25 jun 2010

ARGUMENTARIO

Marcos Valcárcel



Eu falo con moita xente, non só co señor Apicultor. E moitos cidadáns, a maioría progresistas, fan un balance crítico da xestión municipal do BNG en Ourense.
Este balance podería resumirse así:
1º- Problemas de liderado e falta de integración do grupo municipal.
2º- Política de imaxe sen resultados visibles: termalismo, por exemplo.
3º- Abuso da presenza mediática ata extremos impúdicos ( inauguración dunha rotonda ).
4º- Esquecemento de reivindicacións históricas do nacionalismo: bibliotecas nos barrios, centros de mocidade, museo da cidade, etc.
5º-Grandes meteduras de zoco: caso dos paneis publicitarios.

Os futuros candidatos deberían preparar un argumentario para responder a estas e outras cuestións.Por suposto houbo concelleiros e concelleiras que fixeron un bo traballo na Casa do Concello, pero quizais non son os que máis saian nos medios.

19 jun 2010

ROSEBUD 3ª parte
Marcos Valcárcel


De Santiago trouxen moitos e bos amigos, esa magnifica xeración ERGA, moi ben catalogada por Xosé Miranda, e xentes que despois terían protagonismo cultural como Suso de Toro, Luís González Tosar, Carme Blanco, Quico Cadaval, Damián Villalaín e Claudio Rodríguez Fer.
Traballei neses anos nas Asociacións Culturais Auriense, O Galo e O Eixo, nesta ultima cun gran equipo formado por Daniel Cancelas, Merche Penoucos e Antón Baamonde, entre outros.
Ó mesmo tempo podiamos asistir a interesantes concertos ( Fausto, Sergio Godinho, Alain Stivell, etc ) e ademais ver o mellor teatro que se facía no Estado ( Dagoll Dagom, Els Comediants ).
Dende 1979 a miña vida ten outro fío conductor: MARÍA.
Amor, paixón e compañeirismo foron e son as tres columnas da nosa relación. Rosalía era escéptica sobre o papel da muller nos “amores puros” ( amor paixón ). Para convivir trinta anos é preciso algo máis: tenrura, empatía, comprensión. MARÍA tiña esas virtudes e tamén a da paciencia cun home hiperactivo que sempre tiña algún acto cultural ó que asistir. Agora, para compensar, tenme na casa todo o día.

15 jun 2010

A LOITA POLOS DESPOXOS
Marcos Valcárcel


Segundo me contan, a UPG logrou encabezar seis das sete candidaturas do BLOQUE nas listas das grandes cidades galegas.
O BNG vive horas baixas. A xente do común non entende nada, mareada pola sopa de siglas interna.
É a loita polos despoxos, como di o meu amigo Apicultor.
Imos camiño de repetir os resultados de 1979 cando sentaron na Casa do Concello Norberto Tabarés e Milagros Freán.
P.S. Tiña razón o XDC cando falaba das mociñas guapiñas do Pavillón: entre outras nadadoras estaban Leonor López Carrera, Remedios Anta e Cristina Huete e a súa irmá.

10 jun 2010

ROSEBUD 2ª PARTE
Marcos Valcárcel

En Compostela todos os soños eran posibles. Había tempo para todo: para a esmorga e para a loita política, e para as aulas e para a formación cultural.
Cheguei alí dous meses despois da morte do ditador, compartindo pensión con Bieito Iglesias e Bieito AlonsoO Roi”.
O curso 75-76 foi moi axitado. Os peches de Fonseca, as manifestacións, asembleas de distrito, as pintadas con Sarille detrás da estación de autobuses, etc.
Comandos de cinco estudantes saltabamos de súpeto nas rúas, atravesando os coches a man, e faciamos manifestacións por sorpresa,sen que aparecesen os grises.
Tamén levamos os nosos paos. En Carballo tivemos que coller a Bieito Iglesias do chan coas muletas. Noutra ocasión caín en Praterías cunha montaña de xente por riba miña e rompín o pantalón e perdín un zapato: esta historia cóntaa Bieito Iglesias nunha novela.
Desde aquela cheiraba os grises a dous quilómetros de distancia, a miña moza lucense daquela época Pilar Meilán dicía sentirse segura cando a collía da man diante dos grises.
Militei durante 30 anos no nacionalismo de esquerda. Primeiro en ERGA, ANPG e UPG. En ERGA reforzamos o núcleo inicial con Xulio GaiosoO Lobito”, Xosé Manuel Sarille e Xulio Cuba; en pouco tempo eramos vinte ERGAS na Facultade de Historia.
Na ANPG estiven na direción local, con Cuqui Fraguela e o avogado Pedro Trepat. E traballei coa Fronte Cultural.
Os Sábados había unhas xuntanzas do F.C. onde acudían Manuel María, Felipe Senén, Cesáreo Iglesias, Xosé Lois Vázquez. Eran uns encontros pouco operativos pero deliciosos: o barbas de Monforte contaba historias marabillosas e o Felipe Senén puña o carro de diapositivas e dábanos leccións maxistrais sobre arte e patrimonio.
Na UPG estiven na célula cultural con Margarita Ledo, Pepe Barro e varios xornalistas hoxe profesores na Facultade de Xornalismo.
Deixei a UPG tres anos despois “por motivos persoais”: en realidade cando lin a Lenin descubrín que non era leninista e ademais nunca entendín iso do centralismo democrático. Para algúns era un militante “culturalista” e isto era despectivo para eles. Tamén tivemos unha xornada, un día e unha noite, gratuíta no calabozo de Raxoi, por vender “Terra e Tempo”, voceiro da UPG aínda ilegal en 1977.

2 jun 2010



FELICIDADE
Marcos Valcárcel

Gardo unha viva lembranza dunhas vacacións en Monfragüe (Cáceres), nunha contorna natural fascinante. Unha tarde estivemos os tres sós na piscina do cámping. A miña filla, de sete anos, non saíu da auga e xogamos dúas horas cunha pelota amarela.
Iso era a felicidade pero quizais entón non o sabia. Son feliz agora ó rememorar aquelo, agora que lle teño medo á felicidade.


COIDADORES
Marcos Valcárcel

Debo á amabilidade do meu coidador Juan A. Quintana a trascrición destes textos, cun esforzo impagable. Excelente profesional, foi el quen me alentou a volver á escribir n´As uvas na solaina.
Emocionoume ler a mensaxe de Iñaki, un dos meus primeiros coidadores. Aínda rimos cos seus chistes todos os días.
Con Juan turnase Manuel Dios, todo bo humor e optimismo, que ademais é sobriño de Camilo Dios o guerrilleiro de Sandiás a quen teño a honra de coñecer.
Todos eles moi boa xente. As miñas grazas máis sinceras.