Mostrando entradas con la etiqueta Lamas Carvajal. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lamas Carvajal. Mostrar todas las entradas

23 feb 2009


Antroido de onte, LA REGIÓN 23-02-2009

O tío Marcos.
Da vitalidade do vello antroido ourensán, mesmo no marco urbano, fala esa extraordinaria fonte da nosa memoria cotiá que foi ‘O Tío Marcos d’a Portela’, o primeiro xornal en galego, da man de Lamas Carvajal. Por el sabemos dun costume habitual daquela hora (1877): unhas mozas que viven na rúa do santo que ten o demo ós pés, dinos, botábanlle auga de colonia ós que por alí pasaban. O poeta fala da sambesuga que lle roe o fol ante o aceno das feiticeiras rapazas e dános a clave de cómo levar aquelas bromas: ‘Xa cho creo, iste bautizo/ séntalle ben a calquera,/ ¡Dios lles encha de millós/ as mansiñas distas nenas!/ Alá vai unha pregunta:/ ¿por qué ó botarme auga elas,/ sen o poder remediar/ me tremaron moito as pernas?’.

Velaí noutro parrafeo a antroidada de 1899: ‘Estamos no antroido,/ nas carnestolendas,/ no tempo en que as xentes/ se rin e troulean/ inda que nin chavo/ nas faltricas teñan./ Os mozos das vilas/ andan tralas nenas/ dicíndolles gromas,/ tirándolle almendras,/ e si non as teñen/ beilando co elas’. A copla devén logo denuncia da miseria e da fame moura nas aldeas: os agros quedan desertos, as chouzas sen pan nin carne, foise o humor dos agros.

Ou estoutro exemplo do mellor humor corrosivo de don Valentín, na sección ‘Casos e cousas’: ‘No antroido sairá polas rúas de Vigo unha comparsa de labregos. Facerse labrador de groma, pase. Tanto se queren divirtir as xentes que non teñen que facer, que cando un menos se pense van a sair algús vestidos de axusticiados’.

Vicente Risco. Hai moito de estética carnavalesca na narrativa e no teatro de don Vicente. Segundo contaba o seu fillo Antón, o autor de ‘O porco de pé’ era un gran amante da festa do carnaval e aínda nos anos da posguerra, cando estaba prohibida, o escritor facía o seu antroido particular en casa, que ás veces só consistía en poñer un tocado deses que levan os sijs sobre a cabeza ou algo similar. Esta querenza viña de vello, como se amosa cando Risco lle escribe en 1917 unha carta ó seu curmán Sebastián Martínez-Risco, entón en Zaragoza, invitándolle a gozar ‘a loucura do Carnaval baturro e estentóreo’. Esta carta explicita ben a súa persoal filosofía ó respecto: ‘Agora vén o carnaval ¡cousa misteriosa e escura e rara o Carnaval! ¡cousa antixermánica, cousa santa! Porque anque tanto se escribiu sobre o Carnaval ninguén sabe o que é... O día en que os homes o expliquen, transformarase o mundo. Hai que carnavalear, hai que facer o antroido, é case un deber... Eu, cando menos, merquei unha careta. Todos debiamos ter unha careta sempre perto de nós, non para poñela, senón para mirala; porque a careta... Digo unha careta, non un antefaz; a carauta non é o antefaz, o escondite de veludo; ten que ser unha carauta de cartón, ou de arame, ou de esteira, unha das carautas máis feas, das máis raras. Debes mercar unha; escóllea grotesca, estraña, estrambótica, case tráxica. Verás que alivio para os teus pesares, para o peso insensible e tremendo da vida. É maxia’ (en castelán no orixinal, publicada por Freixeiro Mato en ‘V. Risco. Arredor de Nós’, 1993).

10 mar 2008

CURROS E LAMAS
(La Región 10 marzo. Na imaxe, o busto de Curros en Celanova, de Asorey, 1951)
Curros xornalista. O pasado sábado, un día despois do centenario da morte de Curros, celebramos en Celanova a figura do poeta ourensán como xornalista, unha das súas facetas menos coñecidas. Foi nun acto convocado pola Secretaría de Comunicación da Xunta de Galicia e que contou na parte musical coa fermosa achega da voz de Luís Emilio Batallán e un vídeo sobre a estrea do Himno Galego no Teatro Tacón de La Habana en 1910, na homenaxe a Pascual Veiga organizada por Fontenla Leal: Curros estivo nese acto e alí leu, entre grandes aplausos, xa maior e enfermo, o seu poema a Pascual Veiga.
Nese encontro falouse de Curros como correspondente da guerra carlista para “El Imparcial” (Fernando Salgado); do seu labor na prensa cubana e en “La Tierra Gallega” na aposta por un xornalismo propositivo (Xosé López); do seu papel destacado no “Diario de la Marina”, a última cabeceira na que escribiu (Rosa Aneiros), e do significado de Curros como poeta do compromiso e símbolo da liberdade, tamén dende os xornais (Xesús Alonso Montero).
Lamas Carvajal. Eu aproveitei para falar das achegas de Curros á prensa de Celanova (“El Correo de Celanova”) e á prensa ourensá, sempre cun xornalismo cívico, comprometido, político e ás veces provocador. Só lateralmente puiden referirme ás súas relacións con Lamas Carvajal, tema sobre o que volvo agora.
Curros estivo na redacción de “El Heraldo Gallego”, semanario de ciencias, artes e literatura, fundado por Valentín Lamas Carvajal en 1874. Quizais pouco tempo, pois a propia revista informa da súa marcha da redacción e tamén de Arturo Vázquez Núñez. Pero EHG informou a cotío das andainas de Curros, ademais de publicar os seus poemas e algunhas prosas. Informou con detalle do certame poético de 1877 que gaña Curros, financiado por Modesto Fernández, e alí mesmo Curros desminte que repartise os dous mil reás do premio entre os pobres da corte, pois precisaba deles, xa que non tiña outro medio de vida. En EHG hai textos currosianos moi interesantes como “La señorita de aldea”, cunha visión bastante tradicional da muller galega. Tamén están os seus poemas en “O Tío Marcos da Portela” e Lamas dedícalle varios textos: por exemplo, o parrafeo de setembro de 1877 no que o Tío Marcos conta como se encontrou, a xeito de pantasma, co “tolo de Celanova” que escapou da casa e marchou a Londres e foi ó cárcere “polo díaño da política”. Lamas defende a Curros nos dous xornais (EHG, OTMP), mesmo no momento da saída de “Aires da miña terra” e da persecución da xerarquía eclesiástica: “o condadado escribe como si mollara a pruma nos ceos”, di o Lamas con ironía en 1886. As cousas cambian coa saída de “O divino sainete”. En 1888 Lamas retrata a Curros sometido “á manía da impiedade” pola súa fobia anticlerical e metamorfoseado: “o ánxel transformouse en díaño”. Iso levou á ruptura Lamas-Curros. A reconciliación non chegou ata 1904, dous anos antes de morrer Lamas: seica se deron unha forte aperta na redacción do xornal “El Eco de Orense” entre bágoas compartidas (así o contaron José Fernández. Gallego e A. Vilanova).