Mostrando entradas con la etiqueta Exilio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Exilio. Mostrar todas las entradas

14 dic 2008

Dúas paxinas
Luís González Tosar, ECG. 14-12-08

Atopo unha folla de xornal. Dúas paxinas compostas, liña liña, en linotipia, fundidas con plomo, en negativo e impresas en branco e negro nunha Ronien Hauser, rotativa eléctrica alemá de catorce toneladas. Moito máis fráxil este papel de diario amarelecido polo tempo, con rachaduras nos cantos do tabloide, oito columnas con letra corpos seis e catro, cheiro a humidade revellecida.
Cuarta, par. Con foto e a tres, chegada de escritores asistentes Congreso mundial do P.E.N. Clube. Saliéntase presencia do filósofo Jacques Maritain, do futurista Marinetti, do crítico Benjamin Cremieux, do poeta ruso-xudeu Saúl Tchernijovsky, do húngaro Antoine Radó, do flamengo Ernest Claes, do español Melchor de Almagro San Martín, dos italianos Ungaretti e Puccine, do exipcio Mohamed Abbad e do novelista polaco Jan Parandowsky. Pecha columna a Audición en memoria del poeta Belisario Roldán, inclúe texto ad hoc de Alfonsina Storni: "Pico de oro, poeta,/ Belisario Roldán,/ hoy te cantan los niños,/ de tu ciudad./... Angulo inferior esquerdo para publicidade do Charleston Club, Florida 936, local de música exótica; Marimba Salvadoreña, Dixy Pal's e ocrooner Goyito e orquestra de tango Ciríaco Ortiz. Outra crónica: Frente Único Democrático de Sociedades Gallegas -a tres, anuncio, no centro, de Polvo Le Sancy, todo tipo de piel: natural, rachel, ocre, chair, morocha y rosada-, corenta Sociedades Galegas forman Fronte Única en defensa da República, da autonomía e da democracia do seu pobo. Galicia martirizada polo fascismo; impunes execucións e "paseos" de milleiros de galegos simbolizados en Alexandre Bóveda e Xaime Quintanilla. Veleiquí o resume dunha destragada folla do xornal Noticias Gráficas -Voz argentina clara y valiente-, publicado en Bos Aires o mércores vinte e seis de xullo de 1936.

13 mar 2008


Noraboa a un amigo

Poeta de ampla obra e recoñecidos premios, Miro Villar é ademais amigo, da tribu fisterrá. Souben esoutro día por Alonso Montero que presentaba a súa tese doutoral, na que leva anos traballando, sobre o poeta do exilio Antón Zapata García.
Polo blog do tamén amigo fisterrán Modesto Fraga, sabemos dos avatares da presentación da tese e do tribunal que a xulgou.
Por suposto, agardamos un traballo excelente, que debe publicarse canto antes, porque Miro Villar xa ten demostrado moitas veces a súa valía investigadora e crítica: por poñer só dous exemplos, o seu estudo sobre Xervasio Paz Lestón (Ediciós do Castro) ou aquel excelente caderno que nos deixou sobre O soño sulagado, de Celso Emilio Ferreiro (Xerais, 1998).

13 dic 2007


HOMENAXE Ó EXILIO MEXICANO
Andoliña venres 13 decembro

O cineasta Carlos Velo, o pintor Arturo Souto, o poeta vadeorrés Florencio Delgado Gurriarán, o mestre Luís Soto, compañeiro de Castelao, todos eles impulsores da revista “Vieiros”, unha das xoias da historia da prensa galega. Quedan aínda descendentes de todos eles e de moitos máis centos de galegos que se refuxiaron no exilio mexicano. O México de Lázaro Cárdenas recibiunos cos brazos abertos: dende os que desembarcaron no buque Sinaia ata todos os que alí se achegaron despois. Aló proseguiron co seu labor republicano e galeguista. Aló saiu o “Caniconeiro da loita galega” de 1943. E “Loita”, revista galeguista da comisión galega do PC de Hespaña. E a antoloxía “Poesía de Galicia”, de Alejandro Finisterre (1969)-
Toda unha aristocracia intelectual que enriqueceu a cultura mexicana con acenos galegos: lembremos tamén ó poeta Lorenzo Varela, acollido na casa de Octavio Paz; ó arquitecto José Caridad Mateo, Serafín Ferro, Marcial Fernández, Roxelio R. de Bretaña, ó médico Francisco Comesaña, etc. Ata a morte de Franco, México mantivo o apoio ó goberno republicano no exilio. A Xunta, con Pérez Touriño á fronte, homenaxea agora esa xeración: con toda xustiza.

7 feb 2007


Luís Seoane.
Dende a morte de Castelao en 1950, Seoane é o centro de toda cultura galega do seu tempo dende Buenos Aires. Alí saca adiante, en 1954, esa gran revista que foi “Galicia Emigrante”: consegue as firmas dos exiliados e tamén dos autores do interior con Otero á cabeza. Pero a revista é tamén moi crítica: lean o editorial do seu número 4, “El dinero de América”, onde conta como se reclaman cartos de América para todo tipo de iniciativas na Galicia da Terra. E non hai ricos na Terra, pregúntase Seoane? Non hai cartos nas cámaras de comercio, grupos patronais, industriais, comerciantes e banqueiros galegos? Por que a magnanimidade dalgúns ricos emigrantes fronte á nada dos do interior? Seoane dá esta explicación: as fortunas de aló saíron de abaixo, traballando de sol a sol. Os outros herdaron os seus comercios e rendas, sen esforzo persoal, pensando só neles mesmos.