Emule ou co Aris? ¿Ou desta ignorante (avoa, nai, profesora) que nin sabe mandar mensaxes polo móbil? E crearon un mundo blindado -aquí o Tuenti- no que se “ciberrelacionan” para ben e para mal. Para ben por varias cousas e para mal por moitísimas que sabemos ou tememos. E aquí, digo, é obriga dos pais saber con quen andan seus fillos –na rúa e no ciberespazo- e é necesidade dos pais actualizárense tecnoloxicamente para poder exercer de pais tamén nese novos mundos. Evidentemente no ensino existe preocupación e todos tratamos de impedir que se fagan gravacións indebidas nos colexios e fomentamos a boa realación entre os estudantes. Pero se ligan, rifan, ou se insultan ás dúas, tres ou catro da mañá desde os seus dormitorios interconectados no ciberespazo, xa lles é cousa bastante fóra do noso control. Pero non debía ser do seu, señor pai, señora nai. Non debía ser.

11 comentarios:

Xosé Manuel Carreira dijo...

hai hoxe unha preadolescencia e adolescencia que sabe da tecnoloxía de vangarda moito máis que os seus pais

Aínda que en liñas xerais concordo co post, habería que matizar que unha cousa é manexar unha aplicación (Facebook, Tuenti, Twitter, MSN chat, etc...), que é o que fai grande parte dese sector etario, e outra moi diferente é comprender quer a tecnoloxía informática que hai detrás (cliente-servidor, TCP-IP, P2P, HTML, XML, J2EE, PHP, encriptación da información, etc...) quer saber tirar o máximo potencial comunicador das ferramentas (xornalismo en tempo real, microblogging, publicidade, análise crítico da información, networking de negocios, comercio electrónico, etc...).

AVMF dijo...

Home claro.

Anónimo dijo...

Moito me parece que Carreira non entendeu nada (ou si)do que di moi atinadamente Monxardín pero o que el quería é amosar a súa competencia cibernética e deixarnos épatés

Inmigrante dixital dijo...

Non debería, pero é. Elas e eles son xa "nativos dixitiais" (termo empregado polos expertos en teorías cognitivas).
Non se pode mesturar toda a tecnoloxía e facer dela un totum revolutum. Se falamos de rede e adolescencia, cabe pensar que efectivamente, nesa etapa da vida están a usala como un entorno exclusivo de socialización e que que o propio sexa compartir emocións. Por iso está nas nosas mans, nas de todos (a educación está nas mans da tribu) amosarlles as posibilidades de formación intelectual que este grandísimo medio pode ofertarlles.
A rede 2.0 é interactiva, con acceso a unha chea de actividades, é colaborativa e ofrécelles a posibilidade de aprender autonomamente ó longo de toda a súa vida.
Recoméndolle sr. Monxardín que se lea este libro:
Nativos digitales, dieta cognitiva,inteligencia intuitiva y arquitectura de la participación.
Alejandro Piscitelli. Ed. Santillana, col. Aula XXI

AVMF dijo...

Moitas gracias. Lerei.

Xosé Manuel Carreira dijo...

@Anonimous coward
Moito me parece que Carreira non entendeu nada

Simplemente quería puntualizar que ser nado dixital non é necesariamente unha vantaxe. Nun documental sobre Linus Torvalds (un dos criadores do Linux) o seu pai dicía que fora unha grande vantaxe que o seu fillo tivera experimentado toda a revolución informática dos oitenta, cando a informática era moito máis sinxela, e que os que só viviran a revolución nos noventa (os chamandos nacidos dixitais) teríano máis difícil para entender o fundamento último de cada ferramenta informática ou telemática. Manexar é unha cousa, comprender é outra.

Finalmente saiba que eu tamén o aprecio, pobre falador, malia que non saiba empregar os innecesarios galicismos para semellar un ciberhome de letras tan ben coma vostede.


@Inmigrante dixital

nesa etapa da vida están a usala como un entorno exclusivo de socialización e que que o propio sexa compartir emocións. Por iso está nas nosas mans, nas de todos amosarlles as posibilidades de formación intelectual que este grandísimo medio pode ofertarlles.

Oxalá sexa así mas, a risco de parecer ciberpesimista, como dicían nos 90, "Internet is for porn". Facebook naceu precisamente como rede social interuniversitaria para partillar coñecemento e experiencias persoais e rematou no que é hoxe. A rede oferece un grande potencial -como o puido ter oferecido a TV- mas o uso non sempre é o que moitos quixéramos.

Loureiro dijo...

Non ten nada que ver unha cousa coa outra; eu coñezo licenciados en informática que son verdadeiras nulidades usando determinados programas. O mesmo que hai enxeñeiros mecánicos que non son bos codutores, e incluso hai Conselleiros de ¿Cultura? que van a Sobrado dos Monxes e rematan no Desván de los Monjes.
¿Unha vítima máis da revolución dixital?

lourixe dijo...

Eu diría que ese relevo xeracional inverso debeu de suceder con toda a tecnoloxía. A un labrego de toda a vida, de carro de vacas, debíao deixar ben desconcertado que lle viñese o fillo cun tractor: armando e desarmando a mecánica, conectando os novos trebellos. Ou un oleiro primitivo a primeira vez que viu outro máis novo empregar un torno. A defensa das vellas xeracións sempre é que as cousas manuais, tradicionais, son mellores. En "A lume manso", Xabier Castro reproduce o argumento dun industrial que montara en Vigo unha máquina de chocolate: fronte as vellas que dicían que o chocolate moído a man sabía mellor, atribuía a diferencia de sabor a que o feito a man ía misturado coa suor que pingaba dos operarios ao moeren.

AVMF dijo...

Nin por asomo sonlles eu contrario ás novas tecnoloxías nin defensor de facer a mahonesa batendo a man. Amo tanto as novas tecnoloxías que uso o microondas para preparar patacas cocidas. Pero todos os inmigrantes temos unha certa envexa dos nativos. Así, ao que me refería era a necesidade de os pais aprenderen a manexarse por ese mundo para non perderen de vista aos seus fillos que van alá adiante.
Nese novo mundo dixital, como no vello da cidade ou da aldea global ou non, é imprenscindible ter unha formación previa ou adquirida cun guía, titor, ou como se chame. Non é bo que os alumnos estean perdidos sós, aprendendo sós ou en horizontal, sen guías, na marabillosa selva cibernética.

Loureiro dijo...

Lourixe:
Magnífico libro, o de Castro. Pero molestoume un pouco certo aire "progre". Falaba, por exemplo, do caso dunha muller que fora axudada polos veciños. Cando o fillo volveu da emigración -de vacacións, coido- o propio fillo falaba orgulloso de ter devolto os favores traballando para os veciños que axudaran á nai. Xavier Castro dicía que esta "do ut des" era comenenciuda, que non tiña nada de solidaria.
Eu, pola contra, penso que era absolutamente solidaria. Mesmo que o dito de "non des a quen non che poida dar" ten a lectura de evitarlle a un veciño con problemas o ter que devolverche o favor. En moitas culturas, por exemplo, unha maneira de foder a alguén é regalándolle algo que lle vai custar moito devolver ao mesmo nivel.
Penso que Xavier Castro pousou unha ollada un tanto prexuizada, un tanto "progre" e pouco capaz de poñerse na pen dos nosos paisanos.
En todo caso, un libro imprescindíbel.

lourixe dijo...

Do libro de Xabier Castro, botei en falta que lle fixese algo máis de caso ás patacas, de consumo ben máis xeralizado que o chocolate!