Galicia Hoxe, 10.03.2010
Non hai que abondar máis no asunto do desván. Un asunto, este da palabra desván aplicada ao topónimo galego de Sobrado, que por outra parte, tamén é un dos significados que dá o dicionario da RAE para a palabra "sobrado" en castelán. Doutra banda, non sei se Sobrado dos Monxes terá menos que ver cun desván, rocho ou faiado que cun sobral ou sobreiral, é dicir, cun lugar poboado de sobreiras, suberarias latinas (alcornoques casteláns), aproveitado pola súa situación e idoneidade de lugar montesío e solitario para mellor retiro e oración dos antigos eremitas ou ermitáns, despois cenobitas, dados ao aillamento e á oración mentres lles medraban as barbas e daban pinchacarneiros como don Quixote en Serra Morena polos ermos e as penedías. Teoría esta que podería levarnos a ter un topónimo ben chusco, como Alcornocal de los Anacoretas, que ao conselleiro Varela tanto lle daría, xa posto a ler calquera cousa que os seus colaboradores lle poñan diante dos anteollos para saír do paso político e entrar no momento máis interesante dos pinchos con garrafas de vinito español, que tamén levan rolla sobreira no tapón e para iso se sacrifican pola patria.
Sobre o que quizais conveña reflexionar algo é sobre a escandalosa e alarmante incapacidade e/ou incompetencia que amosan a maioría dos políticos post-posmodernos respecto da oratoria parlamentar. Unha incompetencia que os obriga a delegar sistematicamente o seu repertorio ou discurso argumentario no papel pautado que lle escriben, máis ou menos na sombra, máis ou menos coñecidos pola vox populi, os funcionarios da escala técnico-administrativa ou os seus propios colaboradores políticos subordinados nomeados polo criterio de "posto de confianza". Isto, ao parecer do cronista, si que merecería unha pluma ben afiada e intelixente que nos explicase qué é o que pasa pola cabeza dunha persoa responsábel dunha parcela de goberno dun país que le o que lle poñen diante sen se ter preocupado con antelación de lle botar unha ollada e dar o seu visto bo ao escrito sen engadir de propia colleita nada que puidese, non xa enriquecer, pero si deixar unha impronta persoal pola que o personaxe se faga conscientemente responsábel do que emite pola boca.
Neste sentido, é desalentador e desmoralizador ver que os políticos levan frivolamente ao estrado todo precociñado, tanto de se tratar de asuntos técnicos que, efectivamente, é mellor deixalos ben dispostos e ordenados por escrito no papel para que os especialistas dispoñan dun texto base sobre o que debater coa seguridade de non deturpar as palabras que se pronunciaron ao efecto, como doutros asuntos de índole máis subxectiva que, pola contra, requiren un tratamento dialéctico no que aos aspectos técnicos débense sumar compoñentes de convencemento íntimo, ideas interiorizadas sinceras e firmes acerca do que se está a defender a fin de mellor, non só impoñerse aos argumentos do adversario político, senón, sobre todo, convencer cordialmente ao público que espera axuda dunha instancia moral e ética supostamente superior e exemplarizante nun tema por acaso espiñento ou magmático de difícil solución privada. Ver que a defensa das conviccións íntimas que deben estar detrás desta clase de asuntos se delega nun escrito impersoal e anónimo, non pode ser máis que indignante polo que supón de frío trámite e, sobre todo, de frívola estafa moral.

29 comentarios:
Hai algún tempo que a política aparenta postiza. Non é de agora que un político teña caras ou personalidades intercambiables, pero o moito medio dispoñible pode eventualmente facer que pareza o que non é e tamén, por reacción, que algúns desconfiemos do exhibido; vg., esoutro día entendín que López-Chaves citara a Canetti fundamentando falar castelán no Parlamento e eu pensei se realmente o lería.
Ora ben, no caso este dos tradutores informáticos xorde ouro lerio: a falta de tempo ou urxencia leva por veces a usar recursos que igual traizoan. Obviamente, tal eventualidade corre por conta do confiante, e ademais Roberto Varela aparenta que despois mentiu destemidamente. Todo pode levar a esa carencia de ideas interiorizadas sinceras e firmes á que alude o articulista. Ética e cultura enguedelladas nun marasmo.
