Mostrando entradas con la etiqueta microrelato. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta microrelato. Mostrar todas las entradas

23 jun 2007


Microrelatos
(Pan por Pan 23 xuño. Na foto María Lado)
Concedéronse onte na cidade os premios da sexta edición de Microrelatos Carlos Casares do Liceo de Ourense. Este premio fundouse dous meses despois da morte do escritor ourensán e hoxe está plenamente consolidado: de feito, os case setecentos textos recibidos neste ano, en galego e en castelán, demostran a súa vitalidade. O mundo virtual ampliou a difusión destas convocatorias e hoxe dende calquera lugar do mundo pódese acceder a este tipo de citas culturais. Dos premiados onte, cabe subliñar dúas cousas: a forte presenza feminina, tres mulleres galardoadas, dúas delas cando menos coñecidas no mundo literario. A gañadora, María Lado, é unha moza de Cee que mesmo ten blog propio (casatlantica.blogspot.com): o seu microrelato, “Alugueres antigos”, ten bo pulso narrativo e xoga coa beleza das palabras, a ironía e a capacidade de sorprender. Que non é pouco.

(P.S.: por certo foi unha delicia ver a María Lado ler o seu microrelato cos seus acentos fisterrás, de geada e seseo, nas interiores terras aurienses, tan pouco habituadas a eles. Os meus parabéns ás tres mozas gañadoras e un saúdo tamén para Fátima González Comesaña, de Nigrán, que acudiu a recoller o seu galardón e estaba máis que encantada porque era ata agora autora inédita e escritora case a escondidas. A outra premiada María Lorenzo Miguéns, que non puido acudir, polo que eu sei xa ten participado noutras citas semellantes e foi premiada nalgún Concurso de Contos da Casa da Xuventude).