

Brevidade.
Pan por Pan xoves 24 xaneiro
(Fotos de www.acampamentocaurel.com/fotos.asp, que conta cunha boa reportaxe fotógrafica do Caurel)Estiven onte pola tarde lendo poemas breves. Moi breves, case como haikus orientais, que tanto estimo. E nas letras galegas temos grandes exemplos: velaí algúns. Novoneyra, mestre no xénero, por exemplo: “Terra moura das montañas!/ Boa terra que dás auga/ e teis auga nas entrañas!”. E imaxinamos a potencia das terras do Courel, ese Courel inmenso que nos devolve á nosa insignificancia: “Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!/ Eiquí síntese ben o pouco que é un home”. A vida, finalmente, tamén é breve, intensamente breve. Como un haiku perdido na historia do universo. Ou como escribiu Vicente Aleixandre: “Entre dos oscuridades, un relámpago”. O tempo é limitado e nunca entenderemos por completo o seu misterio. Dicíao moi ben, apliquemos un chisquiño de humor, Charles Chaplin: “Todos somos afeccionados. A vida é tan curta que non dá para máis”.