Achaques estes que se lle poden aducir a outros representantes da intelectualidade, incapaces de pronunciar un discurso sen ter que lelo. Na Universidade é insólito o exemplo dalguén que fale en público sen ler o texto (congresos enteiros sen excepcións a base de lecturas de textos ademais escritos para ser lidos en silencio, plúmbeos para ser escoitados con mínima atención) e xa non digamos eximios representantes das letras que nin siquera levantan o careto do papel para dirixirse ao público e que adoitan perorar para o atril.
Non lle vamos pedir aos parlamentarios e políticos, afeitos a un sistema ademais educativo pouco favorable á oratoria ou mesmo refractario, que arrisquen as súas brillantes carreiras por un blank space infinito se os principais e sesudos profisionais do discurso son negados para a arte da oratoria en público.
Vaiamos máis á base: canta clase se dará arestora consistente en lectura de texto impreso?; canta pregunta inesperada quedará sen contestar?; será algún alumno reprendido por facela? Esta última pregunta probablemente será retórica.
O problema é integral. Tanto tempo levamos desprezando retórica e oratoria -ultimamente, ignorando- que volvelas implantar como método sistemático requiriría pensamento e decisión. É tema case de comisión ad hoc.
E que conste que a min, aquí abraiárame a cualidade dalgún dos oradores. Que madeira. Paga a pena ver algún dos vídeos.
Outro lerio: a clase maxistral aínda ten sentido.
Unhas probas orais estarían ben. Pero levas ata no carné de identidade se es o conselleiro que as pon.
O que di Arumes merecería moitas matizacións. É certo que non abundan conferenciantes que falen "a pelo" (e estes moitas veces agradeceríase que levasen o texto escrito), pero tamén é certo que, se despois da conferencia hai lugar a un debate e quen a leu domina o asunto, sairá brillantemente do reto sen papeis, independentemente de que teña ou non razón no seu posicionamento final. Eu coido que non se trata de esixirlle aos políticos unha especial pericia retórica, pero si que saiban repentizar ao fío dos argumentos con certa credibilidade e brillantez, afastándose das consignas (imprescindibeis, desde logo) marcadas pola estratexia do grupo. Saíndose do guión, en definitiva. Podiamos entrar en moitos máis matices, pero non quero aburrir de máis.
No ámbito científico-universitario, non me parece que non ler unha conferencia teña máis valor que lela. Hai temas que só se poden dicir ordeadamente e non todos os científicos teñen (nin teñen por que ter)talento oratorio. O mundo está cheo de brillantes improvisadores que tras a súa brillantez retórica esconden a máis pura banalidade. O ideal sería ter algo que dicir e dicilo ben e sen ler. Pero esa conxunción de talentos é infrecuente.
Desculpade o OFF TOPIC, pero está morrendo Delibes, o Nobel en castelán que debeu ser e non foi. Para min, un dos mellores escritores nesa língua.
Unha conferencia lida (se contén miolo e cando menos certa novidade) pode concitar interese. Dificilmente, porén, se evitará unha sensación de cousa impostada, a non ser que o lente combine no momento convicción e moito sentido elocutivo; e non sei, pero posiblemente bastantes dos que dan acadado este último poidan tamén conseguir unha certa pericia oratoria, valerse dela e conferirlle frescura ao seu discurso.
A orde non ten por que, necesariamente, sufrir; para iso están os esquemas e cadros sinópticos. E tampouco non todos somos Otero Pedrayo. Por outra banda: que efecto causa un tour d'esprit lido?
Pois a min si me parece mellor non lela que lela e creo que no ámbito universitario a persoa que o fai está máis recoñecida. Non ler unha conferencia non equivale nin a desorde nin a falta de talento: equivale ao que se reclama dunha conferencia. O outro é lectura pura e dura.
Que haxa trileiros da oratoria (que os hai e fantásticos) non é razón suficiente para preferir ao que le (moitas veces sen a máis mínima entonación, nin énfase nin nada) un feixe de follas supostamente ordeadas. Para isa viaxe non necesitan facer acto de presencia; con mandala por correo electrónico xa está salvada a contribución científica: aforramos unha hora de tedio e bostezo inmediato.
