Cambio climático.
(Pan por Pan martes 13. Imaxe de Hugo Pratt)
Por se hai algún supersticioso entre os meus lectores/as, non falarei hoxe da crispación. Falemos do clima. Veñen de publicarse varios informes serios sobre o cambio climático en Galicia. Un deles, editado pola Fundación Caixa Galicia, demostra que a temperatura media anual medrou 1,46º de media nos últimos 25 anos no noso país. Ese aumento de temperatura foi maior nas cidades do interior que nas costeiras. E foi en marzo cando máis subiron as medias habituais. Outro traballo, asinado por Emilio Menéndez Pérez, da Autónoma de Madrid, afirma que o cambio climático é inevitable en Galicia, pero será menos dramático que noutros lugares. E chama a cambiar o modelo forestal e substituír os eucaliptos polas especies autóctonas para prever os incendios. Disque pasaremos dun clima atlántico a outro mediterráneo: se levantan a cabeza Pondal e Risco!

Seguindo o fío
(Pan por Pan mércores 14)
Seguindo o fío de onte, sobre o cambio climático en Galicia, o edafólogo Francisco Díaz Fierros afirma que é máis doado predicir o medre das temperaturas que os cambios nas precipitacións. Pero hai indicios evidentes da realidade cambiante do clima galego: en Portugal están medindo datos como a chegada das andoriñas, a floración das amendoeiras ou o calendario do viño, constatando variacións de quince días ou un mes respecto a décadas pasadas. Para ser máis exactos, Díaz Fierros di que pasaremos de ser unha zona atlántica con enclaves mediterráneos a ser unha zona mediterránea con enclaves atlánticos. E notarémolo máis nas provincias do interior, por suposto. De non reducirse as emisións de gases de efecto invernadoiro, cara a fin deste século a paisaxe galega vaise asemellar máis á existente entre O Douro e a Beira Alta portuguesa. Os poetas terán que cambiar os adxectivos...