Mostrando entradas con la etiqueta Rosalía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Rosalía. Mostrar todas las entradas

28 oct 2008


Rosalía viva
Marcos Valcárcel
LA REGIÓN 27-10-2008

A obra de Rosalía de Castro segue plenamente viva a 123 anos da súa morte física. Viva nas xentes populares que adoptaron como propios os seus versos e viva na chea de estudos e traducións que dende outras culturas se achegan á poeta do Sar. Viva tamén grazas a institucións como a Fundación Rosalía de Castro que hai uns días presentaba en Compostela o terceiro número da ‘Revista de Estudos Rosalianos’ en edición preparada por Helena Villar e Fernando Pazos.Paga a pena rexistrar algúns dos seus traballos e todos son de interese. Varios deles ocúpanse de aspectos biográficos ou da recepción da súa obra. Por exemplo, Alonso Montero, que dirixe a revista, estuda a presenza rosaliana nos epistolarios cruzados entre Ramón Piñeiro, Luís Pimentel e Alberto Machado da Rosa. Sobre as primeiras novas arredor de ‘El Codio’ (1864), obra perdida da nosa autora, esculca co seu rigor habitual Victoria A. Ruiz de Ojeda.

Raíces populares. Xosé Luís Axeitos fai unha espléndida crónica de como se celebrou en Madrid, en 1958, o centenario do casamento de Murguía e Rosalía e Anxo Angueira demostra de novo que coñece como ninguén as fortes raíces populares da autora dos ‘Cantares Gallegos’. Rosalía de Castro corta, modifica e reorienta os cantares populares en función dos seus intereses poéticos, como ben amosa Anxo Angueira no seu traballo na ‘Revista de estudos rosalianos’: ademais resposta a imaxe degradante de Galicia que transmitiran autores españois como Góngora. E nos versos máis orixinais de ‘Cantares’, di Angueira, está tamén a cerna da súa mensaxe radical e feminista: velaí ‘Miña santiña/ miña santasa’, entre outros.

Lugares da memoria. Novidosa é tamén a achega de Afonso Becerra á esculca da dramaturxia en potencia dos poemas rosalianos, enfrontando os versos de ‘Cantan os galos pra o día’ co ‘Romeo e Xulieta’ de Shakespeare. Lidia Fontoira estuda a presenza da autora no ‘Almanaque de Galicia’ de Soto y Freire e María do Cebreiro resitúa o poema a sir John Moore na construción do que os historiadores chaman lugares da memoria.Todo o volume é de máximo proveito. Fernando Pazos e Miro Villar relacionan a palabra poética rosaliana con Ramón Cabanillas e Antón Zapata. E, finalmente, María Xosé Queizán, Xesús Rábade e Anxo Tarrío estudan ‘A xustiza pola man’, ese poema maxistral e gran monumento da lírica rebelde europea de todo o século XIX.

(Na fotografía, dona Gala Murguía na homenaxe a Rosalía que se citou, Madrid 1958, acompañada de Xosé Fernández Ferreiro e de ‘Ben-Cho-Shey’).

1 mar 2008










Da antiga Compostela

Do libro que comentamos máis abaixo, tiro estas dúas fermosas imaxes. Á esquerda, o Calexón das Trompas co convento de Belvís ao fondo.


¡Calade, ouh ventos nouturnos;

calá, fonte da Serena,

que alá por cabo das Trompas

quero oír quén chega!

A outra imaxe é moito máis coñecida (á dereita),o Pórtico da Gloria da Catedral cara 1930 nunha foto de Ksado.

Santos e apóstoles, -¡védeos!- parece

que os labios moven, que falan quedo...


Compostela.
Pan por Pan sábado 1 marzo

Como sería a Compostela do século XIX, na que viviu a nai fundadora das nosas letras, Rosalía de Castro? Hai algúns estudos históricos que poden dar pistas ó respecto, pero a propia poeta deixounos unha xeira de poemas nos que a cidade compostelá está ben presente: “Na Catredal”, “Amigos vellos”, “Sin terra”, “San Lourenzo”, etc. Era o Santiago das igrexas e das campás, e das neniñas pedindo na porta da Catedral, e tamén a Compostela que vai río arriba cara Padrón. O Consorcio de Santiago e a editorial Alvarellos veñen de axuntar eses poemas, un total de once, nun volume titulado “Versos a Compostela”, introducido por Xesús Rábade Paredes, en edición bilingüe, cunha serie de fotos antigas, dos tempos da poeta. A Compostela da permanencia que xa anunciaba Rosalía: “I as pedras quedan..., e cando eu morra,/ ti, catredal,/ ti, parda mole, pesada e triste,/ cando eu non sea, ti serás”.