Na oratoria antigua había unha parte fundamental que era a memoria (da actio xa non digo nada). Como esa parte agora non se contempla, prefírese susbtituila pola lectura do discurso anteriormente elaborado. A idea de improvisación en retórica é, con certo marxe, rexeitable.
(Vaia este breve comentario non tanto en ligazón co fío, senón co espírito deste benquerido Blogue. Estou seguro que conecto coa mantida elegancia e bonhomía de don Marcos, co permiso dos seus amigos)
MIGUEL DELIBES
Descanse en paz don Miguel Delibes, escritor de resonancias permanentes na cerna profunda do meu espírito.
A súa raigame telúrica, endexamais desbotada, faino case, case partícipe do que poderiamos entender como cultura galega. Pero isto, como é obvio, nunca conseguirá entendelo don Roberto Varela empoleirado no seu Desván de los Monjes.
¡Ai do que leva na frente unha estrela!
¡Ai do que leva no bico un cantar!
Nunca estiven con Delibes en persoa, pero algunhas das súas novelas, como El camino e, sobre todo, Cinco horas con Mario, marcaron moito a miña inclinación pola literatura. Iso abóndame para lle render homenaxe dende aquí. Ademais, vivín moi de cerca a magnífica tese doutoral que fixo sobre el hai uns corenta anos Alfonso Rey, tamén novelista serodio, e non malo, por certo. Que acougue en paz don Miguel.
Vaia pois unha lembranza para Delibes
Vexo unha insólita unanimidade á hora de valorar e de describir a importancia de Delibes. Resulta estraño nun país de tantas enconadas diferencias. Non sei se os seus libros formarán parte do canon da literatura española da segunda mitade do século XX, visto o estrago que o tempo produce nas obras dos autores máis recoñecidos. Pero creo que algunha xeración lle poderá deber afición e pracer pola lectura (por aquilo da canonización infantil e xuvenil de El camino como lectura obrigatoria durante anos).
Delibes, que non é autor da miña preferencia, agasalloume con varias horas de lecer fantástico, sobre todo con El hereje, a súa última novela que agora recomendo na súa memoria.
Sempre, amigo Arume, lle gustan as cousas máis raras...
Non é tan raro: gañou o Premio Nacional en 1998. Non sei se merecidamente, pero a min paréceme do mellor que el escribiu, sinceramente. O asunto tamén puido atraerme máis. Admítoo.
Delibes ten unha obra moi ampla e moi variada. Considero, como mínimo, ousado, elixir unha entre todas as súas novelas para dicir que é o mellor que fixo. El Hereje a min tamén me gustou. Moito. Non obstante, -linna dúas veces como adoito facer con todo aquilo que me interesa; dúas veces como mínimo- pareceume a obra "dun vello". Sempre percibín nesa novela o alento "dun vello". Pero iso non vai "no sentido máis pexorativo do termo". Delibes era un vello cando a escribiu, un vello enfermo de morte e que sabía ou intuía que, probablemente, como así foi, se non estou trabucado, non escribiría nada máis. Para rematar a súa vida de escritor, elixíu esa novela. Algo quererá dicir.
El Camino, se non me equivoco, era unha das obras que don Enrique Moreno Baez poñía como lectura en segundo de comúns, na carreira que daquela se chamaba Filosofía e Letras. Penso que era a última. La Familia de Pascual Duarte e El Camino.
Pero eu lin todas as novelas de Delibes. Todas. E de Cela lin tres. De Delibes todas. Aínda están na miña casa publicadas por Destino. Acabo de reler -hai un par de meses- Aún es de día. ¿Por qué? Porque cando algúns rapaces despistados acoden a min para que os encamine na súa vocación de escritores, unha das cousas que lles digo é: lede Aún és de día, de Delibes, pasade con el e con seu amargo personaxe polo mercado da cidade onde mora, e experimentade todas as invocacións ós vosos sentidos que na descrición dese ámbito hai. Iso, entre outras cousas, é ser escritor. Ser quen de conseguir que o teu nariz perciba olores mentres les.
Pero iso é outra historia.
Ben, penso que feita a homenaxe, este segundo comentario sobraba. Tanto ten. No meu acontecer diario sempre sobra algo. Tamén falta. Non sei que será máis fodido.
Saúdos.
