
A FAME: FRACASO EN ROMA
La Región 9 xuño. Imaxe de I. Lloret
O cumio da FAO. Fracaso total en Roma, no cumio da FAO sobre a fame no mundo ó que asistiron un total de 183 países. Iso contan os xornais. Nin sequera se puxeron de acordo nas causas da carestía dos alimentos: a especulación, os monopolios da distribución, o cambio climático, o proteccionismo dos países ricos, os efectos reais dos biocombustibles, etc. Cada país defende os seus propios intereses. O real é que cada 30 segundos morre un neno de fame e cada día son 25.000 seres humanos as vítimas da fame. Un problema de 850 millóns de persoas, pero que non lle restará tempo nas televisións á Eurocopa nin ós reality-shows, non hai caso. Esoutro día a escritora Rosa Pereda reclamaba nun artigo: que alguén nos explique por que millóns de nenos van morrer de fame?. É unha pregunta vella: rematamos o século XX con moitos encontros semellantes que proclamaban que a fame ía ser un problema do pasado. Pero os especialistas recoñecen que a crise alimentaria durará cando menos ata o ano 2015: dá pavor facer contas dos millóns de persoas condenadas á desesperanza que iso significa.