Que doado é provocalo, meu amigo. El hereje para min tamén é moi boa.
Insisto en que, no ámbito científico, a oratoria nin é nin debe ser un valor. Falar ben é un don que che da natura, non Salmantica. Pero ter moito coñecemento dun tema dacho o traballo e o rigor, razóns polas que a bondade dunha conferencia científica debe medirse pola calidade do exposto, tanto na forma (que estea ben escrita) como no fondo (que se digan cousas de interese), non só nin fundamentalmente porque non se lea. Falar ben é un valor tertulián ou profesoral, non un valor científico. O que pasa é que estamos tan acostumados ao espectáculo que tendemos a medir a comunioación da ciencia cos mesmos parámetros que medimos unha tertulia televisiva. Cousa distinta é quen ademais de dicir cousas interesantes é capaz de expesalas sen papel. Pero iso é moi infrecuente.
¿E que nos di daqueles, don Arumes, que nin teñen boa oratoria, nin capacidade de entoación, nin boa e clara dicción, nin tampouco nada que dicir? Eu coñézolle uns cantos, ¿e vostede?
Natura e Salmantica de novo. Aí nesa distinción xa non entro. Lástima que non esteamos de acordo. Eu falando de retórica antigua (onde o coñecemento, o traballo e o rigor son obrigatorios e necesarios) e vostede advertindo que hoxe o mundo é un espectáculo.
Dos que vostede comenta, amigo anónimo, eses son a maioría. O xénero da conferencia mallao é privilexio de moi poucos. Por iso a xente tende a ler para a propia camisa ou tende a improvisar con penosos resultados, cunha servilleta do avión por pauta.
Eu concordo con Cicero: non todo o mundo ten 40 pulsacións de serenidade e calma, nin un sistema nervioso impasíbel, nin a falta de timidez necesaria para desennobelar unha conferencia cun sinxelo guión. Non todo o mundo ten a seguridade e autoestima que convén ter para decidirse a falar en público "a pelo". Eu coido que até é un detalle de cortesía e de educación cara a quen ten que escoitar a conferencia ofrecerlla lida, polo respeto implícito que conleva ter que pasar horas de traballo redactándoa o mellor posíbel para procurar a mellor comprensión durante os 45 ou sesenta minutos que consume unha conferencia. Aquí falouse de Otero Pedrayo, que sen dúbida tiña unha enorme facundia e podía estar a falar durante máis horas que Fidel, pero tamén é certo que se ramificaba a cada paso e non sempre volvía coller o fío principal do discurso. Iso embelesaba o oínte porque ademais Otero traballaba máis coa musicalidade que coa trasparencia de sentido, etcétera...
Descanse en paz don Miguel. Eu tamén lle gardo especial lei a El hereje, sobre todo despois de estudar con Eiras Roel e Ofelia a cousa esa dos Iluminados de Llerena, etc.
Sobre o desván. Todo o dito é así. Pero ¿desde cando cómpre traducir un texto de galego a castelán para lelo en castelán? Digo, unha persoa medianamente ilustrada pode facer esa "tradución simultánea" sen problema ningún de a para b e de b para a. Poden facer a proba ou dicirllo que o faga calaquera rapaz de 10 anos. Que o fai sen problema ningún. E un conselleiro, eu que sei. Deber debía.

Obviamente non sson tatexo. Son incompetente informático. Son inimgrante dixital que caeu do caiuco e case afogou.
Unha conferencia é unha acción comunicativa: obviamente será máis eficaz, acadará mellor o obxectivo un bon orador, que un excelente investigador reducido a ler unha comunicación escrita.
Pero os parlamentarios son outra caste. Non se lles paga para que investiguen, senón para que presenten os problemas dos cidadáns e discutan as súas solucións na Cámara de representantes. Deberían ser capaces de argumentar con sentidiño e sen empréstimos. Que gañasen o posto polo que saben expresar, dialogar, negociar... (resumindo: pola súa valía política).
Unha conferencia é unha acción comunicativa, en efecto, pero un científico non é un comunicador. Ou mellor dito, éo, pero secundaria e ocasionalmente.
Unha conferencia é unha acción comunicativa, en efecto, pero un científico non é un comunicador. Ou mellor dito, éo, pero secundaria e ocasionalmente.
Publicar un comentario